Discursos de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, na Homenaxe O Escritor na súa Terra – Letra E a Xosé Manuel Beiras

Aquí poden lerse os discursos de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, na Homenaxe O Escritor na súa Terra – Letra E a Xosé Manuel Beiras, o 14 de xuño de 2025.

Discurso lido no descubrimento do monólito conmemorativo e plantación da árbore escollida polo autor, un teixo. Pode lerse e descargarse aquí, ou ben ser lido a continuación:

“Sra. Alcaldesa e membros da corporación municipal de Santiago de Compostela; representantes das institucións políticas, culturais e sociais; Sras. deputadas do Parlamento Galego; deputadas da Deputación Provincial.

Querido Xosé Manuel Beiras, querido escritor.

Amigas e amigos.

Chantamos o monólito do escritor como unha porta que se abre aos lugares onde a palabra será anainada, lugares que son territorio de tenrura onde a dor sosega.

Das canteiras do Deza, da variedade silvestre, chegou o granito que dará acougo ao verso insculpido na pedra que o canteiro Gumersindo vén de tallar con sabia e cálida mao.

Coa pedra, sementamos palabras orballadas que se acollerán, rumorosas de silencios, na noite que escoitará os sinos da Berenguela: os que marcarán o nacer do tempo que aínda non existe.

Chantamos o monólito que sostén o verso, o poema, a pedra onde fai niño. E da súa lectura, nacerán outros poemas que nos convoquen á tenrura, que convoquen a amar e ser amados entre a luz que nace da noite e a luz que nomea o día que virá. É cando vivimos os momentos que fundan o soñar. As palabras insculpidas na pedra darannos arrimo, darannos a capacidade de amar e ser amados en cada amañecida.

Vivimos un tempo no que as imaxes de dor estarrecedoras magóannos, férennos, derrótannos como seres humanos. Precisamos do poema que nos rescate da dor, que sexa construtor de esperanza, creador de conciencia.

Abrimos hoxe esta porta que constrúe territorios de tenrura.

Si, é a porta que dá entrada á cidade, a que se alimenta do mundo sensíbel que habita territorios de tenrura, lugar da beleza do efémero, que acolle aquilo que non permanece porque é eterno. Esa cidade que é creadora da luz e das súas caligrafías, que vive nos tránsitos da luz, que vive todo albor, que está a nacer. É a cidade que é alicerce de todas as cidades que habitan a cidade de Compostela: raios de sol que se filtran a través das follas dos ameneiros que acompañan o transcorrer do rio Sarela.

Neste lugar lembramos as maos das lavandeiras e elas convócanos ás maos das costureiras, as que tecían os soños da pintora Aurichu Pereira, querida e admirada amiga, que vestiu de liño e satén o corpo andariño de quen lles fala para andar os camiños da vida.

Facemos renacer da terra fértil o teixo coma árbore, para así crear o lugar do poema, para que soñe e se faga substancia, ánima. Para que cante o malvís e arrecenda a macela.

Acompáñanos no seu humilde transcorrer, o rio Sarela, de efémeros espellos. Leva unha luz que peneiran as follas a través dos pradairos, no seu latexar en ritmos vitais, acompañará a nosa vida.”

***

Discurso lido na entrega da Letra E. Pode lerse e descargarse aquí, ou ben ser lido a continuación:

“Sra. Alcaldesa, membros da corporación municipal

Autoridades das institucións políticas, sociais e culturais do noso país,

Moitos son os motivos para que hoxe celebremos esta entrega da letra E de escritor ao profesor Xosé Manuel Beiras.

Un deles foi a súa participación no Consello Directivo de AELG como vicepresidente, sendo presidente na altura, o querido poeta Uxío Novoneyra. Eramos vogais do Consello Directivo entre outros Xosé María Álvarez Cáccamo, Miguel Anxo Fernán-Vello e quen lles fala.

Eran tempos complexos nos que o seu peso no mundo da cultura e o prestixio de Xosé Manuel Beiras como home de escrita e de consenso, axudou a que fose consolidando a AELG, e que dese os seus primeiros pasos cos necesarios e sólidos alicerces. Como moitas asociacións e colectivos nacéramos hai 45 anos na idea de termos institucións galegas propias, tamén no colectivo de escritoras e escritores, coa vontade de permanecer. Na actualidade somos 560 asociados e asociadas.

E permitídeme que lembre que no 1936 nacera a nosa antecesora Asociación de Escritores Galegos, tendo sido secretario xeral Álvaro das Casas, formando parte dela, entre outros, Otero Pedrayo, Gonzalo López Abente, Fermín Bouza Brey, Castelao, Aquilino Iglesia Alvariño, Carvalho Calero, Roberto Blanco Torres, Francisco Fernández del Riego, Vicente Risco, Ramón Vilar Ponte, Valentín Paz Andrade, Ánxel Fole… Relación publicada en El Pueblo Gallego. Tiñan unha cota anual de 5 pesetas.

Entre as razóns do Consello Directivo e da Asemblea Xeral de celebrarmos o Escritor na súa Terra na persoa do Xosé Manuel Beiras, está fundamentalmente a súa obra, e non só na súa condición de ensaísta. Cunha moi sólida formación literaria, escribiu libros que foron determinantes para andar os camiños que fixesen a Galiza dona do seu futuro.

A súa escrita transcendeu o ámbito dos proxectos persoais, sendo libros que sustentaban e alimentaban proxectos colectivos, ferramentas fundamentais para entender o noso país e que posibilitaron buscar alternativas que contribuísen ao avance do coñecemento sobre a realidade económica social e cultural da nosa nación.

Nos seus saberes profesionais como Catedrático de Estrutura Económica, sempre hai un fondo humanista que sustenta a súa obra. Sempre me produciu unha certa fascinación que desde os saberes da economía, en concreto do profesorado de Estrutura Económica, habendo unha solidez cultural e unha fértil transversalidade de escrita literaria, asente unha dimensión humanista. Lembro ao seu colega de profesión no ensino universitario José Luis Sampedro, grande escritor tamén a quen recoñecemos como Escritor Galego Universal, aínda que o seu falecemento nos privou de lle entregar en persoa o noso agasallo.

Desde a súa infancia, nun ámbito familiar onde se valoraba a importancia da cultura e da creación cultural como parte da súa formación, a comprensión da realidade galega tivo un peso moi importante.

Afortunadamente para a súa formación como galego consciente, conviviu con escritores que de xeito natural formaban parte do seu entorno familiar culto e de amizades da familia, que viñan de atravesar a longuísima noite de pedra coa dignidade dos bos e xenerosos que sostiña a chama do nacionalismo e do galeguismo anterior ao 36. Escritores como Ramón Otero Pedrayo, Paco del Riego ou Ricardo Carvalho Calero, desenvolvían as actividades posíbeis nuns tempos de posguerra franquista e a sombra da ditadura cubrindo todo, afogándoo.

Dalgunha maneira, Xosé Manuel Beiras foi o elo que nos comunicou cunha parte da xeración Nós ás novas xeracións que tiñamos unha certa orfandade do nacionalismo histórico que a sublevación franquista e a caída da Segunda República nos negou.

Afortunadamente para todos nós, a súa formación, todo o que lle achegou a cultura francesa nun momento no que era a cultura referente no mundo, sexa no eido artístico ou literario, fixo que Xosé Manuel Beiras posuíse unha cultura que o converteu nun mestre para moitos de nós, creando unha relación que enlaza coa xeracións poéticas de escritores e escritoras que estaban a se desenvolver.

Esta confluencia co escritor e co profesor exerceu sobre moitos e moitas de nós o seu maxisterio como construtor da nación.

Ler os seus libros de conversas cos escritores Francisco Pillado e Miguel Anxo Fernán-Vello, así como as entrevistas que forman parte xa da videoteca do noso Centro de documentación, en concreto a feita por Xosé María Álvarez Cáccamo, achéganos o relato dunha existencia que tivo a Galiza como referente vital.

A importancia da cultura na súa formación e a posta en valor da cultura que el fai non se refire só aos froitos que puidesen estar a ser producidos, senón tamén ás creadoras e creadores.

Digo isto desde o máis profundo agradecemento, como autor.

Creo que a música que formou parte do seu entorno familiar máis próximo, e a súa formación musical, é unha das causas de ter desenvolvido unha sensibilidade diante de todo o que teña a ver coa creación cultural, nos máis diversos ámbitos.

Nunha viaxe a Vigo a A Nosa Terra, Aurichu formaba parte do Consello de Administración de Promocións Culturais Galegas, lembro velo emocionarse até a bágoa cos catro lieders de Strauss, por Jessie Norman, dirixida por Kurt Masurt.

Velaquí dous parágrafos que eliximos na AELG do libro A Nación Incesante: “…non se trata de que soñe unha Galiza cualitativamente mui diferente da Galiza que eu levo incorporado na miña própria existencia. Non se trata de converter Galiza nunha realidade que hoxe aínda non existe. Trata-se simplesmente de que sexa normal aquilo e que nós temos vivido constantemente.

Eu sempre digo que, en definitiva, Galiza ten que ser aquilo que realmente é no fondo do seu ser ou na súa própria entraña, no seu cerne non só máis profundo, Senón no seu cerne máis xenuíno… Eu coido que iso está perfectamente ao alcance da man deste povo como tal povo, o que non significa, polo tanto, que estexa necesariamente ao alcance da man dunha xeración como pode ser a miña.””