A Coruña: actividades do mércores 3 na Feira do Libro

Estas son as actividades destacadas do mércores 3 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, que se desenvolve nos Xardíns de Méndez Núñez até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

19:00 h. Presentación do libro Todo é silencio, de Manuel Rivas, publicado en Xerais. No acto acompañará ao autor o músico Rómulo Sanjurjo e Manuel Bragado.
20:00 h. Presentación da novela negra Pegadas nun labirinto baleiro, de Xosé Manuel García López, publicada por Baía Edicións.
20:30 h. Miguel Anxo Fernán-Vello asina exemplares do poemario Territorio da desaparición (edición bilingüe castelán e galego), publicado por Huerga y Fierro Editores.
21:00 h. Presentación do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais, coa participación do autor, acompañado por Xabier P. DoCampo, Fran Rei e Manuel Bragado.

‘Homenaxe a Agustín Fernández Paz’, desde a Biblioteca do IES Auga da Laxe, de Gondomar

“Desde a Biblioteca Agustín Fernández Paz, do IES Auga da Laxe, deixámosvos aquí este vídeo co que lle queremos facer unha pequena homenaxe á obra do escritor que lle dá nome á nosa biblioteca. En febreiro de 2010 convocamos no instituto o concurso Memoria de elefante. Durante máis de un mes os títulos das obras de Agustín estiveron colgados do patio interior nuns carteis realizados polo alumnado de 1º, 3º e 4º de ESO, grazas á colaboración do profesorado do departamento de Ed. Plástica, e propuxémoslle ao alumnado un reto: que os memorizase por orde de publicación e os recitase logo nun acto final. As gañadoras daquel xogo foron María Pena, Marta Fernández e Sandra Salgueiro, que demostraron unha capacidade memorística impresionante ao recitar cos ollos pechados os 44 títulos que naquel momento formaban a obra literaria de Agustín Fernández Paz. Daquel xogo naceu este vídeo que esperamos que vos guste.” Desde Bibliolaxe, a Biblioteca do IES Auga da Laxe de Gondomar:

Vídeo do recital poético dentro do V Encontro de escritores/as novos/as ante vellas preocupacións

Vídeo co recital poético, coa participación de Arsenio Iglesias Pazos, Dores Tembrás, Gonzalo Hermo, Susana Sánchez Arins e David Rodríguez, que tivo lugar no V Encontro de escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, celebrado na Coruña o 6 de novembro do 2010:

Vídeo da mesa redonda Recóllote i érgote no verbo inteiro, no V Encontro de escritores/as novos/as ante vellas preocupacións

Vídeo coa mesa redonda Recóllote i érgote no verbo inteiro. A literatura galega de hoxe ante o seu idioma, con Con María Lado, Olalla Tuñas e Xosé Daniel Costas, coordinados por Marta Dacosta, dentro do V Encontro de escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, celebrado na Coruña o 6 de novembro do 2010:

A Coruña: actividades do martes 2 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas dentro das previstas para o martes 2 de agosto na 40º edición da Feira do Libro da Coruña, aberta nos Xardíns de Méndez Núñez até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

19:00 h. O escritor Francisco Castro presentará o seu libro In vino veritas, publicado por Galaxia. Xunto co autor, participan no acto Víctor F. Freixanes e Mercedes Queixas.
20:00 h. Conversa con Agustín Fernández Paz, Óscar Sánchez e Iago Martínez arredor da novela Non hai noite tan longa, publicada en Xerais.
20:30 h. O ilustrador David Pintor e o autor Carlos López (Pinto e Chinto), asinarán exemplares das súas obras.

Fina Casalderrey: “A vida é o mellor taller literario”

Entrevista a Fina Casalderrey en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): Pode dicir que se vai da docencia coa mochila chea.
– Fina Casalderrey (FC): Pois é certo. Voume coa mochila chea de afectos, dos compañeiros, e dos nenos e nenas. Iso faino por un lado máis doce, e por outro, notas un pouquiño de “demasiado pronto”. É coma se foses un afogado; eu nunca estiven afogándome, pero polo que din pasa a vida como nun momentiño toda por diante. Pois a miña vida profesional tamén. É coma se me pasase toda por diante. De todo o que me levo non son as cousas prácticas ou as teorías que ensinei, senón outras as que máis quedan. Cando alguén se emocionaba cun poema… Ou dicía: “Profe, fixen un poema ao estilo de O divino sainete de Curros”. Agora mesmo, cando pensas que os nenos pasan máis desas cousas non é certo, porque estes días demostráronmo con esas bágoas sinceras, con cartas deliciosas ou con frases como: “Cando me dean o Nobel de Ciencias, voucho dedicar a ti e á miña avoa…” Con isto pensas: non o debín facer tan mal. E prefiro irme sen que me boten, cando sinto que aínda me queren, cando eu os quero. Prefiro irme cando só me cansan e non me aburren. Esta é unha dor que paga a pena vivir, aínda que doa, é peor non a ter vivido nunca. É máis, este ano, que xa sabía que me ía, parecíanme os nenos máis bos que nunca. Daba Galego nuns cursos e noutros Matemáticas e tiven moita sorte, tiven un curso excelente. Había uns nenos espabiladísimos. (…)
– LVG: Agora que deixa a docencia terá máis tempo para escribir.
– FC: Agora quero vivir, que a vida é o mellor taller literario. Terei tempo para vivir outras cousas e beber do que xa vivín. Xa entro nesa etapa [ri] de mirar dentro. E por suposto non perder o contacto coa realidade de fóra, supoño que cos nenos non a perderei cando haxa encontros en escolas ou así. Se penso que vou perder, si que me entra unha saudade que doe e non me gusta.”

Manuel Bragado: “Non é tempo de desolación, senón de entusiasmo e corresponsabilidade”

Entrevista a Manuel Bragado en Xornal:
“- Xornal: Como está o sector [editorial] en Galicia?
– Manuel Bragado: Non é alleo ao que acontece no sector a nivel internacional. Os nosos problemas son moi similares aos dos alemáns ou os franceses. Estamos no tránsito do libro analóxico ao libro dixital, esa é a circunstancia contemporánea. É certo que os editores galegos, e sobre todo os que editamos exclusivamente en lingua galega, estamos moi mediatizados polo proceso que vive este país. Dende hai dous anos, pero non só dende hai dous anos, vivimos un certo desacougo, que non desesperanza. Gustaríanos xogar ao ataque, o jogo bonito, pero vémonos na obriga de poñernos á defensiva. Un editor ten que ser prudente, pero eu non lle teño medo á política. O partido gobernante, lexitimado polos votos, está tratando de presentarse como un modelo de recentralización, descontruíndo algúns dos grandes acordos que forxaron a autonomía política dos últimos trinta anos, e isto coincide cunha crise financeira mundial. Agora ben, eu son moi crítico tamén cos partidos da oposición. En dous anos foron incapaces de configurarse como alternativa real. (…)”

Vídeo da mesa redonda Mais tan importantes son os premios literarios?, no V Encontro de escritores/as novos/as ante vellas preocupacións

Vídeo coa mesa redonda Mais tan importantes son os premios literarios?, con Ledicia Costas, Olalla Cociña e Lucía Novas, coordinadas por Francisco Castro, dentro do V Encontro de escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, celebrado na Coruña o 6 de novembro do 2010:

Vídeo da presentación e primeira mesa redonda do V Encontro de escritores/as novos/as do 2010

Vídeo coa presentación e mesa redonda Que ten a poesía que ninguén a le pero todos a precisamos, con Celso Fernández Sanmartín, Óliver Laxe e Álvaro Negro, coordinados por Antía Otero, dentro do V Encontro de escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, celebrado na Coruña o 6 de novembro do 2010:

A Coruña: actividades do luns 1 na Feira do Libro

Estas son as actividades literarias máis destacadas previstas para o luns 1 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, que se desenvolverá, como todos os anos, nos Xardíns de Méndez Núñez, até o vindeiro mércores 10 con horarios entre as 11:00 e 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas:

19:30 h. O escritor e académico Xosé Neira Vilas, asinará exemplares dos seus libros.
20:00 h. Presentación do libro Un dedo manchado de tinta, de Manuel Portas, publicado por Edicións Xerais. Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado, e actuación de Clara Pino.
20:30 h. O profesor Jorge Mira asinará exemplares do seu libro A ciencia no punto de Mira, publicado por Auga Editora.
20:45 h. Presentación dos libros Penúltimo dietario, de Xosé Neira Vilas e Aníbal Otero. Lingüística e política en España na guerra civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero, publicados por Xerais. Xunto cos autores, participará no acto Manuel Bragado.