A Coruña: presentación do libro A frecha azul do teixo, de Eva Veiga

O venres 11 de febreiro, a partir das 20:00 h., na sede de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, preséntase o libro de poemas A frecha azul do teixo, de Eva Veiga, publicado en Espiral Maior. No acto intervirán, coa autora, Teresa Seara, Francisco X. Fernández Naval, Miguel Anxo Fernán-Vello, e finalizará cunha actuación do Grupo Ouriol (Eva Veiga, Fito Ares e Bernardo Martínez).

Vigo: presentación de Fundación Libélula, de Yashmina Shawki

O venres 11 de febreiro a partir das 19:45 h., na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase o libro Fundación Libélula, de Yashmina Shawki, publicado en Xerais. O acto contará coa participación de María Xosé Queizán, Manuel Bragado e a propia autora.

A Coruña: Caruncho, sete momentos. Homenaxe dos poetas a Luís Caruncho

Crónica posterior en Galicia Hoxe.

O Ateneo Ferrolán propón a participación cun relato na Revista Atenea

“O Ateneo Ferrolán, volve a poñer á vosa disposición a Revista ATENEA para que enviedes un traballo en idioma galego (máximo 1 folio) baixo a temática: Para un museo imaxinario: cómo asasinar ás musas (Ideas e aportacións) e, de quedar seleccionado, publicarémolo na Atenea nº 41 de abril – maio – xuño 2011. De estar interesado/a, ponte en contacto con nós ou envíanos por correo electrónico o teu traballo facendo constar o teu nome, enderezo e contacto antes do 15 de marzo de 2011. A publicación da revista é trimestral dende 1999 e ten unha tirada de 1.000 exemplares distribuíndose de forma gratuíta a Centros de Ensino, Culturais, Bibliotecas e Centros de especial interese de Galiza e resto da península.”
Os enderezos son: e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: 981 357 970, fax: 981-354 098 | Enderezo postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402, Ferrol (A Coruña). Máis información nesta ligazón.

Santiago: presentación de Estremas, de Ana Romaní

O xoves 10 de febreiro, ás 20:00 h, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o novo poemario de Ana Romaní, Estremas, publicado en Galaxia. Xunto á autora participan Carlos Lema e María do Cebreiro.

A Coruña: presentación de Por um galego extenso e útil, con Carlos Garrido

A quinta-feira, xoves, 10 de febreiro, a partir das 21:00 h., no C. S. Gomes Gaioso (R. Marconi, 9, baixo) da Coruña, preséntase o libro Por um galego extenso e útil. Leituras da língua de aquém e de além, publicado por Através Editora. No acto participa un dos seus autores, Carlos Garrido.

Rafael Lema: “A educación debe amosar que rico é un cando sabe de onde vén”

Entrevista a Rafael Lema en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Narrativa e poesía son os dous eixes talvez esenciais da túa obra, porén, en cal dos dous mares ou ríos estás máis no propio de ti?
– Rafael Lema (RL): Hai dous campos para min, a prosa e a lírica. Separados. E está nacendo unha linguaxe do futuro que vai máis alá dos xéneros vinculado a tecnoloxía. Para min a poesía é unha maxia, algo dado a uns poucos no aspecto creativo pero para moitos porque está dentro do ser, é unha necesidade. Por iso creo nunha fala poética propia. Dicía Ezra Pound que hai que cargar de significado os versos e que se queremos dicir algo non perdamos a ocasión de facelo en boa prosa. Facer unha poesía críptica, simbólica, sensitiva. De careixas verbais, evocacións. E a carón do texto unha poética que permita ter a chave para abrir a caixa de segredos que encerran os versos. En canto a novela, creo na verosimilitude e na consigna cervantina de instruír deleitando. Encántame a nosa historia, sobre todo a naval, sacar das sombras persoeiros reais pero que pasaron pola vida como un lóstrego, dos que só sabemos unha anédocta, unha frase, unhas liñas tortas no mar dos acontecementos históricos, e arredor del recrear unha sociedade, un mundo, unhas xentes que foron os nosos avós, bisavós. Pero outro aspecto é o contemporáneo, sobre todo, con persoeiros novos, xente de aquí e de agora cos problemas e conflitos que vivimos. Creo na narrativa áxil e comunicadora, na aventura, no disfrute por ler. Empecei poeta e iso marca, acabar un poema é un xeito de aclarar as tebras, diría Proust; pero creo que a novela é a catedral da literatura, un complexo mecanismo de xente, de vidas, un universo máxico, embaucador.
– GH: Sen exclusión de ningún xénero, cal é a túa reflexión sobre a literatura galega actual?
– RL: Temos que pensar que conviven as xeracións con mais e mellores títulos da literatura galega, e iso debe ser un caso único en Europa, porque hai trinta anos apenas había referentes. E as grandes obras clásicas, que son poucas pero hainas, apenas se coñecen, e se se citan non se len. Porque O mesón dos ermos, ou todo Cunqueiro, parecen feitos nunha época de ouro, e naceron nun deserto, nunha época terrible. Teño confianza no futuro porque o galego medrou en dignidade, en lectores e en escritores, e as novas tecnoloxías alimentan e fomentan a comunicación, a creación e o achegamento de todos a todo. En poesía e en literatura xuvenil podemos competir sen medo en calquera feira. A poesía está pasando un momento difícil e é algo necesario, debemos ter un canle de visualización do moito e bo que se fai. E non hai campo tampouco para as novelas grandes, esas que lle dan prestixio as linguas. De todos xeitos empezamos unha nova revolución virtual e técnica e creo que temos moito que dicir no aspecto creativo.”