Alfoz: entrega do premio do X Concurso Balbino e presentación de As donas da noite, de Lionel Rexes

Víctor Freixanes faise co premio Carlos Casares de xornalismo

Desde Cultura Galega:
Víctor Fernández Freixanes, antigo presidente da Real Academia Galega, xornalista, editor e escritor, fíxose co Premio Carlos Casares de Xornalismo Literario, convocado polo concello de Xinzo de Limia e a Fundación Carlos Casares. O xurado premiou a Víctor F. Freixanes pola columna semanal en La Voz de Galicia chamada “Vento nas velas”, na que recoñece “a destreza do autor reflectida no estilo. Freixanes «mantén un ton sereno e unha visión positiva, achega claridade a episodios confusos e balancea con sabedoría o presente co pasado”. A decisión adoptouse por maioría. Freixanes publica a súa columna desde o ano 2001.”

Inés Mosquera Calvo: “O que eu pensaba cando escribín o poemario, ese ‘niño común’, é finalmente a liberación”

Entrevista de Sergio Casal a Inés Mosquera Calvo en Nós Diario (foto da autora, de Nós Diario):
“(…) – Nós Diario (ND): A ave é un poderoso símbolo de liberdade na literatura. Que significa para vostede falar a través da voz dunha bubela neste poemario?
– Inés Mosquera (IM): O propio título, que é Upupú, é a transcrición fonética do canto da Bubela, que é o paxaro que toma as páxinas do poemario. Quixen concibir este libro como un canto, como unha sorte de cartografía dunha voz en diferentes momentos vitais nos que vai transitando a dualidade entre a muller e o paxaro. Dábame moito xogo facer isto a través do canto dun paxaro e quixen escoller a bubela. Ademais, os paxariños levan formando parte da miña vida desde hai moito tempo como observadora da natureza que son ao criarme nun ambiente rural, aínda que agora viva nunha cidade.
– ND: O libro móvese entre a dor, a enfermidade ou a vergonza. Que parte de Upupú lle resultou máis complicada de escribir e cal máis liberadora?
– IM: No poemario fálase de dor, de cansazo, de doenza, de fastío… O proceso da escrita deste libro foi duro, pero ao mesmo tempo foi moi gratificante. Non creo que poida primar unha sensación sobre a outra, xa que as dúas son moi importantes. (…)”