Andrea Nunes: “A poesía é unha linguaxe moi eficaz para nomear as disidencias porque é quen de escapar dos marcos normativos”

Entrevista de Inés Pena a Andrea Nunes Brións en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Mapa da estría é un título que soa a corpo, a territorio, a ferida e resistencia. Como nace este libro e que quería mapear nel?
– Andrea Nunes Brións (ANB): O libro nace da necesidade de pór en palabras unha experiencia brutal e propia atravesada por desprazamentos, perdas e tamén existencias. A estría funciona como unha marca visíbel da tensión, como cicatriz que conta unha historia. Quixen mapear, como indica moi ben a palabra, as diferentes emocións e as feridas que deixan os lugares, os encontros, as linguas e os afectos vividos nos últimos anos.
É verdade que hai que recordar que este libro escribino nun tempo e reviseino dez anos despois. A verdade é que sentía que o tiña pouco secuestrado, e dábame medo que a recepción fose un pouco “esta blanquita europea dando voltas polo mundo e contando un diario de viaxe”, cando non era así.
– ND: Por que decide usar a imaxe das estrías como eixo vertebrador deste novo libro?
– ANB: Porque a estría non é só unha marca da pel: é memoria, é rastro dun proceso. Encántame que sexa unha pegada do que se moveu, do que se transformou. É tamén unha reivindicación do corpo real, non domesticado; é unha metáfora do que nos atravesa sen pedir permiso e tamén das marcas que deixa o sistema sobre os corpos disidentes. Tamén son marcas de resistencia, de loita e de beleza. Non hai corpo sen historia e esas historias tamén se len na pel. (…)”

María López Quiroga gaña o Premio Illa Nova 2025 coa novela ‘Perder o norte’

Desde Galaxia:
“En Vigo, a 11 de xullo de 2025, reuniuse o xurado do Premio Illa Nova de Narrativa nas instalacións de Ámbito Cultural de El Corte Inglés. Compóñen o xurado Ana Arias Castro, Iria Collazo, Lara Dopazo, Ramón Nicolás e Adrián Pérez Bote. Exerce de secretaria do xurado, en representación da Editorial Galaxia, Malores Villanueva.
Despois das oportunas deliberacións o xurado decide por maioría outorgarlle o Premio Illa Nova de Narrativa na súa novena edición ao texto Perder o norte.
Aberta a plica cos datos da obra premiada a gañadora resultou ser María López Quiroga.
O xurado destacou que Perder o norte é unha novela cun estilo moderno que dialoga co xénero dramático para tratar asuntos de actualidade como a saúde mental ou a dor. A historia afonda na relación íntima das personaxes protagonistas e, a través delas, esculca nese sentimento ata a emoción.
Esta historia transita diversos territorios, físicos e emocionais, dende as paisaxes luguesas da nenez, ata a xeografía itinerante que percorre a protagonista. Estas referencias espaciais, xunto con outras artísticas, literarias, musicais, constrúen un potente retrato xeracional.
A autora exhibe un estilo poderoso e coidado para narrar o proceso de crecemento da voz narradora.”