A Coruña: presentación da novela Daniel e a Porta do Ceo, de Xabier Iglesias

O venres día 31, ás 20:30 na libraría Sisargas da Coruña (Curros Enríquez, 9), terá lugar a presentación da novela de Xabier Iglesias Daniel e a Porta do Ceo (Biblos Clube de Lectores). O acto contará coa asistencia do autor, que será presentado por Carmen Abella, profesora de lingua e literatura galegas.

A AELG solicita que Pontedeume homenaxee publicamente o escritor Ramiro Fonte

Ante a triste noticia do pasamento do escritor Ramiro Fonte Crespo, a Asociación de Escritores en Lingua Galega ven de solicitar do Concello de Pontedeume que se lle poña o nome do insigne Poeta a algún dos seus edificios públicos relacionados co mundo da Cultura, de modo que sirva como tributo á súa memoria por parte da vila que o viu nacer.

Vigo: mesa redonda sobro a narrativa actual

No contexto do III Ciclo de conferencias Escritores/as na Universidade, e xa celebradas en días anteriores as mesas redondas sobre os xéneros poético e teatral, mañá xoves día 30 de outubro, ás 12:00 no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, celebrarase unha nova mesa redonda nesta ocasión sobre “O xénero narrativo na actualidade”. Con presentación de Gonzalo Navaza, intervirán na mesa Francisco Castro, Xosé Miranda e Rexina Vega.

Exposición sobre o lobo solicita colaboracións escritas

ADEGA está a organizar unha exposición que formará parte dos “II Encontros sobre o lobo galego” que será inaugurada no CEIDA-Oleiros o vindeiro 8 de Novembro. Neste proxecto, solicitan colaboracións literarias (orixinais ou xa publicadas previamente) nos próximos días.
Se tes interese, envía o teu texto a: adega@adega.info
ou ben a:

ADEGA
Travesía dos Basquiños, 9 baixo
15704 Santiago de Compostela

Para calquera dúbida, debedes contactar con Pepe Salvadores no 659683384.