Entrevista
de Armando Requeixo a Arturo Casas no seu blogue, Criticalia:
“- Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Arturo Casas (AC): Sóbralle preguiza intelectual e certa tendencia ecoica. Falta sentido crítico e autocrítico. Como en todas partes. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– AC: O presente literario, cultural e artístico galego é prodixioso. Son dos que subscriben o xuízo de que, en termos sociolóxico-culturais, resulta difícil explicar que a situación persista así dadas as condicións sociopolíticas e económicas que o país experimenta e o rumbo xeral do consumo cultural no mundo. Existe un desaxuste obvio entre a Galiza actual e a Galiza posíbel, a que resiste na vontade dunha minoría culta, informada e politicamente consciente de algo tan sinxelo como que o futuro hai que pelexalo. No primordial, porque existen contraforzas que asumen un programa político dirixido a anular o que tanto esforzo levou erguer, desde unha industria cultural autónoma ao propio progreso na normalización lingüística; pero tamén porque a resposta a todo isto é insuficientemente intelixente e eficaz. (…)”
Manuscritos: Fina Casalderrey
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
Santiago: recital Picaversos, Prohibidos
O
martes 9 de outubro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Prohibidos, coa participación de Rosa Enríquez, Ania González e García, de Dios ke te Crew. A entrada custa 2 euros.
Andrés Torres Queiruga: “O Deus no que creo non busca o noso sacrificio, senón a nosa felicidade”
Entrevista
a Andrés Torres Queiruga en La Voz de Galicia, desde Galaxia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Alguén así é o Deus en quen eu creo, ¿alguén como?
– Andrés Torres Queiruga (ATQ): O título ocorréuseme precisamente unha noite, nese proceso despois da nota dos bispos, pensando como podo dicir eu, como o podo expresar, cal é a miña visión de Deus.
– LVG: ¿E cal é esa visión de Deus?
– ATQ: Primeiro Deus como alegría, como salvación. Ese foi o meu descubrimento de Deus e a miña liberación do medo que, como a tantos, me meteron del cando era un neno. Despois destaco dúas metáforas, unha de Schelling, que di «Deus est res cunctas», un disparate en latín, porque debería dicir «Deus est res cunctae». Intenta suxerir, rompendo a sintaxe, que, creándonos por amor, fainos ser identificándose dalgún modo con nós: canto máis o acollemos, máis somos. Tamén fago referencia a unha frase dun escritor romano, Plinio o Vello, que dixo: «Deus est mortali iuvare mortalem»: Deus é, Deus acontece, cando un mortal que axuda a outro mortal. Coincide co fío de ouro da Biblia, desde os profetas ata Xesús: o criterio definitivo do verdadeiro coñecemento de Deus está na preocupación polo orfo, polo estranxeiro e pola viúva, dicían os profetas; ten fe quen dá de comer ao famento, sentenciou Xesucristo tamén. O noso mal e noso sufrimento son a gran preocupación de Deus. El é o anti-mal, sempre connosco contra o mal. Deus non está na enfermidade: está no enfermo, animándoo, e nos que o coidan, chamándoos e apoiándoos. Non busca o noso sacrificio, senón a nosa felicidade para nós e para os demais. (…)”.
Falece Blanca Jiménez Alonso, viúva de Fermín Penzol
“O
pasado sábado despedímola familiares e amigos no cemiterio compostelán de Boisaca. As súas cinzas quedarán depositadas no cemiterio parroquial da vila de Castropol, a carón das do seu esposo Fermín Penzol Labandera (1901-1981). Un e outra foron a alma da Fundación que leva o seu nome, creada en 1963 na órbita de Editorial Galaxia. fondo histórico fundamental para a memoria do galeguismo e da cultura galega. (…)
Blanca Jiménez Alonso (Ribadeo, 1926) casou con Fermín Penzol en decembro de 1948 e dende entón desenvolveron xuntos unha intensa actividade a prol do máis importante fondo documental da cultura galega sostido por unha institución privada e civil. Ao falecemento de Fermín en 1981, Blanca asumiu a presidencia da Fundación e, posteriormente, a presidencia de Honra, a causa dos problemas de saúde que nos últimos tempos a tiveron retirada na Coruña. Era conselleira de Editorial Galaxia, empresa á que tanto Fermín coma ela se sentiron vencellados dende a creación da mesma en 1950. En febreiro de 1997 a Asociación de Mulleres Diálogos 90 recoñeceuna como Galega destacada, galardón que lle entregou solemnemente o alcalde de Vigo. No ano 2002 a Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao. Tamén foi membro do Consello da Cultura Galega, entre 2001 e 2004, en representación da Fundación. (…)” Desde Galaxia.
Samuel Solleiro: “Se hai que tomar partido, que sexa fóra da ficción”
Entrevista
a Samuel Solleiro en Praza:
“(…) – Praza (P): dz non pretendía ser un libro erótico, aínda que a sexualidade ten moita importancia nel. Tamén está moi presente en Gran tiburón branco. A que querías apuntar?
– Samuel Solleiro (Sam. S): Supoño que é un tema universal, non só literariamente. O que tentei facer foi presentar o sexo como un elemento máis da vida, algo que nos envolve e nos condiciona moito. O que creo que non está tan tratado na literatura é iso: como o desexo sexual pode influír tanto nos nosos comportamentos habituais. Iso é o que me preocupaba neste libro, ademais doutros medos aos que nos enfrontamos todos os días. (…)
– P: Tanto o relato primeiro, sobre unha muller que se avergoña do seu home e ten relacións con outros pero non quere deixalo, como o terceiro, sobre a escritora da familia de lunáticos, apuntan a un xeito de vivir de clase media acomodaticia, consistente en pagar facturas… (son palabras túas). Era esa a idea?
– Sam. S: En realidade tento non depender dunha intención crítica estrita na literatura. Se hai un ollar crítico, procuro que sexa cada vez menos explícito. En Elexías a Deus e ao Diaño si había unha intención crítica, e en dz un posicionamento sobre o tema da masculinidade. Pero o que quero agora é, un pouco como certa escola narrativa americana, facer ficcións: un ambiente, uns personaxes… e observar as súas reaccións sen tratar de moralizar. E se hai que tomar partido, que sexa fóra da ficción. O que si está presente neste libro é, se cadra, unha resposta ás actitudes típicas da cultura da posmodernidade. No relato As putas motos isto é máis explícito, respecto á idea da posmodernidade de que todo é ficción. (…)”.
Vigo: Pedro Feijoo asina exemplares de Os fillos do mar
O
martes 9 de outubro, a partir das 19:30 horas, Pedro Feijoo asinará exemplares da súa novela Os fillos do mar na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno) con motivo da aparición da terceira edición.
A Coruña: recital de María do Cebreiro e Carlos Pardo no Ciclo Poetas Di(n)versos
O
luns
8 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño, cun recital de obra propia nun man a man de María do Cebreiro e Carlos Pardo.
Ramón Caride: “Os meus relatos do xénero negro teñen como referencia a novela realista”
Entrevista
a Ramón Caride no Faro da Cultura, suplemento do Faro de Vigo, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): O xénero negro, a novela policíaca ou como queira chamarse, está a vivir momentos de gloria en Galicia, liderada principalmente polos best sellers de Domingo Villar. Tratándose dun xénero que Vde. practicou moitas veces, coida que podemos referirnos a Sarou, e a moitos dos contos seus que se moven neste xénero, como obras que se adiantaron ao seu tempo?
– Ramón Caride (RC): Dalgunha maneira, si. O que pasa é que eu nunca tentei escribir novela policíaca no senso de novela de misterio ou intriga, senón que a miña referencia foi sempre a novela realista. A mín gústame contar dende dentro, no marco no cal “suceden”, e non adoito recorrer ao clásico investigador, ao detective que vai descubríndolle a trama ao lector. De todos os xeitos, conste que eu me confeso seguidor do xénero negro, pero máis ben como lector, e non tanto como escritor. (…)
– FdV: É certo que hai, poñamos, vinte e cinco ou trinta anos escribir novela negra estaba menosprezado e non era ben visto pola elite literaria galega? Tivo Vde. alomenos esa sensación?
– RC: Si, a verdade é que tiven esa sensación, tanto a de menosprezo como a de rexeitamento. Claro que, daquela, a aparición de novelas e relatos como os que eu facía pillou á crítica literaria un pouco fóra de órbita, aínda que haxa que recoñecer tamén que, hai vinte ou trinta anos, a maioría do público que lía literatura galega non demandaba este tipo de obras ou ao mellor acontecía que moitas delas non acadaban o suficiente nivel. A excepción, quizais, fose Carlos Reigosa, que xa andaba nestes territorios literarios, pero que si que conseguía ter tanto o respecto da crítica como un estimábel número de lectores. (…)
– FdV: O feito de ser poeta, en que medida afecta ao seu xeito de escribir cando conta unha historia; é dicir, cando ten que exercer de narrador?
– RC: Penso que o relato e mais o poema teñen moito en común, son universos autónomos e para min non son en absoluto moi distintos. A diferenza entre eles radica en que o relato ten que ter obligatoriamente un argumento, cousa que non acontece co poema. (…)”.
Vilaboa: presentación da triloxía Dragal, de Elena Gallego
O
venres 6 de outubro, ás 19:00 horas, na Biblioteca Municipal de Vilaboa (Casa da Cultura de Riomaior), preséntase a triloxía Dragal, de Elena Gallego, publicada en Xerais. O acto está organizado por Vilaboa Comunicación e contará coa participación da propia autora.
