Santiago: presentación de A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, de Xosé Manuel Fernández Castro

O xoves 3 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, de Xosé Manuel Fernández Castro, publicado en Laiovento. Intervirán Luciano Rodríguez (profesor da UDC), Manuel Vieites (director da ESAD Galicia), Francisco Pillado (director de Laiovento) e o propio autor.

Vigo: Mesa redonda de teatro, no VI Ciclo Escritoras/es na Universidade

O xoves 3 de novembro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, remata o VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o lema Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise, cunha Mesa redonda de teatro, que contará coa participación de Afonso Becerra e Quico Cadaval, presentados por Manuel Forcadela.

Lorena Souto gaña a XXIV edición do Premio de Poesía Pérez Parallé con Fase de trema

O xurado da XXIV edición do Premio de Poesía Pérez Parallé, formado por Rosa Aneiros, Andrea Nunes e Marica Campo, decidiu por unanimidade escoller a obra titulada Fase de trema. Aberta a plica, a obra resultou ser da autoría de Lorena Souto (O Páramo, 1983), licenciada en Filoloxía pola Universidade de Santiago e membro do consello de redacción da revista Dorna. Vía blogue do Premio Pérez Parallé.

Lorena Souto: “O poemario trata de superar os estereotipos patriarcais”

Entrevista a Lorena Souto, recente gañadora do XXIV Premio Pérez Parallé en Diario de Ferrol:
“- Diario de Ferrol (DF): Cal é a súa sensación despois de gañar o Pérez Parallé?
– Lorena Souto (LS): Foi unha ilusión tremenda, porque é a primeira vez que me dan un premio sen contar as redaccións escolares. Enviara o texto e xa non o tiña moi en mente, nin me lembraba que a pasada fin de semana decidíase. É unha gran satisfacción.
– DF: Por que se presentou ao certame de Fene?
– LS: Para poetas que non temos publicado nada é un concurso que ten moito prestixio. Estase convertendo nunha plataforma da que están a saír xente como Xiana Arias ou Mario Regueira e outros que van facendo camiño. A posibilidade de publicar nun selo do enorme prestixio de Espiral Maior tamén axuda moito.
– DF: Qué é o seu poemario premiado, Fase de trema?
– LS: É unha evolución da percepción da realidade contra os estereotipos do patriarcado desde unha perspectiva feminina no que o eu acaba abrazando un ton máis colectivo e múltiple.
– DF: É un poemario feminista?
– LS: Coido que non é tanto iso como unha voz contra os estereotipos de xénero do patriarcado. Os homes tamén poden sentirse identificados. É un berro de alerta contra os individuos sometidos.
– DF: Pero coincidirá en que a voz feminina dentro da poesía cada vez se escoita máis.
– LS: Si, pero tamén o fan as arquitectas en arquitectura ou outras profesionais. Cada vez máis mulleres escriben e resulta normal que acaben publicando e gañando premios. En xeral estamos a ver novas voces, máis distintas e plurais.
– DF: Unha renovación da lírica, pois?
– LS: Pero por parte dos dous sexos, non só das mulleres. Hai novas voces e unha apertura á pluralidade en temáticas e estilos.
– DF: Que fixo ata chegar aquí?
– LS: Son licenciada en Filoloxía Galega e fixen estudos de doutoramento de teoría da literatura e literatura comparada. Estiven investigando temas de léxico cunha bolsa da universidade e formo parte do consello de redacción da revista Dorna.”

Vítor Vaqueiro: “Cada tempo fai a súa reactualización dos mitos”

Entrevista a Vítor Vaqueiro en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): -Este conxunto de lendas e tradicións [Mitoloxía de Galiza] ¿que di de como os galegos interpretaron o mundo?
– Vítor Vaqueiro (VV): É unha pregunta de difícil resposta, habería que facer unha sistematización e clasificación das lendas. Pero igual que no refraneiro hai xustificacións para unha cousa e o seu contrario, como que o paisano se alegra da choiva ou a maldí, é certo que podemos falar dun certo carácter pragmático: iso de Deus é bo pero o Diaño non é malo, e que remite a un carácter pactista, aínda que, xa digo, todo isto con moitas matizacións.
– LVG: Dende fóra hai unha percepción de Galicia como país rico en mitos: aí están, dende antigo, Fisterra ou o río do esquecemento para os romanos…
– VV: Aí hai que diferenciar entre a interpretación procedente do mundo clásico e a que se fai a partir do século XVI, que son moi distintas. A primeira é máis sincera, con todos os seus prexuízos. Despois deuse unha concreción do ser galego ideoloxicamente intereseira, e o máis triste é que foi feita dende a intelectualidade, xente como Góngora, Quevedo, Gracián, que dan unha visión estereotipada do galego. Resumindo moito, esta teoría ve aos galegos como parvos e ás galegas como prostitutas. Na época antiga, creo que o elemento decisivo era a propia situación de Galicia como fisterra, no territorio dos límites: debeu de ser moi grande a conmoción dos romanos ao ver como desaparecía o sol no océano. (…)”

Lugo: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O xoves 3 de novembro, ás 20:00 horas, no Centro Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros) de Lugo, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, participan, acompañando ao autor, Antón Bao e Carlos Vello.

A Coruña: Homenaxe á guerrilla antifranquista. Manuel Ponte Pedreira (1911-2011)

O xoves CRMH-300x1973 de novembro, ás 19:30 horas, no Auditorio da Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande) da Coruña, terá lugar unha Homenaxe á guerrilla antifranquista. Manuel Ponte Pedreira (1911-2011), organizada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, cos seguintes actos:
– Estrea do documental Miracielo, vida e morte de Manuel Ponte Pedreira, de Pablo Ces, presentado por Aurora Marco.
– Mesa-coloquio coa participación de Maruchi Ponte (filla de Manuel Ponte), Bernardo Máiz, Manuel Pazos e Rubén Afonso Lobato.
– Recital de poesía.
– Actuación musical de Mini e Mero (do grupo A Quenlla) e de Miro Casabella.

A longametraxe Sinbad estréase en salas de cine de Galicia

A longametraxe Sinbad, de Antón Dobao, adaptación da obra Si o vello Sinbad volvese ás illas de Álvaro Cunqueiro, estréase en salas de cine de Galicia.
En COMPOSTELA, nos Multicines Compostela, a partir do 28.10.2011.
En FERROL, nos Cines Duplex, a partir do 28.10.2011.
En LUGO, nos Cines Centro, a partir do 28.10.2011.
Na ESTRADA, nos Minicines Central, a partir do 28.10.2011.
En VIGO, nos Cines Norte, a partir do 1.11.2011.