A longametraxe Sinbad, seleccionada en dous festivais

“A longametraxe Sinbad, baseada na obra Se o vello Sinbad volvese ás illas, de Álvaro Cunqueiro, coproducida por Ficción Producións e TVG, e dirixida por Antón Dobao, foi seleccionada no Festival Internacional de Cinema Independente de Braga, Bragacine 2012, e no Zoom, Festival Europeo de Cinema para Televisión 2012, de Igualada (Barcelona). Esta longametraxe, que forma parte do proxecto de Televisión de Galicia Un mundo de historias, foi rodada en versión orixinal galega e protagonizada por Xosé Manuel Olveira Pico, no papel de Sinbad, Sara Casasnovas como Vanesa, e Mariña Sampedro como Sara. A súa rodaxe e estrea coincidiu co centenario do nacemento do autor, ademais do cincuenta aniversario da publicación da obra. Despois da súa estrea no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, estreouse en 5 salas comerciais galegas pasando máis tarde a facer un percorrido por varios auditorios e casas da cultura.” Desde La Opinión.

Santiago: presentación da Poesía completa de Valentín Paz-Andrade

O mércores 10 de outubro, ás 19:00 horas, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), en Santiago de Compostela, preséntase a Poesía completa, de Valentín Paz-Andrade, publicado en Xerais. No acto participan o Gregorio Ferreiro Fente, Rosario Álvarez, Xesús Alonso Montero e Manuel Bragado.

Kalandraka leva o Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial

“A editora pontevedresa Kalandraka acaba de ser recoñecida co Premio Nacional ao Mellor Labor editorial, que convoca anualmente o Ministerio de Cultura. O xurado do galardón destacou “o compromiso coa literatura infantil, destacando o cuidado dos textos, xunto coa calidade da ilustración e a dedicación a xéneros máis complexos como a poesía”, e sinalou que “é por isto, un referente en España e no estranxeiro”. O galardón, sen dotación económica, pretende “distinguir o conxunto do labor editorial dunha persoa física ou xurídica que destacase pola súa aportación sobresaínte e innovadora á vida cultural española”. É a primeira vez que unha firma galega se fai con este galardón, que xa recibiron en anos anteriores firmas tan consolidadas no panorama estatal como Siruela, Gredos, Alianza ou Visor, entre moitas outras. Segundo recoñece Xosé Ballesteros, director da editora, “sendo sincero non sabía nin que se reunía hoxe o xurado, a chamada pilloume totalmente de improviso”. No entanto, sinala que “estamos moi contentos por varias razóns, a primeira polo premio en si. Considerámolo como o recoñecemento a un labor colectivo, non só dos que traballamos na editora senón tamén dos autores e ilustradores do noso catálogo e tamén da xente da imprenta. Resulta unha satisfacción saber que os libros galegos son recoñecidos noutros lugares. Tamén é unha alegría que o premio recaia nunha editora galega, porque sempre semella que estamos na periferia da edición. E logo, é unha satisfacción porque é a primeira vez que o galardón vai a unha editora de literatura infantil e xuvenil”.” Desde Cultura Galega.

Pegada de tradución

“As versións en galego de obras doutras literaturas e, ao revés, as traducións internacionais feitas desde a nosa lingua non deixan de medrar. A tradución revélase como un fenómeno cunha importancia crecente na configuración do noso sistema literario. A coincidir coa celebración do Día Internacional da Tradución, repasamos as cifras deste fenómeno da man da Biblioteca da Tradución Galega da Universidade de Vigo. Unha porcentaxe cada vez maior de obras literarias están dispoñibles en galego. Desde o comezo do período autonómico rexístrase nada menos que o 95% das traducións que existen cara á nosa a lingua e desde a mesma. O ámbito ten cada vez máis importancia na configuración do noso sistema literario, tanto á hora de definir un canon (mediante o recoñecemento exterior dunha obra) como ao permitir o contacto dos nosos autores con outras letras. Por non falar do feito de que obriga aos nosos autores a competir, na súa propia lingua, con traballos recoñecidos de xeito internacional. A analizar este fenómeno, a Biblioteca da Tradución Galega da Universidade de Vigo (BITRAGA) leva un exhaustivo reconto que permite cuantificar o volume de obras e ollar as tendencias do fenómeno. A coincidir co Día Mundial da Tradución, presentan a monografía Traducción de una cultura emergente, un traballo que repasa os grandes números das bases de datos desta investigación nunha serie de artigos de Áurea Fernández Rodríguez, Iolanda Galanes Santos, Ana Luna Alonso e Silvia Montero Küpper.
Unha das tendencias que máis caracterizan a evolución do fenómeno das traducións nos últimos trinta anos é o crecente peso, desde os anos 90, das obras de tradución inversa, é dicir, as que desde o galego pasan a outras linguas. En total este fluxo supón un 33,61% de todas as obras traducidas desde e para a nosa lingua. “A importancia da tradución non é unha anécdota, trátase dunha realidade asentada, e estas cifras supoñen unha afirmación do noso sistema literario”, asevera Ana Luna, unha das responsables da BITRAGA. (…)” Desde Cultura Galega.

Samuel Solleiro: “Trato de ser feliz, aínda que escriba cousas chungas”

Entrevista a Samuel Solleiro en Dioivo:
“(…) – Dioivo (D): Quen é Samuel Solleiro, o suicida, o ultradereitista, o compañeiro de piso, o desempregado de longa duración ou un profesor fóra do seu rexistro lingüístico?
– Samuel Solleiro (SaS): Todos somos moitas persoas á vez, non? Hai unha escola sociolóxica que mesmo di que só somos as relacións que mantemos, que non temos unha identidade que interaccione con outras identidades, senón que as interaccións constrúen a identidade. Das cousas que mencionas, as dúas primeiras pertencen exclusivamente á ficción, as dúas seguintes pertencen tanto á ficción como á realidade e a última só pertence á realidade: unha breve realidade remunerada co salario mínimo á que lle restan uns poucos meses, por outra parte.
– D: Gran tiburón branco está cheo de sarcasmo ao meu entender, é un exercicio de autodefensa?
– SaS: Pois eu así, a bote pronto, e a falta de algún exemplo que o demostre, non vexo sarcasmo ningún. Tampouco autodefensa. Non creo que unha ficción literaria teña a capacidade de defender nada nin ninguén, moito menos o seu autor. Oxalá a tivese, pero creo que iso sería sobrevalorala. (…)”.

A Coruña: programación de Recendo, en CUAC FM

O martes 9 de outubro, no programa de radio Recendo da A. C. Alexandre Bóveda, estará convidada Lucía Aldao, entre outros apartados. O programa, que se emite todos os martes de 19:00 a 20:00 horas, pódese escoitar no 103.4 FM na comarca da Coruña, e en directo en internet, na web da emisora, pulsando o botón En directo. En diferido, pódense escoitar todos os programas xa emitidos, en Recendo blog.

Vigo: obradoiro sobre xornalismo As persoas elegantes usan Polaroids, impartido por Santiago Jaureguízar

“Vivimos inmersos en ámbitos informativos en cada minuto das nosas vidas. As noticias, dende as máis íntimas ás máis afastadas, determinan as nosas vidas. O obradoiro As persoas elegantes usan polaroids, que impartirá Santiago Jaureguizar e ao que se pode asistir de balde, axudaranos a comprender os mecanismos que usan os profesionais para conformar e transmitir as noticias. O curso vai dirixido a calquera persoa interesada na comunicación sen precisar de experiencia ou formación previas. Pode atraer especialmente a estudantes, tanto de Xornalismo como de Comunicación Audiovisual, e mesmo de Arte, filoloxías, Historia, Filosofía, etc. O enfoque evitará o academicismo e será práctico, partindo de exemplos dos mestres para traballar dende o primeiro con simulacións e análises. Jaureguizar achegará a experiencia de levar 20 anos como profesional de medios de comunicación e 16 impartindo obradoiros de periodismo e literatura. A participación neste curso, promovido por El Corte Inglés e Xestión Literaria, está limitada a 20 prazas.
Para apuntarse, pode facer no teléfono 986.41.51.11 (Departamento de Relacións Externas de El Corte Inglés de Vigo), ou no correo electrónico secretariadireccionvigo@elcorteingles.es”