Roteiro Literario pola vila de Corme, con Diana Varela Puñal, o 18 de decembro
O Roteiro Literario por Corme, a cargo de Diana Varela Puñal, é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello de Ponteceso, e que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria. O texto deste roteiro queda a disposición da cidadanía.
O roteiro terá lugar o sábado 18 de decembro, a partir das 12:00 horas, tendo como punto de saída o Xardín Vello de Corme. As prazas son limitadas, polo que as persoas interesadas deben inscribirse previamente, de balde, no correo electrónico oficina@aelg.org
No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento. Será preciso cumprir coa distancia de seguridade e o uso de máscaras.
Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.
Polafía de Burela. Homenaxe ás Batuko Tabanka
A Polafía de Burela é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo e o Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), e a colaboración do Concello de Burela.
Esta polafía realízase en homenaxe ás Batuko Tabanka, Mestras da Memoria en 2020.
Terá lugar o 17 de decembro, a partir das 19:00 horas, con entrada libre até completar capacidade, no Auditorio Municipal de Burela (Rúa Pardo Bazán, 33).
Coas intervencións de:
– Batuko Tabanka.
– Banda Krioula.
– Acordeonistas da Mariña.
– Bernardo Penabade.
– Lois Pérez.
Coordinan: Lois Pérez e Antonio Reigosa (vogais da Sección de Literatura de Tradición Oral).
No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.
A AELG súmase á Homenaxe A vida nunha cesta. Un agasallo para Manuel Lourenzo
A AELG súmase á Homenaxe A vida nunha cesta. Un agasallo para Manuel Lourenzo, organizada pola Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura.
MANUEL LOURENZO é o dramaturgo máis prolífico da historia do teatro galego, con máis de trescentas pezas de diferentes formatos, xéneros e estilos. Todas as súas pezas poñen en valor, a partes iguais, o literario e o teatral. A dramaturxia de Lourenzo asenta na palabra, explorando todas as súas capacidades performativas (na súa capacidade para facer e actuar, para mover), plásticas (na súa rendibilidade para xerar imaxes), sonoras (na exploración da musicalidade e de todos os seus reflexos) e ideolóxicas (porque nos seus textos o pensamento e as ideas ferven).
A obra de Lourenzo é, en si mesma, unha institución teatral de grande robustez e flexibilidade para atravesar os tempos e as modas. Nela conviven os mitos coas pequenas grandes historias do presente. Nelas entra o máis terrible e o máis marabilloso da condición humana.
Grazas a Lourenzo, desde mediados dos anos 60 até a actualidade, a praza pública do teatro, esa asemblea que se pensa xogando nos escenarios, nunca estivo baleira nin ficou pobre ou encollida.
Por iso Manuel Lourenzo soborda a Letra E de escritor, que lle concedeu a AELG, como máxima homenaxe, coa letra D de dramaturgo, porque a súa escrita salta dos libros á praza pública, a través dos corpos, as voces e o xogo teatral. Galiza é máis Galiza e nós somos máis nós na dramaturxia de Lourenzo.
(Texto elaborado por Afonso Becerra de Becerreá, coordinador da Sección de Literatura Dramática da AELG)
***
A Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura quere convidarvos á festa-agasallo para Manuel Lourenzo o día 19 de decembro de 2021, ás 19.00 horas, no Teatro Rosalía da Coruña, do mesmo xeito que vos anima a que estendades e acheguedes o convite a todas as persoas coas que vos relacionades, as que son as vosas amigas e, en definitiva, a espallar esta homenaxe por toda Galiza. Queremos un Rosalía cheo para Manuel.
Muxía: recital conmemorativo dos 25 anos do Batallón Literario da Costa da Morte
Vilalba: presentación de Os libros que hai en min, de Emma Pedreira
Compostela: Arantza Portabales asina A vida secreta de Úrsula Bas
O Burgo (Culleredo): presentación de Madeira e metal, de Laura Rey Pasandín e Laura Romero
Cospeito: presentación de unha teoría para os espectros, de Abraham Pérez
O sábado 18 de decembro, ás 12:00 horas, no Museo das Aves de Cospeito (Avenida da Terra Chá, s/n), preséntase unha teoría para os espectros, de Abraham Pérez, publicada por Toxosoutos, que acadou o 2º Premio no III Certame de Poesía Torre de Caldaloba, convocado pola Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino e o Concello de Cospeito, en colaboración con Culturalia GZ. Este acto está encadrado dentro da presentación das obras gañadoras.
Para asistir, rógase confirmación no teléfono 982520001 ou a través do enderezo electrónico concellodecospeito@concellodecospeito.es