Entrevista de Marcos Pérez Pena a Anselmo López Carreira en Praza:
“(…) – Praza (P): Finalizado o Congreso sobre o Reino medieval de Galicia, que valoración facedes do seu desenvolvemento e da súa repercusión?
– Anselmo López Carreira (ALC): Nós non eramos moi ambiciosos, realmente, porque sabemos cal é a realidade, pero pensamos que os obxectivos se cumpriron con creces. Rematado o Congreso, non podemos dicir que a partir de aquí se produce unha inflexión no referente ao coñecemento o Reino, porque estas inflexións non existen desta maneira, senón que é un proceso longo, que necesita de divulgación e de extensión deste coñecemento para que chegue sobre todo ao ensino. Pero esperamos que este Congreso fora un chanzo adiante que axude a estimular as persoas que se dedican ao estudo e á investigación deste período histórico. E, sobre todo, para conseguir que se popularice o coñecemento de que existiu un Reino de Galicia. Eu, persoalmente, aprendín moito neste Congreso, e supoño que os restantes asistentes tamén o fixeron.
– P: Na introdución do encontro denunciouse o “silenciamento” e o “ocultamento” do Reino de Galicia na historiografía oficial. A que se debe a minimización desta realidade histórica?
– ALC: Eu creo que se debe a dúas razóns confluentes. En primeiro lugar porque dende o século XIX houbo pouco público receptor para a historiografía galega, faltou esa burguesía que si houbo noutros territorios; por este motivo as obras de Murguía, López Ferreiro ou Vicetto non tiveron a masa crítica necesaria, levando a unha debilidade da historiografía galega que se mantivo ata tempos recentes. A outra razón é a forma en que se construíu o paradigma da historia de España, trazando unha liña recta dende o Reino Visigodo ata o Reino de Castela e, finalmente, o Reino de España, un camiño no que Galicia ficaba á marxe.
– P: Nese paradigma, por exemplo, adoita reducirse a importancia do reino Suevo fronte ao reino Visigodo…
– ALC: Si, esa ocultación, que non digo que fose feita a propósito, xa foi denunciada por Menéndez Pelayo no século XIX. É dicir, que a grande atención que se emprestou ao Reino Visigodo fixo que se fose esquecendo o Reino Suevo, o cal non era xusto. (…)”
A Coruña: presentación de Cancioneiro de Buño, de Dolores Cancela Pérez
Vigo: presentación de Fenómeno fan, de Clara Pino e Xavier Magalhães
Compostela: presentación de A UPG em Portugal e alguma coisa mais, de Luís Gonçales Blasco, Foz
A Coruña: presentación de Teito de ferro, de Juan J. López Rivera
Polafía en Cee. Atrás da balea, o 26 de novembro
A Polafía de Cee. Atrás da balea é unha actividade organizada pola Sección de Literatura de Tradición Oral co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña e o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), e a colaboración do Concello do Cee, que terá lugar no Auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura de Cee (Paseo Alcalde Pepe Sánchez, 9), o sábado 26 de novembro a partir das 18:00 h. A entrada é libre até completar capacidade.
Contará coas intervencións de: Xosé Iglesias, Manuel Caamaño Martínez, Manuel Trillo Fidalgo, Victorio Caamaño Vázquez e Jesús Manuel Blanco Costa.
Coordina: Lois Pérez (Coordinador da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG).
Hoxe, 22 de novembro, celébrase o centenario do nacemento de Mariví Villaverde
Hoxe, 22 de novembro, celébrase o centenario do nacemento de Mariví Villaverde, autora que foi homenaxeada co Premio Boa e Xenerosa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en 2009, e que representa desde o anonimato o colectivo exiliado e represaliado, cuxa memoria cómpre restaurar.
Reproducimos a continuación parte do texto co que a AELG homenaxeou a súa figura:
MARIVÍ VILLAVERDE OTERO NO RONSEL DAS BOAS E XENEROSAS
“Ela é escritora, tradutora dunha realidade que lle tocou vivir e que converte en maxia literaria. A maxia de legarnos o pasado que non vivimos, un presente no que segue firme e combativa á beira do pobo creativo e honrado e un futuro que se pousará en todo o que dela aprendemos. Mariví Villaverde, lectora adolescente que acompañou as horas no cárcere da súa tía Arxentia, mestra galeguista e republicana, con obras de teatro que foron menciña e alimento. Teatro que vai encher a súa vida no exilio co seu compañeiro Ramón de Valenzuela, con Roberto Villanueva ou Eduardo Blanco Amor. Escriben, adaptan, traducen, representan. Ela é actriz, colaboradora do xornal Galicia, nai e legadora da verdade lexítima republicana, a verdade que herdara do seu pai Elpidio Villaverde, alcalde de Vilagarcía e deputado a Cortes en 1936 e das súas tías rapadas. Ela decide levar a súa memoria a un libro e escribe en 1962 Tres tiempos y la esperanza publicado na Editorial Alborada, reeditado por Edicións do Castro (1987) e nunha versión en galego en A Nosa Terra (2002), ao que a autora lle engade un epílogo e lle devolve ás personaxes os seus verdadeiros nomes. Mariví ábrenos a cancela para entrar na historia da nosas maiores, nesa urdime dun vivir privado e silencioso e na alegría do progreso e da liberdade espallada na area da praia de Compostela. Fainos tremer co terror vivido atrás das portas onde petan tantas veces, coas fuxidas e coas mortes. Entendemos o amor, a lealdade á casa común e o desexo de construír un mundo mellor. Historias de cicatrices que atravesan todas as alfándegas. Hoxe Mariví Villaverde forma parte do Consello pola Memoria, participa en todos os actos políticos aos que é convidada, en congresos e homenaxes como nas dedicadas a Alexandre Bóveda ou a Lois Tobío. Hai tempo que Ramón faleceu mais ela segue comprometida cos tempos que lle tocou vivir, empeñada en lembrar a dignidade coa que Galiza loitou e defendeu a lexitimidade da República; le, escribe e vai ao teatro. O tempo na súa compaña non transcorre: amiga, boa e xenerosa, ofrécenos a memoria e o seu traballo diario.”