“O xornalista Miguel Anxo Martínez Oubiña ven de gañar o XXXVIII Certame Nacional de Narracións Breves Modesto Rodríguez Figueiredo polo seu relato As casas baratas. Este premio está convocado pola Fundación do Padroado Pedrón de Ouro desde o ano 1975. A viguesa María Alonso Alonso logrou un accésit coa narración María a Lobiqueira e o compostelán Alberto Gómez Aneiros outro accésit con Contos dun representante artístico.
Esta edición do Modesto Rodríguez Figueiredo tivo lugar no Concello de Cerdedo e estivo precedida polo acto de colocación, por parte da Fundación Pedrón de Ouro, dunha placa conmemorativa na casa natal do investigador cerdedense Antonio Rodríguez Fraiz co gallo do centenario do seu nacemento. (…)” Desde Fervenzas Literarias.
Santiago: homenaxe a Isaac Díaz Pardo
Desde
Praza:
“En 1954 Lorenzo Varela, grande amigo de Isaac Díaz Pardo e homenaxeado nas Letras Galegas de 2005, publicou un poema no seu libro Lonxe titulado Compañeiros da miña xeneración mortos ou asasinados. Nel, Varela escribe que “gardo, coma un morto, no centro do silenzo, da sede, da agonía, o día que vos poda levar á sepultura unha cesta de pombas e mazás”.
Iso é o que un grupo de amigos e admiradores de Isaac queren facer este sábado 5 de xaneiro a partir das 12:30 h. do mediodía no cemiterio compostelán de Boisaca, onde Díaz Pardo foi soterrado hai agora un ano. O acto cívico, organizado pola Academia Real Isaac Díaz Pardo, contará coa participación de poetas, escritores e outras figuras destacadas, unidas pola estreita relación que tiñan co intelectual. Falarán Carmen Blanco, David Otero, Laura Pérez Landeira, Luz Pozo, Julián Rodríguez, Claudio Rodríguez Fer, Helena Villar Janeiro, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Axeitos, Xosé María Dobarro Paz, Inma López Silva, Martiño Noriega, Charo Portela, Xesús Redondo Abuín ou Fernando Salgado. E porán a música A Quenlla, as gaitas de Manuel Castro Basteiro e Elisardo González López e os violins de Laura e Marina Quintillán.
O poema de Lorenzo Varela será recitado por Xosé Ramón Fandiño. E como afirma Xesús Alonso Montero “morrese Díaz Pardo de morte morrida ou de morte matada, Lorenzo Varela non lle furtaría o agasallo das mazás e das pombas”. E Alonso Montero conclúe “nese intre as pombas recuperarán a liberdade e as mazás, co seu recendo, traducirán , ao seu xeito, o agarimo e a admiración dos asistentes ó acto. Valle Inclán, soterrado a poucos metros, aplaudirá sen reservas a nosa admiración e o noso agarimo, que serán perpetuos”.”
Anuario 2012: Creactividade
Desde
Cultura Galega:
“Acción e crise son palabras fundamentais para definir o panorama cultural do último ano. A sociedade semella tomar o protagonismo con iniciativas anovadoras ante o devalo económico que afecta á cultura. No entanto, non debemos esquecer a retirada de apoios públicos pode comprometer moi seriamente o noso futuro. Repasa o que deron de si na cultura os últimos 12 meses no noso Anuario 2012. (…)
Canda a isto, a celebración do Día das Letras dedicado a Paz Andrade contribuíu a soster a perspectiva, xa consolidada nos últimos anos, de pensarmos a vertente internacional da nosa lingua ao tempo que incidiu na consideración da cultura como unha industria cun importante potencial económico. De xeito semellante, as celebración do centenario de Eugenio Granell lembrou as conexións mundiais da creación feita no país mentres o Ano Celso Emilio amosou a actualidade da poesía social. Acaba o ano en puntos suspensivos para un decreto sobre o galego no ensino cuestionado desde os tribunais e mais para unha Cidade de Cultura que inicia a súa enésima reorentación, cun futuro aínda por determinar nos dous casos. Tamén queda pendente de verificar o futuro das políticas públicas a respecto do ámbito audiovisual, logo das importantes mudanzas institucionais que sofreu sector coa supresión do Consorcio. (…)
É nese longo prazo onde se xoga o futuro. Ollamos como, en certo xeito, a iniciativa privada (e social) toma o relevo da pública. Increméntase o número de axentes activos a pequena escala, con traballo en rede, con novos xeitos de pensar e de facer. No entanto, non se pode perder de vista que o investimento público en cultura permite formatos, orientacións e magnitudes difíciles de cubrir desde un ámbito privado que acusa os problemas económicos. Nese sentido, o público está chamado a cumprir un importante papel de I+D que permite a creación de públicos, a formación de profesionais e a proxección internacional, entre outras cuestións. Na mesmas xógase realmente o potencial xa non só económico da cultura, senón a súa capacidade identitaria e a propia creatividade da nosa sociedade. En momentos cruciais coma este, non cabe dúbida de que estamos a xogar o futuro. Os falecementos de persoeiros Díaz Pardo ou de Xaime Illa Couto nun ano coma este non deixan de ser simbólicos. A cultura fica orfa de grandes figuras que definiron o noso país en tempos complexos. Cómpre agora xente para continuar a construción.”
Manuscritos: Celso Emilio Ferreiro (II)
Manuscritos: Uxío Novoneyra (I)
Freixanes chama a sacar a lingua galega “do gueto do ensino” e apartala “do espectáculo da loita política”
Desde
Galicia Hoxe:
“O director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, pediu este mércores apartar a lingua galega da batalla política e sacala do “gueto do ensino”. “Se o mundo do comercio, do ocio, da publicidade ou os medios de comunicación están noutro rexistro, estanse a equivocar”, apostilou. Ante o conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, Freixanes celebrou o impulso de O libro dos Reis Magos e declarouse “impresionado” polos textos das autoras que participan nesta iniciativa. A liña sequido, Freixanes fixo un chamamento á Xunta e ao conselleiro para “sacar a lingua galega do gueto do ensino” e do ámbito institucional do Parlamento, ao tempo que pediu que se lle aparte do “espectáculo” político. “A lingua non pode estar sometida ao espectáculo permanente, nin aos prexuízos de dous ou tres señores”, advertiu. Por último, fíxose eco da súa propia carta aos Reis Magos pedindo “apartar o espectáculo da loita política” e “ser capaces de poñer a todos de acordo en canto a lingua galega”. “Menos espectáculo no Parlamento e máis traballo nos despachos”, demandou.”
Pilar García Negro: “Arrepíntome de ter confiado en quen non o merecía”
Entrevista
a Pilar García Negro en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): ¿A quen admira?
– Pilar García Negro (PGN): A todas as mulleres que loitaron por séreno dignamente e sen submisións. A persoas que colocan o traballo, a honestidade e o amor a Galiza por riba de calquer interese biográfico. (…)
– EP: ¿Que libro ten na mesiña?
– PGN: Chile a la vista, de Blanco Amor. Como libros de cabeceira: Rosalía de Castro e Castelao.
– EP: No seu momento foi expedientada por dar as súas clases en galego, ¿sentíase como unha vítima ou como unha heroína?
– PGN: Para maior (aparente) paradoxo, fun expedientada ao abeiro dun decreto derivado da Lei de Normalización Lingüística (1983), sinal ‘histórico’ de como e para que se utilizaban as leis de teórica protección á lingua galega. Non me sentín vítima nen heroína, pois fun acompañada por centos de compañeiros que defenderon a normalidade do que eu facía: considerar o galego unha lingua, apta, por tanto, para calquer cometido cultural.”
María Solar publica A verdadeira historia da mosca da tele
A Coruña: Yolanda Castaño e Xosé Tomás asinarán exemplares de Verdedades
Manuel Rivas: “Os personaxes conduciron a escrita d’As voces baixas“
Entrevista de Carme Vidal
a Manuel Rivas en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza: As voces baixas está a ser aclamado pola crítica. Contaba vostede con que o seu libro máis persoal fose recibido con tanto entusiasmo?
– Manuel Rivas: Para min o importante era escribir este libro e nunca me preocupou moito o que puidese pasar despois. Precisaba escribilo e coido que parte da boa reacción que está a provocar vén precisamente desa dimensión, de ser un libro do eu e do nós. Non me estraña, por iso. Cando un libro se publica é xa un emigrante que vai de man en man e este pousa na xente. Teño a sensación de que está a ter unha boa viaxe, mais cando o escribín descoñecía a sorte que podía ter. Despois dalgúns episodios de certo éxito literario, como O lapis do carpinteiro que tivo moito impacto, ou algúns relatos como A lingua das bolboretas, pasoume algo importante. Cando escribín Os libros arden mal caín nunha especie de baleiro, nun inferno, e chegou un momento en que case deixo o libro porque o que estaba contando me producía sensación de horror. Esa historia dramática da cultura estaba a ser abondo para min, o desacougo era inmenso. Pensei que se deixaba de escribir non pasaría nada, contra esa idea transcendente do que estás a facer. Como di Elías Canetti, cando escribes tes que ter sensación de que podes parar unha guerra, mais unha cousa é que teñas esa actitude de aposta fonda e outra que pares a guerra. Reiniciei. Tirei para adiante coa idea de que tiña que seguir escribindo, non tanto polo libro senón por min mesmo. Cheguei á conclusión, mesmo un pouco egoísta, de dicir: vou escribir mesmo que remate a miña carreira. Rematara a idea de carreira literaria, mais vou continuar aínda que sexa para min só, aínda que faga haikús ou escriba na area cun garabullo como os rapaces. Esa decisión e esa sensación cambioume. Veume moi ben para entender a miña relación co oficio de escribir. Deixei de ser un abandeirado. Levoume a un compromiso coa escrita, mais esquecín o efecto público do que fago. (…)”.






