Instituto Camões e Consello da Cultura Galega asinaron o primeiro protocolo-marco para realizar actividades conxuntas e intercambios culturais

O Consello da Cultura Galega e o Instituto Camões asinaron en Compostela un pioneiro protocolo-marco de colaboración para fomentar a realización de actividades conxuntas e o intercambio de experiencias culturais. Os titulares das dúas institucións, Ramón Villares e Ana Paula Laborinho, respectivamente, subliñaron a importancia dunha iniciativa “que abre camiño para outros obxectivos” (Laborinho) e “que nos ofrece unha antena para a difusión da cultura galega” (Villares). Previo á sinatura tivo lugar un coloquio coa Presidenta do Instituto Camões e representantes do mundo cultural, educativo e universitario de Galicia, no que tamén estivo presente o Secretario Xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. Consello da Cultura Galega e Instituto Camões consideran que “para se promover o coñecemento e difusión da cultura galega no exterior e da cultura de expresión portuguesa en Galicia é de fundamental importancia que se establezan relacións de intercambio entre ambas as entidades”. Con esa finalidade trátase de “realizar actividades e proxectos de forma conxunta en todas as áreas que resulten de interese mútuo, especialmente o intercambio de publicacións, a organización de conferencias, seminarios e cursos, a realización de exposicións ou de outros programas que poidan interesar a ambas as partes ou a cadansúa institución”. Ramón Villares e Ana Paula Laborinho expresaron a súa satisfacción pola sinatura deste protocolo-marco e a vontade de facer camiño, logo deste primeiro paso imprescindible para acometer outras iniciativas conxuntas nos vindeiros anos. O Presidente do CCG salientou mais unha vez a especial dimensión que para Galicia supón a presenza activa na comunidade de países de lingua portuguesa. A Presidenta do Instituto Camões falou, pola súa parte, da importancia de contar con Galicia e con España como parceiros privilexiados no espazo europeo e iberoamericano.
Antes da sinatura do protocolo, a Biblioteca do Consello da Cultura Galega acolleu un coloquio de Ana Paula Laborinho con 35 representantes do mundo cultural, educativo, universitario e da empresa de Galicia. No curso do encontro a Presidenta do Instituto Camões falou sobre Presenza da lingua portuguesa no ensino en Galicia e presenza da cultura galega na rede de centros do Instituto Camões. Na sesión interviu tamén Felipe Domínguez Presa, profesor da Universidade de Vigo, co relatorio Situación actual do ensino da lingua portuguesa na educación secundaria en Galicia. No debate, moderado polo profesor Henrique Monteagudo, tiveron ocasión de participar os profesores Dante Luchesi (Brasil), Fernando Venâncio (Portugal), Margarita Ledo Andión, Xosé Luís Rodríguez, Enrique Sáez, Ângelo Cristovão Angueira (secretario da Academia Galega da Lingua Portuguesa), Camilo Nogueira e Luís González Tosar. Uns e outros puxeron de manifesto a necesidade do coñecemento e o recoñecemento, do diálogo e a cooperación Galicia-Portugal para actuar máis eficazmente no horizonte da diversidade.
Vía Consello da Cultura Galega.

Concurso de relatos breves Minicontos De luns a venres outono

O Centro Pen Clube de Galicia e o xornal gratuíto diario De Luns a Venres convocan o concurso de relatos breves Minicontos De luns a venres outono. As bases contemplan que o prazo para a presentación dos traballos será ata o 15 de decembro. A decisión do xurado coñecerase o día 20 dese mesmo mes. Os traballos deberán ser inéditos na súa totalidade, escritos en lingua galega, segundo a normativa vixente, e de libre temática, ainda que a extensión de cada relato non poderá exceder dos 1.200 caracteres (sen contar os espazos). O obxectivo deste concurso literario, aberto a escritores noveis e consagrados, non é outro que avanzar nunha tarefa común: ampliar horizontes para a lingua e a cultura de Galicia. Este certame de minicontos en galego nace coa pretensión de ser convocado anualmente en outono (como é o caso) e na primavera (destinado a un público diferente e con algunha particularidade da que se dará conta no seu momento). As bases completas pódense consultar na páxina 13 deste enlace ou aquí:

Porto: participación galega en A edição de literatura juvenil

Dentro dos XVI Encontros Luso-Galaico-Franceses do Livro Infantil e Juvenil que se celebran no Auditório da Biblioteca Municipal Almeida Garrett de Porto, haberá a seguinte participación galega:

Venres 12 de novembro:
– 10:00 h. Sesión de apertura, con Francisco López Rodríguez e Blanca-Ana Roig Rechou.
– 11:00 h. Poesia Juvenil: Carlos Negro con Maquinaria e Fran Alonso, con Poetizate.
– 14:30 h. Mesa redonda sobre A edição de literatura juvenil, coa intervención de Francisco Castro.
– 17:00 h. Animação da leitura para jovens em bibliotecas: Biblioteca Municipal da Coruña, Mercedes Cerdeira (directora da Biblioteca Infantil de Durán Loriga) e Remedios Vázquez.

Sábado 13 de novembro:
– 11:00 h. Coloquio sobre Narrativa juvenil em português e galego, con Ana Saldanha e o propio Francisco Castro, en conversa coa crítica literaria Montserrat Pena Presas.

– 14:30 h. Mesa redonda sobre Ficção Científica Galega e Portuguesa, con Isabel Mociño, Mar Fernández e Carme Ferreira (Universidade de Santiago).
– Mesa redonda sobre Tratamento da mulher na narrativa juvenil de Agustín Fernández Paz. Eulalia Agrelo, Marta Neira Rodríguez e Esther de León Viloria (Universidade de Santiago).

Convocado o III Premio de Poesía María Mariño

A Asociación Teenses pola Igualdade (Teo, A Coruña), convoca o III Premio de Poesía María Mariño, coas seguintes

BASES:

1. Poderán participar todas as persoas maiores de idade que o desexen calquera que sexa asúa nacionalidades sempre que o seu traballo sexa escrito en galego.

2. Os poemas que se presenten deberán ser orixinais, inéditos e non presentados noutros concursos, sendo libres o tema e maila forma.

3. III Premio María Mariño de Poesía estará dotado cun: Primeiro Premio de 500 € e un Segundo Premio de 300 €.

4. Cada concursante participará cun só poema, que non deberá exceder os CEN versos mecanografados a dobre espazo en formato DIN-A4, por una soa cara e por quintuplicado.

5. Os poemas deberánse presentar baixo lema, indicando no sobre: “PARA O III PREMIO DE POESÍA MARÍA MARIÑO”. No interior do sobre que conteña o traballo, achegarase en sobre aparte, pechado e lacrado cos seguintes datos: nome, apelidos, DNI ou pasaporte, enderezo e teléfono, da persoa autora do traballo así como un resumo dos seus datos biográficos que non deberá exceder as quince liñas.

6. O Xurado cualificador estará integrado por cinco personalidades das letras e da cultura galegas actuando coma secretari@ con voz e sen voto una persoa, elixida pola directiva da asociación.

7. O fallo do Xurado será inapelable, a súa composición así como o nome dos galardoados darase a coñecer a través dos medios de comunicación. Os galardoados recibirán comunicación directa por parte da organización.

8. A entrega dos Premios terá lugar nun acto poético en día a sinalar dentro da Semana das Letras Galegas 2011.

9. O prazo para a entrega dos traballos é improrrogable, rematando ás 12 horas do 16 de Abril do 2011.

10. Os poemas remitiránse a:

ASOCIACIÓN TEENSES POLA IGUALDADE
ESCOLA DE VILANOVA, 1º ANDAR. RECESENDE.
15895- TEO- A CORUÑA

11. Os traballos gañadores quedarán en poder da Asociación Teenses pola Igualdade que se reserva os dereitos sobre os mesmos.

12. Os traballos presentados non premiados deberán ser retirados polos autores previa identificación, no prazo de dous meses, dende a entrega do Premio. Transcorrido dito prazo procederáse a súa destrucción.

13. A participación neste concurso implica a total aceptación das presentes Bases. Tódalas incidencias non previstas nas mesmas serán resoltas pola Directiva ou polo Xurado cando éste quede constituído.

Teo, a 8 de Novembro do 2010.

A Directiva.

A Coruña: recitais do ciclo Poetas di(n)versos

O CartonPostalPoetas_novembro_10-1ciclo Poetas Di(n)versos, dirixido por Yolanda Castaño, do último trimestre do ano comezará o vindeiro luns 20 de decembro coa participación de Andrés Neuman e Olga Novo, retomando as actividades coas que arrancara o ano pasado, e que contaron cun gran éxito de público. O obxectivo desta iniciativa céntrase en achegar a poesía ao público en xeral amosando outra forma de disfrutar a poesía dun xeito case escénico a través do que se busca animar a todo o mundo a achegarse a ela. O recital previsto para o domingo 14 de novembro con Gioconda Belli e Claudio Rodríguez Fer cancélase tras comunicar a poeta nicaraguana a anulación da súa visita á Coruña por motivos persoais.

As datas e autores previstos son:
20 de decembro:
Andrés Neuman. O último Premio Alfaguara de Novela foi e será sempre, ademais, un lúcido poeta que se prodiga en múltiples formas dende o haiku ata o aforismo. Este arxentino-granadino, tamén autor de contos e microensaios, xa foi sinalado como un dos nomes clave da literatura do s. XXI por mestres como Bolaño.
Olga Novo. Autora de culto das últimas xeracións galegas e unha das poéticas máis desacougantes do panorama contemporáneo, o seu traballo como profesora na Universidade da Bretaña Sur fainos escasas as ocasións de escoitar a forza vivencial e o erotismo.

17 de xaneiro:
Rosa Alice Branco. Unha das poetas portuguesas máis importantes de hoxe, a súa obra ten participado en multitude de antoloxías e festivais poéticos de todo o mundo. Profesora de Estética e Teoría da percepción, a súa radical sensibilidade ponse de manifesto nos seus 8 poemarios entre os que consta o Premio Espiral Maior do pasado ano.
Xavier Seoane. Nado e residente na nosa cidade, o dono dunha das poéticas máis rigorosas e fondas da Xeración dos 80 é tamén un fino e sagaz crítico literario e de arte. Profesor de Lingua e Literatura, ten tamén unha traxectoria como fndamentado xestor e dinamizador cultural.

San Cibrao, Cervo: presentación de O clamor da rebeldía, de Pilar García Negro

Con motivo da celebración do 125 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro a Fundación Manuel María organiza o venres 12 de novembro, a partir das 20:00 h., (xa que o venres 9 non se puido celebrar como estaba previsto) no Museo Provincial do Mar (Avenida da Mariña, s/n.) de San Cibrao, Cervo, a presentación do libro O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: Ensaio e feminismo, de Pilar García Negro, publicado por Sotelo Blanco.
Na obra podemos ver unha nova mirada sobre Rosalía, que salientan o seu papel pioneiro “no espertar dunha conciencia de xénero que se revela, lúcida e recorrente, na reflexión profunda e avanzada sobre o ser muller”. Acaeralle daquela o carácter de primeira feminista galega, do mesmo xeito que a condición de moderna pensadora, visionaria, pioneira, heterodoxa, independente e aínda revolucionaria. Nada que ver coas visións mitificadoras e en exceso reducionistas que se prolongan até os nosos días. Este acto forma parte da exposición Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!.

Vigo: presentación de Algo máis que un café. O Derby de Vigo, de Albino Mallo

O venres 12 de novembro, ás 20:00 h, no salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/n. Vigo), preséntase Algo máis que un café. O Derby de Vigo. 1921-1968, de Albino Mallo, publicado en Galaxia, onde se percorre a historia deste emblemático café da cidade olívica.