Debido ás medidas preventivas polo COVID-19, o aforo é para 80 persoas e cómpre confirmar asistencia ao acto para reservar asento. Podes confirmar a túa reserva neste correo: pastor@barbantia.es antes das 19:00 h do venres, 12 de xuño.
Vídeo do Foro #aculturasegue I: Retos nos contidos dixitais da cultura, con Manuel Gago e Olga Sevillano
Día Internacional dos Arquivos: “Empoderar sociedades de coñecemento”
Hoxe, 9 de xuño, conmemórase o Día Internacional dos Arquivos, co lema “Empoderar sociedades de coñecemento”.
Desde a AELG lembrámosvos a todas e todos que no noso espazo web tedes unha selección extensa, na que se traballa a diario e ano tras ano, para lembrar as nosas letras, autoras/es e as xornadas de creación literaria e sobre o patrimonio inmaterial da nosa lingua e literatura. para a creación e empoderación da sociedade galega.
Ficades convidadas e convidados a paseardes polas nosas rúas virtuais e gozar desta historia narrada entre devanceiras/os, poboación activa e a totalidade das vosas achegas.
Tabela dos libros. Xuño de 2020
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Tras dous meses de ausencia por mor da crise vírica, a Tabela dos Libros retoma a súa andaina. Velaquí a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Presentación de A semente, a árbore, a froita, de Ana Pontón e María Reimóndez
Bases do XLVI Premio de poesía do Certame Literario do Concello de Vilalba
Unha palabra para don Ricardo: Manuel Rivas
Unha palabra para don Ricardo: Margarita Ledo (II)
Conversas In-certas sobre o futuro da programación teatral
Desde Erregueté:
“Erregueté e ZonaZero inician un ciclo de conversas dixitais sobre teatro totalmente gratuíta para as persoas interesadas. A primeira destas series, moderada por Esther F. Carrodeguas, xirará en torno á programación teatral en tempos pospandémicos.
Son tempos incertos, e acaso por iso precisamos máis que nunca comunicarnos, aínda que sexa para falar de incertezas. Desta idea nace Conversas In-certas, iniciativa que pretende ofrecer un espazo de comunicación, reflexión, e investigación non marcado pola certeza senón pola dúbida, a posta en cuestión, co afán de compartir, debater ou propoñer. E nace precisamente agora que videocomunicación dixital ao que nos tivemos que habituar semella favorecer o nacemento dun espazo no que, de maneira sinxela, persoas do sector teatral galego puideran compartir as súas in-certezas cos demais.
E para comezar esta serie de conversas que poderán versar no futuro sobre a escritura, a interpretación, a iluminación, a crítica ou a dirección, decidimos comezar co máis incerto a día de hoxe: a programación. Parecíanos neste momento interesante dar voz a algunhas das persoas que se teñen que enfrontar á difícil tarefa de programar un espazo ou un festival para un outono imposible de prever.
A convocatoria será os xoves deste xuño en desescalada, ás 18:00. Este mesmo xoves 11 falará das súas incertezas Pilar Portela, Directora-Xerente Pazo da Cultura de Pontevedra e Presidenta Asociación de Xestores Culturais. Nos vindeiros serán Carmen Castro, Xefa do servizo de Cultura do concello de Carballo, e Xaquín López, Director-Xerente do Auditorio de Galicia, os que compartan este espazo de reflexioón cos e coas interesadas.
As conversas virán introducidas por Esther F. Carrodeguas, e a inscrición para poder acceder ao WEBINAR será a través do email: conversasincertas@gmail.com. A este mesmo email poderán chegar as consultas que as persoas queiran facer aos participantes, que terán que ser sempre por anticipado, nun intento de non sumar incerteza á incerteza.
Programa completo
Xuño 2020. Programación Teatral Pospandémica
Xoves 11 de xuño | 18:00
Pilar Portela
Directora-Xerente Pazo da Cultura de Pontevedra
Presidenta Asociación de Xestores Culturais
Xoves 18 de xuño | 18:00
Carmen Castro
Xefa do servizo de Cultura do concello de Carballo
Xoves 25 de xuño | 18:00
Xaquín López González
Director-Xerente Auditorio de Galicia
Presenta
Esther F. Carrodeguas
Inscricións
Enviar un e-mail a conversasincertas@gmail.com co título: Conversas Incertas Programación, seguido do día ou días no que tes interese de participar (11 – 18 – 25). No corpo da mensaxe podedes incluír as vosas inquedanzas, que a presentadora trasladará ás persoas poñentes.”
Laura Tato: “Carvalho Calero comezou a escribir teatro durante a República por militancia”
Entrevista a Laura Tato na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Carvalho Calero debutou como dramaturgo durante a II República. Nesa época escribiu O fillo e Isabel, aínda que naquela altura comezaba a darse a coñecer sobre todo como poeta, o rol literario no que sempre se reivindicou. Por que decidiu daquela escribir teatro?
– Laura Tato (LT): Carvalho Calero é nesa época sobre todo un activista político e poeta. Escribe teatro por militancia, como facían case todos os intelectuais. Isto non é algo exclusivo da literatura galega, en todas as culturas non normalizadas comprométense coa creación dun sistema literario. Na galega, o da poesía xa estaba creado desde Rosalía de Castro e o da narrativa fora iniciado polo grupo Nós. Faltaba o teatro e nese escenario é onde aparecen as primeiras obras de Carvalho Calero. Son un exemplo magnífico do proceso de construción dun teatro nacional galego.
– RAG: En que contexto? As súas achegas son dos anos 30 e as Irmandades da Fala xa traballaran arreo na construción dese teatro nacional galego desde a súa fundación en 1916.
– LT: O teatro galego experimentara un impulso tremendo entre 1915 e 1923, pero a ditadura de Primo de Rivera acabou con el. Cando esta remata, os membros das Irmandades da Fala están inmersos na actividade política, preparando a formación do Partido Galeguista, o único que retoma o teatro é Castelao no seu tempo libre. As alarmas saltan cando a prensa recolle que as Mocedades Galeguistas están a representar obras de teatro en español en Lourenzá, na propia localidade natal do seu presidente, Francisco Fernández del Riego. Isto sucede porque pensaban que non existía teatro en galego, descoñecían o que se fixera antes da ditadura. Por iso, na asemblea que celebra o PG en xaneiro do ano 1934, se lles encarga ás Mocedades unha comunicación sobre o teatro que fixe as instrucións que permitan retomar ese labor dirixido a completar o sistema literario. (…)
– RAG: Farsa das zocas levouna el mesmo a escena co seu alumnado na etapa en que foi director do Colexio Fingoi. Que papel desempeñou Carvalho Calero na historia do teatro escolar en galego?
– LT: Foi un pioneiro. O teatro é unha ferramenta didáctica magnífica, algo marabilloso para os rapaces. De acordo que o que facía Carvalho Calero era para as festas, pero facíao en galego, era o único espazo que lle permitía introducir algunha nota da cultura nacional en plena ditadura.
– RAG: Como foi a recepción das súas obras no teatro galego que emerxe a comezos dos anos 70?
– LT: Coido que non tivo a máis mínima recepción. Os rapaces que estaban a facer teatro neses anos pensaban que nunca antes houbera teatro galego máis alá d’Os vellos non deben de namorarse e tampouco lles ía servir para o que eles facían o de Carvalho Calero. O movemento do teatro independente de furgoneta non tiña nada que ver coa visión do mundo dun catedrático de universidade coma el. Eduardo Blanco Amor si que se incorporou ao movemento do teatro galego desa época e estivo nas Mostras de Ribadavia; opinaba, polemizaba, pero Carvalho Calero sempre se debeu de manter moi á marxe do mundo e da xente do teatro. (…)”