O galego retrocede como idioma de lectura no primeiro semestre de 2011

“O 4 % da poboación lectora española que le en máis dunha lingua escolle o galego como idioma de lectura de xeito habitual ou ocasional por detrás do castelán, inglés, catalán e francés. Así se desprende dos datos achegados polo Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros en España correspondente ao primeiro semestre de 2011 e no que o 47,1% dos lectores declara ler en dúas ou máis linguas (castelán e outra/s), unha redución fronte ao 52,9% do informe de 2010. Este estudio encargado pola Federación de Gremios de Editores de España deixa así este indicador da lectura en galego rebaixando en 0,4% ao resultante do ano 2010. En clave galega o Barómetro achega tamén que a valoración que os galegos facemos do noso sistema bibliotecario puntúase nun 7,87 lixeiramente superior á media española que está nun 7,83.” Vía Cultura Galega.

Santiago: presentación do proxecto Lonxa das Letras

O xoves 14 de xullo, ás 11:00 horas, no Kiosko da Alameda de Santiago de Compostela, a Rede Galega de Kioskos presenta o proxecto Lonxa de Letras, no que corenta quioscos galegos achegarán aos seus clientes unha selección de libros na nosa lingua, polo de agora dos catálogos das editoriais Xerais e Galaxia. Ademais dos dispoñibles en cada quiosco, os clientes poderán mercar libros ou CD’s na web do proxecto, e recollelos nestes puntos de venda sen pagar gastos de envío. De cara ao futuro, a iniciativa prevé ampliar o seu catálogo a libros electrónicos e obras en castelán. A iniciativa, que quere favorecer ademais o emprego de persoas con discapacidades, permitirá un máis fácil acceso a produtos culturais na nosa lingua mesmo fóra de Galicia, xa que a rede de distribución do proxecto chega a quioscos de toda a Península. Na web lístanse os títulos dispoñibles no proxecto, que nace da Rede Galega de Quioscos, integrada no Grupo Galego de Economía Social. A Alameda de Santiago acolle mañá, a partir das 11 horas, a presentación da Lonxa, nun acto que contará coa presenza de Diego Ameixeiras e Francisco Castro. Crónica posterior en Galaxia, Galicia Hoxe, A Nosa TerraXornal de Galicia, Asociación Galega de Editores e El País.

Manuel Rivas gaña un dos premios da Fundación Luis Tilve

‘A Fundación Luis Tilve entregará o venres 15 de xullo, nun acto no Salón de Actos da Fundación Caixa Galicia de Ferrol, os seus premios anuais, entre outros, ao escritor Manuel Rivas, na categoría de Acción Solidaria, e á Estación de Bioloxía Mariña da Graña, no de Defensa do Medio e dos Bens Comúns. Rivas será galardoado polo seu “gran compromiso e sensibilidade cara un amplo abano de aspectos”, como a recuperación da memoria histórica ou a protección da lingua galega”.’ Vía Xornal de Galicia.

Francisco Castro: O sector editorial na Literatura 2.0

Artigo de Francisco Castro publicado en El Correo Gallego e no seu blog A canción do náufrago:
“A miña nena ten tres anos e, xa que logo, non sabe ler. Pero colle o iPad e é quen de procurar unha aplicación de Contos Interactivos e escoller un. Todo a toque dun dedo. E aparecen as letras (que aínda non identifica) e a locución vai guiándoa pola historia. E descubre onde ten que premer para que pase algo. Porque os nativos dixitais que len na pantalla len doutra maneira e, xa que logo, para eles a lectura implica un determinado nivel de interactividade. E iso é lectura. Que é do que agora debemos falar no sucesivo. Xa non tanto de literatura senón dunha nova experiencia de lectura.
O papel como o básico, cando menos de momento, pero cada vez máis pegadas as propostas literarias a posibilidade de complementarse na Rede, como parte mesma da trama. Escribiremos, co tempo, para a pantalla. Porque eu como autor podo ir deixando pegadas dixitais polo cibernético mundo adiante para que se siga a miña historia. Ou porque a realidade aumentada vai facer que cando o meu móbil reciba determinado aviso porque estou xeolocalizado por Google, ou por quen sexa, nun escenario da miña obra, algunha información relevante apareza.
Xa o escribín algunha vez refuxiándome en T. S. Kuhn: estamos cambiando o paradigma. A industria editorial moi en concreto (en Galicia aínda non tanto, porque o noso mercado é o que é, pero por aí fóra moito máis). Porque, neste contexto de Literatura 2.0 hai que redefinir tamén todos os elos da cadea de produción do libro. O autor xa non necesita necesariamente (nótese a redundancia, posta aquí a mantenta) da editorial. Calquera pode publicar(se). (…)”

Xosé Monteagudo: Por que me fixen lector

Artigo de Xosé Monteagudo en Cadernos Redelibros:
“Moitas veces, en encontros con lectores ou nalgunha entrevista, téñenme preguntado por que escribo. A resposta que dou nesas ocasións trata sempre de axustarse á verdade sen repetir as palabras que antes deron outros escritores. Porque no fondo, creo que a maioría dos que dedicamos tempo e enerxías á tarefa de escribir facémolo por unhas razóns máis ou menos parecidas que teñen que ver todas elas co propio desexo irreprimible de escribir. O que en cambio ninguén me preguntou nunca é por que leo. E non obstante, creo que a resposta que eu podía dar a esa pregunta é bastante máis interesante ca a que dou á outra.
Ata os trece anos non lin unha novela nin un libro de poesía, nin sequera un relato. No fogar onde nacín non había exemplares desa clase e o primeiro recordo que teño dun libro foi a lectura dun vello tratado de Historia Antiga que entrara na casa cando algún mestre da escola que había na aldea acordara desfacerse del. No colexio público de Moraña onde estudaba, nos anos setenta aínda non existía o costume nin entraba dentro das normas pedagóxicas nin dos programas de ensino que os mestres lle recomendasen aos alumnos a lectura de contos, novelas ou poesías. Así é que pasei toda a miña infancia sen esa experiencia. Con todo o que supuxo despois, cos anos que transcorreron desde que podo dispoñer de libros a eito sen que deixe pasar en ningunha circunstancia máis de dous ou tres días seguidos sen abrir un deles, pregúntome ás veces como puiden sobrevivir daquela tanto tempo sen lecturas. Pero foi así. E para explicalo só podo pensar que quen non coñece unha experiencia nin ten ao seu alcance os medios para saber dela dificilmente pode botala en falta. (…)”

Santiago: espectáculo poético-musical Camiños de amor e lúa, de Xosé Carlos Caneiro e Xosé Manuel Salgado

O xoves 14 de xullo, ás 21:00 horas, na Cidade da Cultura, dentro do programa Atardecer no Gaiás, Xosé Carlos Caneiro, acompañado do guitarrista Xosé Manuel Salgado, ofrecerá o espectáculo de poesía musicada Camiños de amor e lúa.

Convocado o VIII Premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras

BASES

1. OBXECTIVOS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocan o VIII Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras cos seguintes obxectivos:
– Desenvolver iniciativas innovadoras, relacionadas coa planificación e a normalización lingüística, creadas por persoas e/ou grupos que pertencen ao ámbito universitario.
– Elaborar propostas que presenten rigorosidade planificadora e normalizadora para incentivar, deste xeito, a investigación nos ámbitos da sociolingüística e da planificación lingüística.
– Promover a reflexión e a implicación da comunidade universitaria galega a respecto da situación da nosa lingua dentro das súas institucións e no contorno en que se desenvolven as súas actividades.
– Aproveitar as potencialidades técnicas e científicas e os recursos humanos existentes nas tres universidades, así como outros recursos externos a elas.
2. PARTICIPANTES
O concurso está dirixido a todos os membros da comunidade universitaria galega (Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo), así como aos seus respectivos centros adscritos. Poderanse presentar todas aquelas persoas que o desexaren de xeito individual ou en grupos. Coa constitución de equipos preténdese favorecer a participación dos colectivos que teñen entre os seus obxectivos pular pola normalización do galego, como as comisións de normalización lingüística, as asociacións estudantís etc. Dadas as características do concurso fica excluído de participar todo o persoal que traballe nos servizos lingüísticos destas tres institucións.
3. CARACTERÍSTICAS DA INICIATIVA
O premio consta de dúas modalidades:
a) Premiarase o deseño dunha campaña normalizadora que desenvolva unha iniciativa orixinal que teña como obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito universitario. A iniciativa poderá presentar enfoques diferentes dependendo de cales foren os ámbitos de aplicación, os obxectivos que se perseguiren, os destinatarios a que for dirixida a acción, etc. Neste sentido, é posible ben deseñar unha campaña dinamizadora para un centro en concreto de calquera dos existentes nas tres universidades galegas, de modo que se oriente cara a un ámbito de coñecemento específico (informática, dereito, ciencia, deporte etc.) ou ben deseñar unha campaña dinamizadora para as tres universidades galegas que se poida desenvolver simultaneamente ou non.
En todas as campañas poderá procurarse a implicación de institucións,asociacións e organismos alleos ás universidades que teñan como unha das súas responsabilidades o fomento da lingua galega así como doutras entidades que se puideren implicar dalgún xeito no proceso normalizador. A campaña que se propuxer debe ter uns destinatarios concretos, débese saber onde se pretende actuar, e sobre todo que se espera obter con ela, cales son os obxectivos. Para iso o documento en que se recolla deberá contar, cando menos, coas seguintes epígrafes:
– O punto de partida onde figure a situación do galego no ámbito en que se centrar: referencias ao status legal da lingua nese ámbito, utilización de diagnoses e análises previas se as houber, grao de coñecemento do medio sobre o que se vai traballar, ter en conta o traballo previo de tipo normalizador feito no mesmo ámbito, etc.
– Os obxectivos que se perseguen: explicación do que se pretende e reflexión sobre a súa conveniencia, nomeadamente sobre os obxectivos que se perseguen e sobre a importancia que tería de se cumpriren estes así como sobre a repercusión que poderían acadar.
– A metodoloxía: análise dos procedementos e estratexias que se van seguir para acadar os obxectivos que se perseguen, cunha breve reflexión sobre a metodoloxía escollida e a súa conveniencia.
– As actividades que se pretenden desenvolver: descrición das actividades concretas que se han desenvolver e especificación da súa relevancia dentro dos obxectivos que pretende conseguir a campaña.
– A planificación temporal da campaña: configuración dun calendario de execución da campaña o máis detallado que for posible.
– As persoas implicadas e persoas a que implica: relación de persoas as que vai dirixida a campaña, así como as diferentes actividades (no caso de variaren), así como a relación de persoas ou axentes normalizadores que se han implicar no seu desenvolvemento.
– A estimación orzamentaria para o desenvolvemento da campaña: deberase presentar unha estimación orzamentaria o máis axustada posible á realidade, co que se poden incluír memorias económicas con base nuns orzamentos previos.
b) Premiarase unha idea para a promoción do galego que explique razoadamente unha proposta cuxo obxectivo for fomentar o uso do galego no ámbito universitario. A entrega desta iniciativa constará obrigatoriamente dun pequeno informe razoado sobre a idea que se presenta, a súa motivación, os seus obxectivos e a súa incidencia social. Poderá acrecentarse este informe con calquera material e/ou soporte que complemente, reforce ou desenvolva a iniciativa xa fundamentada previamente. Os criterios que rexerán nesta modalidade son os seguintes:
– as posibilidades reais de se pór en práctica e a súa capacidade de incidencia social,
– a coordinación entre distintos axentes dinamizadores: colaboración entre distintos departamentos, servizos, institucións etc., e sobre todo que se poida contar co apoio dun amplo tecido social,
– a multidisciplinaridade e o carácter transversal do proxecto,
– a novidade e a orixinalidade da iniciativa.
Para alén destes criterios básicos, valoraranse tamén o aproveitamento dos recursos humanos e económicos e a calidade lingüística que presentaren os materiais no seu conxunto, tanto no informe obrigatorio como naqueles materiais e/ou soportes que complementaren a proposta.
4. TRAMITACIÓN
As solicitudes presentaranse a través do Rexistro Xeral das tres universidades e dirixiranse ao Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, ao Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela ou á Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. Deberanse presentar dous sobres:
O primeiro sobre, que deberá estar pechado, incluirá a campaña de promoción do idioma ou a idea para a promoción do galego, en papel e en versión electrónica (formato word ou pdf). No anverso deste sobre figurarán os datos que seguen:
1.º o lema do traballo
2.º a denominación do premio: VIII Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras
3.º a modalidade a que se concorre: a) deseño dunha campaña normalizadora; b) idea para a promoción do galego.
No segundo sobre, que se deberá entregar tamén pechado e baixo o mesmo lema escrito no anverso, incluirase a identidade e os datos académicos completos da/s persoa/s participante/s ou do colectivo, así como un teléfono e un correo electrónico de contacto. Deberá, asemade, achegarse unha fotocopia do DNI/NIF/CIF.
5. PRAZO DE PRESENTACIÓN
O prazo fixado para a presentación de solicitudes será até as 14:00 h do día 10 de novembro de 2011.
6. PREMIOS
Concederase un único premio por modalidade e o xurado poderá deixar deserta unha ou as dúas modalidades de xulgar que os traballos presentados non responden aos criterios que se indican nesta convocatoria.
A dotación económica será a seguinte:
Modalidade a) Deseño dunha campaña normalizadora: 3000 € para a persoa ou grupo de persoas que a elaboraren.
Modalidade b) Premio a unha idea para a promoción do galego: 1500 € para a persoa ou grupo de persoas que a elaboraren.
Por outra parte, as tres universidades valorarán desenvolver a campaña que resultar gañadora ao ano seguinte ao da resolución do premio (ou ben en anos posteriores). Os dereitos que derivaren do seu uso serán propiedade das institucións organizadoras. No caso de que, definitivamente, a campaña gañadora se executar, as institucións organizadoras poderán consultar a persoa ou as persoas gañadoras ou requirir a súa participación voluntaria. A dotación destes premios financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 9890.9995.422D.480.08 (Premios Normalización Lingüística).
7. SELECCIÓN
O xurado estará composto polas seguintes persoas:
a) Paulo Cabral Pedreira, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.
b) Valentina Formoso Gosende, coordinadora xeral da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.
c) Xusto A. Rodríguez Río, responsable de Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.
d) Cristina Rubal González, subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística.
e) Goretti Sanmartín Rei, directora do Servizo de Normalización Lingüística.
8. RESOLUCIÓN
A resolución do xurado será inapelable e terá lugar dentro dos 20 días seguintes a que finalice o prazo de entrega de solicitudes. A data do acto de entrega do premio publicarase oportunamente e coa debida
antelación.

A Coruña, 30 de xuño de 2011.

O vicerreitor de Cultura e Comunicación
Luís Caparrós Esperante.

Amigos e sodomitas, de Carlos Callón, desperta interese internacional

A obra gañadora do Premio Vicente Risco de Ensaio 2011, Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón, está a despertar interese non só en Galiza, senón tamén fóra das nosas fronteiras. O volume está a ser reseñado nalgúns dos principais portais electrónicos de temática glbt (gai-lésbica-bisexual-transexual) do ámbito hispánico, tanto no Estado español como en América Latina: México, Arxentina, Chile, Perú, etc. (AmbienteG.com, Glosschile.cl, Noticiasgays.net, Cristianosgays.com, FrecuenciaGay.com, AGMagazine.info, Juarezgay.mx, TemasGayMexico, Montegay.com, MundoLGBT, etc). Tamén foi entrevistado no xornal El Mundo.

A obra de Castelao será declarada Ben de Interese Cultural (BIC)

“A decisión de declarar BIC a obra de Castelao foi aprobada pola Consellería de Cultura e Turismo o pasado 28 de xuño a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e, o procedemento, será comunicado ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural para a súa anotación preventiva como ben de interese cultural inmaterial. Nos próximos días a decisión será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) e, a continuación, abrirase un período de información pública durante un mes co obxectivo de que os interesados poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente.
Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao, insistiu na tardanza, pero aceptou que, finalmente, se dera o paso: “Cando unha cousa está mal feita é agradable o día no que se fai algo ao xeito. Realmente, é do pouco bo que fai a Xunta” (…) Vía Xornal de Galicia.