Pontevedra: actos literarios destacados do Culturgal 2013 para o venres 29 de novembro

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2013, comeza este venres 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 21:00 h.. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2013, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para o seu primeiro día:

Venres, 29 de novembro
– 11:15 h. Rinocerontes e Quimeras, obradoiro de creación literaria con Marcos Calveiro, para rapazas e rapaces maiores de 11 anos, concertado con centros educativos.
– 12:15 h. Presentación de As crónicas de Landereina. Bágoa de lúa, de Sabela González, publicado en Galaxia, con centros de ensino.
– 13:15 h. Encontro co escritor Marcos Calveiro, ao redor do libro Todos somos (Xerais).
– 13:30 h. Encontro con Manuel Lourenzo González, ao redor do libro Flor de area, editado por Xerais.
– 16:30 h. Presentación do documental Uxío Novoneyra: poeta alén.
– 17:00 h. Presentación do poemario Medrar nas mans, de Asun Estévez (Ir Indo).
– 18:00 h. Revista Oink! A revista do Xabarín Club.
– 19:00 h. Conversa con Luís Rei Núñez ao redor do libro Días que non foron (Xerais). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 19:30 h. Conversa con Rosa Aneiros ao redor do libro Ámote Leo A. Destino Xalundes (Xerais). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 20:00 h. Conversa co escritor Francisco Castro ao redor do libro O corazón da Branca de Neve (Editorial Galaxia). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 20:30 h. Conversa coa escritora Anxos Sumai ao redor do libro A lúa da colleita (Editorial Galaxia). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.

Unha web conmemora os 25 anos do premio de novela García Barros

Desde Fervenzas Literarias:
“Co gallo do XXV aniversario do Premio de Novela Manuel García Barros presentouse a web deste premio, desenvolvida polo concello da Estrada co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Este portal repasa a historia do premio ao longo dos 25 anos mediante unha escolma dos títulos gañadores e unha descrición dos seus autores e, ademais, recolle a vida e a obra de García Barros, entre outros puntos. (…)
A presentación da web do premio García Barros complementarase -neste ano no cal celebra as súas vodas de prata- con outras actividades. Deste xeito, no mes de outubro terá lugar un evento conmemorativo no que se reunirán os gañadores das 25 edicións do premio, así como representantes das distintas editoriais que publicaron as novelas vencedoras.
Contra finais de ano celebrarase o tradicional evento de entrega do premio á escritora Anxos Sumai, gañadora desta vixésimo quinta edición, coa novela A lúa da colleita, que será publicada por Galaxia.”

Anxos Sumai: “A maneira de percibir as cousas pode converterse nun límite”

Entrevista de Camilo Franco a Anxos Sumai en La Voz de Galicia:
“Unha novela, A lúa da colleita, que marca un cambio no seu xeito de narrar é a que permitiu a Anxos Sumai gañar o premio García Barros, da Estrada, no que o xurado salientou a prosa límpida e as fortes doses de intriga.
– La Voz de Galicia (LVG): Recoñece un cambio na maneira de contar.
– Anxos Sumai (AS): Tiña que dar un paso adiante porque xa levaba tempo pensando que estaba dando voltas arredor do mesmo argumento.
– LVG: ¿Cal é o xeito e o argumento novo desta novela?
– AS: Ten que ver coa percepción que temos sobre o mundo e sobre nós e como esta percepción pode ser un límite. Trata de como nos vemos a nós mesmos e como o noso xeito de percibir altera a visión da realidade. Son os límites dun mesmo e como eses límites están condicionados por como percibimos.
– LVG: Leva un tempo sen publicar. ¿Por que?
– AS: Primeiro porque tiña que dar un cambio, ir noutra dirección. Tamén porque non son escritora profesional e dedícolle á literatura o tempo que sobra, aínda que me gustaría que fose doutro xeito. Tamén pode ser que agora teña menos enerxía e todo vaia máis lento. Eu non publico un libro cada ano e, en certo modo, presentarse a un premio e gañalo é como volver a empezar. Ten a vantaxe da dotación económica e dunha difusión que un libro por si mesmo non pode conseguir.”

Anxos Sumai gaña o Premio de Novela García Barros, con A lúa da colleita

Desde Galaxia e Sermos Galiza:
“Hoxe fallouse na Estrada a XXV edición do Premio de Novela García Barros (Ken Keirades) que publicará, como é tradicional, a Editorial Galaxia. Nesta edición, resultou gañadora a obra de Anxos Sumai, A lúa da colleita.
Presentáronse un total de 21 novelas que tivo que avaliar un xurado composto por Inmaculada Otero Varela, Armando Requeixo Cuba, Luís Alonso Girgado, Carlos González de Lema Malvar e Carlos Loureiro Rodríguez (secretario).
A novela conleva, ademais da publicación na Editorial Galaxia, un premio de 9000 euros.
O xurado destacou que “é unha novela na que destaca o elaborado traballo de caracterización dos personaxes, nunha historia onde o cuestionamento da identidade e a alteridade se vencella coa memoria e o pasar do tempo. A trama propón fortes doses de intriga, simbolismo e unha arquitectura perfecta, de linguaxe moi visual, que arrastra os personaxes a finais inesperados, pero de implacable lóxica. Todo este mundo, moi cambiante, e recreado a través dunha prosa límpida, da depuración extrema que flúe limpa e imparablemente.”
Segundo se recolle en Sermos Galiza: “(…) Trátase dunha novela especial, de grande tensión narrativa” coméntanos, despois de anotar o grande esforzo que lle supuxo a escrita desta nova obra. “Transcorre nunha praia e é unha novela chea de luz, co mes de agosto e a Ría de Arousa como marco, na desenvocadura dun río. Está chea de sombras personais” afirma a escritora, feliz por un novo recoñecemento que se incorpora a súa sólida carreira narrativa. (…)”