Crónica da presentación en Vento do Sul (Ourense) de As vidas de Nito, de Xabier Paz

Desde Tempo de Lecer Ourense:
“(…) A Editorial Xerais presentou o xoves 26 de xuño en Ourense o seu último lanzamento editorial: As vidas de Nito, de Xabier Paz. O acto tivo lugar na Livraría Torga e contou coas intervencións do autor da obra e de Manuel Bragado, director de Xerais. Segundo explicou Manuel Bragado, As vidas de Nito “é unha novela escrita cun enorme poder evocativo e cunha vontade estilística arrebatadora”. O libro conta a historia de Casiano Cendán Rocha, un home de idade que vive nunha residencia e que fai memoria da súa vida a través das conversas coa súa neta Aldara, que remexe nel os sedimentos máis íntimos. Canto importa o corpo? Que lle sucede a un neno que non medra como é debido?
Para Casiano, durante a infancia e a puberdade, o seu corpo foi fonte de desacougo e estrañeza. Logo, xa adulto, a súa paixón por África converteuse no referente dunha existencia chea e dorida. As visitas da súa neta actúan como o catalizador de inesperados procesos íntimos. Casiano debulla recordos para compoñer a esquecida historia da súa nenez e puberdade. Desde a chegada da Coca-Cola até a traizón da Transición, é retratada unha época que case todos queren esquecer. Na lembranza desfilarán as angueiras de Nito, un neno de anómalo e lento medrar, a súa perplexidade ante a rareza, a dor da diferenza, a educación relixiosa, a perda da inocencia, o asalto da sexualidade… Aldara recibe estrañada as disertacións do avó, visita tras visita, desde a historia de Papá Noel até a termodinámica da vida, desde a literatura até as vantaxes da morte. Segundo Manuel Bragado, “unha desolada lucidez, non exenta de humor, percorre o texto desta novela na voz do narrador”. (…)”

Betanzos: presentación de Resina de poliéster, de Xabier Correa Corredoira

O venres 5 de xullo, ás 20:00 horas, na Libraría Carricanta (Rúa Doutor José Fariña, 1) de Betanzos, preséntase Resina de poliéster, de Xabier Correa Corredoira, publicado en Baía Edicións. No acto, xunto ao autor, participan Yolanda Castaño e Sara Seoane, quen acompañará a voz do Corredoira ao piano.

Vigo: actos destacados do xoves 4 na Feira do Libro

O xoves 4 de xullo prosegue a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), cos seguintes actos literarios destacados para este día:

Xoves 4
20:00 h. Presentación do libro Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández, publicado por Editorial Galaxia. Xunto co autor, participarán no acto Carlos Lema e Gustavo Garrido.
21:00 h. Cándido Pazó na feira do libro, co seu espectáculo Historias de sempre para xente de agora.

Versos no Olimpo colleita unha calurosa benvida nas súas presentacións públicas

Desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural:
“A obra poética colectiva Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, microfinanciada e editada grazas á nosa rede de colaboradores, non puido recibir unha benvida máis calurosa nas súas primeiras presentacións en sociedade por parte non só da xente que comprometera as súas achegas para ver este soño literario feito realidade, senón tamén por parte de quen, non tendo formado inicialmente parte do proxecto, desexa facerse con esta xoia literaria nacida da suma de sinerxias de moitísimas persoas boas e xenerosas.
O pasado martes 25 de xuño á tardiña, Versos no Olimpo foi recibido na capital galega por todo o alto. No escenario inmellorábel da libraría Couceiro os seus dous coordinadores, Miro Villar e Francisco Xosé Fernández Naval, asi como Merche Díaz e Xil Caamaño en nome da nosa Asociación, foron debullando tanto os seus aspectos literarios coma os técnicos que levaron a materializar a antoloxía. (…)
O sábado 29 ás 19:00 horas, xusto cando arribaban ao Pindo os participantes da celebrada subida ao Olimpo Celta que nos deixou unha nova marabillosa, producíase outra boa noticia co cheo rexistrado na Confraría de Pescadores do Pindo para participar na presentación do libro no marco das VIII Xornadas de Pesca, a cargo de Chisco Fernández Naval, Merche Díaz, Xil Caamaño e Mario Maceiras, acompañados dalgúns dos 56 autores e das autoras dos 79 textos que de agora en sempre engalanarán as follas de Versos no Olimpo: Marta Dacosta, Estevo e David Creus, Alexandre Nerium, Paco Souto ou Nieves García Centeno, entre outros, foron algúns dos encargados de facer voar os versos do Olimpo no recital poético O Monte Pindo, vixía do mar. (…)”

O premio Plácido Castro de Tradución declarado deserto

Desde Sermos Galiza:
“O xurado designado para resolver a décimo terceira edición do Premio Plácido Castro de tradución acordou declaralo deserto, segundo puido saber Sermos Galiza. A xuntanza do xurado celebrouse na tarde do luns, nas dependencias da Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa.
Segundo fontes do xurado a decisión de que se declarase deserto –o que sucede por primeira vez na historia do premio- obedece que a ou a calidade das versións ou a importancia das propostas para a consolidación dun corpus de calidade, no que atinxe ao transvasamento á nosa lingua de textos alleos, distaba máis do desexable en relación ao nivel actual desta profesión na nosa lingua, que vén avalada polos galardóns outorgados en calquera das edicións anteriores.
Na convocatoria de 2013 concorrían 7 propostas, con versións de Pirandello, Shakespeare, Àngel Guimerà, Oscar Wilde, Virginia Woolf, Emily Brönte e Pierre Louÿs, realizadas nalgúns casos sobre obras completas, e noutros, sobre fragmentos.”