Cuestionario Proust: Xabier P. DoCampo

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xabier P. DoCampo:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A facilidade coa que me entusiasmo cos proxectos novos.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Correspondencia no amor e na lealdade.
4.– A súa principal eiva?
– Teño un xenio do demo.
5.– A súa ocupación favorita?
-Ler, o cinema… E calquera traballo que se faga coas mans.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A felicidade dos meus.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A perda do amor dos meus.
8.– Que lle gustaría ser?
– Director de orquestra.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste sempre, e mellor sendo a nación dona de si.
10.– A súa cor favorita?
– A vermella?
11.– A flor que máis lle gusta?
– A chorima ou a queiroga cando pintan de amarelo e de púrpura a aba dos montes.
12.– O paxaro que prefire?
– A laverca cando, na planta das patacas, cantaba, case inmóbil, aló no máis alto do ceo.
13.– A súa devoción na prosa?
Cunqueiro, Stevenson…
14.– E na poesía?
Cunqueiro, Pimentel, Díaz Castro, Tovar…
15.- Un libro?
A illa do tesouro, Merlín e familia
16.– Un heroe de ficción?
– John Silver.
17.– Unha heroína?
– Sherezade.
18.– A súa música favorita?
– A clásica, o jazz… e todas as cantoras e cantores galegos.
19.– Na pintura?
– Caravaggio, Velázquez, Picasso, Magritte, Renoir…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera home ou muller que se repoña fronte á adversidade.
21.– O seu nome favorito?
– María.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A soberbia.
23.– O que máis odia?
– A humillación do débil e a cobiza dos poderosos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Todos aqueles que fixeron e fan que un pobre pase fame para que un rico viva mellor.
25.– Un feito militar que admire?
– Sierra Maestra.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Habelencia para a música e tocar o piano.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Mirando a morte cos ollos abertos.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Cambiante.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A nugalla e a indulxencia que dita o amor.
30.– Un lema na súa vida?
– Non fagas mal a ninguén (que me dicía meu pai).”

Tabela dos Libros de decembro, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada mes, velaquí a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que, ao ver d@s crític@s participantes (Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo), son estimados como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Boas lecturas de Nadal!»

Unha exposición na Universitat Autònoma achega Roberto Vidal Bolaño aos cataláns

Desde Sermos Galiza:
“Barcelona ten este mes a oportunidade de descubrir (ou lembrar) a Roberto Vidal Bolaño, e de se achegar á súa obra. A Universitat Autònoma de Barcelona acolle unha exposición sobre a vida e obra do dramaturgo compostelá, mostra organizada por Estudis Gallecs UAB.
A exposición está formada por 10 carteis que mostran unha panorámica da vida e da obra do dramaturgo de Vista Alegre (Compostela). A selección de textos e imaxes da exposición foi elaborada pola Asociación Roberto Vidal Bolaño, que impulsou a conmemoración deste ano como Día das Letras Galegas para Roberto Vidal Bolaño. A edición foi feita pola Xunta de Galicia.”

O Carballiño: presentación de Retallos daquela infancia, de Bautista Álvarez

O xoves 5 de decembro, ás 20:30 horas, no Casino do Carballiño, preséntase Retallos daquela infancia, de Bautista Álvarez, publicado por Xerais. No acto, coorganizado pola editorial e A Mesa pola Normalización Lingüística, participan, xunto ao autor, Eladino Cabanelas, César Varela e Manuel Bragado.

Compostela: presentación de Cadeas, de Xabier López

O mércores 4 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Cadeas, de Xabier López, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Ramón Nicolás e Fran Alonso.

Cuestionario Proust: Agustín Fernández Paz

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Agustín Fernández Paz.

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A empatía (agás cos “poderosos”).
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O afecto. E que actúen sen dobreces.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Afecto e comprensión.
4.– A súa principal eiva?
– A indecisión á hora de solucionar algún problema.
5.– A súa ocupación favorita?
– Unha delas: ver bo cine.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Estar a carón das persoas que quero.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Sentirme afastado das persoas que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Estou conforme co que son.
9.– En que país desexaría vivir?
– Gústame Galicia, malia todas as desfeitas.
10.– A súa cor favorita?
– Todas as cores do mundo.
11. – A flor que máis lle gusta?
– As rosas. E a do cinamomo (que en Vilalba chamabamos azahar).
12.– O paxaro que prefire?
– O xílgaro.
13.– A súa devoción na prosa?
– Franz Kafka e Álvaro Cunqueiro.
14.– E na poesía?
– José Ángel Valente
15. Un libro?
Punto Cero.
16.– Un heroe de ficción?
– Atticus Finch, o avogado de Matar un reiseñor.
17.– Unha heroína?
– Ann Mueller-Sthal, a protagonista d´A caixa de música.
18.– A súa música favorita?
– A das voces femininas do jazz, como Billie Holiday ou Dinah Washington.
19.– Na pintura?
– Vincent van Gogh e René Magritte.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Heroe: Emilio Silva / heroína: Rosa Parks.
21.– O seu nome favorito?
– Mariña.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A petulancia, a soberbia.
23.– O que máis odia?
– Paga a pena odiar? Mellor, o desprezo polas persoas que medran explotando outras.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hai ben delas! Pinochet e Franco andarían no listado.
25.– Un feito militar que admire?
– A actuación do exército portugués o 25 de abril.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Ter bo oído para a música e tocar algúns instrumentos
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Gustar e morrer na mesma frase? Da maneira que menos dor lles cause ás persoas que quero.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– De agradecemento á vida, ese galano marabilloso.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Todos os que non impliquen a dominación sobre outras persoas.
30.– Un lema na súa vida?
– «O único que queda é o amor».