Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Alfredo Conde presenta Homes de ferro. O escritor novela o tráxico final de catro amigos irlandeses que construíron un bote para facer o Camiño por mar dende Dublín a Compostela. A obra publicada por Ézaro forma parte dun proxecto máis amplo que promoven Buxa, a Asociación Galega do Patrimonio Industrial. A entrevista pode escoitarse aquí.”
O Carballiño: presentación de O meu pecado mortal, de Clara Campoamor
Entrevista a Ramón Nicolás no Diario Cultural
Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Emitiuse unha entrevista no Diario Cultural centrada tanto nos dez anos que cumprirá este blog o vindeiro mes de outubro como nos trinta de práctica ininterrompida de crítica literaria. A miña gratitude pola atención. A quen lle interese pode acceder premendo aquí.”
Vicente Araguas: “O amor é un tema que me fascina, son un romántico”
Entrevista a Vicente Araguas en Diario de Ferrol:
“Vicente Araguas (Xuvia-Neda, 1950) volta á poesía en galego con O amor non se fala soamente (Ronsel do 68), editado por Medulia.
Máis de trinta poemas dan forma a un traballo no que a épica e a lírica van da man, onde o “nós” e o “eles” deixa paso tamén ao “eu”, porque para esa primeira persoa que é Araguas o maio do 68 significou moito. Case todo.
Nesa época chegou á Universidade, a Compostela, e alí foi parte do movemento estudantil que alzou a súa voz pola liberdade e por un mundo máis xusto. Araguas fíxoo ademais con letras e música, xunto cos outros compañeiros universitarios cos que nacía Voces Ceibes, canción protesta nunha época tinguida pola escura ditadura.
O prolífico escritor nedés, afincado en Madrid –onde segue a exercer como profesor emérito, pero que regresa con asiduidade á súa vila natal–, reivindica ese maio do 68 nun libro que emerxe como unha sorte de calendario, con versos que se moven entre “Viña seembro tan cheo de vontades” ou o “Outubro, río turbo”, para facer tamén unha parada no “Novembro de ventura” ou na “Semana Santa do 68”.
Estes son só algúns dos poemas que dan vida a unha obra que, como o propio autor relata, foi cociñada a propósito dun curso monográfico que impartiu o pasado ano na Universidade Senior da Complutense de Madrid e que xiraba precisamente sobre a revolta que tivo o seu xermolo en Francia.”
Compostela: presentación de Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá en Galicia, séculos XIX e XX, de Xavier Castro
Bases do XXIII Concurso de poesía Concello de Carral
Catoira: presentación de Sal auga vinagre, de Raúl Gómez Pato
Bases do Premio Literario Illa Nova de Narrativa 2020
Compostela: Obradoiro de escrita creativa con Eduardo Estévez e Lorena Souto (xaneiro-marzo 2020), en Chan da Pólvora
“Xoán Costa, cos pés na terra”
Entrevista de María Obelleiro a Xoán Costa en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Coñece de primeira man Carvalho Calero. Que destaca das súas múltiplas facetas? Que supuxo para vostede o contacto de perto con el?
– Xoán Costa (XC): Coñecino primeiro como profesor. Despois traballei con el, sobre todo na definición da revista Agália. Destacaría del, primeiro, o seu pouco afán de protagonismo. Tamén destacaría a coherencia de pensamento, que era total e que nunca o levou a renunciar aos seus principios ideolóxicos, aínda que os tivese que adecuar ás circunstancias do momento. El prefería pór diante de todo a visibilidade da causa que defendía a ser protagonista principal dela. Vese perfectamente nas cartas a Fernández del Riego. Aí deixaba ver como era necesario constituír grupos de presión que influísen na Academia para levala cara a un determinado sentido na defensa da lingua e da literatura ou a idea de influír no sistema educativo coa edición de materiais alén dos clásicos libros de texto. Despois de Agália coincidín moito con el na preparación da edición de Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985).
– SG: Participou moi activamente nos inicios da Associaçom Galega da Língua (AGAL), nun momento en que estaba moi candente o debate da normativa. Tamén foi autor de varias gramáticas.
– XC: Cando se fundou a AGAL eu estaba en Lisboa, polo que o meu carné de socio é posterior. Como membro da AGAL estiven na Comisión de Redacción do Estudo crítico das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Tamén participei na redacción do Prontuário Ortográfico Galego. Era o tempo en que ten lugar a primeira polémica relativa á norma. O reintegracionismo mantivo unha posición moi forte contraria ás normas ILG-RAG (Instituto da Lingua Galega-Real Academia Galega), posición expresada desde o ponto de vista teórico mais tamén desde o ponto de vista do uso, sobre todo no ensino. Foi ese o primeiro paso do que foi a normativa de mínimos. Case todos os libros de texto que tiveron impacto no ensino foron publicados baixo esa norma da Asociación de Profesores de Lingua e Literatura, en cuxa primeira asemblea Carvalho pronunciou a conferencia de clausura. Creo que a batalla normativa non se inclinou da parte da norma oficial até que a Administración conseguiu implantala no ensino.
– SG: Desde 2001 preside a AS-PG. Que representa para o ensino galego?
– XC: Sen dúbida ningunha, a AS-PG supuxo poñer diante da sociedade a evidencia de que as galegas e galegos temos particularidades específicas que deben ser representadas no ensino. As orixes da AS-PG remóntanse ás xornadas, interrompidas pola Garda Civil, que se ían celebrar no santuario dos Milagres de Maceda, auspiciadas por Francisco Carballo. Falamos de 1976. De alí xurdiu o primeiro sindicato de profesores de ensino, a UTEG (Unión de Traballadores do Ensino da Galiza) e a AS-PG, que desenvolveu un traballo centrado primeiramente na formación do profesorado para o adaptar ou o situar nas técnicas pedagóxicas que os tempos demandaban. Tamén se ocupou de traballos máis sociais, como conferencias para pais e nais. Editamos materiais que non foron acollidos por outras editoras, como os libros de Francisco Rodríguez sobre Rosalía, e discos dos nosos autores e autoras; convocamos concursos de relato oral e de vídeo; organizamos semanas do libro e da lectura. De feito, a primeira xornada de formación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para o profesorado organizounas a AS-PG en Pontevedra. E a Historia da Literatura Galega. (…)
– SG: Dirixiu Agália nos seus comezos, colaborou en A Nosa Terra, participou do nacemento de Sermos Galiza, onde é presidente do Consello de Administración, ademais de conselleiro delegado. Que representa para vostede o xornalismo galego?
– XC: A miña participación en A Nosa Terra era como representante da AS-PG en tanto que esta entidade formou parte do capital social da empresa. Na Agália asumín a coordinación e a dirección nos primeiros números e agora, Sermos. O xornalismo galego é unha necesidade que este país aínda non asumiu de maneira axeitada. Unha sociedade normal ten que estar informada na súa propia lingua e para iso son imprescindíbeis medios de comunicación que respondan tanto a criterios lingüísticos como a unha óptica galega. No caso galego, non se chegou a cubrir esa demanda, malia que o xornalismo galego arranca no século XIX. Na actualidade aínda estamos carentes dese medio que nos informe a diario e en papel. E digo en papel porque, a pesar de ser a forma máis tradicional, é a que segue a ter máis credibilidade. Estou en Sermos Galiza porque acredito en que é un proxecto imprescindíbel para o desenvolvemento do país. (…)”