Entrevista
de Armando Requeixo a María Reimóndez no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– María Reimóndez (MR): Creo que é hora de deixar de pensar na literatura galega en termos de carencias, creo que se ben temos problemas estruturais obvios, como o que son os obstáculos que nos poñen para chegar ás lectoras e lectores, temos tamén vantaxes importantes que temos que aprender a utilizar. A nosa principal vantaxe é que formamos realmente parte dunha comunidade na que se poden establecer, se así se desexa, alianzas. Quero dicir con isto que fronte ao márquetin temos os clubs de lectura, os centros de ensino, o apoio da música, do teatro, do cinema, hai un sector da nosa literatura que traballa cun afán de tecermos redes cada vez máis mestas e que temos que traballar por ampliar porque, entre outras cousas, son as únicas experiencias que teñen viso de chegar a cambiar a sociedade na que vivimos tamén a outros niveis. Fronte á cultura do superficial e inmediato, do comercial como único valor doutros sistemas literarios, no noso aínda prima ese valor comunitario de base e esa é para min a nosa gran oportunidade. Por moito que fagan por matala e pese a quen lle pese dende as institucións de poder (tanto aquelas españolistas como algunhas galegas) a nosa cultura está viva e seguirá a estar viva sempre e cando siga en conexión coa cidadanía.
Dito isto, ás nosas letras, e nisto sen dúbida non son excepción senón normalidade con respecto a outros panoramas, sóbralles, para canonizar un termo estupendo de María Yáñez e Helena Miguélez, pirolismo e tamén ás veces a falla de consideración da nosa posición de literatura occidental con respecto a outras culturas. Refírome con isto á contradición de laiarse seguido de que a nosa literatura non é coñecida e respectada fóra e logo falar do canon desexable e da “literatura universal” como aquela escrita por Shakespeare e Goethe (homes brancos heterosexuais e falantes de linguas hexemónicas). O do pirolismo creo que xa foi moi ben definido polas compañeiras antes mencionadas e por Rosalía de Castro, porque seguimos nun sistema literario que pretende seguir facendo de nós estranxeiras na nosa patria. Exclúesenos dos foros de debate, dos premios, das cousas “importantes”, fálase do noso aspecto físico no canto de das nosas obras e cando se fala destas resúmense a tropos como “universo feminino” e “literatura de mulleres”. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MR: Creo que xa a fun dando ao longo das demais respostas. Vivimos no paradoxo de ter a lingua á intemperie e a literatura a toda máquina. Así que creo que haberá que utilizar esta última e o resto de ferramentas que temos ao noso alcance (a música, o teatro, o cinema) para darlle acubillo e esixir a devolución de dereitos ás persoas galegofalantes. Porque a fin de contas penso que o que máis segue atraendo ao ser humano son as historias e de aí o éxito dos videoxogos e dos talkshows, cómpre que teñamos a intelixencia e o saber facer suficiente para aproveitar esa vantaxe para saltar os obstáculos e esquivar as pedras que se nos arrebolan.”
Barcelona: mesa redonda Recordant Lois Pereiro
O
mércores 8 de maio, ás 19:00 horas, na Biblioteca Guinaró-Mercè Rodoreda (Carrer Camèlias, 76), dentro dos actos de Barcelona Poesia, terá lugar unha mesa redonda baixo o título Recordant Lois Pereiro, con Helena González Fernández, Manuel Rivas e Albert Lladó.
Rafael Laso Lorenzo homenaxea cun libro a Carlos Casares
Fene: presentación de Avoaescola Ferrolterra
O mércores 8 de maio, ás 19:30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura (Museo do Humor) de Fene, Galiza co Galego presenta a Avoaescola de Ferrolterra.
Trátase dun espazo educativo en galego dedicado, nun primeiro momento, a nenos e nenas até os 6 anos. Iníciase coa finalidade de se transformar nunha escola infantil.
Avoaescola Ferrolterra realizará todas as accións, actividades lúdicas e educativas en lingua galega, co fin de que nenas e nenos acaden o seu uso nas relacións afectivas e de comunicación tanto sociais como familiares.
Esta educación liberadora e cooperativa centrarase na motivación e interese dos meniños e meniñas, respectando o ritmo e características de cada quen.
Será un espazo educativo inclusivo, laico, respectuoso e aberto á comunidade social do seu entorno.
As actividades faranse en contacto co medio natural e fomentarán a expresión artística como a música, a pintura ou o movemento. A aprendizaxe dos coñecementos será un proceso activo lúdico de construción e investigación, para as crianzas dende a creatividade e liberdade.
A educación en valores é clave para un desenvolvemento persoal axeitado. A tolerancia, a solidariedade, a empatía, a igualdade, as habilidades sociais ou a expresión de sentimentos serán elementos presentes no clima diario da Avoaescola.
O contacto con apego conformará unha relación baseada no afecto e na confianza.
Avoaescola de Ferrolterra goza dun lugar privilexiado ao lado do paseo marítimo, dun parque infantil e de amplas zonas verdes.
As propias instalacións contan con zona de xogo ao aire libre, espazos verdes e unha horta ecolóxica. Primará o concepto de funcionamento sostible, aprendendo sobre ciclos da natureza a través, por exemplo, da compostaxe e reciclado.
Avoaescola é unha cooperativa na que as propias familias asociadas teñen poder de decisión sobre as cuestións relacionadas co funcionamento e mantemento do espazo. Ademais participan co persoal educativo na xestión e dinámica educativa.
Avoaescola Ferrolterra abrirá as súas portas no vindeiro outono para comezar unha aventura chea de liberdade, convivencia e aprendizaxe!
Este proxecto está impulsado pola cooperativa (de ensino) Avoaescola, apoiada económica e socialmente pola Asociación Galiza co Galego, en colaboración coas Asociacións pedagóxicas Nova Escola Galega e Asociación Socio-Pedagóxica Galega, e a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.
Máis información aquí: avoaescolaferrolterra@gmail.com
Formulario de inscrición aquí.
Tabela dos Libros de maio, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros do mes de maio. Nela figuran seleccionados os volumes que, ao ver d@s crític@s participantes (Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo), son estimados como os máis recomendables de entre os publicados nas últimas semanas. Boas lecturas!”
Ourense: exposición Escritores ourensáns retratados por Isidro Conde Corbal
Premios AELG 2013
Estes son os gañadores/as dos Premios AELG 2013, que premian as mellores obras editadas en 2012, e que se veñen de fallar na Gala das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:
– Blog Literario: Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
– Ensaio: Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás (Xerais).
– Literatura Infanto-xuvenil: O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas (Xerais).
– Xornalismo Cultural: Ana Romaní.
– Narrativa: Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño (Galaxia).
– Poesía, ex-aequo: Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal (Biblos); e Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro (Faktoría K de libros).
– Teatro: Banqueiros, de VV. AA. –Francisco Pillado, coordinador- (Laiovento).
– Tradución: Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, de Francesco Petrarca, en tradución de Darío Xohán Cabana (Edicións da Curuxa).
Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:
- O premio Mestres e Mestras da Memoria, de nova creación, que se concede nesta primeira edición a Manuela Cortizo Medal e Ángel Rivas Veiga, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional;
- O Premio Institucións que se concede a quen contribuíse á divulgación da lingua e cultura galega, e que este ano será para o asociacionismo cultural representado por aquelas asociacións que, nacidas nas décadas dos 60 e 70, aínda manteñen a súa vitalidade e activismo cultural (Agrupación Cultural O Galo, Agrupaçom Cultural O Facho, Clube Cultural Valle Inclán, Agrupación Cultural Auriense, Agrupación Cultural Francisco Lanza, Agrupación Cultural Avantar, Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Agrupación Cultural Lumieira, Sociedade Cultural Medulio, Associaçom Cultural Amig@s da Cultura de Pontevedra);
- E mais o Premio AELG 2013 Escritora Galega Universal, outorgado pola Asemblea á escritora Lídia Jorge, galardón que a distingue como autora que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.
No transcurso da gala a AELG tamén entregou aos humoristas gráficos Siro López Lorenzo “Siro”, Xosé Lois González Vázquez “O Carrabouxo”, Xosé Ángel Rodríguez López “Gogue”, Xosé Carreiro Montero “Pepe Carreiro” e Xaquín Bieito Marín Formoso “Xaquín Marín” a distinción Bos e Xenerosos.
O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Gala das Letras, felicitación e aplauso que fai extensivo a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.
Laura Tato Fontaíña gaña o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais
“Reunido
o xurado do XVIII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, composto por Fernando Acuña Castroviejo (en representación do Concello de Castro Caldelas), Teresa Devesa Graña (en representación do Concello de Allariz), Antonio Blanco Rodríguez (en representación da Fundación Vicente Risco), Xosé María Eguileta Franco (en representación da Fundación Vicente Risco) e Francisco Fernández Rei (en representación da Fundación Sotelo Blanco) acordou por maioría:
1.- Valorar o incremento de orixinais presentados, así como a súa calidade científica e ensaística.
2.- Conceder o XVIII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais ó traballo presentado co lema Eirasvedras e co título Do teatro ao cinema. Obras dramáticas e guións de Ramón Otero Pedrayo. Aberto o sobre correspondente, a persoa gañadora resultou ser Laura Tato Fontaíña, domiciliada en Narón.
Trátase dun rigoroso ensaio no que se analiza con detalle a diversidade de toda a produción dramática de Ramón Otero Pedrayo na procura dun teatro nacional galego. Estúdase a súa obra simbolista e o seu teatro de máscaras na liña das vangardas europeas no que música, danza, luz, etc… son tan importantes coma o texto literario. Finalmente, aténdese á produción de guións para o cinema, cando Otero Pedrayo na década de 1950, ve as posibilidades de intervención social que tiña este medio.
Este premio está dotado con 4.000 euros e a obra gañadora publicaraa Sotelo Blanco Edicións.
En Santiago de Compostela, a 3 de maio de 2013.”
Santiago: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón
A Coruña: conferencia de Antón Dobao sobre Roberto Vidal Bolaño
O
martes 7 de maio, ás 19:30 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, terá lugar unha conferencia de Antón Dobao sobre a figura homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Roberto Vidal Bolaño. O acto está organizado pola A. C. O Facho.



