O Temple, Cambre: Vermú literario sobre Os quilómetros que percorremos dende aquela, con Alberte Momán

O sábado 11 de febreiro, ás 13:30 horas, na Librería A Libreira (Rúa Luís Seoane, 2) do Temple (Cambre, A Coruña), terá lugar un Vermú literario sobre a obra Os quilómetros que percorremos dende aquela, de Alberte Momán, publicado en Toxosoutos.

Convocado o XVI Certame de Poesía Francisco Añón

O Concello de Outes convoca o XVI Certame de Poesía Francisco Añón, coas seguintes bases (pódense descargar completas aquí: Bases XVI Certame de Poesía Francisco Añón):

– PRIMEIRA: Poderán participar todas as persoas interesadas, de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en Lingua Galega. Os textos presentados deberán ser inéditos.
– SEGUNDA: Establécense as seguintes categorías e premios por idades, que se contabilizarán ata o nove de abril, data de remate de entrega dos traballos:
– Categoría A: Nenos/as de 6 a 7 anos. Premios:
* 1º Clasificado: vale de 90 € en libros e publicación da obra galardoada.
* Accésit: Publicación da obra.
– Categoría B: Nenos/as de 8 a 9 anos. Premios:
* 1º Clasificado: vale de 120 € en libros e publicación da obra galardoada.
* Accésit: Publicación da obra.
– Categoría C: Nenos/as de 10 a 11 anos. Premios:
* 1º Clasificado: vale de 150 € en libros e publicación da obra galardoada.
* Accésit: Publicación da obra.
– Categoría D: Rapaces e rapazas de 12 a 14 anos. Premios:
* 1º Clasificado: vale de 180 € en libros e publicación da obra galardoada.
* Accésit: Publicación da obra.
– Categoría E: Mozos e mozas de 15 a 17 anos. Premios:
* 1º Clasificado: cheque por valor de 450 € e publicación da obra galardoada.
* Accésit: Publicación da obra.
– Categoría F: Maiores de 18 anos. Premios:
* 1º Clasificado: cheque por valor de 1200 € e publicación da obra galardoada.
* Accésit: Publicación da obra.
O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente.
– TERCEIRA: Para as categorías E e F, as obras terán unha extensión mínima de 150 versos.
– CUARTA: Os traballos presentaranse en sobre pechado, orixinal e cinco copias, figurando no seu exterior a mención XVI Certame Francisco Añón de Poesía. No seu interior achegarase un sobre pequeno, tamén pechado, figurando no exterior o título da obra, a categoría na que participa e o lema ou pseudónimo do autor; e no interior os datos persoais (nome, idade, enderezo, teléfono de contacto, centro de estudos, titulo da obra e lema ou pseudónimo) e fotocopia do DNI ou CIF. Estes traballos recolleranse na Casa da Cultura. Avenida de San Campio s/n 15230 Outes (A Coruña). Tamén poden enviarse por correo ao devandito enderezo.
– QUINTA: O prazo de presentación rematará o luns 9 de abril de 2012.
– SEXTA: O xurado, que se dará a coñecer oportunamente, será nomeado polo Concello de Outes. O día 17 de maio de 2012, dentro dos actos conmemorativos do Día das Letras, darase a coñecer a decisión do xurado nun acto público no que, ademais de facer a entrega ás persoas premiadas, celebrarase a presentación do libro XV Certame Francisco Añón de poesía, 2011.
– SÉTIMA: Aqueles orixinais non premiados serán devoltos nun prazo de tres meses, previa solicitude por escrito. Transcorrido o dito prazo, os poemarios serán destruídos.
– OITAVA: A decisión do xurado será inapelable. A participación no presente certame implica a aceptación das anteriores bases.”

Vigo: presentación de Transición, de Fran Alonso, e recital poético con María Lado e o autor

O venres 10 de febreiro, ás 20:00 horas, na Librería Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o novo poemario de Fran Alonso Transición, publicado en Franouren. No acto, presentado polo editor Manuel Ángel García, terá lugar un recital poético de María Lado e o propio Fran Alonso.

A Coruña: presentación de A caza do ghazafello

O venres 10 de febreiro, ás 18:30 horas, na Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto (Rúa Curros Enríquez) da Coruña, preséntase o libro disco A caza do ghazafello, publicado en Xerais, nun acto coorganizado pola editora e a Libraría Sisargas.

Aveiro: Congresso Internacional As línguas não estatais e as novas tecnologias da informação e da comunicação, o 8 de marzo

A quinta feira 8 de marzo, na Universidade de Aveiro, terá lugar o Congresso Internacional As línguas não estatais e as novas tecnologias da informação e da comunicação, onde participan os seguintes autores galegos (toda a información pode ser consultada aquí: Programa Congresso Internacional As línguas não estatais e as novas tecnologias):

10:00 / 10:30 h. Os blogues e as línguas não-estatais: a presença das línguas ibéricas ameaçadas na net, por Xavier Frias Conde, Professor de galegoportuguês na UNED.
12:00 / 12:30 h. Galiza: O País virtual é o país ideal, por Francisco Castro, escritor, editor, blogueiro.
15:00 a 16:15 h. Mesa redonda, moderada por Alberto Gómez, com Amadeu Ferreira, Alcides Meirinhos, Xavier Frías Conde, Francisco Castro, Inaciu Galán, Anna Cortils e Sebastià Bennasar.

Moaña: presentación de Infancia de vacas mortas, de Daniel Costas

O xoves 9 de febreiro, ás 20:30 horas, no Centro Sociocultural Daniel Castelao de Quintela (Moaña), preséntase o libro Infancia de vacas mortas, de Daniel Costas, publicado por Barbantesa. O acto, coorganizado coa Libraría O Pontillón e a editora, e no que estará presente o propio autor, será presentado pola poeta Ledicia Costas.

Vigo: presentación de Romances Populares Galegos, recollidos da tradición oral, de Carlos Bernárdez e Xosé Ramón Mariño Ferro

O xoves 9 de febreiro, ás 20:00 horas, en Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 1) de Vigo, preséntase o libro Romances Populares Galegos, recollidos da tradición oral, de Carlos L. Bernárdez e Xosé Ramón Mariño Ferro, publicado en Nigra Trea. No acto, acompañando aos autores, participa Camiño Noia.

A cultura galega rende hoxe homenaxe a Isaac Díaz Pardo

A Xunta de Galicia renderá hoxe, mércores 8 de febreiro, homenaxe á figura de Isaac Díaz Pardo mediante un acto no que participará o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijoo, a familia Díaz Pardo e destacadas figuras da vida cultural galega. O acto terá lugar ás seis da tarde na Biblioteca de Galicia. Ademais da intervención do presidente da Xunta, tamén falarán nesta homenaxe o fillo do desaparecido empresario e intelectual, Xosé Díaz, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e máis o presidente do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi. Na homenaxe tamén intervirán os arquitectos Andrés Fernández Albalat e Manuel Gallego Jorreto, e os escritores Luz Pozo Garza e Xavier Seoane.” Vía La Voz de Galicia.