Entrevista
de Montse Dopico a Ana Romaní en Magazine Cultural Galego (a entrevista orixinal é de 2011):
“(…) – Montse Dopico (MD): O poemario [Estremas] amosa moitas outras conexións cos anteriores. Por exemplo, Estremas podería lerse como unha continuación de Camiñan descalzas polas rochas de Das últimas mareas. As mulleres de Camiñan descalzas rebélanse contra a Historia. En Estremas tamén. Neste sentido, Estremas é como un punto de chegada, dunha sorte de reivindicación dunha rebelión que acaba estourando -e son as mulleres as que a protagonizan-. Por que?
– Ana Romaní (AR): Non sei se punto de chegada pero si creo que establece unha certa continuidade cos libros anteriores nese sentido. Estremas amosa a rabia e a furia, non a disimula, tamén o cansazo e a urxencia. Creo que é un libro que soña, insiste e persevera na procura doutro lugar. Fala do confinamento e da súa rebelión, cuestiona as tramas da uniformización. Nese sentido paréceme un libro sobre a acción e o movemento. Canto ao protagonismo das mulleres, eu diría que o libro está escrito desde un xénero que viviu e vive a experiencia do despezamento e do espolio, da expulsión, da substracción do corpo e da linguaxe. Está escrito desde ese xénero que se dispuxo a cambiar o mundo e para iso cambiou a súa vida, creo que fixemos grandes cambios sociais que naceron de dolorosos cambios persoais, que naceron do máis íntimo. Estremas está escrito desde esa experiencia dun xénero para falar de todos e de todas, de seres colectivos á procura. (…)
– MD: Hai tamén nos poemarios sempre unha relación importante co pasado. “As linguas perdidas das escravas que fun” en Arden. É unha rebelión sobre como nos construíu o pasado, en especial ás mulleres? Nese sentido, é un poemario que mira máis o futuro, ante un presente que parece máis desacougante que nunca?
– AR: Creo que nos libros anteriores a indagación demórase nos procesos de construción persoal e colectiva, como o pasado conflúe no presente a desvelalo. Non é unha arqueoloxía do que xa foi senón mais ben as raíces que alimentan algunhas das percepcións e estados do que está sendo. As dinámicas do feminismo andaron necesariamente por eses camiños de análise de como se foi configurando esa construción do ser “mulleres” e ao tempo na procura dunha restitución da historia negada, da memoria ausente. Eses procesos que son persoais tamén, claro, impregnan o substrato de Das Últimas Mareas e de Arden. En Estremas hai un cambio nese sentido, creo que o tempo é moi relevante na configuración do libro, pero este é como un tempo suspendido, un tempo que é pasado que é presente que é futuro coexistindo, sen diacronías, como se o poema operase nun presente que xa é pasado e enxerga un futuro. Ao fin por entre os silencios dos poemas alenta creo un desexo de futuro. (…)”
Rianxeiras vivas fronte a rianxeiros mortos, comunicado da Plataforma Literaria A Sega
Rianxeiras vivas fronte a rianxeiros mortos
Seguramente
en Rianxo tamén se fixo e pode que se siga facendo a sega. Porén, resulta difícil sabelo porque semella que o único que queda desta vila mariñeira son os nomes dos rianxeiros mortos. Homes ilustres. Mais mortos. Pouco máis se sabe e se fala a día de hoxe de Rianxo, se ben ao arredor dos seus monumentos hai unha fermosa vila viva pola que camiñan rianxeiras tamén vivas, non só a que vai pola ribeira, senón as que falan con seseo e cheísmo e din cousas como “cando ti mamabas eu xa roía codia”.
Coa nosa literatura por veces semella pasar o mesmo que acontece en Rianxo. Sábese moi pouco de quen non son homes ilustres e sábese sobre todo dende parámetros que non só ignoran senón que estigmatizan a escrita e a lectura coñecedora do 50% da humanidade. Estes son os motivos que levaron á creación d’A Sega hai agora un ano, dacabalo entre o mes que celebramos unha autora que de vello se dicía que escribía coma un home ou que era unha chorona corpórea da “patria” e o mes que as mulleres tomamos para falar de nós e para saír as rúas de todo o mundo.
A eses rianxeiros mortos cómpre lelos con novos ollos. E cómpre que non ocupen todo e todos os espazos. Aquí, na Sega, impórtanos que a literatura do 50% da humanidade sexa visible e teña un tratamento digno. Mais tamén sachamos en cuestións que van alén da superficie e tentamos reformular dende as nosas intervencións case semanais o propio concepto do coñecemento. Nosoutras cremos nos coñecementos plurais, non só daquelas que teñen o recoñecemento institucional ou do patriarcado. Practicamos o coñecemento das mans que segan e das mans que pescan, dende o noso monte e os nosos mares rexeitamos conceptos elitistas e pechados de quen debe falar e quen calar. Sobre todo porque ao final falan e calan sempre os mesmos e as mesmas, respectivamente.
Nas nosas mans que segan e que pescan o coñecemento reformúlase como un espazo ético e de aprendizaxe. Por iso se cadra o máis interesante acontece mentres segamos. Nos debates que mantemos no interior da nosa crecente estrutura horizontal e aberta, na que segadoras de diversas latitudes e parámetros aprendemos e medramos, damos saída ás nosas curiosidades e visións converxentes ou diverxentes dos textos. O noso non é o traballo solitario da crítica que busca marcar un canon dende o poder hexemónico, nin sequera o traballo meritorio de moitas bitácoras que buscan a divulgación. Na Sega experimentamos, argumentamos, colaboramos e cantamos mentres imos botando gabela a gabela as nosas visións sobre libros e outros formatos da cultura.
Seguramente, como lles pasa ás mulleres que segan e pescan, o noso traballo non sexa recoñecido, seguramente non levaremos premio ningún nin cobraremos xornal de ningún medio de comunicación polo noso pensamento. Mesmo hai quen hai pouco falaba destes espazos da crítica en internet coma “nichos”, fronte a, puidemos entender, a crítica “como deus manda”. Nosoutras cremos nos nichos só para quen está morta, o noso espazo na rede, ben ao contrario, está vivo e vizoso e permítenos existir mentres os mundos do “como deus manda” nos exclúen. Mais que ninguén se alporice, hai sega alén de internet! Este ano prometemos accións vizosas dende os cantos de quen sega co riso na boca pero sen esquecer o foucín da man. Seguramente nin nosoutras nin moitas das autoras das que falaron entrarán no panteón de rianxeiros ilustres mais nós seguiremos traballando polas vivas, rianxeiras ou non.
Pontevedra: XII Xornadas da Muller, o sábado 22 de marzo
Francisco Pillado: “Vivimos tempos nos que a presentación dun libro é case que un acto clandestino”
Entrevista
a Francisco Pillado en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Logo de 22 anos á fronte de Edicións Laiovento opta por da un paso atrás e abandonar a dirección. Por que agora?
– Francisco Pillado (FP): Francamente, sentíame un pouco superado polo traballo e desmotivado para continuar na dirección. O contexto adverso no que vivimos tampouco axuda. Como consecuencia disto que chaman crise, a xente merca moitos menos libros. A iso, súmaselle unha Xunta que reduciu moitísimo a compra de libros para a rede de bibliotecas públicas de Galicia e a invisibilización da cultura nos medios. As presentacións de libros xa non teñen repercusión, convertíronse case que en actos clandestinos que nunca se anuncian. (…)
– LO: Agora, desde fóra, como ve o futuro da editorial?
– FP: Eu vexo xente moi capaz para seguir co proxecto. Poderíamos dicir que son optimista respecto do pesimismo. Pero eu teño que deixalo porque xa estou canso. Fan falla moitas forzas para sacar adiante unha editorial coma a nosa que quere desmostrar que o que estamos a vivir en Galiza e en Europa é un espolio e non unha crise. Porque cando un fala de crise asume que existe unha responsabilidade compartida por todos na situación actual. Eu creo que o que vivimos é algo programado e planificado para acabar cos dereitos da clase traballadora e para enriquecer todavía máis a unha minoría de elites privilexiadas. (…)
– LO: Botando a mirada atrás, que achegou Laiovento ao panorama literario galego?
– FP: Os nosos sinais de identidade sempre foron a promoción do teatro e do ensaio. Queremos denunciar o que está pasando pero non con argumentos burdos, senón con xente preparada. Asimesmo, tamén dimos espazo a autores que escriben en reintegrado, que teñen cousas moi interesantes que dicir, e que no momento da fundación de Laiovento, non tiñan moitos espazos onde expoñer as súas ideas con liberdade lingüística. Temos, en definitiva, unha independencia da que outros non gozan porque non vivimos disto. Se o fixésemos teríamonos que controlar moito. Malia todo, para isto fai falla un ánimo que eu xa non teño. Tócalle a outros.”
ZigZag Diario: a escritora María Xosé Queizán afonda no personaxe da Bela Otero na obra O solpor da cupletista
Cozer, cortar, empacar, azeitar, por Susana Sánchez Arins
Artigo
de Susana Sánchez Arins, desde A Sega:
” Uqui Permui gravou um documentário de título Doli, doli, doli… coas conserveiras. Rexistro de Traballo em 2010. Nele conta a luita das trabalhadoras de Odosa, conserveira da Arousa, que em 1989 se pugeram em greve de fame por denunciar o desmantelamento da sua fábrica. Visionando o filme descubrim que conhecia parte das protagonistas: a que não tinha crianças na minha escola, vinha comigo a aulas pandeireta, navegava comigo em dorna ou preparava a ementa do dia que eu jantava as terças; porém eu desconhecia a existência de Odosa, e claro é, do seu conflito laboral. O silenciamento das luitas é a principal arma dos opressores, está visto. Lembro ter-lhe pedido àquelas com as que tinha confiança que nos contaram dos tempos de Odosa e rememorárom estórias de escravitude, sofrimento, abuso mas também de amizades, risos e dignidades.
A Loli, Benita, Mari ou Juana volvim vê-las o outro dia sobre um cenário. Os seus nomes não eram esses, mas podiam ser. Porque as atrizes d’As do Peixe [obra teatral de Cándido Pazó] lográrom reviver em mim, em nós, memórias próprias e alheias.
Quatro mulheres, Conchi, Begonha, Lisa e Tere, juntam-se para ensaiar uma obra teatral; na sessão revisam o texto e preparam cenas importantes. Discutem os diálogos, modificando aquilo que “não era assim”, interpretam diferentes personagens, incluídas elas mesmas quando moças e reflexionam sobre o trabalho na conserva. (…)”
Día de Rosalía 2014 nos centros de ensino (VI)
O
Día de Rosalía 2014 celebrouse no CEIP de Andrade, Pontedeume do seguinte xeito:
“O luns 24 de febreiro, celebraremos o día de Rosalía.
Este ano o poema elixido é Alborada, inspirámonos no libro-disco Rosalía Pequeniña, na voz de Uxía e con ilustracións de Marina Seoane.
Todo o alumnado, dende Infantil ata o 3º ciclo de primaria, participamos na elaboración dun macro mural que debido ás inclemencias do tempo non puido ser graffitiRosalía, pero iluminará igualmente os muros do colexio. Tamén cantaremos e recitaremos para que a voz de Rosalía nos invada. Ao fondo, o mural, resultado do traballo colaborativo de todo o alumnado do Centro.
Aquí tedes o vídeo da actuación:”
Eli Ríos gaña o II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía
Desde
o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Na tarde do xoves 6 de marzo tiven o pracer de compartir xuntanza coa amiga Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, e mais os colegas Mercedes Queixas Zas e Luís Cochón Touriño, cos que formei parte do xurado do II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía.
Nunha xornada intensa na que deliberamos por espazo de dúas horas, decidimos outorgar por unanimidade o galardón ao traballo que se nos presentara baixo o título de Anamnese e o lema Carlos Casa Ares. Malia cadrarmos todos a unha na votación final, non foi doado chegar ata esta, pois foron nada menos que corenta os orixinais presentados, o que, nun certame que celebra agora apenas a súa segunda convocatoria, dá idea do éxito de participación.
Avanzando na escolma das moi diversas e interesantes propostas que se nos remitiron, chegamos a este Anamnese que, unha vez aberta aplica, resultou ser da autoría de Elisabet Ríos Liste (1967), máis coñecida como Eli Ríos, poeta de nacenza londiniense, criada en Ordes e radicada na Coruña, ben familiar para os seguidores do verso galego, pois é autora que ten publicado xa valiosas contribucións, como as tituladas nós escoitando o badalo de Marienplatz (2010) —que foi Premio de Poesía do Concello de Carral—, o traballo en coautoría Rúa da Cancela (2010) —distinguido tamén no Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas— e, aínda recentemente, Maria (2013), que foi merecente do I Premio de Poesía O Figurante.
Anamnese vén sumarse, pois, a unha importante lista de obras galardoadas que confirman a Eli Ríos como unha das voces máis presentes da actualidade poética galega, onde é igualmente apreciada pola súa participación en volumes colectivos, a impartición de obradoiros de escrita, o seu labor como contacontos infantil e mesmo as achegas críticas á revista dixital A Sega.
Tal como reflectimos na acta do xurado deste certame patrocinado polo Concello de Fornelos de Montes (terra natal do autor que lle dá nome), o poemario co que Eli Ríos se fixo acredora do II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía salienta pola súa capacidade para a elaboración dunha linguaxe nova coa que comunicar un vizoso mundo creativo onde se procura abrir o discurso poético a rexistros alternativos que beben de moi diversas fontes. Tamén si, por esa habelenciosa mestura na que a revelación do cotián e as pegadas do amoroso conviven e establecen un diálogo coa escrita de múltiples autores tanto galegos coma foráneos. (…)”
Ana Acuña: “Algúns dos primeiros madrigalegos non coñecían a Castelao”
María Reimóndez: “Constrúese a identidade das mulleres para crear desafección cara ao discurso feminista”
Entrevista
de Montse Dopico a María Reimóndez en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Moda galega foi un dos teus primeiros libros. Por que decidiches volver a el?
– María Reimóndez (MR): Foi o meu primeiro libro publicado, hai xa dez anos. O de volver a el foi por unha confluencia de dúas cousas. O Moda galega inicial é un libro especial para min, claro. Pero ademais segue estando vivo. Séguese lendo, chámanme para traballar arredor del… E non é habitual que un libro teña unha vida tan lonxeva. Eu nin me decataba de que pasaran xa dez anos. No Feminario Feminismos e Resistencias (Teorías e Prácticas), da Universidade de Vigo, que é o grupo de investigación co que estou a facer a miña tese, a directora, Belén Martín, comentou que había xa dez anos que se publicara Moda Galega -isto foi no 2002-. E pensei que podería ser interesante volver aos mesmos temas, os mesmos espazos… despois deste tempo. Así, por unha banda reeditouse Moda galega e pola outra publicouse Moda galega reloaded. (…)
– MD: Moitas veces, dis, dicir “cultura” é outra maneira de dicir “patriarcado”. Onde antes se dicía raza, agora dise cultura para xustificar o patriarcado.
– MR: Ese é un tema central para min. Esa idea de que desde Occidente non se pode facer nada porque “é a súa cultura”, o que fai é ignorar os dereitos das mulleres. Ou derivar nesa outra visión penalizadora de que “é que son uns bárbaros”. O que teñen en común estas dúas visións é que consideran as culturas como entes estáticos, fixos, sen relacións de poder. E o que se consegue así é reforzar o fundamentalismo. Desafiuzar as mulleres, sobre todo as feministas. Porque favorece que, a calquera muller que defenda os seus dereitos, se a etiquete como occidentalizada. E ese é un modo de escurecer toda a historia do feminismo no seu propio país, e de estigmatizar as mulleres dobremente, como feministas e como occidentalizadas. Este é un tema que me provoca moito malestar. E que non é exclusivo dos países poscoloniais. Pois son discursos que tamén están presentes na nosa cultura. Só hai que lembrar a que se montou cando María Xosé Queizán falou do machismo dos textos de Pondal. E non estaba a dicir nada que non fose evidente.
– MD: Tes outro poemario novo, Cousiñas. Escrito inicialmente en alemán…
– MR: Pois é un libro moi distinto a todo o meu discurso habitual. É un libro de amor, ou máis ben de desamor, a unha cidade, Munich. Escribino en alemán e pensando nun público que non era o galego. Pensaba facer unha autoedición, e traducino ao galego para poder traballar con Fabulatorio, que ao final decidiu editalo en galego. Deixamos algúns epígrafes en alemán porque o que fixen foi un xogo de descomposición da lingua, pero o libro está en galego. Ademais, ten moito de libro-obxecto. É moi importante o deseño.”


