Cuestionario Proust: Xosé Henrique Rivadulla Corcón

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé Henrique Rivadulla Corcón:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A timidez.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Actuar con xustiza.
3.– Que agarda das súas amizades?
– A sinceridade e a fidelidade.
4.– A súa principal eiva?
– A timidez.
5.– A súa ocupación favorita?
– A escrita de poesía.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir sempre sen medo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A morte da muller coa que comparto a vida.
8.– Que lle gustaría ser?
– Dedicarme unicamente a escribir.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Galiza, pero se hai que dicir un distinto a onde se vive, Portugal.
10.– A súa cor favorita?
– Negro.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A hortensia.
12.– O paxaro que prefire?
– O mascato.
13.– A súa devoción na prosa?
-. J. R. R. Tolkien
14.– E na poesía?
Uxío Novoneyra.
15.– Un libro?
Os Eidos.
16.– Un heroe de ficción?
– Sam Gamlli (Compañeiro de Fodro Bulseiro n´O señor dos aneis).
17.– Unha heroína?
– Frolinda (personaxe principal da lenda “A Buserana” de Muxía).
18.– A súa música favorita?
– O jazz e as músicas étnicas.
19.– Na pintura?
– Urbano Lugrís.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Pepita Carrer (percebeira de Muxía, xa maior e que foi aos percebes dende moi nena).
21.– O seu nome favorito?
– Henrique.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O comportamente inxusto.
23.– O que máis odia?
– A inxustiza.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– As revoltas irmandiñas.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A elegancia.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sendo moi consciente de que estou morrendo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Un optimismo prudente.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A inxenuidade.
30.– Un lema na súa vida?
– Sexamos lóxicos e busquemos o imposible.”

Lugo: exposición sobre o booktrailer de As meigas de Lupa de María Solar

Desde Xerais:
As meigas de Lupa de María Solar xa ten exposición, trátase do traballo realizado por La Cosa Gráfica entorno ao libro editado por Xerais. A exposición recolle o making of do audiovisual elaborado a través dunha técnica novidosa que recupera a esencia do teatro de sombras e das técnicas de edición dos libros pop-up con despregables. Cinco proscenios amosan o labor desenvolto para facer o audiovisual, mesturando imaxes de actores reais insertados en escenarios miniaturizados recortados en papel, dando un fermoso resultado de sombra e movemento que se pode ver no audiovisual proxectado na sala. (…) A exposición pode verse ata o 6 de abril no Museo Interactivo de Historia de Lugo no Parque da Milagrosa.”

Compostela: presentación de Fóra de portas, de Roi Vidal

O mércores 26 de marzo, ás 20:00 horas, no Restaurante Grândola de Santiago de Compostela (Rúa Cardeal Payá, ao lado da Praza de Mazarelos), terá lugar un encontro arredor do libro Fóra de portas. Paseo libre e non moi respectuoso polos tempos e lugares de Roberto Vidal Bolaño, de Roi Vidal, publicado por Positivas.

Parlamento das Letras: Manuel Darriba

Entrevista de Armando Requeixo a Manuel Darriba no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Manuel Darriba (MD): Máis risco de investigación e experimentación, ambición artística, autocrítica feroz, inconformismo, traballar máis as obras. Sobrar, pois non o sei… Os complexos e a reiteración de fórmulas caducas. Daría a mesma resposta en relación á literatura española. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MD: Supoño que a pregunta se refire a Galicia. Do artístico xa dei algunha nota nas respostas anteriores, así que vou facer unha consideración socioeconómica: creo que non debemos resignarnos a facer literatura para a propia parroquia, nin considerar que o que facemos é unha parte máis do “Proxecto Galicia”. Somos escritores, artistas, cunha cosmovisión de noso e con todas as potencialidades para ser universais. Axudaría bastante que todas as partes implicadas arredor da industria do libro consideren algún día que a literatura galega pode/debe saír do recuncho, romper o teito de cristal do mercado literario español (que parece unha peaxe de paso obrigada, non entendo ben por que) e saír ao ancho mundo.”

Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (XVII)

O Día de Rosalía 2014 celebrouse no IES de Poio do seguinte xeito:
“Habilitaron un mural no centro para que o alumnado deixe os seus versos. O luns 24 de febreiro leron os versos da AELG a xeito de manifesto.”

No CEIP Carlos Casares de Nigrán fíxose un mural nunha parede do patio cuberto. Prepararon tamén unha das súas poesías, á que lle puxeron música. Neste vídeo, está o resultado do traballo:

Entregados os Premios Ánxel Casal da Edición de 2013

Desde a Asociación Galega de Editores:
“O gremio editorial galego celebrou o serán do venres 21 de marzo en Betanzos a IX edición dos Premios Ánxel Casal, nun acto no cal a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a diversos colectivos relacionados con mundo do libro e a cultura galega. O acto tivo lugar no Liceo de Betanzos e nel participaron autoridades do mundo do libro, a cultura e a política de Galicia. Estivo presidido polo Alcalde de Betanzos, José Ramón García Vázquez; Manuel Bragado, presidente da AGE e o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Tamén asistiron ao acto o director de marketing de GADIS, Antonio Cortés; Concelleiro de Cultura da cidade, Antía Otero, Vicepresidenta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o presidente do Clúster Gráfico, a directora das Bibliotecas Municipais da Coruña, a presidenta da Federación de Libreiros e outros integrantes do gremio de editores, escritores e representantes da vida cultural galega. A actividade foi coorganizada pola AGE e o Concello de Betanzos e contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Secretaría Xeral de Cultura e GADIS. O grupo vocal EntreElas, da Coruña, presentou e amenizou a velada.
Formaron parte do xurado dos premios Mercedes Queixas, profesora e Secretaria da AELG; Carme Fernández Pérez-Sanjulián, profesora de Filoloxía Galego Portuguesas da UDC; Roberto Castro Iglesias, libreiro, Librería Sisargas; Isabel Blanco Pardo, directora das Bibliotecas Municipais da Coruña; Xesús Fraga, escritor e xornalista en La Voz de Galicia; exercendo como secretaria Luz Picos, con voz e sen voto. Os premios son os seguintes:

Premio Ánxel Casal ao Libro de Ficción 2013: O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, editado por Galaxia.
Premio Ánxel Casal ao Libro de Poesía ou Teatro 2013: Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes, editado por Alvarellos.
Premio Ánxel Casal ao Libro de Non Ficción 2013: Cantares Gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, de María Pilar García Negro, editado por Alvarellos.
Premio Lois Tobío á Tradución 2013: Ulises, traducido por María Alonso, Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Vialle, editado por Galaxia.
Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado 2013: Pan de millo, ilustrado por Dani Padrón, editado por Kalandraka.
Premio Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil 2013: A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar, editado por Biblos.
Premio Xosefa Iglesias Villaverde ao Libro Educativo 2013: Vento e Chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, de Manuel Gago, editado por Xerais.
Premio Rosalía de Castro á Iniciativa Editorial 2013: Tastarabás. Enciclopedia de Brinquedos tradicionais, de Xerais.
Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor/autora ou colectivo de autores en lingua Galega 2013: Berta Dávila.
Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural do ano 2013: Librería Couceiro da Coruña. Aos libreiros Carmiña Couceiro e Pepe Díaz.

Campaña de captación de novas/os socias/os do Museo do Pobo Galego

Desde o Museo do Pobo Galego:
No pasado decembro dirixímonos a todas as/os socias/os, lembrándolles a importancia do seu compromiso real e da súa participación activa co Museo do Pobo Galego, e comunicándolles a posta en marcha dunha campaña de captación de novas/os socias/os, fixándonos o obxectivo de conseguir, para decembro de 2014 alomenos 500 novos asociados.
A repercusión do lanzamento da campaña foi amplo nos medios de comunicación e motivou un crecente interese de moitas persoas por asociarse ao MPG, que pouco a pouco se vai materializando. A finais de febreiro o número de novos socios acadou a cifra de SETENTA E UN (71) desde o inicio da campaña, o que supón algo máis do 14% do obxectivo que nos fixarámos para todo o ano, o que indica que acadar o noso obxectivo é posible.
Para facer realidade este obxectivo precisamos da súa colaboración e esforzo, polo que lles pedimos se impliquen conseguindo entre os seus familiares, amigos e coñecidos unha nova socia ou un novo socio para o Museo do Pobo Galego.
A inscrición pódese realizar cubrindo esta ficha: Museo do Pobo Galego. Ficha de socio.

Inma López Silva: “O que se agarda socialmente é que cumpras coa túa suposta obriga de ser nai 24 horas”

Entrevista de Montse Dopico a Inma López Silva en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): O libro [Maternosofía] foi feito como un diario durante o embarazo, non si?
– Inma López Silva (ILS): Si. Fun escribindo durante o embarazo. Despois reiviseino e fixen o epílogo, para dar tamén o punto de vista de cando a nena xa estaba aquí.
– MD: Xa recorreras ao diario máis veces. Mais este é o teu libro máis íntimo. E semella que non che daba pudor compartir todo o que contas.
– ILS: Non, porque a maternidade/paternidade é algo polo que pasa a maior parte da xente ou polo que aínda, sen ser pais, moita xente sente curiosidade. Non tiña a sensación de estar a contar algo tan persoal como para sentir pudor. Se me sentise así recorrería á ficción, como fixen en New York, New York.
– MD: Hai unha idea no libro que resume bastante ben o seu contido: “Estou farta de ver como mulleres intelixentes e activas se converteron en simples nais que paralizaron por completo a súa actividade cerebral”.
– ILS: Esa foi a idea de raíz que me levou a tentar observar a maternidade desde fóra, desde a distancia. A sociedade espera que só sexamos nais, que o deixemos todo de lado. Eu antes de estar embarazada preguntábame se o embarazo me ía cambiar, se como se di as hormonas fan que sexas outra persoa… e non foi tal. Creo que todo iso é unha patraña inventada por unha sociedade xa non só cunha estrutura patriarcal, senón directamente machista, á que lle convén que as mulleres quedemos na casa mudando cueiros. (…)”

Armando Requeixo: “Díaz Castro debería estar dende xa no Olimpo dos tradutores”

Entrevista de P. Calveiro a Armando Requeixo en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Que podemos atopar nesta obra sobre Díaz Castro [Cartafol de traducións e outros poemas]?
– Armando Requeixo (AR): O libro ten dous volumes. Un deles recolle os textos de Díaz Castro en edición facsimilar e o outro é un estudo do material, con anotacións sobre os poemas. Dentro da produción do autor, está recollido todo o seu labor como tradutor de textos poéticos, deixando fóra a tradución de narrativa, e os versos que el mesmo escribe noutras linguas. É un libro moi completo porque Díaz Castro practicou iso que os expertos chaman tradución directa e tamén inversa, que é algo que só os grandes tradutores son capaces de facer. Hai traducións cruzadas a outras linguas e de autores moi interesantes como Lamartine, Víctor Hugo, Chesterton, Campoamor,… A obra de Díaz Castro é un verdadeiro festival políglota e revela o seu interese como lector e o influxo que todas estas lecturas da literatura mundial tiveron na súa faceta de poeta, facendo cousas moi singulares e distintas ás da época. Cartafol de traducións e outros poemas é o máis diazcastriano dos libros que sairán este ano, porque funde as súas dúas grandes paixóns, a poesía e a tradución. (…)
– LVG: ¿Cal é a faceta menos coñecida?
– AR: A de tradutor, sen dúbida. A gran pena é que esa faceta non vira a luz dun modo máis público e notorio hasta este ano. Pero eu creo que dende xa debemos situar a Díaz Castro entre os máis grandes da tradución do século XX, amén de ser un dos máis grandes poetas, e debería estar no olimpo dos tradutores da época. Eu non coñezo ningún caso da literatura galega dun autor que traducira linguas tan distintas, tan cruzadamente e de autores tan variados en plena posguerra. Coñecía ruso, danés, sueco, linguas eslavas e, por suposto, as máis comúns (inglés, francés, alemán, italiano, portugués, catalán, éuscaro, etcétera) e en moitas delas era autodidacta. Ademais do seu traballo de tradutor como funcionario do Estado durante o día, polas noites queimaba os ollos traducindo para editoriais de fóra, ás que tamén pedía métodos e dicionarios de gramáticas para aprender as linguas. A súa produción como tradutor foi amplísima, fixo dende receitas médicas á primeira tradución de Al Servicio de su Majestad, a undécima novela de James Bond.”