Entrevista
a Víctor F. Freixanes en A Nosa Terra:
“- A Nosa Terra (ANT): Hai anos vostede dixo que tivera que escoller entre a literatura e a edición, que non se podían compatibilizar ambas angueiras.
– Víctor F. Freixanes (VF): Eu sempre tiven inclinacións literarias pero quería traballar nesa aposta colectiva pola creación de infraestruturas para a normalización do galego, primeiro nos medios de comunicación, e logo na industria cultural. E son traballos que consomen moito tempo. Pero as letras lévanse dentro, van canda un aínda que non se escriba. Eu sempre encontraba un oquiño, neses tempos mortos de cadaquén… nunha viaxe en avión, nun serán de lecer. Escribir é unha terapia e cando teño o ánimo baixo non encontro mellor consolo. O que ocorre tamén é que, como editor, un mídese máis, é máis esixente consigo mesmo e cústalle máis considerar que o que fixo paga a pena imprimilo e publicalo. (…)
– ANT: Vostede dirixe Galaxia, editorial pioneira na dixitalización e comercialización de libros en formato electrónico. Como ve ese cambio tecnolóxico?
– VF: O libro electrónico é imparábel. Todos os cambios tecnolóxicos mudan os sistemas de produción e nós temos que estar aí, o galego ten que estar aí. Orabén, o libro electrónico non é urxente. Eu discuto os prazos e os ritmos. O negocio neste intre estano a facer as empresas que venden o sinal (as telefónicas) e os fabricantes de aparellos (iPad e demais dispositivos). E son eles os que teñen présa por mover un mercado que non pode esperar a que na tempada seguinte apareza outra cousa que lles deixe o seu produto obsoleto. O que está claro é que a demanda dos consumidores non vai á mesma velocidade.
– ANT: É posíbel que naza un novo modelo narrativo que se aproveite das posibilidades do formato dixital?
– VF: Seguramente pero non sei se iso é novela ou sequera literatura. Haberá autores multimedia, novas linguaxes e expresións. Seguramente veremos como a lingua deixe de ser unha marca nesas creacións porque serán contidos multilingües… Iso si. Só triunfarán as que se correspondan cun interese dos lectores. Calquera formato precisa consumidores formados e dispostos a pagar por ese produto. (…)
– ANT: Houbo polémica meses atrás cando Galaxia aceptou o Premio de Cultura ao tempo que Agustín Fernández Paz o rexeitou.
– VF: Eu dixen daquela que o premio non fora para min senón para unha empresa, como Galaxia, que ten un Consello de Administración que decidiu aceptar o galardón. Con esa decisión non aplaudimos nin protexemos determinada política cultural. Sabemos perfectamente o que está a ocorrer coa industria cultural en galego neste momento e consideramos que non iremos arranxar nada boicoteando institucións. O que non admito é que alguén queira enfrontarme a min con Fernández Paz, a quen admiro profundamente e con quen teño unha magnífica relación.”
Santiago: representación de Pisados, de Gustavo Pernas, por Áncora Produccións
O
mércores 16 e o xoves 17 de febreiro, a partir das 21:00 h., no Teatro Principal de Santiago, terá lugar a representación de Pisados, por Áncora Produccións, sobre un texto de Gustavo Pernas, cunha duración aproximada de 75 minutos. Nesta obra trátanse temas tan actuais como: as linguas pisadas, a marxinación, a crise, a emigración, o maltrato, a intolerancia, o totalitarismo, o amor, a solidariedade… a través da personaxe de Botamán de Melide, que nos vai descubrindo os seus segredos e nos convida a espertar os nosos sentidos atrofiados polas falsas expectativas dunha sociedade xorda. Recuperamos a personaxe do green man moi presente no mundo celta para o noso teatro, con este texto cheo de lecturas con arrecendos cunqueiráns e valleinclanescos. Unha dramaturxia actual para un público de hoxe.
Santiago: entrega dos premios Minicontos de Outono
83 orixinais para o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño
Pechado o prazo de recepción de orixinais para o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño recibíronse 83 poemarios. O xuri está formado por Baldo Ramos, Chus Pato e Xiana Arias, actuando como Presidente o Concelleiro de Cultura de Sarria, Xermán Arias, e como Secretaria a Presidenta da A. C. Ergueitos, María Casar, os dous con voz e sen voto. O ditame do xuri darase a coñecer o 26 de marzo nun acto aberto ao público no Salón de Actos do Concello de Sarria no que se procederá a abrir a plica da obra gañadora.
A Deputación de Lugo pásase ao dixital
Diana Varela Puñal: “Agocharse detrás do bilingüismo é unha disculpa ridícula”
Entrevista
a Diana Varela Puñal en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Podes facer unha pequena, ou se queres máis ampla sinopse de Animal Abismo que eu creo intuír pero non podo explicar porque aínda non cheguei a súa lectura…?
– Diana Varela Puñal (DVP): Tratei de retornar ó principio, á conciencia primixenia, a reconciliarnos co Animal Alma que nos habita. Deshumanizarse para encaixar de novo no contorno que nos acolle mais non nos pertence, a pesar do cal insistimos en deturpar. É un canto á natureza, unha homenaxe á Alma Animal. (…)
– GH: De onde vén a poesía se non é si mesma?
– DVP: Agardo que ninguén coñeza o manantío, pois de seguro que o converterían nun centro comercial, ou nun plató de televisión para Sánchez Dragó, Sabina, e compañía. Coido que os demais andamos ás tentas, traballando coma canteiros por se algún día aparece un grauciño interesante. (…)
– GH: Poesía e pintura é un bo encontro. Que opinas respecto da miña reflexión?
– DVP: Son diferentes xeitos de expresar o mesmo, igual cá música, ou quizais do mesmo xeito có carpinteiro afina e afina a madeira.”
A Coruña: recital multimedia de Yolanda Castaño
O martes
15 de febreiro, ás 19:30 h., na Biblioteca do Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, e con entrada libre, terá lugar un recital multimedia a cargo de Yolanda Castaño, dentro das actividades de reapertura desta biblioteca pública. Incluirá unha proxección de videopoesía.
Aberto o portal poesiagalega.org
(Cultura Galega, Xornal, El País, La Voz de Galicia. Véxase tamén este artigo posterior en Cultura Galega)
