A Coruña: “As antoloxías poéticas contra a violencia de xénero no século XXI”, por Laura Freire Ledo

O 20 de marzo, ás 19:30 h, na A. C. Alexandre Bóveda da Coruña (Rúa Santo André, 36, 1º), no marco do ciclo Aula Aberta, Laura Freire Ledo falará das antoloxías poéticas contra a violencia de xénero no século XXI. Na palestra realizarase unha análise da poesía galega do século XXI contra a violencia de xénero a partir de tres antoloxías colectivas, os dous volumes de Polifonías: Voces poéticas contra a violencia de xénero e o Manifesto 25N, atendendo ás condicións institucionais de publicación e aos seus repertorios temáticos.
Laura Freire Ledo é graduada en Galego e Portugués. Estudos Lingüísticos e Literarios. Actualmente cursa o Mestrado Universitario en Profesorado de ESO e Bacharelato, F.P. e Ensino de Idiomas. Esta actividade fai parte do ciclo Aula Aberta que facemos co Grupo Illa da Facultade de Filoloxía da UDC.

A Coruña: presentación da edición conmemorativa de Recuperemos as mans e Evidencias

O 19 de marzo, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, terá lugar a presentación da edición conmemorativa de Recuperemos as mans e Evidencias, de María Xosé Queizán, coa participación de Carme Adán, unha publicación do Consello da Cultura Galega.

Claudio Rodríguez Fer, Premio Babel de Literatura 2025 na Universidade de Texas

“O poeta, narrador e ensaísta en galego Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, acaba de ser galardonado co Premio Babel de Literatura 2025 na Universidade de Texas pola “calidade excepcional e a importante contribución do seu traballo” no campo literario. O premio, que se entrega anualmente, “honra a persoas que promovan o diálogo literario entre linguas e culturas”, pois o escritor lucense conseguiu que a súa escrita en galego sexa un referente do multilingüismo literario mundial a través da tradución.
Mundus Artium Press, entidade radicada na Universidade de Texas en Dallas, concedeu o Premio Babel de Literatura 2025 ao poeta, estudoso e tradutor Claudio Rodríguez Fer, profesor visitante en diversas universidades de Estados Unidos e de Europa, cuxos “recoñecementos inclúen o Premio Nacional da Crítica de España e o doutoramento honoris causa pola Universidade da Alta Bretaña en Rennes”. A eles poden engadirse distincións tan diversas como a da Medalla Eminescu en Romanía ou a de Cunqueiriano de Honra en Galicia.
O comité internacional que outorga o premio caracterizou así os valores do galardoado: “Defensor da paz e dos dereitos humanos, Rodríguez Fer influíu no discurso literario global a través da súa poesía, estudos e publicacións multilingües. O Premio Babel recoñece os seus logros ao longo da súa vida para superar as divisións lingüísticas e culturais”.
Claudio Rodríguez Fer, “voz destacada da literatura de vangarda”, é un escritor galego traducido a numerosos idiomas (castelán, portugués, inglés, francés, alemán, italiano, grego, romanés, ruso, árabe, bretón, esperanto, etc.) e o seu poema “A cabeleira” está traducido a máis de oitenta idiomas dos cinco continentes da Terra, sendo por tanto o texto con máis versións da historia da literatura galega.
O Premio Babel de Literatura recoñece a persoas cuxo labor literario inverte o antigo símbolo da Torre de Babel, que simbolizaba o esforzo humano condenado ao illamento lingüístico e moral. Por isto premia aos escritores que nas súas vidas e nas súas obras se valen da forza da tradución literaria como medio de superación do solipsismo persoal e social en beneficio de valores profundos de maior alcance, como a paz, a liberdade, a xustiza, a memoria e o entendemento xeral entre os pobos e as persoas.
É a primeira vez que tal distinción recae en Galicia, pois anteriormente foron galardoados escritores de Italia, Albania, Francia, Rusia e Corea do Sur.”