Francisco Rodríguez, ensaísta: “O grao de autonomía e o peso político do reino son incuestionábeis até finais do século XIV”

Entrevista de Xoán Costa a Francisco Rodríguez en Nós Diario:
“A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), coa colaboración da Fundación Galiza Sempre, publica o segundo volume do libro Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV). Tomo II. Un reino con clase dirixente, da autoría do ensaísta e historiador Francisco Rodríguez. Abordamos nesta entrevista algunhas cuestións fulcrais analisadas no volume que ten a súa primeira presentación hoxe en Compostela.
– Nós Diario (ND): Como caracterizaría a situación da Galiza na segunda metade do século XIV?
– Francisco Rodríguez (FR): Aclararemos que, desde 1230, o reino da Galiza estivo integrado, dunha forma inestábel e conflitiva, nunha monarquía con base plurinacional de cerne castelán e mesmo castelanista. Porén, esta integración non significou subordinación absoluta nen unha dependencia consumada. O grao de autonomía e o peso político do reino son incuestionábeis até finais do século XIV, con dinámicas específicas e relación coa Coroa propia de quen actúa con independencia de criterio. Non é de estrañar, pois, que houbese desde intentos de recuperar unha monarquía propia, producíndose así unha conflitividade dura, con confrontación bélica nos anos finais do século XIII e comezos do XIV, até outra máis soterrada e continua, en procura dun acomodo máis favorábel. Naturalmente, isto é así por existir unha clase dirixente propia e unha realidade económica, social, política, relixiosa e institucional con grande dinamismo, específica, que non desapareceu coa integración.
– ND: Que caracterizaba esa clase dirixente, en concreto de Fernando de Castro e o seu papel?
– FR: Fernando, ou Fernán, é un home carismático e con grande capacidade de aglutinar. Representa o líder indiscutíbel da Galiza nun contexto moi conflitivo e decisivo, que considero tamén estelar e responde á conduta e moral da saga familiar á que pertence, unha liñaxe que se considera, a falta de monarquía propia, no deber de representar o reino. Esta tendencia, que é notoria nos seus antergos, faise nel un deber inescusábel nesta situación conflitiva. Ademais, representa a asunción dun pacto social entre a nobreza e a burguesía que lle dá ao movemento que el encabeza unha dimensión nacional.
– ND: E con el, a Galiza é o epicentro do petrismo.
– FR: No conflito interno á monarquía plurinacional, o reino da Galiza sitúase como apoio fundamental ao rei Pedro I e como oposición frontal aos falsos Trastámara. Baixo o liderado de Fernando, a Galiza ficará fóra do dominio trastamarista, unha vez instaurada a monarquía bastarda no resto dos reinos da monarquía plurinacional. Serán os castristas galegos os que designan Fernando I de Portugal rei da Galiza. Portugal, tradicional aliado de Pedro I e con forte influencia dos Castro, e a Galiza serán invadidos por un exército multinacional con mercenarios de toda procedencia e o apoio do Papa. A batalla de Porto de Bois, perto de Pambre, obrigou os castristas a se protexeren en Portugal e logo ao exilio forzado a Aquitania e Inglaterra, onde moitos, entre eles Fernando, morreron. (…)”

Compostela: mesa-debate arredor de Problemática nacional e colonialismo. O caso galego

O 22 de setembro, ás 20:00 horas, no Espazo Etnocultural Vide-Vide de Santiago de Compostela (Rúa Fonte de Santo Antonio, 10), a A. C. O Galo organiza unha mesa-debate con motivo da saída do prelo da 2ª edición de Problemática nacional e colonialismo. O caso galego, da editora Tempo Galiza. Neste acto os autores do libro analizarán a vixencia dos postulados que nel formulan, podendo o público enriquecer o debate, perante as mudanzas políticas e económicas acontecidas neste tempo últimos 44 anos. Interveñen os autores, Ramom López-Suevos e Francisco Rodríguez Sánchez, moderando María Antonia Pérez.

Vigo: encontro arredor de Intimidación

O 22 de setembro, ás 19:30 horas, na sede da Fundación Euseino? (Rúa México, 37, baixo), en Vigo, terá lugar un encontro arredor do poemario Intimidación, do Colectivo Maiakovski, publicado por Edicións Xerais. Con Inma Otero Varela, filósofa e crítica literaria, Fran Alonso, director de Edicións Xerais, e os membros do colectivo. A entrada é libre.

O Consello da Cultura Galega e a Asociación Irimia poñen na rede os fondos da revista de pensamento cristián Irimia

Desde o Consello da Cultura Galega:
“A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e a presidenta da Asociación Irimia, Lucía Santiago, asinaron o xoves 8 de setembro o acordo para a dixitalización e posta na rede do arquivo completo de Irimia. Seminario de Crentes Galegos desde o seu nacemento no ano 1981. A sinatura produciuse na sede do CCG na véspera da XLIV Romaxe de Crentes Galegos, que tivo lugar o sábado 10 en Culleredo.
O acordo permite a consulta dos 1.039 números que conforman Irimia. Seminario de crentes galegos, publicación de pensamento cristián xurdida en 1981. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, explicou que “Irimia documenta a existencia dun movemento de gran transcendencia nunha sociedade galega aberta ao cambio á modernización, tamén de pensamento, ao tempo que recupera a liberdade de desfruta do exercicio de dereitos democráticos que lle foran roubados”.
A dixitalización da publicación encaixa na liña de traballo da institución de visibilización de fondos hemerográficos dixitais que se suma a proxectos xa consolidados como A saia, o Repertorio de prensa da Emigración ou máis recentemente, a dixitalización da revista Teima. Ademais, forma parte dunha liña de acción do CCG neste 2022 de revisar o período que vai desde a fin do franquismo ata a aprobación do Estatuto de Autonomía, caracterizado por ser un fervedoiro de ideas e iniciativas culturais.
O semanario Irimia publícase ininterrompidamente desde 1981, primeiro en formato de cuartilla e con periodicidade semanal (1981-1984), despois pasou a ser quincenal (1985-2018) ata chegar á periodicidade actual mensual. Medrou tamén desde as oito paxinas iniciais ata as vinte do último número. Na historia desta publicación hai unha longa nómina de autores e autoras así como escritores e escritoras recoñecidas.
No web desta entidade definen a súa publicación como “un medio de diálogo entre persoas que comparten o horizonte de Irimia, na súa amplitude e diversidade. É unha ventá de dobre dirección. Abre e comunica persoas e comunidades cristiás con iniciativas e realidades laicas e a estas, á súa vez, ofértalles unha oportunidade de diálogo e coñecemento da utopía cristiá”.
A Asociación Irimia naceu en 1978 coa vontade de colaborar en prol dunha Igrexa galega, é dicir, unha Igrexa comprometida co seu pobo, coa súa lingua e coa súa cultura, coa súa identidade e a súa realidade popular. Na liña do que se deu en chamar “nova Igrexa galega”, a asociación foi o froito de varias iniciativas anteriores que confluíron nela: os Coloquios Europeos de Parroquias que deron lugar aos Coloquios Galegos de Cristiáns, na busca dunha entidade comprometida con Galiza e o galego; a publicación pastoral da diocese de Mondoñedo-Ferrol, Boa Nova (1975), a revista Encrucillada. Revista galega de pensamento cristián (1977); e Os Cruceiros, encontros de cristiáns galeguistas que nacen en 1978, como continuación de aqueles Coloquios.”

Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. DoCampo, entre os Libros Extraordinarios do Festival Internacional de Literatura de Berlín 2022

A obra Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo, foi seleccionada entre os Libros Extraordinarios do Festival Internacional de Literatura de Berlín 2022. O evento destaca o libro de contos como unha “obra excepcional que deberían ler todos os nenos e nenas e adolescentes” tras a proposta da escritora Paula Carballeira.