Conferencia de Pilar García Negro nos VI Encontros Cidade da Coruña

Iniciamos a publicación das conferencias que tiveron lugar nos VI Encontros Cidade da Coruña, celebradas no mes de abril e maio deste ano, 2013.
A conferencia inaugural, Rosalía de Castro: a orixinalidade do seu cantar, correu a cargo de Pilar García Negro.

Pódese escoitar completa aquí: Conferencia (Pilar García Negro).

Convocado o XXVI Premio de Poesía Pérez Parallé

“O Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene, coa colaboración do Concello de Fene e a editorial Espiral Maior, convoca unha nova edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O certame organízase co obxectivo de colaborar na promoción de novas voces, polo que para participar é requisito imprescindíbel non ter publicado ningún libro individual de poesía, agás se a súa edición correu por conta do autor/a.
As persoas que queiran participar nesta convocatoria terán de prazo até o vindeiro luns 30 de setembro de 2013 para presentar os seus orixinais. Os autores e autoras deberán entregar un libro de poesía en lingua galega cunha extensión mínima recomendada duns 300 versos. Os textos presentaranse por triplicado debidamente encadernados ou grampados, “identificados inequívocamente con pseudónimo ou lema e acompañados dun sobre pechado”. Na parte externa do mesmo farase constar o pseudónimo, lema ou título da obra e no interior incluirase o nome completo do autor/a, DNI ou pasaporte, enderezo e datos de contacto.
Os traballos enviaranse ao enderezo do Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene (Porto do Río, 21, San Paio, Fene 15500, A Coruña)
O xurado do certame estará composto por tres persoas de recoñecida traxectoria no ámbito da escrita literaria, da edición ou da crítica.
A entrega do premio terá lugar o sábado 23 de novembro de 2013 nas instalacións do CMI de Fene.
O premio do XXVI Premio de Poesía Pérez Parallé consistirá na edición do libro gañador na Colección de Poesía Espiral Maior e nunha gratificación económica para o autor/a de 500 euros (suxeita ás retencións impositivas que marca a lei). Ademais, como símbolo do premio, entregarase á persoa gañadora unha escultura obra de Francisco Pérez Porto, artista plástico, fillo de Xosemaría Pérez Parallé.

Fene, 7 de maio de 2013″

Lugo: presentación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira

O xoves 9 de maio, ás 20:00 horas, na Librería Biblos (Rúa Salvador de Madariaga, 1, local 4) de Lugo, preséntase Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, en edición de Anxo Angueira, publicada en Xerais. No acto, xunto ao seu editor, participa María Xesús Nogueira.

Iolanda Zúñiga e Diego Ameixeiras chegan ao catalán da man de Pulp Books

Desde Sermos Galiza:
“Desde o 2011 a marca Pulp Books -da editorial Rinoceronte- vén ofrecendo obras da nova literatura galega traducidas ao español a través dun catálogo no que viron a luz títulos de Berta Dávila, Carlos Meixide, Jaureguizar, Xurxo Borrazás, Bieito Iglesias, Xavier Alcalá, Francisco Castro, Silvia Bardelás ou as novelas Dime algo sucio de Diego Ameixeiras e Vidas post-it de Iolanda Zúñiga que teñen agora nova edición en catalán.
Con estes dous novos títulos, a editorial afincada en Cangas, ofrece ao público lector catalán dúas obras da nova literatura galega traducidas directamente a súa lingua, nun camiño singular poucas veces transitado. Dime algo sucio de Ameixeiras foi publicada en 2009, despois de que o autor e guionista gañase en 2006 o Premio Xerais con Tres segundos de memoria. O libro de microrrelatos Vidas post-it é o primeiro título de Iolanda Zúñiga que gañaría tamén o Xerais en 2010 con Periferia.
Despois de encetar a súa traxectoria coa tradución de obras ao castelán -que se ofrecen en formato dixital e libro impreso- Pulp Books adéntrase con estes novos títulos na tradución ao catalán como un novo ámbito para a difusión da nova literatura galega. En breve, o selo editorial publicará Dime algo sucio en alemán e italiano e en xaponés A arte do fracaso, de Berta Dávila. Ao catálogo en castelán incorporarán, entre outros, Cemiterio de Elefantes de Fran Alonso.”

Mariña Pérez Rei, Premio a artigos xornalísticos normalizadores de Carballo

Desde Sermos Galiza:
“O xurado do premio valorou, entre outras cousas, que O sotaque de Aurelia, de Mariña Pérez Rei ten capacidade de incidencia en públicos amplos e variados ademais da calidade da súa escrita e o abordar un tema de actualidade como foi o despoxo de Aurelia Rei.
Narradora e poeta, Mariña Pérez Rei gañou con anterioridade premios como o Eusebio Lorenzo Baleirón, o Lueiro Rei ou o Avilés de Taramancos. Entre as súas obras atópanse os poemarios Fanerógama, Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante ou Paquidermo, mentres en narrativa escribiu Canícula, Costa Necrópole ou Contrapicados.
O premio será entregado o mércores día 15 de maio nun acto púbico no Pazo da Cultura de Carballo que contará coa actuación de Carlos Blanco. Presentáronse 46 textos que foron escollidos por un xurado composto por Belén Puñal, Carlos Callón, Xurxo Chapela e Nel Vidal.

Concurso #rosaliasempreporque

Desde Galaxia:
“Despois do éxito de participación do noso anterior concurso en twitter arredor de O Principiño botamos a andar un novo concurso na rede de microblogging, desta volta, para conmemorar os 150 anos de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro que celebramos neste 2013.
Como na vez anterior, todos os tuiteiros están convidados a enviar os seus chíos no hastag #rosaliasempreporque completando o chío e explicando porque a súa obra sempre estará con nós, ou por que é tan importante para nós.
O gañador do concurso, o chío que máis nos guste, recibirá un exemplar dos libros de Rosalía de Castro, Follas Novas, Cantares Gallegos, así como o Murguía de Xosé Ramón Barreiro Fernández, o Rosalía de Castro de Claude Henri Poullain, o Rosalía de Ramón Otero Pedrayo así como o Grial 194 que dedicamos á nosa poeta nacional.
Empezamos a recibir os vosos chíos. O gañador ou gañadora, o 15 de maio.”

Ramón Nicolás: “O Día das Letras non debe limitarse a un ano”

Entrevista a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Os blogs mudaron moitas cousas no panorama editorial. ¿Como o utiliza un crítico?
– Ramón Nicolás (RN): Mudárono, en efecto, aínda que talvez un tanto relativamente porque non se pode falar de xeneralización deste soporte, malia que cada día é maior o número de persoas que se asoman á rede para se informar pois xa foron educados nas súas potencialidades, no seu doado acceso e na súa inmediatez. No que atinxe á crítica, e especificamente a do libro galego, esta é unha batalla na que hai que estar e que non se debe perder, e mesmo coido que goza dunha saúde que está á vangarda do que se fai preto de nós.
– LVG: A súa biografía de Celso Emilio está a ter moi boa acollida…
– RN: A acollida foi e é tan fabulosa que nin nas mellores expectativas o sospeitaría hai menos dun ano. Alégrome, sobre todo, porque co galardón se me posibilita agradecer a confianza dos lectores, e tamén a que me prestaron Xerais, a Fundación Celso Emilio Ferreiro e moitas persoas próximas. Tamén porque entendo que a biografía é un libro colectivo, que creei a partir de xenerosas achegas de persoas que compartiron a súa memoria comigo para trazar, no posible, un perfil actualizado de Celso Emilio Ferreiro.
– LVG: Falta pouco para o 17: ¿como prolongar o espírito do Día das Letras e o interese pola literatura galega?
– RN: O Día das Letras non pode, nin debe, circunscribirse a un mes, nin, ao meu ver, a un ano. A experiencia levada a cabo desde a Fundación Celso Emilio Ferreiro o ano pasado para sumar vontades que conflúen no interese de difundir a memoria e o legado de Celso Emilio conduciu facilmente a estender as actividades ao longo de todo un ano, e mesmo máis alá. Neste sentido cómpre implicar máis á sociedade civil con diferentes estratexias, e hainas.”

Compostela: presentación de Roberto Vidal Bolaño. Unha vida para o teatro, de Laura Tato

O mércores 8 de maio, ás 20:30 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa da Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Roberto Vidal Bolaño. Unha vida para o teatro, de Laura Tato, publicado en Toxosoutos. A autora estará acompañada do dramaturgo Euloxio R. Ruibal e o ensaísta e editor do volume David G. Couso.