Entrevista
a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Que dificultades ofrece a figura de Celso Emilio Ferreiro desde o punto de vista do biógrafo?
– Ramón Nicolás (RN): Primeiro fun lector, claro, pero levo case dúas décadas transitando pola obra literaria que Celso Emilio deixou e por algúns capítulos da súa vida ata que se deron unhas circunstancias que propiciaron internarme no seu perfil máis persoal, fundamentalmente porque un dos nosos autores máis relevantes carecía aínda dunha biografía integral que xuntase o periplo vital e a súa proxección literaria e política. As dificultades foron as habituais: recadar información, édita e inédita, interpretar documentos, esculcar nas cartas conservadas ou entrevistar as persoas que tivesen algo substancial que dicir sobre o autor. (…)
– LVG: Nun sentido amplo, Celso Emilio Ferreiro foi un escritor famoso, valorado no seu tempo. ¿Como afectou iso á interpretación da súa obra?
– RN: Celso Emilio comezou a gañar sona máis alá de Galicia a través das edicións bilingües da súa poesía, e isto ocorre a finais dos sesenta e dura algo máis de dez anos. Aquí era valorado en pequenos círculos, mais con Longa noite de pedra supera todo o previsible e chega a lugares onde nunca ningún poeta galego podería pensar. Por tanto, foi famoso nos seus últimos anos mais isto non o satisfacía moito; se cadra estaba máis contento, e é unha anécdota real, co parecido físico que gardaba con Salvador Allende. Dito isto, o certo é que o número de edicións esgotadas da súa obra en vida non ten semellanza con ningún outro poeta galego. Mais por outro lado nunca puido vivir da literatura e a súa axitada vida así o demostra.
– LVG: ¿Que aspectos quedan por divulgar da súa obra?
– RN: Volver proxectar a súa poesía fóra de Galicia. Sigo a ver nel un gran narrador, de obra exigua, pero sorprendente pola modernidade e a rotundidade das pezas narrativas que deu a coñecer. Tamén cumpriría volver a vista ao Celso Emilio de facetas case descoñecidas nel como ser debuxante, crítico literario (non ao uso) e a de responsable da redacción de textos de carácter político. As acusacións de que non exerceu politicamente como antifranquista, que lin hai pouco, son inexactas e moi inxustas.”
Certame Literario sobre o Río dos Gafos
BASES PARA PARTICIPAR NO ÁLBUM LITERARIO POEMA – RÍO SOBRE O RÍO DOS GAFOS
1. Poderá
participar neste álbum calquera persoa que presente un texto en lingua galega que faga referencia ao río dos Gafos. Cada persoa poderá remitir tantos textos como desexe para a súa posterior inclusión no álbum literario Poema-río.
2. O tema será o río dos Gafos e a súa contorna. Os traballos serán de extensión libre, pero sempre inferior ás 15 páxinas. Poderán presentarse textos inéditos, orixinais de creación propia ou transcricións de textos recollidos da literatura oral tradicional. O carácter do texto poderá ser xornalístico, ensaístico ou literario, en calquera xénero agás novela.
3. O texto presentaranse, necesariamente e como mínimo, en formato electrónico, nun arquivo xunto en formato modificable ou en CD, con letra Arial de 12 puntos, 1,5 cm de espazo entre liñas e con marxes de 2,5 cm. Ademais, tamén se poderá remitir impreso en papel, coas mesmas características de edición. Non se aceptarán textos manuscritos. Os textos terán que axustarse ás Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, publicadas pola Real Academia Galega e polo Instituto da Lingua Galega no ano 2004.
4. Todos os textos estarán asinados polo/a autor/a, con nome e apelidos, teléfono e enderezo electrónico de contacto. Se o texto é recollido da tradición oral, deberase indicar ao final do texto Texto tradicional e, opcionalmente, o lugar onde se recolleu ou o nome da persoa de quen se oíu.
5. As persoas participantes enviaran os seus traballos antes do 31 de xaneiro do 2012. Remitiranse por correo electrónico a vaipolorio@terra.com ou ao enderezo postal: Asociación Vaipolorío. Preescolar de Cabanas. CP 36140- Salcedo – Pontevedra.
6. Durante o mes de febreiro reunirase un comité para seleccionar os traballos que se publicarán. Este comité estará formado por un/unha representante da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, un/unha literato/a pontevedrés/a de recoñecido prestixio e un membro da asociación Vaipolorío.
7. Todos os traballos seleccionados serán recollidos nun libro que publicará o Concello de Pontevedra a través da Concellaría de Normalización Lingüística. A publicación non estará destinada á venda, polo que ninguén obterá beneficios económicos. Cada texto levará indicado o nome e apelidos da persoa autora. O libro presentarase no mes de maio do ano 2012, dentro do programa Maio, Mes da Lingua que promove o Concello de Pontevedra.
8. A extensión máxima do libro publicado en papel será de 60 páxinas, polo que o comité seleccionador poderá decidir a publicación total ou parcial de calquera traballo que se presente. Todos os traballos presentados, fosen ou non seleccionados para a publicación en papel, poderán ser publicados na páxina web da asociación Vaipolorío, segundo o criterio desta asociación. En calquera caso indicarase o nome completo da persoa autora.
9. A participación nesta convocatoria non dá dereito a ningún tipo de compensación, agás o recoñecemento público das persoas seleccionadas. As entidades convocantes agasallarán cun exemplar do libro impreso a cada autor/a seleccionado/a para a publicación en papel.
10. Os/As participantes aceptan estas bases e as decisións do comité seleccionador.
Pontevedra, outubro de 2011
Máis información no teléfono 676842942.
A Coruña: Tour de Lecturas do Oeste
O
martes 8 de novembro, en Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, terá lugar, dentro das IV Xornadas sobre Normalización da Lingua e a Cultura no Ámbito da Educación, o Tour de Lecturas do Oeste, con entrada libre até completar capacidade. O programa é o seguinte:
– 16:30 h. Mesa redonda Xestionando a lectura pública [BoasPrácticas], con Catuxa Seoane, Marcos Lorenzo, Cristina Novoa e Albino Alonso, moderados por Héctor Pose.
– 18:15 h. Mesa redonda Iniciativas empresariais ao redor do libro, con Iria Sobrino (Estaleiro editora), Begoña Varela (Libraría Nova Colón), Manel Cráneo (Demo Editorial) e Antón Lado (2.0 Editora), moderados por Héctor Pose.
– 19:30 h. Lois Pereiro segundo Marcos Calveiro. Presenta: Neves Arza.
– 20:30 h. Espectáculo poético-musical con María Lado e Lucía Aldao, presentadas por Eva Espido.
Santiago: recital poético Picaversos, con Dores Tembrás, Xosé María Álvarez Cáccamo e Nuria Sanz
O
martes 8 de novembro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, e baixo o lema Inocentes, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos. Os tres lectores convidados a continuar este ciclo de lecturas son Dores Tembrás, Xosé María Álvarez Cáccamo e Nuria Sanz. A entrada custa 2 euros.
Múnic: encontro literario con María Reimóndez
O
martes 8 de novembro, ás 19:30 horas, no Instituto Cervantes de Múnic (Alfons-Goppel-Str. 7), finalizan as Xornadas de Literatura Galega organizadas por esta entidade cun encontro literario con María Reimóndez, moderado por Ulrike Budde.
Nova gravación para a sección Mestres/as da Memoria do portal da AELG
A
Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega dá continuidade ao proxecto Mestres/as da memoria, iniciado en 2010.
Este proxecto deriva das Polafías, organizadas pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, que se veñen celebrando desde 2007 e que, coa vindeira en Monte Alto, chegaremos ás 22.
Mestres/as da memoria intégrase na web da citada sección no portal da AELG, e consiste na gravación persoal de informantes valiosos/as en literatura de tradición oral identificados nas polafías, auténticas minas de coñecemento.
En xullo de 2010 abrimos este capítulo con Elba Requeijo, que participou nas polafías de Outes e Mondoñedo e que é un portento de memoria, recitado ou narrativa.
Dentro dunha comunidade, as persoas que tiñan mellores técnicas de comunicación asumían o papel de transmisores/as do coñecemento, a propia comunidade llelo cedía. Un valor que hoxe en día está menosprezado, e que esta iniciativa intenta recuperar .
O sábado, 5 de novembro, gravaremos a Ángel Rivas Veiga en Orxas, Pastoriza; e en Santaballa, Vilalba, a Josefa Arias.
Fran Alonso: “A invisibilidade é unha estratexia que nos oprime”
Entrevista
a Fran Alonso en El País:
“- El País (EP): A vida nas cidades e Internet son as columnas vertebrais de Ninguén. Outravolta a contemporaneidade é o signo dun libro seu. É misión do escritor ser cronista do seu tempo?
– Fran Alonso (FA): A miña é estar atento ao que sucede e explicar esa realidade. Eu interprétoa sen afán de achegar solucións. Impórtame a complicidade co lector, que se recoñeza neste estarmos condicionados por sistemas universais. Este libro explora a condición urbana, inexcusábel no mundo desenvolvido onde das cidades mana todo, o que non acontece nos países pobres. Ninguén tamén está no mundo de hoxe, representado metaforicamente nun edificio. Todo o que sucede alí pode pasar en calquera parte.
– EP: Vostede ten blog desde 2003 e foi dos primeiros escritores galegos en empregar a Rede como difusora da súa actividade e mesmo prolongación do seu traballo. Cara onde o leva a súa reflexión sobre Internet?
– FA: Adoito pensar en como inflúe en nós e no noso comportamento. A meirande transformación dáse nas relacións humanas e a aparencia di que son a ciencia e a tecnoloxía o que máis cambia. A capacidade da Rede para salvar distancias é o máis significativo e, en xeral, é algo bo que, ademais, cambia os tipos de relacións. Tradicionalmente, as relacións estaban determinadas pola inmediatez e a veciñanza; hoxe agroman noutros contextos. (…)
– EP: E diante da desaparición alarmante de medios de comunicación en galego, poida que esta crise tamén estea comprometendo o futuro da lingua?
– FA: Descoñezo o fondo da cuestión en termos de xestión empresarial, pero está claro que estamos nun momento de tránsito en que os que primeiro caen son os máis débiles. A iso cómpre sumar que os nosos representantes institucionais eludiron facer que a información chegase tamén nunha das linguas dos galegos. Por outra parte, hai tempo lin unha estatística que reflectía que o galego era unha das linguas máis empregadas en Twitter. Hai un amplo sector galegofalante que trata de impulsar a lingua a través das novas tecnoloxías. Pero é evidente que hai un retroceso nos usos. Esa pésima circunstancia, en contraposición co magnífico estado da literatura e da creación en galego produce un enorme contrasentido. Perviven moitos prexuízos, como a identificación de lingua e opción política, cando as linguas non teñen ideoloxía, son patrimonio da cultura. A sociedade galega debe decidir. (…)”.
O Temple, Cambre: Vermú literario sobre Desobediencia, con Rosa Enríquez
O
sábado 5 de novembro, ás 13:30 horas, na Librería A Libreira (Rúa Luís Seoane, 2) do Temple (Cambre, A Coruña), terá lugar un Vermú literario sobre a obra Desobediencia, de Rosa Enríquez.
Baio: presentación de libros de Xosé María Lema e Xosé María Rei Lema
Poio: representación de Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda
O
domingo 6 de novembro, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural de Raxo (Poio), represéntase a obra teatral Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, a cargo do grupo de teatro da Asociación Cultural Alexandre Bóveda.
