«Jaureguízar é máis de Kafka que de Valle-Inclán. Lembra o moito que leu ao escritor alemán cando tiña vinte anos ou cando acudía ao circo para ver como o domador se metía na gaiola dos leóns. Algo daquilo chegou até a súa novela O Globo de Shakespeare que o sábado recibiu o VIII Premio Terra de Melide, dotado con 6.000 euros, sobre o descubrimento do manuscrito do primeiro Hamlet, perdido dende finais do século XVI e agochado nun pazo do Ribadeo do século XXI. […]» (Galicia-Hoxe)
Manuel Lourenzo González gaña o Premio Xerais de novela 2008
(Vieiros)
Homenaxe “O Escritor na súa Terra”: a Aelg entregará a “Letra E” a XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR
Os actos de homenaxe, que nos levarán á Terra de Melide, terán lugar o sábado 7 de xuño, a partir das 11:30 da mañá e conforme o programa de actos que se pode ver aquí.
Ollos de auga, de Domingo Villar, no Times Literary Supplement
Manuel Lourenzo, Mercedes Peón e o Laboratorio de Formas, Premios Nacionais de Artes Escénicas, Música e Iniciativa Cultural respectivamente
O sorriso de Claudia, de Rivadulla Corcón, para o coidado da natureza
«Durante tres sábados, entre o 7 e o 21 de xuño de 2008, o proxecto didáctico «Ven coidar a nosa natureza con Claudia», organizado pola Fundación Sotelo Blanco, en colaboración coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia e Área Central, buscará promover entre os máis pequenos a necesidade de coidar e respetar o medio natural a través dun programa de teatro, contacontos e outras animacións baseados no libro do autor X. H. Rivadulla Corcón O sorriso de Claudia.
As actividades desenvolveranse en Area Central a partir das 19.00 horas durante tres sábados, dende o 7 ata o sábado 21 de xuño, nos que varios animadores profesionais interactuarán cos nenos e nenas de idades comprendidas entre os catro e os doce anos para que, dun xeito divertido, poidan entender a través das diferentes historias representadas nas sesións a realidade do noso medio natural e a importancia de valoralo e
preservalo. […]» (Sotelo Blanco Edicións)
IV Curso de verán sobre dinamización lingüística en Carballo
Xa está aberto o prazo de preinscrición para a IV Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística que terá lugar os días 15, 16 e 17 de xullo en Carballo. O curso está organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña e nel colaboran a Deputación da Coruña, o Concello de Carballo, a Cooperativa Tagen Ata e a Coordinadora de Traballadoras e Traballadores de Normalización da Lingua. O tema desta edición e o das novas tecnoloxías aplicadas á dinamización lingüística: os novos contextos da sociedade do coñecemento e do multilingüismo.
Convocatoria, programa e folla de preinscrición en http://www.udc.es/snl/ (Servizo de Normalización Lingüística Universidade da Coruña)
I Premio de poesía Victoriano Taibo
Até o 28 de xullo de 2008. A bases estipulan que cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión mínima de 300 versos; que deberán presentarse orixinal e catro copias, baixo plica; que se enviarán os traballos ao seguinte enderezo: Apartado 30, 36380 Gondomar. Convoca o Instituto de Estudos Miñoranos.
Premio Concepción Arenal 2008
OBXECTIVO ◗ Co ánimo de continuar promovendo, tanto o estudo como a investigación posta en práctica de experiencias, solucións e alternativas relativas ao benestar social, e sumindo o labor de mulleres galegas, como a propia Concepción Arenal ou Rosalía de Castro, entre outras precursoras do feminismo, a Deputación Provincial da Coruña convoca a cuarta edición do premio “Concepción Arenal” para temas de interese social dirixido a premiar no ano 2008 aquelas iniciativas que teñan como finalidade a defensa dos dereitos da muller, de conformidade coas seguintges bases:
1. Participantes ◗ Poderán participar nesta convocatoria todas as persoas maiores de idade, tanto individuais como en agrupacións ou colectivos, e as entidades legalmente constituídas.
2. Contido e características dos traballos ◗ O premio poderase conceder a proxectos, estudos e investigacións, sobre a igualdade de xénero relacionados coa provincia da Coruña, ou de carácter xeral. Os traballos consistirán en estudos da realidade sincrónica, a xénese e a súa evolución histórica, así como novas propostas para avanzarmos na igualdade entre mulleres e homes. Os traballos non estarán premiados anteriormente, e no caso dos estudos e investigacións, serán inéditos.
FORMATO: os traballos presentaranse en galego, en número de dous exemplares, con formato DIN A-4, mecanografados a dobre espazo, por unha soa cara, grampados ou encadernados, e coas páxinas numeradas, tamén se pode empregar o soporte informático. Agás no caso do traballo premiado, esta documentación presentada será destruída no prazo dun mes desde a resolución da concesión do premio.
3. Dotación económica do premio ◗ Outorgarase un premio único, dotado con 7.500 €. A deputación poderá publicar o traballo premiado; as persoas autoras cederanlle á deputación todos os dereitos que implica a súa propiedade intelectual, para as edicións do traballo durante un prazo
de dezaoito meses. No caso de editalo, entregaránselle trinta exemplares.
4. Documentación a presentar ◗ As candidaturas dirixiranse á Deputación Provincial da Coruña, Presidencia da Comisión de Benestar Social, Políticas de Igualdade e Normalización Lingüística, na que se indicará: “Premio Concepción Arenal 2008” e conterá:
1º) Unha solicitude de participación na convocatoria, asinada polas persoas naturais ou representantes no caso das persoas xurídicas participantes, cos seus datos identificadores, mencionando o teléfono, fax ou correo electrónico de contacto do ou da solicitante ou representante, no seu caso. Indicarán cal é o traballo que presentan, co seu título identificador, e se este cumpre cos requisitos de achegar os dous exemplares no formato mencionado na base segunda.
Na solicitude declarará ademais baixo a súa responsabilidade:
• Que as persoas solicitantes reúnen as condicións esixidas nas bases da convocatoria do premio e que a participación supón a aceptación de todas elas, consentindo a cesión de dereitos prevista.
• Que as persoas participantes están ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa seguridade social, e nas obrigas verbo da deputación, e non están incursas en ningunha das circunstancias que impidan obter a condición de beneficiarias de axudas públicas conforme ao art. 13-2 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.
2º) Achegarase tamén a seguinte documentación:
a) Un informe ou memoria a modo de presentación do traballo.
b) Currículo da persoa solicitante e membros do equipo de traballo, no seu caso.
c) Fotocopia do NIF das persoas físicas que presenten o traballo, e no caso de persoa xurídica fotocopia da identificación fiscal e do documento nacional de identidade da persoa representante.
d) No caso de que o traballo o realice un colectivo sen personalidade xurídica propia, ademais, sinalarase por escrito asinado por todas as persoas partícipes, a cota de participación de cada unha delas para ser ingresada na conta ou contas que sinalen, no caso de pagamento.
e) Declaración xurada de que o traballo non foi premiado anteriormente, e ademais no caso de estudo ou traballo de investigación, que é inédito.
5. Prazo e forma de presentación dos traballos ◗ O prazo de presentación do traballo, rematará o día 30 de setembro de 2008. Débese presentar o traballo xunto coa solicitude e a documentación indicada na base cuarta da convocatoria, no Rexistro correspondente, ou remitila á Deputación Provincial da Coruña, Avda. Alférez Provisional núm. 2, 15006 A Coruña, na forma que vén establecida no art. 38,4 da Lei 30/92, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, no que se especificará en lugar visible: “ IV convocatoria do Premio Concepción Arenal”.
6. Composición e actuación do xurado ◗ O xurado estará presidido polo Sr. Deputado-Presidente da Comisión de Benestar Social e Políticas de Igualdade e formarán parte del a deputada delegada na área de Políticas de Igualdade e cinco persoas de recoñecido prestixio no campo da investigación e na escrita científica ao redor da igualdade de xénero. Actuará como secretario/a o da Corporación ou funcionario/a en quen delegue. O xurado actuará en pleno, sendo necesaria a asistencia de dous terzos dos seus membros. As súas deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. Serán criterios a ter en conta para a concesión do premio, entre outros, o rigor científico na elaboración do traballo, a aplicación da metodoloxía das técnicas de intervención social, a achega que poida supoñer para a mellora das prácticas profesionais nos concellos, e a proxección do traballo realizado sobre a nosa sociedade. O xurado poderá declarar deserto o premio e a súa proposta será obxecto de resolución da Presidencia desta deputación, que é o órgano competente para resolver o premio.
7. Prazos de concesión e entrega do premio ◗ A concesión do premio decidirase no último trimestre do ano 2008, e darase a coñecer a través dos distintos medios de comunicación. O premio entregarase o día de 25 de novembro de 2008, para facelo coincidir co Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A Coruña, 8 agosto de 2008.
Convivio literario na Lóuzara de Fiz Vergara Vilariño
«Convidámosvos a todos a acompañarnos en xuño (o día 14) á nosa viaxe literaria a Lóuzara, para recitar aos outeiros os versos do Fiz que voarán polo ceo do seu val como bolboretas preñadas de ilusións. Quizais teñamos tempo para perdelo, coñezamos o noso interior como un mapa de sentimentos e escoitemos os recitadadores como a música dos ríos de Lóuzara.
Agardaremos por vós na Casa da Cultura de Sárria ás 12:00 para saír cara Paredes de Lóuzara ao Mesón de Paredes onde nos agarda o comezo.
Confirmade por mail (mariacasar@hotmail.com) ou nos teléfonos 678 60 15 50 (María) ou 677 429 225 (Xerardo).» (Directiva da A. C. Ergueitos)