Xavier Rodríguez Barrio: “Hai que quitarlle todos os matices políticos á lingua”

Entrevista a Xavier Rodríguez Barrio en Xornal de Galicia:
“(…) – Xornal (X): Esta obra [Calado testamento] conseguiu un premio. Case todos os seus libros gañaron algún galardón. A única forma de poder publicar poesía é gañando algún certame?
– Xavier Rodríguez Barrio (XRB): Non é a única forma, pero para a xente nova que comeza si que pode ser o único camiño. Cando eu publiquei o meu primeiro libro en 1973, non había premios que puidesen apoiar un libro. Había algúns como o Xosé María Chao en Vilalba ou o Castelao, pero pouco máis. Moitos deles non levaban nas bases a publicación do libro. Hoxe por hoxe e tal como está o mundo editorial, resulta complicado. Pero non só a nivel galego, senón a nivel estatal. Galaxia atende a poesía a través da colección Dombate, pero non o fai co ritmo que sería recomendable. Xerais publica moi pouca poesía. Hoxe por hoxe, está Espiral Maior. É insólito que chegue a 200 títulos de poesía publicados. É un esforzo incondicional que fai Espiral Maior a prol da poesía galega.
– X: Está a literatura galega un pouco limitada de galardóns poéticos?
– XRB: O Esquío morreu, por exemplo. E morreron outros. O Celso Emilio, comezara nos oitenta e era un premio que estaba consolidado a nivel de autores e contía económica. E desapareceu poucos anos despois de se crear, creo que a finais dos oitenta. Eses e outros acabaron desaparecendo.
– X: Como definiría Calado testamento?
– XRB: Neste libro tratei de facer unha fondísima e serena meditación sobre a experiencia do tempo. Un pouco, o título é contraditorio como a linguaxe que quixen empregar. É un pouco un balance, nestas alturas da vida na que teño cincuenta e algúns ano, do vivido, do pasado e do perdido. Falo da perda da inocencia, pero tamén fago unha lectura do amor e unha lectura da contorna familiar. Recollo un testamento calado, todo o que tes calado que vai formando parte dun suposto testamento, un suposto testamento que implica parte de silencio, parte de reflexión e parte de meditación.
– X: Vostede é coordinador dos Servizos de Normalización Lingüística da Deputación de Lugo. Dende ese traballo e coa que está a caer, o galego está nunha situación de escribir testamento?
– XRB: Non quero pensar nun calado testamento para a lingua. Se cadra estou equivocado e é produto do optimismo. Penso que o que toca facer, e xa digo que non sei moi ben como, é quitar todo os matices políticos da lingua. Aínda que iso é moi complicado, porque todos os idiomas teñen eses labirintos da política polo medio. Que está pasando con Galicia? Pois mira, con respecto a cando eu comecei a escribir, houbo un avance grandioso. Tamén penso que, a estas alturas, o galego tiña que estar afianzado na sociedade dunha forma máis intensa e cun compromiso claro de todo o mundo. Que a cousa vai lenta? Pois si. Aquí pasa o que dicía Díaz Castro no seu poema Penélope: Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move. Hai que pensar moitas cousas nestes momentos e buscar un clima de unión para impulsar en todos os eidos o idioma que nos fai ser un pobo.
– X: Pode existir ese clima con esta Xunta de Galicia?
– XRB: Neste momento non hai clima. Houbo un clima propicio noutros tempos. Eu vivín escenarios máis propicios. Todo este tipo de acusacións e de non facer caso a propostas tan marabillosas de entidades como a Academia ou a AELG non resulta comprensible. Coido que hai que acelerar a implantación do idioma e conseguir que a implantación sexa real.”

A Coruña: exposición Formas de ver a Bóveda, até o 31 de agosto

Do xoves 7 de xullo ao mércores 31 de agosto, con horario entre as 16:30 e as 19:30 horas de luns a xoves, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, está aberta ao público a exposición multidisciplinar Formas de ver a Bóveda, composta por obra gráfica, pintura, escultura e manuscritos de artistas, escritores e escritoras de todo o país (estes últimos en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) que acudiron á chamada da Asociación Cultural para expresar como ven eles, 75 anos despois do seu asasinato, a figura de Alexandre Bóveda.
A listaxe de artistas é a seguinte: Ánxeles Penas, Sonia Esturao, Magaly, Deli Sánchez, Jose Luis Busto, Berta Ares, Ana Martínez, Sara Garrote (Chuca), Sabela Baña, Alfredo Constela, Nito Davila, Óscar Carballo, Maria Braxe, Nando Pereiro, Maribel dos Anxos, Iglesias Diz e Nolo Suárez.
A listaxe dos autores dos manuscritos está conformada por: Xavier Queipo, Francisco Castro, Olga Patiño, Ana Arias Saavedra, Alberto Suárez Figueiras, Xosé Vázquez Pintor, Xosé María Álvarez Cáccamo, Vicente Piñeiro González, Xosé Neira Vilas, Rafael Lema, Afonso Álvarez Cáccamo, Fina Casalderrey, Concha Blanco Blanco, Felipe Senén, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Salvador García-Bodaño, Xoán Xosé Fernández Abella, Lucía Novas e Adolfo Caamaño Vázquez.

Entrevista a Francisco Castro en Qué leer

Entrevista a Francisco Castro en Qué leer, traducida ao galego por Ramón Nicolás no seu blogue Caderno da Crítica:
“(…) – Qué leer (QL): Dende a túa atalaia como editor en Galaxia, como enfrontas os desafíos destes tempos?
– Francisco Castro (FC): O futuro é dixital, e témolo moi claro. Galaxia non é unha empresa, é un proxecto, é unha idea de país e sempre quixo que a literatura galega estivese na modernidade. Hoxe estamos encantados de recibir galardóns, algúns recoñecendo o noso traballo nas novas tecnoloxías. A isto engadimos a nosa presenza nas redes sociais, na blogosfera… Ou a lingua galega está aí ou cómennos.
– QL: Noutra orde de cousas, que cambiou en ti despois do multipremiado e reeditado Chamádeme Simbad, hai pouco traducido o castelán e catalán?
– FC: En min hai algo antes e despois deste libro. Non a nivel estilístico porque ese narrador que eu utilizo está sempre, pero si cambiou a nivel de percepción social da miña obra: as alegrías que me deu este libro son moitas, aínda que nacese dunha ferida. Decátome de que con el cheguei a obter recoñecemento da crítica e de lectores; ao tempo permitiume valorar a importancia da literatura. Noto a sensibilidade dos lectores máis novos sobre o tema que trato na novela, que é o Alzhéimer.
– QL: Consideras necesaria a proxección cara a fóra da nosa literatura?
– FC: Absolutamente. Eu sempre digo que escribo non só para que me lean en Galicia senón para que me lean en todo o mundo, e escribo dende a miña lingua. A miña novela Xeración perdida está tamén a punto de saír en castelán no selo Pulp Books: é unha das miñas novelas máis queridas, se pode chegar a outras latitudes será unha grande alegría. (…)”

Vigo: Vilagrafías, exposición poético-fotográfica de Anxo Cabada

Do xoves 7 de xullo ao domingo 11 de setembro, con horarios de 10:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 21:00 horas, no Verbum-Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo, e con entrada gratuíta, pódese visitar a exposición Vilagrafías, unha recreación poético-fotográfica da xeografía visual e sentimental das vilas e cidades galegas, onde se conxuga, dunha banda, a descrición (textos, poemas ou outros escritos) dos autores nados nesas vilas (María Xosé Queizán ou Xosé María Álvarez Cáccamo, entre outros) e, da outra, a mirada fotográfica do estradense Anxo Cabada.

Conclusións do Encontro Libro e Lectura, do Foro Galeusca de Editores

“Os membros da Asociación Galega de Editores, da Associació d´Editors en Llengua Catalana, da Euskal Editoreen Elkartea, e da Associació d´Editors del País Valenciá reunidos no Foro Galeuscat de Editores 2011, tras debater arredor das iniciativas de visibilidade do libro e do fomento da lectura en lingua galega, catalana e euskalduna acordan as seguintes conclusións:
– A) Solicitar ao Ministerio de Cultura que as axudas desa institución destinadas a apoiar a edición de libros de interese cultural e de difícil comercialización nas linguas cooficiais, estean exentas do réxime de mínimis, acolléndose á excepción cultural e ao fomento da diversidade lingüística recoñecida na normativa europea.
– B) Poñer os medios para realizar o seguimento e a implantación noutras comunidades da ferramenta Cegal en rede dos libros editados en galego, catalán e éuscaro, segundo o modelo utilizado hoxe polos libreiros e os editores de Catalunya.
– C) Solicitar ás administracións respectivas de cada gremio a extensión das axudas destinadas a fomentar o consumo dos bens culturais, especialmente o libro.
– D) Reclamar o desenvolvemento de plans de fomento da lectura no sistema educativo non universitario mediante a implantación dunha rede de bibliotecas escolares, dotadas dos recursos humanos e materiais necesarios para o seu traballo, así como o establecemento de redes destinadas a compartir experiencias e recursos.
– E) Solicitar aos poderes públicos da cada comunidade o desenvolvemento de Plans de Fomento da Lectura que integren as actividades de promoción estentes, apoiando as máis interesantes e incorporando a todos axentes do sector do libro. Estes Plans deberán incluír procesos de avaliación e contraste de resultados medibles co fin de introducir os mecanismos de mellora máis adecuados.
– F) Reclamar as administracións que non se banalicen os contidos dos libros de texto e que se programen e executen as políticas integrais de apoio e promoción das linguas propias, con atención preferente á utilización de modelos de inmersión lingüística nas etapas da educación infantil e primaria, no marco do establecido pola Carta Europea das Linguas Minorizadas.
– G) Solicitar aos poderes públicos que teñan en conta o labor desenvolvido polas institucións e entidades privadas (fundacións, asociacións de voluntariado…) no eido do libro e do fomento da lectura e que se favoreza a súa actividade nunha lei do mecenazgo.
– H) Celebrar o próximo GALEUSCA en Euskadi nun venres do mes de xuño de 2013.”

A Coruña: recital poético en Homenaxe á Torre de Hércules

O martes 12 de xullo, ás 19:30 horas, na Sala de Exposicións do Palacio Municipal (Praza de María Pita) da Coruña, terá lugar un recital poético en Homenaxe á Torre de Hércules, coa participación de: Ánxeles Penas, Luz Pozo, Eva Veiga, Xavier Seoane, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xulio L. Valcárcel, Olga Patiño, Francisco X. Fernández Naval, Miguel Mato, Diana Varela e Dores Tembrás.

As distincións Setestrelo 2011 da Insua dos Poetas entregáronse este sábado no Carballiño

Extracto da acta de concesión das Distincións Setestrelo 2011, entregadas na III Festa da Palabra na Insua dos Poetas o sábado 9 de xullo:
“Reunido na data de hoxe na Insua dos Poetas (Esgueva, Madarnás, O Carballiño, Ourense) ás 12:00 hs. do mediodía, o xurado encargado de outorgar as distincións Setestrelo 2011 da Insua dos Poetas, integrado por: Luís González Tosar, Maribel Outeiriño, Xosé Cid, Xan Fonseca Moretón e Antonio Piñeiro, actuando como secretario do xurado, con voz e sen voto, Xabier Castro Martínez, logo de examinar e debatir as diferentes propostas por parte dos membros do xurado, acordan, por unanimidade, conceder os galardóns Setestrelo 2011 ás seguintes persoas e institucións:
– Instituto de Estudios Carballiñenses.
– Arturo González Gil.
– Arximiro Marnotes Rodríguez.
– Galicia Hoxe.
– Manuel Gallego Jorreto.
– Antón Lamazares.
– Prof. Xesús Alonso Montero.
Todos sete, de aí o Setestrelo, destacan pola súa entrega e polo seu labor de difusión e promoción da cultura, pola súa sensibilidade co proxecto da Insua dos Poetas. Todos sete, cada un ao seu xeito, veñen sendo partícipes deste soño, deste diálogo permanente entre a literatura, as artes plásticas, a música… en xeral a creatividade, neste espazo natural, neste locus amoenus que medra, ano a ano, nesta fraterna xuntanza entre cultura e medio ambiente.

Na Esgueva, a 8 de xullo de 2011.

Bases do XXIV Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

Bases da XXIV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé (2011):

– 1) O premio convócase co obxectivo de colaborar na promoción de novas voces, polo que é requisito para participar non ter publicado ningún libro individual de poesía. Porén, admitiranse traballos presentados por persoas que publicasen previamente algún libro en edición de autor.
– 2) O xurado estará composto por tres persoas de recoñecida traxectoria no ámbito da escrita literaria, da edición ou da crítica. A súa composición darase a coñecer xunto coa publicación do fallo.
– 3) Os autores e autoras participantes presentarán un libro de poesía en lingua galega. É res­ponsabilidade do xurado do premio determinar se algún dos traballos presentados posúe ou non as características para ser considerado “libro”. Porén, recoméndase que teñan unha extensión mínima de 300 versos.
– 4) Os textos serán presentados por triplicado, de­bi­da­men­te encadernados ou gram­pa­dos, identificados inequivocamente con pseudónimo ou lema e acompañados dun sobre pechado. Na parte externa deste sobre farase constar o pseudónimo, lema ou título da obra e no interior incluirase a seguinte información: nome completo do autor ou autora, DNI ou pasaporte, enderezo e datos de contacto (teléfono e enderezo electrónico). No caso da publicación previa dun libro individual en edición de autor, deixaráse constancia na plica do título da obra, ano de pu­bli­cación e, no caso de telo, ISBN.
– 5) O prazo de presentación de orixinais remata o venres 30 de setembro de 2011.
– 6) Os traballos deben enviarse ao enderezo do Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene:
Porto do Rio, 21
San Paio-Fene
(A Coruña).
– 7) O xurado escollerá de entre os traballos presentados un único libro. Asemade, poderá deixar constancia na acta de cantos outros títulos considere merecedores de ser publicados, non significando isto ningún compromiso por parte da entidade convocante nin dos patrocinantes nin do editor. Non se fará referencia na acta ao nome dos autores ou autoras dos libros mencionados.
– 8) Os traballos non premiados poderán recollerse na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidad de Fene até 60 días despois da resolución do certame.
– 9) A entrega do premio terá lugar o sábado 19 de novembro nas instalacións da entidade convocante en Fene.
– 10) O premio consistirá na edición do libro na Colección de Poesía Espiral Maior no máis breve prazo posíbel. A primeira edición constará de 800 exemplares.
– 11) O autor recibirá 25 exemplares da obra impresa. Unha vez esgotada a primeira edición, a entidade convocante, os patrocinantes e o editor dispoñerán do prazo dun ano para reeditar o libro, debendo negociar previamente co autor ou autora a compensación económica desta e sucesivas edi­cións. Transcorrido este prazo, o autor ou autora poderá dispoñer libremente da obra coa única condición de que deberá dei­xar constancia do galardón en sucesivas edicións do libro.
– 12) Calquera detalle non previsto polas presentes bases deberá ser resolto polo xurado que ten, asemade, a atribución de interpretalas, nomeadamente no relativo aos puntos 1 e 3. A decisión do xurado é inapelábel.
– 14) Unha vez feita pública a resolución do premio nos medios de prensa (e agás no caso de indicación en contrario no exterior do sobre), a entidade convocante poderá abrir as plicas dos traballos non premiados coa única finalidade de promocionar as seguintes convocatorias do premio. Os autores e autoras poderán modificar ou eliminar estes datos dos arquivos da entidade convocante segundo se detalla na Lei de Protección de Datos de Carácter Persoal.

Bases do IX Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, convocado por Novacaixagalicia

O premio de Xornalismo en lingua galega Francisco Fernández del Riego naceu coa vocación decidida de animar e impulsar o uso do idioma galego nos medios de comunicación, ao tempo que recoñece a tradición literaria e xornalística dos escritores que utilizaron e utilizan a nosa lingua na prensa. A figura de Fernández del Riego reúne as características esenciais que inspiran esta convocatoria: identidade coa lingua galega, espírito aberto e universal, compromiso ético e presenza activa no xornalismo, no que dirixiu e animou iniciativas moi diversas. Novacaixagalicia homenaxea a súa figura e, a través deste premio que leva o seu nome, fai extensiva a homenaxe aos escritores e xornalistas que contribúen decote á construción do discurso cívico en Galicia.

BASES

– 1. O IX Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego acollerá artigos propios do chamado xornalismo literario e de opinión, publicados, con nome ou pseudónimo, en calquera medio de comunicación impreso ou dixital de cabeceiras recoñecidas, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano 2011.
– 2. Os artigos deberán estar escritos en lingua galega.
– 3. Poderán presentarse todos aqueles escritores de artigos xornalísticos que cumpran co requisito sinalado na primeira destas bases.
– 4. Poderán presentar tamén propostas e candidatos as institucións, públicas ou privadas, academias ou fundacións de todo o ámbito da convocatoria que o estimen oportuno.
– 5. As propostas nacidas ao amparo dos puntos anteriores, deberán presentar orixinal e/ou documento en formato electrónico (pdf) da páxina completa do xornal ou revista que acollese a publicación. Acompañando o traballo que se presenta ao concurso, indicarase o nome, dirección postal, teléfono e NIF do concursante ou, no seu caso, do propoñente, de xeito que se permita a rápida localización de cada un dos autores dos traballos concorrentes.
– 6. Ademais, Novacaixagalicia poderá elixir un comité de lectura e preselección que levará a cabo, ao longo de todo o ano, o seguimento que permita a previa selección e clasificación de todos aqueles artigos que estime que deban ser sometidos á consideración do xurado.
– 7. Só se presentará un traballo por autor, que deberá remitirse ao correo electrónico: premios@centrosocialnovacaixagalicia.com, indicando no asunto: “Para o Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego“, ou ao Centro Social Novacaixagalicia, na rúa Augusto González Besada, 2-36001, Pontevedra, nun sobre pechado e indicando no exterior: “Para o Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego“. O prazo de recepción de traballos finalizará o día 31 de marzo de 2012.
– 8. Novacaixagalicia designará o xurado, que estará formado por persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos xornalístico, literario e/ou académico.
– 9. O xurado cualificador conta con capacidade para resolver cantas cuestións merecesen ser consideradas para a interpretación das presentes bases. A súa decisión será inapelable.
– 10. Novacaixagalicia non manterá correspondencia cos concursantes e/ou propoñentes e inmediatamente despois de dar a coñecer a resolución do xurado procederá á destrución dos orixinais presentados.
– 11. Novacaixagalicia resérvase o dereito de reprodución do traballo premiado, así como de calquera outro que, presentado ao certame, mereza esa consideración en opinión do xurado.
– 12. O xurado cualificador reunirase na sede de Novacaixagalicia en Pontevedra e resolverá o premio no primeiro semestre de 2012. Con posterioridade realizarase a entrega do premio nun acto público.
– 13. O premio, que non poderá declararse deserto nin ser dividido, terá unha retribución de 12.000 euros.
– 14. A presentación ao certame implica a aceptación das presentes bases.

En Pontevedra, maio de 2011.

Agustín Fernández Paz: “Quixen retratar a conivencia das clases altas co franquismo”

Entrevista a Agustín Fernández Paz en El Mundo (Galicia):
‘”O libro [Non hai noite tan longa] ten unha historia que vertebra o que se quere contar, pero do que se trata é de botar unha ollada crítica, moral, sobre a época na que a miña xeración era nova, nos anos 60″, explica o autor. A obra amosa algúns elementos propios da novela negra. Gabriel investiga os feitos que levaron ó seu pai, inocente, ó cárcere, acusado de violar unha rapaza. “Dashiell Hammett desenvolve unha trama nas súas novelas, pero en realidade estanos falando de cuestións como a corrupción. Así é a novela negra clásica. Nesta obra hai unha indagación moral. Sobre unha sociedade capaz de facer cousas como obrigar a calar a unha muller violada, como o personaxe de Berta. Culpaban ás mulleres dese acto de violencia de xénero dicindo que eran ‘lixeiras de cascos’ e cousas así”, indicou.
O libro olla ao abuso de poder. Os pais que obrigan a calar e aturar como poida á rapaza violada. A garda civil que arranca con torturas falsas confesións. A sociedade enteira, dun pobo que lle dá as costas a un dos seus. As autoridades locais, que tapan o crime cometido polo fillo dun dos ricos da vila. “A novela contrapón dúas épocas, a de cando Gabriel era mozo, e a época máis actual, o 2002. A intención era reflexionar sobre aquela época pero tamén sobre o tempo presente. Non quixen facer unha novela de bos e malos, hai unha ambigüidade consciente coa que lector se ten que manexar. Non quixen deixar todo atado e ben atado. O lector ten que deducir por que o pai de Gabriel acaba no cárcere, que foi o que fallou. Si quixen retratar a conivencia das clases altas co franquismo, e a impunidade que chegaban a acadar. Familias que manteñen a súa posición na escala social ata a actualidade”, sinalou. (…)
Fernández Paz participou hai uns días no acto dos 20 anos da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística. E denunciou que o Goberno tenta baleirar de significado a normativa sobre a lingua. “Utilicei como metáfora as coleccións de ovos de paxaro que faciamos cando eramos nenos. Sacabámoslle ó ovo a clara e a xema e quedabamos coa casca. Pois o mesmo está a pasar coa lexislación lingüística. Só os nenos galegofalantes poderán ter ó final da educación obrigatoria un mesmo nivel de dominio do castelán e do galego. Os castelanfalantes, tal como estamos, non o conseguirán”, aclarou.’