“#Nonnoscanceles Sacha!”

Desde a Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Son estes tempos de pensar en comunidade, de sachar, sementar e compartir. Son tamén tempos de reclamar dignidade para quen cultiva, mais tamén respecto para quen consome e responsabilidade a quen regula. A fin de contas, no mundo da cultura galega, as que producimos e as que consumimos estamos todas sachando na mesma leira. Por iso agora máis que nunca é tempo de sacharmos xuntas.
Dende A Sega queremos agradecer a todas as artistas que estes días ofrecen acceso á cultura dende a súa vontade de construír comunidade nos termos que elas mesmas deciden, polinizando de xeito salvaxe unha terra que se viu de repente posta en barbeito. A súa contribución á leira común axúdanos a pensar nas moitas persoas que nestes e noutros momentos teñen un acceso complicado á cultura, sexa por motivos económicos, xeográficos ou polo proceso de introdución permanente de especies invasivas a través das canles maioritarias de difusión da cultura (en particular, a RTVG -grazas #Defendeagalega por seguir sachando!-). Cómpre entender estes xestos nun marco que concibe a cultura non só como unha “industria”, senón como elemento vital dos coidados. Non vaia ser que nos despistemos e acabemos confundindo reclamar dereitos laborais con poñer granxas de pitos.
Cultivar nos balcóns, en pisos pequenos, en soidade, nas casas cheas de violencia, naquelas que non teñen nin conexión dixital ou nas vidas nos que os traballos das mulleres se multiplican, tanto fóra da casa (pensemos que a maioría de persoal médico, de limpeza, dos supermercados, dos mercados, do agro, as coidadoras de maiores, etc. somos mulleres) como dentro, demostran que a cultura é tamén o espazo do colectivo, do tanxible, do encontro e da presenza. Lémbrannos que o dixital actúa só como complemento ou, nestes casos, lánguido substituto do teatro, da lectura compartida, do cinema.
Nestes tempos máis que nunca, o traballo das entidades culturais e das administracións precisa ofrecer a leira e axudar na sacha para que na construción da comunidade non conte só a vontade senón os dereitos laborais e o coidado que nós, as produtoras, tamén merecemos. É por iso que dende A Sega desenvolvemos algunhas recomendacións para que as sementes que agora botemos axuden a seguir creando o vizoso campo colectivo que tanta falta nos fai como país.

Para as artistas:
-Únete, somos máis fortes unidas. Non adoptes unha actitude pasiva, fai propostas que pensen no colectivo non só no sentido laboral. Considera que a cultura non é o único sector afectado, en todo o que fagas ten en conta o comunitario e a xustiza social. Ser crítica está moi ben, pero procura non machucar as outras. Mazar en quen sementa, mesmo se o fai de xeito diferente a ti, non é unha estratexia produtiva. Se cadra é máis produtivo centrar as críticas en quen ten os cartos e o poder e non nas compañeiras que deciden dar saída ao seu entendemento de comunidade do xeito que consideran preciso.
-Sé consciente de que podes facer intervencións en liña e cobralas á xente que pode pagalas, establecendo diferentes categorías (xentes sometidas a ERTES, autónomas sen ingresos, persoas no paro ou en exclusión social) como fixo Alba María co seu curso de regueifa en liña.
-Apoia outras artistas participando nas súas actividades en liña para darlles visibilidade ás súas intervencións e axudalas nas estratexias de márketing dixital.

Para as entidades públicas:
-Garante que todos os contidos que solicites a artistas nestes tempos sexan remunerados igual que serían nun encontro presencial. Unha cousa é que nós queiramos construír comunidade e outra que iso se aproveite por parte das entidades públicas para precarizar máis o noso contexto de traballo. Fai como fixo o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que pasou todas as súas actividades físicas, coas dificultades que iso entraña, a virtuais con pagamento de todas as artistas implicadas.
-Fai un plan de continxencia: analiza con que cartos contas, onde os vas investir, que actividades podes programar que dean apoio ás creadoras en traballo conxunto con elas. Por exemplo, podes promover a publicación de libros electrónicos ou música apoiando as editoras existentes e as libreiras. Unha acción importante dos plans de continxencia é consultar coas librarías locais (por exemplo, se es un Concello) se lles gustaría ter unha plataforma de venda en liña para poder dar saída á venda de contidos dixitais ou físicos. Estas adoitan ser investimentos importantes que as librarías pequenas do país non teñen moita capacidade de enfrontar. Abre unha vía de financiamento para elas, así quedaralles para o futuro e estarán en mellor posición para competir coas plataformas dixitais agora e despois.
-Intenta investir en cuestións que ofrezan un futuro menos precario ao colectivo de artistas con quen traballes. Por exemplo, ademais de remunerar intervencións concretas como farías nun contexto físico (por exemplo, se ese unha biblioteca, un club de lectura virtual), intenta, sobre todo no caso das administracións de maior entidade, ofrecer cursos non presenciais sobre temas que lles interesen a colectivos de artistas concretos. Contratando a quen imparta o curso e as persoas precisas para organizalo estarás creando traballo e deixando a comunidade de creadoras en mellor situación (por exemplo, cursos sobre xestión das industrias culturais, manexo de programas concretos para crear pezas artísticas na rede, etc.). Acorda o contido dos cursos sempre co número máis amplo de persoas que integran o colectivo en concreto.
-Simplifica e garante a transparencia do acceso aos fondos: procura financiar a poboación que como administración tes máis próxima. Axudarás tamén a fixar as artistas no teu territorio. Fai convocatorias con requisitos sinxelos, concretos e telemáticos. Non distribúas nunca cartos aleatoriamente.
-Promove cos cartos dos que dispoñas por cousas que se cancelaron e non poden retomarse alianzas entre aqueles sectores culturais afectados. Non esquezas que a cultura non son só as caras visibles, ofrece apoio a bedeis, limpadoras, vendedoras de entradas, persoal técnico autónomo, xente de redes e comunicación, deseño, músicas ambulantes, artesanía local.
-Finalmente, esta é unha pandemial mundial. Non esquezas promover traballos que axuden a crear alianzas entre artistas e culturas, dende Galicia a outros lugares, sobre todo os afectados por confinamentos. Agora máis que nunca, deixa unha parte do teu orzamento dedicado ás traducións, á organización de cursos virtuais ou encontros con persoas de fóra dando traballo ás intérpretes galegas (utilizando mecanismos de interpretación remota, do cal te poden informar na AGPTI, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación). Permite que as artistas creen alianzas que contrarresten as causas raíz da pandemia dun xeito transnacional.

Outros axentes da cultura (editoras, discográficas, produtoras, medios)
-Pon a disposición material se o consideras preciso, pedíndolle á xente que pague.
-Únete e fai propostas coas artistas, se sachamos todas xuntas iranos mellor. Se queres compartir e promocionar obras, faino en sinerxía e nas condicións que as propias autoras requiran.
-Se traballas nun medio, aproveita para incrementar a programación cultural. Nestes días de tanta sobrecarga informativa monotemática, a xente precisa máis que nunca da cultura.

Para as co-creadoras (público)
-Se tes o luxo de seguir tendo traballo, asigna unha pequena cantidade semanal a pagar por algún produto cultural galego ou subscríbete a librarías coma a Lila de Lilith para que poidan contar cun fondo para manter a súa actividade. Apoia proxectos coma o da editora Urutau que puxo de balde os seus libros na rede, mais pide que quen poida pague por eles. Se ti que podes pagas, quen non pode seguirá tendo acceso á cultura.
-Se formas parte dalgunha asociación, es mestra, bibliotecaria, etc., planifica actividades que poidas remunerar con artistas galegas, tanto para o confinamento como un plan de choque posterior (por exemplo, que no curso que vén as escolas planifiquen máis actividades de cultura galega ca nos cursos anteriores). Establece obxectivos e prioridades, apoia a quen máis necesidade ten. Se cadra neste momento é importante convidar aos centros sobre todo a aquelas autoras, contacontos, teatreiras, cantantes e cineastas que non teñen un traballo fixo adicional e priorizar aquelas que quedaron sen ingresos. Por fortuna, en Galicia temos unha vizosa cantidade de artistas e podemos utilizar este criterio sen perder ningún tipo de calidade. Infórmate da situación de cadaquén cun trato próximo, respectuoso e humano (é dicir, non chames ás nove da noite un domingo ou te irrites se unha persoa non contesta ao teu correo en dez minutos: as artistas non somos un Opencore, nin estas accións poden entenderse como actos de caridade cara a nós. Sachamos todas xuntas ou non sachamos!). Non esquezas as caras menos visibles que comentamos antes: tamén teñen cousas que contar e ensinar e igual precariedade.
-Se non tes ingresos, se nesta crise traballas sen fin para manter os servizos esenciais, se estás esgotada por ocuparte do coidado doutras, se estás en situación de violencia de xénero ou pola túa identidade de xénero ou orientación sexual, se padeces unha enfermidade mental ou discapacidade, resumidamente, se estás nunha situación na que a túa preocupación principal no confinamento non é “que te aburres”, acude á cultura. Dinos que precisas ou simplemente goza das películas do Novo Cinema Galego, dos concertos de Najla Shami, MJ ou de Éric Dopazo, das versións tolas de Monti Castiñeiras, da distribución en aberto das series galegas no arquivo da TVG, de teatro liberado por Teatro do Noroeste, Berrobambán ou Chévere, das lecturas das primeiras páxinas de autoras de Xerais, dos festivais de poesía na rede Miña casa, meu lar, Corona Ipsum, dos festivais literarios coma os organizados dende Viva Lugo e de todos os produtos culturais en galego que se dispoñibilicen porque se alguén os merece gratuítos, es ti.”

Proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega sobre o Día das Letras dedicado a Ricardo Carvalho Calero

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fai pública a carta que dirixiu ao presidente da Real Academia Galega, coa seguinte proposta sobre o Día das Letras dedicado a Ricardo Carvalho Calero.

“Sr. Presidente da Real Academia Galega,
Prezado Sr. D. Víctor Freixanes,

A situación de excepcionalidade sanitaria, social e cultural que está a vivir a Galiza, levou a anular toda posibilidade de normal celebración das actividades de divulgación da figura do narrador, poeta, ensaísta, lingüista, profesor e pensador don Ricardo Carvalho Calero, no ensino e nas diversas actividades de concellos e outros colectivos culturais.
Despois de se reunir o Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, acordou trasladarlle á Real Academia Galega, institución que vostede tan dignamente preside, que avalíe a necesidade dunha prórroga/alongamento do Día das Letras 2020 ao ano 2021, no pleno da RAG para tal fin, e, en consecuencia, a non elección dunha nova figura para ser celebrada en 2021.
A RAG, como consecuencia desta grave situación, decidiu adiar ao 31 de outubro -data próxima ao aniversario do nacemento no noso escritor- os actos de celebración das Letras Galegas deste ano 2020. A celebración do seu nacemento xustificaría de por si tan importante acto a celebrar pola RAG e toda a cidadanía na súa cidade natal.
Sendo conscientes do esforzo que a RAG fai anualmente para a divulgación do autor ou autora elixido, e as medidas que este ano serán feitas para substituír a celebración dos actos presenciais que normalmente veñen acompañados da implicación de todas as institucións e administracións, así como nos precitados ámbitos: editorial, educativo e de diversos colectivos sociais da cultura e outros, pensamos que sería unha inxustiza histórica que o autor homenaxeado non poida ser achegado á sociedade e aos seus escolares como todo autor e autora mereceron no pasado, dentro dunha maior normalidade social e cultural.
Ao tempo, a que será nova autora do ano 2022, que agardamos sexa unha muller, podería dispor tamén dunha outra normalidade social e cultural. Como ben sabe, a nosa Asociación apoiou e seguirá a apoiar sempre as actividades da RAG que vostede preside, mesmo nunhas circunstancias tan adversas como as actuais, e nas actividades futuras das escritoras e escritores elixidos.
Por todo o antes exposto, agradeceríamos tomase en consideración a nosa proposta, arriba desenvolvida, para que sexa posta en valor a figura de D. Ricardo Carvalho Calero e a súa tan importante obra para a nosa literatura e a nosa cultura.

Reciba os cumprimentos do Consello Directivo da AELG e, no seu nome, o afectuoso saúdo de Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega”

Polafías Polavida, memoria da infancia de Dolores Macías Pose

Desde a sección de Literatura de Tradición da AELG convidámosvos a reunirnos cada día, momentaneamente, arredor da lareira virtual que representa o noso inmenso arquivo.
Hoxe escoitamos a memoria da infancia de Dolores Macías Pose (Cabana de Bergantiños – A Coruña, 1930), Mestra da Memoria 2016.
Esta gravación realizouse no Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate o 21 de febreiro de 2016.
Esta é a ligazón ao vídeo.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede e/ou #aculturasegue.

A Real Academia Galega traslada o pleno do Día das Letras Galegas ao 31 de outubro

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega acordou pospoñer o pleno extraordinario e público do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) ante a situación provocada pola pandemia da COVID-19. A sesión mantense no lugar previsto, o teatro Jofre de Ferrol, pero trasladarase do domingo 17 de maio ao sábado 31 de outubro, xusto un día despois do 110 aniversario do nacemento do homenaxeado. De igual xeito, os demais actos presenciais que a institución tiña previsto celebrar nas vésperas e nas datas posteriores ao Día das Letras Galegas terán lugar á volta do verán.
A Real Academia Galega tomou esta decisión ante a evidencia crecente de que a mediados do mes de maio non será recomendable, nin quizais aínda posible, celebrar actos públicos concorridos. A medida, inédita nos cincuenta e sete anos de historia do Día das Letras Galegas, adóptase dende a responsabilidade ineludible, que esixe priorizar a seguridade do público asistente e de todas as persoas implicadas na organización dun acto destas características. O cambio de data desta e doutras iniciativas pretende tamén prolongar a celebración do Ano Carvalho Calero ao longo do último cuadrimestre deste 2020, procurando minimizar o impacto desta situación de emerxencia na celebración da gran festa da cultura galega.
Malia os cambios no calendario de actividades presenciais arredor do Día das Letras Galegas, a RAG quere que o 17 de maio sexa igualmente unha gran celebración colectiva, e fai un chamamento a toda a cidadanía galega para que sexa así valéndose das posibilidades do mundo dixital que tanto se están a aproveitar nestes tempos de obrigado afastamento social. Nesta liña, a institución reforzará nas vindeiras semanas na Rede as iniciativas de divulgación da figura e da obra do filólogo, escritor e profesor Carballo Calero, tanto a través desta páxina e do proxecto para o público infantil Primavera das Letras como do Portal das Palabras.
A entrada en vigor do estado de alarma o pasado 15 de marzo xa obrigara a Real Academia Galega a adiar o acto centrado no labor como dramaturgo de Ricardo Carvalho Calero que estaba a organizar da man de Santiago Fernández, que xunto con Manuel Lourenzo dirixe o estudio teatral Casa Hamlet. O programa ía desenvolverse na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña, o pasado 25 de marzo, cadrando co trixésimo cabodano do autor e nas vésperas do Día Mundial do Teatro.
Outro acto que terá que ser reprogramado á volta do verán é a homenaxe ao labor de Ricardo Carvalho Calero como docente, e como parte da resistencia galeguista na posguerra, que a RAG ía celebrar o 7 de maio en colaboración co Colexio Fingoi, o centro educativo lugués que o autor dirixiu dende 1950 ata o seu regreso en 1965 a Santiago de Compostela, onde se fixo cargo das primeiras aulas de galego na universidade. Tamén no outono, como vén sendo habitual, terá lugar o Simposio das Letras Galegas.
Tendo en conta o impacto que pode estar a ter a suspensión das clases presenciais no desenvolvemento de parte dos proxectos escolares dedicados a Ricardo Carvalho Calero, a RAG ampliará ata despois do outono o prazo de participación no concurso Contádenos o voso Día das Letras –convocado ao abeiro do proxecto Primavera das Letras– e anima o profesorado a que, alén de promover accións virtuais nas vésperas do propio 17 de maio, estenda as iniciativas arredor da figura e a obra do homenaxeado ao primeiro trimestre do curso próximo.”

Club literario virtual arredor de O libro da filla, de Inma López Silva

O 6 de abril tivo lugar, ás 22:00 horas, o primeiro club de lectura virtual arredor dun libro de literatura galega.
A inciativa impulsada por Anna R. Figueiredo, Daniel Chapela e Mercedes Corbillón (Libraría Cronopios) centrouse na análise de O libro da filla (Editorial Galaxia) e contou coa presenza da autora Inma López Silva.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

Gonzalo Hermo: “O drama tras o trauma da morte aparece cando descubrimos que conservamos a capacidade de rir”

Entrevista de Montse Dopico a Gonzalo Hermo en Praza:
“(…) – Praza (P): Xacobe, que é poeta, decide escribir un relato con todo o que acaba de vivir. Pensa que non podería escribir poesía porque precisaría unha distancia temporal que non ten. Foi iso o que quixeches ti, escribir un relato [Diario dun enterro]?
– Gonzalo Hermo (GH): O episodio ao que te refires introducino para dar conta da diferenza que, no meu xuízo, supón escribir poesía e narrativa. Tal e como eu a concibo, a poesía necesita distancia. Aparece sempre “despois”. A narrativa está moito máis suxeita ás coordenadas de espazo e tempo e, polo tanto, ten a capacidade de ser inmediata. O poema, en cambio, non ten relato. É o acontecemento en si mesmo. (…)
– P: É unha novela de fácil lectura: con ritmo, orde cronolóxica na narración… Pode parecer que non pasa nada, pero pasa. E o estilo é moi contido, quizais de aparente sinxeleza…. Como foi o proceso de escrita?
– GH: Para min era fundamental atopar ese ritmo áxil que permitise unha lectura dunha soa vez. Desde que sentei a escribir a novela, tiven claro que o ritmo de lectura debía acompañar o ritmo frenético ao que experimenta os acontecementos o narrador protagonista. É certo que acelerar o ritmo obriga a renunciar a algunhas cousas, como, por exemplo, á digresión, pero coido que o resultado o compensa. O ideal de lector que a novela proxecta é aquel que, ao pechar o libro, queda coa sensación de que algo importante lle escapou. Así son as novelas que me gustan: breves, veloces e que deixan un pouso ao que non sei poñer palabras. O que non sei é se o conseguín. (…)
– P: Mais a historia desenvólvese en Eiradona, un lugar inventado no que podemos recoñecer algúns aspectos dun rural real galego en transición: o tanatorio feito, por exemplo, pero a conservación do rito de velar o morto toda a noite. Non creo que sexa unha novela que pretenda retratar o rural, pero si buscaches quizais que fose recoñecible… O personaxe ten unha relación de estrañamento con ese espazo.
– GH: Non, non é unha novela costumista, en absoluto. Que parte da crítica a lese como un relato de costumes é a proba palpable de que o rural se atopa nun nivel moi alto de esmorecemento. Os seus códigos xa non son percibidos como parte da realidade presente, senón como un elemento de museo que cómpre testemuñar. Eu non tiña a intención de testemuñar nada. A realidade que describo no libro, no que ten ver cos ritos da morte ou coa relación entre a veciñanza, é a realidade que vivo cada vez que piso Rianxo. Non hai nada de folclórico aí.
Cuestión distinta é que a ten que ver co estrañamento que experimenta o protagonista cando regresa a Eiradona. Interesábame dar conta desa escisión porque é a que experimenta todo emigrante. Por razóns de traballo, teño a sorte de pasar varias horas á semana coa comunidade galega emigrada a Barcelona e as súas impresións neste terreo son sempre as mesmas. Séntense en terra de ningures. En Barcelona son «galegos», pero cando viaxan a Galicia chámanlles «cataláns». (…)”

2020: As Letras Galegas do confinamento nun ano inédito

Artigo de Lois Alcayde Dans en Nós Diario:
“Ningún aspecto da vida cotiá galega escapa da influencia dunha pandemia que disolveu e adiou todos os actos físicos culturais en salas de exposicións, museos, cinemas e salas de concertos de toda Galiza. Tampouco escaparon as propias Letras Galegas. Aló polo 1987 o programa da TVG dedicado á difusión da cultura, A Trabe de Ouro, conducido por Víctor Freixanes, emitía unha entrevista ao profesor e escritor Carvalho Calero arredor da súa vida e obra, unha das poucas testemuñas televisivas do profesor e escritor ferrolán. Aquelas imaxes en catro terzos están hoxe, 33 anos despois, accesíbeis xunto con máis contido nas redes da Real Academia Galega.
A institución traslada a Nós Diario que quere manter, na medida do posíbel e atendendo ás recomendacións das autoridades sanitarias, as actividades programadas para un maio bizarro; un mes do que aínda descoñecemos se poderemos celebrar as nosas letras na casa ou á calor do sol na rúa: “O estado de alarma prevé nestes momentos o confinamento até o vindeiro 12 de abril, polo que se mantén en axenda tanto a celebración do pleno extraordinario da Real Academia Galega o día 17 de maio, como un acto previo de homenaxe ao labor de Ricardo Carvalho Calero como docente e como parte da resistencia galeguista na posguerra, programado para o 9 de maio no Colexio Fingoi de Lugo”, di a este medio Iolanda Casal, encargada da comunicación da institución.
O seu presidente, Víctor Freixanes, recalca esta situación “excepcional” que supón a pandemia para a programación regular da calquera institución cultural, un contexto de revolución da axenda “tan extraordinario que é difícil de prever” pero ao cal, incide, “buscaráselle unha solución axeitada”. Entidades como o Consello da Cultura Galega tamén tiveron que adiar contidos do Día das Letras Galegas, como é a presentación dunha composición musical o 16 de maio, aprazada. O Consello está a subir á web iniciativas dixitais como un especial web arredor de Carvalho Calero e unha páxina con contidos de balde do audiovisual, en colaboración coa CRTVG.
A RAG viuse na obriga de pospoñer varios actos por mor do coronavirus, entre eles un marcado para o pasado 25 de marzo e dedicado ao labor de Calero como dramaturgo, coordinado por Santiago Fernández, co-director xunto ao actor Manuel Lourenzo de Casa Hamlet, na Coruña. A homenaxe, que tamén tiña a finalidade de celebrar o Día do Teatro, foi adiada para os vindeiros meses do ano e atópase aínda sen data fixa. A Academia incide en que os actos previos á fin da emerxencia vixente serán tamén reprogramados nos vindeiros meses cando a situación volte á normalidade, cos ollos postos no outono. Será nesa estación cando teña lugar o tradicional simposio arredor do autor na sede da academia na coruñesa rúa Tabernas, un acto que, aseguran, confían en que non se vexa alterado.
Casal pon o foco na actividade que a institución está a facer nestes momentos en redes sociais e na súa web con contidos “para o diálogo co público de distintas idades”, informa. Así mesmo, a RAG traslada a este medio que “reforzará” ao longo das semanas previas ao 17 de maio a publicación de “contidos divulgativos” relacionados coa figura de Carvalho Calero; “estamos estudando varias opcións, entre elas o redescubrimento de contido audiovisual ao redor do autor”, di o seu presidente, Víctor Freixanes. Os contidos están dispoñíbeis en academia.gal, o Portal das Palabras e unha web dedicada ás nenas e nenos, primaveradasletras.gal: “Ofrecemos materiais para crianzas de infantil e primaria sobre a vida e a obra de Carvalho Calero”, engade Casal.
O espazo virtual, igual que en máis eidos da cultura galega nestes días, é e vai ser fogar para varias iniciativas relacionadas tamén coas crianzas. A Academia presenta o seu concurso anual “Contádenos o voso Día das Letras”, que, traslada, vai ampliar o seu prazo de presentación e non descarta efectuar cambios nas súas bases se se prolonga o confinamento.
O presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL), Eduardo Maragoto, en declaracións a este medio, afirma que todas as actividades fican pendentes da decisión tomada polo Consello de Ministros a respecto da probábel prolongación do estado de alarma até o 26 de abril, “faremos un consello para decidir que actividades podemos celebrar e cales quedan pendentes”. Salienta Maragoto que a AGAL xa fixo actividade previa: “Temos moitísimos proxectos en andamento. Levamos editados catro libros de Calero, unha antoloxía de poesía, outra de reflexión lingüística… imos editar tamén unha banda deseñada dirixida ao público adolescente e imos facer unha edición conmemorativa de Scórpio”.
Dentro da súa programación, aínda sen data de lanzamento, hai exposicións e lecturas públicas. O presidente de AGAL apela á prudencia a respecto das decisións no futuro que poidan afectar á celebración das Letras Galegas, mais transmite que está enriba da mesa a proposta de que o Día das Letras Galegas sexa adiado para 2021: “Existe a posibilidade de adiar todos os actos para o comezo do seguinte ano lectivo, é dicir, no outono, trasladando os eventos do aniversario de Calero, en outubro, para 2021. Imos agardar a ver se se prolonga ou non o estado de alarma”.
A Consellaría de Cultura, preguntada a respecto das celebracións en homenaxe a Carvalho Calero, transmite a Nós Diario o aprazamento da exposición “A voz presente”, de AGAL-Ouvirmos, no Auditorio da Galiza, en Compostela. Desde a Consellaría sinalan que manteñen a comunicación coa Academia en relación ao 17 de maio e, engaden, non hai cambio previsto de momento e lembran que na web hai actividades como “As miñas primeiras letras galegas”, no Portal da Lingua Galega.”

Polafías Polavida, Mazurca ao acordeón interpretada por Pazos de Merexo

Desde a sección de Literatura de Tradición da AELG convidámosvos a reunirnos cada día, momentaneamente, arredor da lareira virtual que representa o noso inmenso arquivo.
Hoxe escoitamos a interpretación desta mazurca ao acordeón de Manuel Pazos Redonda ‘Pazos de Merexo’ (Ozón, Muxía 1926 – 2019), Mestre da Memoria 2018.
Esta gravación realizouse na residencia de Manuel Pazos ‘Pazos de Merexo’, o 26 de marzo de 2018.
Esta é a ligazón ao vídeo.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede e/ou #aculturasegue.