Materiais didácticos sobre o Día das Letras Galegas do IES Espiñeira-Aldán (Cangas)

Nesta ligazón pódense ver os diferentes materiais didácticos con motivo do Día das Letras Galegas 2013, recollidos na rede polo EDLG do IES Espiñeira, de Aldán (Cangas).
Destacamos, a xeito de exemplo, estes vídeos:

Conferencia de Aurora Marco nos VI Encontros Cidade da Coruña

Continuamos a publicación das conferencias que tiveron lugar nos VI Encontros Cidade da Coruña, celebradas no mes de abril e maio deste ano, 2013.
Aurora Marco pronunciou a segunda conferencia, co título Elas, as invisíbeis. Silencios e voces das represaliadas, unha viaxe sobre o exilio das mulleres galegas, silenciadas pola historia tradicional. Tras unhas consideracións xerais sobre as palabras das mulleres e sobre a escrita autobiográfica feminina, analizáronse e comentáronse dous textos que recuperan as voces da memoria democrática: Éxodo (1940), de Silvia Mistral, e Memorias dunha republicana (2012), de Teresa Alvajar López. Para finalizar, proxectouse un capítulo do documental As silenciadas, de Pablo Ces, Premio Mestre Mateo 2012.

Pódese escoitar completa aquí: Conferencia (Aurora Marco)

A Coruña: presentación de Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato

O venres 10 de maio, ás 20:00 horas, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 18, 1º) da Coruña, preséntase o libro Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Manuel Sánchez Rei, Mercedes Queixas e Manuel Bragado.

Vigo: inauguración da mostra Espiñas coroadas de Lito Portela, comisariada por Carlos L. Bernárdez

O 10 de maio, sexta feira, ás 20:00 horas, na Fundación Laxeiro de Vigo, terá lugar a inauguración da mostra Espiñas coroadas de Lito Portela, comisariada por Carlos L. Bernárdez, e organizada pola Fundación Laxeiro e a Universidade de Vigo. Alén do artista Lito Portela, a exposición conta coa colaboración do escritor Manuel M. Romón (textos), do músico Julián Hernández e dos deseñadores Iria Sobrino e Rai Iglesias.

Barcelona: conferencia Roberto Vidal Bolaño á procura dunha poética teatral, por Xosé Manuel Fernández Castro

O venres 10 de maio, ás 19:30 horas, na Libraría La Central del Raval (Carrer Elisabets 6, 08001) de Barcelona, terá lugar a conferencia Roberto Vidal Bolaño á procura dunha poética teatral, de Xosé Manuel Fernández Castro, editor das súas Obras Completas en Positivas.
Desde o mesmo 10 até o venres 24 de maio, estará aberta a exposición bibliográfica Roberto Vidal Bolaño na escena teatral galega no Edificio Histórico, Vitrinas da Biblioteca General e Galería do Pati de Lletres-Universidade de Barcelona (Gran Via de les Corts Catalanes, 585).
Os actos están organizados por Estudis Gallecs i Portuguesos, da Universitat de Barcelona.

Arteixo: recital-presentación de Esplendor Arcano, de Ramiro Torres

O venres 10 de maio, ás 21:00 horas, na Libraría Á lus do candil de Arteixo (Rúa Historiador Vedía, 3), preséntase Esplendor Arcano, de Ramiro Torres, publicado polo Grupo Surrealista Galego. No acto haberá un recital coa participación, xunto ao autor, de François Davo, Alfredo Ferreiro, Modesto Fraga, Xosé Iglesias, Begoña Paz, Tati Mancebo e Sapoconcho.