Sandra Lodi gaña o IV Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi
Desde Galaxia:
“Na Sala de Xuntas da Casa do Concello da Estrada, reúnese o xurado para escoller a obra gañadora desta III edición do Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi, formado por Luz Beloso, Sara Valcárcel Maceira, Luís Davila, Armando Requeixo Cuba, e Carlos Loureiro Rodríguez, exercendo como secretario.
Despois de valorar os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, o xurado acordou, por unanimidade conceder o Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi á obra titulada Papóns, que se presentou baixo o pseudónimo “avoa”. Unha vez aberta a plica, esta resultou ser da autoría de Sandra López Díaz (Sandra Lodi).
O xurado quixo destacar neste álbum ilustrado que é unha obra moi atractiva visualmente cun uso dos planos e das cores impecable. Unha narrativa coherente e ben encetada; que pon en valor o mundo rural e os afectos entre avoa e neta. Un vínculo de transmisión cultural e familiar imprescindible que amosa de forma tenra e fermosa.
Tamén salientan como a autora representa os corpos, son mulleres reais, reproduce o noso pobo á perfección. A ilustración é orixinal e dinámica, cun estilo propio, cunha composición e perspectiva coidadas.
A relación que amosa co medio e cos animais é sensible e acertada. Forma parte da realidade das nenas e nenos que tiveron a sorte de criarse nese ambiente privilexiado no que imaxinar e crear as súas propias historias.
Un álbum que pon en valor a necesidade de preservar e protexer a natureza. De respectar os animais e darlles o seu propio lugar. Unha historia de xenerosidade que pon o foco no protagonismo que xogarán as novas xeracións como exemplo de conciencia. Un traballo colectivo que todas as persoas deben exercer en conxunto.
Será un deses libros que perduren no tempo.”
A Coruña: proxección do documental sobre Luz Fandiño A poeta analfabeta, de Sonia Méndez
Vigo: presentación de Mar branco, de Brais Suárez González
Chantada: presentación de O militante, de Afonso Eiré
Crónica fotográfica do Roteiro A Coruña de Luísa Villalta: límite exterior, con María Casar (presidenta da A. C. Ergueitas)
Estas son algunhas das fotografías do Roteiro A Coruña de Luísa Villalta: límite exterior, con María Casar (presidenta da A. C. Ergueitas), celebrado o pasado 16 de maio. A crónica fotográfica completa (obra de Beatriz Maceda Abeleira) pode verse aquí. Esta é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña.
A Coruña: presentación de Pel de cordeiro, de Ledicia Costas
Valdoviño: presentación de Somos un pobo de artistas, de Xurxo Souto
Bases do XXV Premio de poesía Díaz Jácome
“O Concello de Mondoñedo, co afán de estimular a creación poética entre os mozos/as, convoca o XXV Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores.
PRIMEIRA. Poderán optar ao premio todas as persoas, de idade non superior a trinta anos, que non resultasen premiadas nas últimas tres edicións do mesmo.
SEGUNDA. Os poemas serán orixinais e inéditos, escritos en lingua galega conforme ás normas ortográficas vixentes e sancionadas pola RAG, e non poderán ter sido premiados noutros concursos en data anterior ao fallo do Xurado. O incumprimento dalgunha destas condicións nas obras premiadas significaría a anulación das adxudicacións, procedendo o Xurado a formular de novo as propostas de adxudicación ou a declarar deserto o premio.
TERCEIRA. As composicións terán unha extensión máxima de 150 versos e serán de tema libre.
CUARTA. Deberán presentarse catro orixinais en tamaño DIN A4 impresos a dobre espazo.
QUINTA. Os orixinais non poderán ir asinados nin levarán inscrición ningunha que puidese suxerir o nome do autor ou autora, sendo presentados cun lema e título.
En sobre á parte e cerrado constará o lema e o título no exterior e, no interior, o nome e apelidos do autor ou autora, domicilio, teléfono e fotocopia do DNI polas dúas caras ou, de ser menor, fotocopia do libro de familia na folla correspondente á persoa que se presenta a concurso.
O Xurado poderá eliminar por defecto de forma as obras presentadas que non se axusten ao disposto nesta base.
SEXTA. O prazo de admisión de orixinais remata o día 18 de outubro de 2024, considerándose incluídas neste prazo as obras que enviadas por correo ostenten o selo de orixe con esta ou anterior data.
As obras deberán enviarse ao seguinte enderezo:
Concello de Mondoñedo
Praza do Concello, 1
27740, Mondoñedo (Lugo)
Coa indicación:
XXV Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores.
SÉTIMA. O Xurado estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e fará pública a súa deliberación no mes de novembro de 2024.
A decisión do Xurado darase a coñecer nos distintos medios de comunicación e a mesma será comunicada aos autores seleccionados mediante correo certificado.
A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo.
No caso de que as obras presentadas non acadasen o nivel esixible a xuízo do Xurado para a obtención dos premios ou non tivesen a categoría suficiente poderán declararse desertos.
OITAVA. Este concurso consta de tres premios:
Primeiro premio: 1.500 Euros, Placa e Diploma.
Segundo premio: 600 Euros, Placa e Diploma.
Terceiro premio: 300 Euros, Placa e Diploma.
NOVENA. Os orixinais que obteñan premio pasarán a integrar o fondo do patrimonio da Biblioteca Pública Municipal Pena Trapero de Mondoñedo, podendo ser editadas pola mesma ou polo Concello de Mondoñedo. Neste sentido, o autor ou autora renuncia a favor do Concello de Mondoñedo, para a primeira edición da obra, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor.
De desexar o autor facer uso dos textos premiados para a súa publicación, deberá solicitar permiso ao Concello de Mondoñedo. De serlle concedido, o autor comprométese a facer constar na publicación, expresamente, que os textos foron distinguidos no Premio de Poesía Díaz Jácome para Novos Creadores.
DÉCIMA. O importe do premio enténdese íntegro e, polo tanto, suxeito a retencións a conta, derivadas da aplicación do imposto sobre a renda das persoas físicas.
UNDÉCIMA. Os premiados serán invitados, expresamente, ao seguinte recital de Mondoñedo é Poesía que se celebra na cidade cada 1 de maio.
DUODÉCIMA. As obras non premiadas serán destruídas xunto ás plicas, non admitíndose peticións de devolución.
DÉCIMO TERCEIRA. A deliberación do Xurado é inapelable, os concursantes aceptan integramente estas bases así como canta decisión adopte o Concello de Mondoñedo para que as mesmas poidan ser interpretadas e aplicadas.”