Entrevista
de Armando Requeixo a Elvira Riveiro Tobío no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Elvira Riveiro Tobío (ERT): Fáltalle estar máis na vida dos mecánicos, das médicas, dos enfermeiros, das arquitectas, das varredoras, dos camareiros, dos soldadores… Estar na vida da poboación toda. Todo o que lle puidese sobrar é reciclable. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– ERT: Bastante onde escoller. Liñas paralelas e diverxentes. Da cantidade sae a calidade. Non coñezo nin leo todo, por suposto, fáltame tempo e diñeiro para iso, pero cando vou á libraría atopo tantas obras que me chaman e espertan o meu interese, que non podo máis que alegrarme pola cantidade, a variedade e o atractivo das propostas literarias que se ofrecen.
– AR: Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.
– ERT: A interesantísima literatura da que gozamos necesita lectoras/es. Non para vender libros, senón para construír unha sociedade crítica, orgullosa de si e aberta ao mundo. Lingua, literatura, sociedade, política, deberían ir da man. De pouco serve ter unha magnífica literatura agardando en lustrosos andeis se non temos quen a lea, nin quen fale a lingua na que xorden eses textos. A actual política glotocida que nos abafa é unha maquinaria de destrución en contra da sociedade, da lingua e, por suposto, da literatura.”
Ramón Nicolás: Libros que meten medo, en Biblos nº 56
Anotación
de Ramón Nicolás no seu blogue, Caderno da crítica:
“No último número de Biblos publico un artigo, de carácter divulgativo e xeneralista, arredor da produción literaria galega de medo ou terror. Déixoo aquí, cunhas mínimas modificacións, para quen que lle resulte de interese. Solicítanme os amigos e responsables de Biblos algunhas reflexións arredor do que se pode chamar literatura de terror e medo en lingua galega. Respondín, en primeira instancia, afirmativamente pois non me cabía dúbida de que este é un xénero que, de promocionalo ben e nun tempo coma o presente onde o espírito evasivo das propostas literarias que sexan, sen que isto teña que estar rifado coa calidade literaria minimamente esixible, pode contribuír a ensanchar a base lectora da literatura escrita en lingua galega.
Ao fío deste xénero resúltame inevitable, asemade, pensar na literatura de corte policial, detectivesca ou negra en lingua galega, onde, co paso do tempo, foi constituíndose devagar un grupo solvente de autores, cadaquén dono dos seus trazos peculiares e que están na mente de todos, que foron conseguindo individualmente interesar ao público lector e mesmo chegar a crear interesantes expectativas diante da publicación inminente dalgunha nova proposta narrativa, aínda máis cando esta presenta a estrutura de saga como recurso para fidelizar lectores. (…)”
Ourense: mesa redonda sobre novela histórica na Feira do Libro
Dentro
da XXVIII Feira do Libro de Ourense (na Alameda, Rúa do Bispo Cesáreo), aberta até o mércores 6 de xuño, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 horas, o luns 4 de xuño terá lugar unha mesa redonda ás 20:00 h. arredor do tema Segredos da novela histórica, coa participación de Marcos Calveiro, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta. Ao final do acto, os autores asinarán exemplares dos seus libros.
Santiago: encontro Carlos Casares. Escritor e intelectual do seu tempo, do 5 ao 7 de setembro
A
UIMP organiza o Encontro Carlos Casares. Escritor e intelectual do seu tempo, entre o 5 e o 7 de setembro, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), en Santiago de Compostela. O curso pretende lembrar a obra e a faceta intelectual de Carlos Casares cando se cumpren dez anos do seu pasamento cun dobre obxectivo: o de reanimar o interese do profesorado de ensino secundario pola lectura e o estudo da obra de Casares, incentivando a recuperación dalgunhas das súas novelas como lecturas recomendadas para o estudantado dese nivel educativo, e o de suscitar o interese do alumnado universitario pola investigación académica do escritor e a súa produción. Con esta dobre finalidade realízase un percorrido en profundidade polo máis destacado de dita produción e unha achega a aspectos menos coñecidos (a relación de Casares coa cultura catalana) que amosen a amplitude do seu labor intelectual. A dirección corre a cargo de Dolores Vilavedra.
O importe da matrícula é de 129 euros. Para os alumnos das universidades da Coruña, Santiago ou Vigo haberá unha redución do 50% (64,50 euros). A data límite para a solicitude da beca é a do 5 de agosto de 2012. O valor académico é de 20 horas, con recoñecemento do curso en créditos de libre escolla. As prazas son limitadas. Para máis información, matrículas e bolsas, pódese contactar coa Secretaría de Alumnos da UIMP (Fundación Luís Seoane, Rúa San Francisco, s/n., 2º andar, C. P. 15001 da Coruña). O teléfono é o 981140830, o fax 981140825, e o correo electrónico galiciasa@uimp.es.
PROGRAMA
Mércores 5 de setembro:
– 18:30 h. Inauguración a cargo de Dolores Vilavedra e Xosé Luís Barreiro Rivas.
– 19:00 h. A obra narrativa de Carlos Casares, por Ángel Basanta Folgueira.
Xoves 6 de setembro:
– 10:00 h. Xornalismo(s) e arredores na obra de Carlos Casares, por Iago Martínez.
– 12:00 h. O diálogo de Casares co mundo da infancia, por Montse Pena Presas.
– 13:00 h. Debate.
– 17:00 h. Carlos Casares tradutor, mediador e axente literario na historia contemporánea da literatura galega, por Iolanda Galanes e Ana Luna Alonso.
– 19:00 h. A achega de Carlos Casares ao ensaísmo galego, por Olivia Rodríguez González.
Venres 7 de setembro:
– 10:00 h. Carlos Casares e Nós, á luz de Deus sentado nun sillón azul, por Álex Alonso.
– 12:00 h. Casares e Galaxia, Casares en galaxia, por Dolores Villanueva.
– 13:00 h. Debate.
– 17:00 h. Os espazos literarios de Carlos Casares, por María López Sández.
– 19:00 h. Clausura e entrega de diplomas, por Dolores Vilavedra e María Esther Regueiro Fernández.
Vigo: presentación de Por uma democracia radical. Vozes subalternas contra o estado de exceção
O
sábado 2 de xuño, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Bou Eva (Rua Tercio de Fóra, 11) de Vigo, preséntase o libro Por uma democracia radical. Vozes subalternas contra o estado de exceção, publicado por Estaleiro Editora. No acto participan Francisco Sampedro, David Rodríguez e Carlos Diegues.
Dandylady propón unha representación escénica da poesía
O
pasado mes de marzo Dandylady, o dúo composto por Iria Pinheiro e mais Jesús Tejada, estreaba Dessassossego. Esta proposta de poesía escénica inspírase no Livro do Dessassossego de Fernando Pessoa, a cuxos poemas acompañan textos de seis poetas galegas e tres foráneas (Branca Novoneyra, Olalla Cociña, Lupe Gómez, Lucía Aldao, Esther F. Carrodeguas, Xiana Arias, Luci Romero, María Salgado e Adília Lopes) arredor da idea de desacougo.
Cangas: presentación de Seara. Obra poética (1971-2011), de Xosé Vázquez Pintor
O
venres 1 de xuño, ás 20:30 horas, na Librería Maraxe (Avenida de Marín, 9) de Cangas, preséntase o libro Seara. Obra poética (1971-2011), de Xosé Vázquez Pintor, publicado en Espiral Maior, coa participación de Xoán C. Chillón e Camilo Camaño Xestido, e a música en directo de Xico de Carinho.
Dúas letras, de Eloy Varela e Fina Casalderrey, gran triunfadora en Cans
“(…) A
película asinada polo director Eloy Varela e con guión de Fina Casalderrey, Dúas Letras, foi a gran triunfadora esta fin de semana no a cada día máis prestixioso Festival de Cine de Cans, onde obtivo tres galardóns e onde a súa protagonista, Teresa Fraga, nai de Fina Casalderrey, se alzou co premio á mellor interpretación feminina. Concretamente, o xurado recoñeceu ‘Dúas Letras’ cos seguintes tres premios:
– Premio do xurado dos veciños de Cans á mellor curtametraxe de ficción. Segundo recolle a acta do premio: “porque é unha historia do mundo rural moi próxima coa que todos nos sentimos identificados. Tamén pola súa delicadeza ao presentar o sufrimento dunha nai que espera as cartas do seu fillo e porque todos coñecemos a historia dunha carta que estivemos esperando e nunca chegou”.
– Premio do público á mellor curtametraxe de ficción, dotado co Can de Pedra e 1.000 euros.
– Premio do xurado á mellor interpretación feminina, dotado co Can de Pedra e 200 euros a Teresa Fraga. Segundo sinalou o xurado: “por ser un traballo veraz e emotivo. Nunca unha carta non escrita foi tan ben lida”. (…)” Vía Galaxia.
A Coruña: presentación de Os quilómetros que percorremos dende aquela, de Alberte Momán
O
venres 1 de xuño, ás 20:00 horas, na Biblioteca do Centro Ágora (Rúa Ágora s/n) da Coruña, preséntase o libro Os quilómetros que percorremos dende aquela, de Alberte Momán, publicado en Toxosoutos. No acto, xunto ao autor, participa Verónica Martínez Delgado.
A Coruña: presentación dos 50 carteis conmemorativos do cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas
A
Real Academia Galega presenta o venres día 1 de xuño ás 19:30 horas, no xardín de San Carlos da Coruña, os 50 carteis conmemorativos do cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas. Co fin de achegar a un público amplo a dimensión e significado do 50 aniversario do Día das Letras Galegas, a Real Academia Galega desenvolveu unha serie de actividades celebratorias ao redor desta data. Entre elas a elaboración de cincuenta carteis, cada un deles dedicado a unha das figuras homenaxeadas durante estes cincuenta anos, de Rosalía a Paz Andrade. Para levar adiante esta iniciativa contouse coa colaboración desinteresada e xenerosa de varios colectivos profesionais e dos seus asociados:
– A Asociación Galega de Deseñadores (DAG). Entidade que encomendou entre os seus asociados a realización das cincuenta pezas.
– A Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) encargoulles a cincuenta escritores/as a redacción de cincuenta frases que se incorporaron a cada un dos cincuenta carteis.
– A Asociación Galega de Artes Gráficas realizou a impresión dos carteis.
– Torras Papel forneceu o papel.
– A Asociación Galega de Editores asumiu a distribución das coleccións de carteis en librarías e bibliotecas.
– A Federación Galega de Libreiros comprometeuse a promover desde as librarías a difusión dos carteis.
– A Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia e ANABAD-Galicia promoven a difusión dos carteis e organizan actos relacionados coa efeméride.
O acto contará coa intervención de escritores e deseñadores participantes, así como cos representantes das asociacións que promoven o proxecto. Pecha o acto o Presidente da Real Academia Galega, D. Xosé Luís Méndez Ferrín.