Propostas de Gálix para o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, o 2 de abril

Desde Gálix:
“O día 2 de abril celébrase en todo o mundo o Día Internacional do Libro Infantil para conmemorar o nacemento de Hans Christian Andersen. A OEPLI, xunto coas súas catro seccións –Consejo General del Libro Infantil y Juvenil, Consell Catalá del LLibre Infantil i Juvenil-ClijCAT, Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil-GÁLIX, e Galtzagorri Elkartea-, como todos os anos quere conmemorar ese día no maior número posible de poboacións de España e para iso dirixímonos a todas as bibliotecas e librarías, e convidámosvos a:
Difundir entre os nenos e nenas das vosas vilas e cidades a mensaxe da escritora Siobhán Parkinson e o cartel de Niamh Sharkey que este ano preparou a sección irlandesa do IBBY e que, coa versión nas catro linguas oficiais, atoparedes na web da OEPLI, e en galego no facebook de GÁLIX.
Organizar unha actividade de contacontos, concursos, encontros con autores, bookcrossing ou a que consideredes oportuna relacionada co tema.
Como membros de IBBY e coa intención de que en todos os países do mundo se celebre o Día Internacional do Libro Infantil pedímosvos ás entidades colaboradoras que nos axudedes a difundir a mensaxe e o cartel para que chegue a todos os nenos e nenas. Tamén que se as BIBLIOTECAS e LIBRERÍAS vos adherides, nos enviedes, posteriormente, unha breve recensión e unha fotografía das actividades que realicedes para celebralo.
As bibliotecas e librarías adheridas deberedes poñervos en contacto cos medios de comunicación da vosa localidade e comunicar a conmemoración. A OEPLI e as súas seccións territoriais remitirán tamén a información á prensa, televisión e radios estatais cos nomes e lugares das entidades participantes que aparecerán relacionadas na web / facebook da organización.
Se queredes sumarvos a esta celebración, pregámosvos que nolo comuniquedes antes do día 20 de marzo, por correo postal ou electrónico, enviando o boletín adxunto de adhesión debidamente cumprimentado a GÁLIX, Centro de Emprendemento Creativo de Galicia, Cidade da Cultura de Galicia, monte Gaiás, s/n (Santiago de Compostela 15707) ou ben a galix@galix.org
Agradecendo por adiantado o voso apoio e participación, recibide un afectuoso saúdo.
Francisco Castro.”

“Para o ENSINO: queremos conmemorar ese día con todos os alumnos de Primaria e 1º Ciclo de Secundaria de Galicia e para isto convocamos o concurso INVITA A ANDERSEN, coas bases que se adxuntan.”

Compostela: presentación de A lúa da colleita, de Anxos Sumai

O mércores 12 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase A lúa da colleita, de Anxos Sumai, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan Xosé Monteagudo e Carlos Lema.

A Coruña: Obradoiro de poesía con María Canosa, do 20 ao 22 de marzo

O xoves 20 e venres 21 de marzo, ás 18:00 horas, e o sábado 22 de marzo ás 11:00 horas, no Centro Ágora da Coruña, e dentro de CoruñaMayúscula, terá lugar un obradoiro de poesía impartido por María Canosa. O prezo é gratuíto e hai un máximo de 15 prazas (en caso de superarse este máximo, realizarase unha selección entre as persoas inscritas atendendo á calidade dos textos enviados. A inscrición pódese realizar ate o domingo 16 de marzo. A preinscrición a este obradoiro pódese efectuar aquí.
Neste obradoiro literario comezarase pola descuberta do que é a poesía en si, partindo da base de ideas preconcibidas, que pode estean a limitar o universo poético. Por iso, realizarase unha pequena lectura crítica de textos que se someterán a análise, e servirán de base para a creación de novos textos poéticos por parte dos asistentes. Levaranse a cabo técnicas de mellora de lectura e dramatización de textos poéticos, facendo fincapé na modulación e a importancia da mesma. O obxectivo principal é a descuberta da conxugación de sinxeleza e grandiosidade na poesía como unha primeira aproximación.

Cuestionario Proust: Verónica Martínez Delgado

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Verónica Martínez Delgado:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A forza de vontade e o entusiasmo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A intelixencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que continúen a selo.
4.– A súa principal eiva?
– O exceso e a persistencia ou a insistencia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Estudar, investigar, ler e escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Deixar de sentir frustación e insatisfacción vitais.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Quedar sen o meu traballo actual.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que xa son e nai.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, pero coas mentes máis abertas e os ollos menos miopes.
10.– A súa cor favorita?
– Violeta.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A verónica.
12.– O paxaro que prefire?
– A águia.
13.– A súa devoción na prosa?
– Moitos, pero escollo a Elisabeth Smart e a Berger.
14.– E na poesía?
– Sophia de Mello, Alexandre O´Neill, Lois Pereiro, Silvia Plath, Luisa Castro, Gioconda Belli…, e moitos e moitas excepcionais do noso país que non cito para non esquecerme dalgún importante.
15.– Un libro?
– Moitos pero quédome con Poesía última de amor e enfermidade, co libro sen título, Te regalo un cuento, Minimaladas, O principiño
16.– Un heroe de ficción?
– O bibliotecario Chen Ching.
17.– Unha heroína?
– De ficción Xiu de O tren de Zhou Yu e históricas: Camille Claudel, María Pita e María Soliña.
18.– A súa música favorita?
– Calquera de Wim Mertens ou de Chef Baker. Tamén algunhas de Carmen Consolli.
19.– Na pintura?
– Kirchner.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera muller do rural ou da costa, da idade da miña nai ou da miña avoa, calquera muller que parira na casa, por poñer exemplos coñecidos, a nai de Alberte Momán ou de Rafa Villar.
21.– O seu nome favorito?
– Brede e Airas.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O coqueteo sen finalidade e que te xulguen.
23.– O que máis odia?
– Calquera tipo de maltrato, xogar coas debilidades das persoas, a envexa, a falta de congruencia e as mentiras.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Case a calquera gobernante actual.
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolución Rusa.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O de dominar calquera arte, sobre todo a música e a pintura.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– De velliña, na cama, soa, esgotada de vivir.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O optimismo incondicional.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que levan a erros cometidos sen mala vontade.
30.– Un lema na súa vida?
– Debes tentalo porque ao mellor, chegas e podes. Nunca volvas atrás.”

Parlamento das Letras: Rosa Aneiros

Entrevista de Armando Requeixo a Rosa Aneiros no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Rosa Aneiros (RA): Digo, como xa fixo aquí María do Cebreiro, que lle sobra a insistencia nas carencias. É o que as autoras e autoras queren que sexa. Outra cousa ben diferente é a recepción: fáltanos público e apoio institucional para a súa proxección. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– RA: Creo que a diversidade temática, de xéneros, de autores, de editoriais e de estilos permite chegar a todo tipo de públicos, algo fundamental para soster un mercado literario. A calidade é moi boa e a presenza crecente de tantas mulleres ofrece unha ollada diferente e rica dunha literatura en constante movemento. Porén, e como citaba antes, a batalla por gañar lectores e lectoras é cada día máis dura pola escasa visibilidade que as nosas letras teñen. (…)”

Eli Ríos: “Interésame que a poesía provoque o pensamento”

Entrevista de Carme Vidal a Eli Ríos en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que hai detrás dun poemario que se titular Anamnese?
– Eli Ríos (ER): Está tomado polo lado da Filosofía. Pensamos que a poesía é algo impreso no libro mais a poesía é tamén algo que levamos dentro e temos que sacar. Trátase de poesía narrativa na que dúas persoas se encontran e unha pensa que xa coñecía a outra e vanse dando circunstancias particulares que fan saír o coñecemento. O argumento dá pé a que o eu lírico fago ese proceso de chegar ao coñecemento que hai dentro. (…)
– SG: En María, recén publicado e gañador do Premio de Poesía Figurante, a súa vontade era recuperar a memoria dunha muller, María Soliña, sempre contada por homes, a través dunha voz feminina.
– Eli Ríos (ER): Estamos nunha sociedade na que a Lei Wert está a facer idiotas funcionais, aprenderemos a ler e sumar mais pouco máis. Non se procura a curiosidade, que nos fagamos preguntas, a investigación. Na literatura acontece o mesmo, os éxitos de venda son libros que non fan pensar, que nos queren sumir na amnesia colectiva. Estamos a quedar sen recursos nas aulas. O enfoque do libro é dirixirse ao lector e dicirlle: espabila, que non che vou dar todo feito! Interésame que a poesía provoque o pensamento. Non quero dar respostas senón que se fagan preguntas.
– SG: A poesía pode loitar contra esa amnesia colectiva?
– ER: Todo libro que faga pensar, aínda que só sexa un verso contribúe a que espertemos. Os poemas do libro comezan cunha cita dun autor que me leva a escribir, ese poeta conseguiu que participase activamente na literatura, no proceso doutra persoa. A min gustaríame que co meu libro acontecese iso.
– SG: Vostede é unha das autoras que participa no portal de crítica literaria feminista A Sega que fai agora un ano. Que significou a súa creación?
– ER: Pois que era necesario. Estamos a falar de leis que nos impiden ser donas do noso corpo e na literatura acontece o mesmo. Os grandes críticos son voces masculinas. Cando unha escritora como Fina Casalderrey entra na Academia é como un fito: “entrou unha muller”, dicían, e nin se fala da súa traxectoria e todos os méritos que ten. Seguimos nese estado en que as voces femininas, e non só as galegas, están sempre vistas desde o punto de vista do home, xa que os críticos son masculinos. Nós quixemos darlle voz ás escritoras que non saen na prensa, que non están na Academia, que están invisibilizadas. (…)”