Inma López Silva: “Moitos relatos son a raíz dalgunhas novelas miñas”

Entrevista a Inma López Silva en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que decidiu reunir estes relatos nun só volume [Tinta]?
– Inma López Silva (ILS): O motivo inicial foi que as historias estaban moi dispersas, quería xuntalas e salvalas desa especie de dispersión. Pero unha vez que fun traballando nelas, dinme conta que tamén había certo motivo de evolución.
– LVG: ¿Non existe ningunha relación que vincule as historias?
– ILS: A priori son historias non relacionadas entre si, pero que teñen algúns puntos de concomitancia. Por exemplo, os temas que reaparecen constantemente. A comedia delirante, os relatos de amor, a memoria dende a distancia, a memoria histórica… sempre mesturada coa idea do amor e coa idea de morte que tanto nos gusta aos escritores.
– LVG: ¿Cal é o seu favorito?
– ILS: Quizás o último, Caso Torneiro, porque o escribín cando estaba xa un pouco farta do académico. Foi un relato a modo de informe académico con notas a pé de páxina. Rinme moito con ese relato a primeira vez que lin o libro.
– LVG: ¿Algunha sorpresa?
– ILS: Si. Hai moito protagonismo feminino, e tamén sobre a memoria. Ademais, moitos son raíz dalgunhas novelas miñas, como un relato referente a María Casares que me inspiraría en Memoria de cidades sen luz.”

Proxecto Actívate co galego, a partir de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

“Estase a preparar un proxecto baseado en persoas que conten cal foi o resultado da aplicación dos consellos para vivir en galego que aparecen no libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, escrito por Carlos Callón e editado en Xerais. Por iso, se utilizaches nalgunha ocasión ese manual práctico, podes enviar a túa historia ou as túas historias ao correo electrónico dereitos@carloscallon.com
Non é necesario que o testemuño sexa longo. O que se considera esencial é que se compartan estas experiencias, xa que poden servir de espello e estímulo para que todas e todos nos activemos na defensa da nosa lingua. Porque falamos galego e temos dereitos!”

“Antón Reixa é un ghicho do Calvario que quere ser un poeta de masas”. Entrevista con Cid Cabido e Manuel Xestoso sobre Antón Reixa. Ghicho distinto

Entrevista a Xosé Cid Cabido e Manuel Xestoso no Faro de Vigo sobre Antón Reixa. Ghicho distinto, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Se me permiten Vdes. a ironía, tan complicada de abordar resulta a figura de Antón Reixa que facían falta dous autores para escribir este libro?
– Manuel Xestoso (MX): Non é unha fórmula infrecuente.A idea do libro nace dunha serie de conversas ocasionais entre nós os dous, nas que descubrimos que tiñamos sobre Reixa e a súa actividade poética puntos de vista complementarios: o do crítico e o do escritor.
– Xosé Cid Cabido (XCC): Por outra banda, a inxente produción do Reixa en campos tan diversos como a poesía, a música, o teatro, a videocreación, o cine, a produción audiovisual… non só fan aconsellable a combinación de dúas perspectivas, senón que sería unha faena cargarlle todo ese traballo a unha soa persoa. (…)
– FdV: Afirman no Limiar que a definición de “polifacético” é rexeitada até polo propio Reixa. Despois de escribir o libro, como definirían xornalisticamente (é dicir, con poucas palabras) a Antón? Valería algo así como “un renacentista dos séculos XX/XXI”?
– MX: Reixa, en certa medida, reflicte unha contradición moi propia do noso tempo: a do artista que pretende manter a súa condición de intelectual vangardista ao tempo que procura conectar co mercado e a cultura popular. Se cadra, habería que definilo como un ghicho do Calvario que quere ser un poeta de masas. (…)”

Parlamento das Letras: Yolanda Castaño

Entrevista de Armando Requeixo a Yolanda Castaño no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Yolanda Castaño (YC): Teño máis claro o que lles falta, aínda que pode que lles sobre un certo ensimesmamento (cunha leve inclinación endogámica) que en ocasións non as fai estar demasiado atentas ao que se está a facer fóra ou fai que case desprecen a proxección fóra, a promoción ou mesmo a tradución, aínda con afortunadas e moi numerosas excepcións. O que ao meu xuízo máis lle falta ás nosas letras é profesionalidade, talvez debera dicir profesionalismo, ou ambas as dúas unidas como caras dunha mesma moeda. E as dúas unidas a unha visión positiva das mesmas que non faga seguir vinculando a súa ausencia a unha postura ética máis honrosa. Ao meu ver, o voluntarismo e a militancia, no eido literario galego, deberían ser as xenerosas e loables actitudes dunha fase provisoria da nosa cultura (coma fase dun proceso que desaugase noutra situación cara á cal todos os axentes deberiamos pechar filas), pero nunca un estadio detido no tempo, á vez empantanado e ‘empantanante’, á vez protector e limitante, gregario e autocompracente, un tanto atávico. Compre especificar que esta carencia non a vexo máis acusada nos autores e autoras (dunha calidade que nada ten que envexar ás doutras latitudes veciñas) ca no resto de actantes do sistema literario. Con todo, observo carencias —alén de no mercado ou nas infraestruturas de produción— nas actitudes coas que os escritores e escritoras deberamos encarar a nosa autoría. Mais recoñezo que o sistema completo non facilita que os escritores/as galegos alimentemos a nosa produción de obras literarias como algo que vaia máis alá dun ‘hobby riquiño’. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– YC: Existe unha calidade literaria moi sobresaínte, apoiada nun moi bo número de autores e autoras de enorme diversidade, ambición literaria, esixencia estilística, sentido de vangarda e compromiso coa literatura. Hai un nivel alto que podo estender mesmo ao lectorado. Mais todo isto choca cun mercado literario con moitas carencias, moitas eivas estruturais e outras fallas que en parte comentei na pregunta sétima. (…)”

Cotobade: proxección-presentación de Dúas letras, de Eloy Varela e Fina Casalderrey

O venres 13 de xullo, ás 21:00 horas, na sede da Asociación Canón de Pau (Igrexario, Loureiro) de Cotobade, proxectarase a película e presentarase o libro Dúas letras, de Eloy Varela e Fina Casalderrey, publicada en Galaxia.

Xosé Ramón Barreiro: “Murguía foi consciente de que un movemento elitista como o rexionalismo era incapaz de acadar a autonomía galega”

Entrevista a Xosé Ramón Barreiro en Praza:
“Non era Murguía un home sen contradicións. Pésimo estudante, peor administrador dos seus propios recursos económicos, ser irascible e mesiánico… Mais o seu non deixa de ser “o caso máis asombroso de fidelidade a un país”, segundo di Xosé Ramón Barreiro Fernández na súa obra Murguía, que acaba de publicar Galaxia. En case mil páxinas con fotografías ata agora inéditas, o historiador reconstrúe a biografía do que foi un dos pais do nacionalismo galego, deitando luz sobre os aspectos máis escuros arredor da súa vida. Mais afonda, sobre todo, no seu inesgotable proxecto de “rexeneración” de Galicia, que abrangue o seu traballo como escritor, xornalista e creador do rexionalismo. (…)
– Praza: A súa Historia de Galicia desafiou a interpretación esencialista de España do propio Estado liberal centralista. En realidade, esa contestación da historia oficial españolista, representada pola Real Academia de la Historia, aínda non rematou. En que medida a Historia de Galicia de Murguía pode servir aínda neste proceso?
– Xosé Ramón Barreiro: Mantén todo o seu valor non nos argumentos empregados senón nos obxectivos marcados que son dotar Galicia dunha vontade de ser propio. (…)”

A Coruña: presentación de Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira

O xoves 12 de xullo, ás 20:00 horas, no Circo de Artesáns (Rúa San Andrés, 36) da Coruña, preséntase o libro Para unha crítica do españolismo, de Camilo Nogueira, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Xabier P. DoCampo e Manuel Bragado.