A viñeta de Schrödinger trae de volta a banda deseñada ‘made in Galiza’

Desde Nós Diario:
“Hai pouco máis de dous anos, a finais de maio de 2018, tiña lugar en Compostela a presentación d’A viñeta de Schrödinger, unha revista de banda deseñada en lingua galega que apostaría por historietas “curtas” e “autoconclusivas”.
A decisión non podía ter máis sentido. Como revela o seu director, Kiko da Silva -un dos nomes con máis prestixio no mundo da banda deseñada galega-, “unha das cousas máis típicas das publicacións en lingua galega era non pasar do número 1”.
Por sorte, os tempos cambian e hoxe A viñeta de Schrödinger, que naceu con vontade de publicación trimestral, lanza o seu terceiro número e xa está preparando un cuarto, o que para Da Silva quere dicir que “si, as cousas están mudando”.
“Vexo con bastante optimismo o futuro -sinala o artista vigués-, pois a pesar de todas as circunstancias externas a banda deseñada galega nunca tivo tanta saúde como na actualidade, conquistamos moitísimas cousas nos últimos 20 anos. Por exemplo, antes só tiñamos autores e autoras, pero agora tamén comezamos a ter unha base leal de lectores e lectoras, así como propostas editoriais serias que teñen como obxectivo facer produtos de calidade na nosa lingua que poidan competir co resto das publicacións en lingua castelá”.
Kiko da Silva considérase orgulloso de traballar man a man coa Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) -entidades responsábeis da edición d’A viñeta de Schrödinger– polos seus niveis de “comprensión” do sector da banda deseñada.
“Respecto e dignidade laboral, pois a cultura hai que pagala, é o que necesitamos no mundiño do cómic. Os autores e autoras teñen que cobrar polo seu traballo, e estou moi orgulloso de que tanto A Mesa como a AS-PG entenderan todo isto e me deixaran deseñar unha publicación acorde a eses requisitos”.
Para o seu director, o único cambio que levaría a cabo se puidese n’A viñeta de Schrödinger é o número de páxinas: “Se por min fose, levaría máis páxinas, por unha banda porque facemos un produto de gran calidade e, por outra, porque querería acoller todas as creadoras que temos actualmente facendo banda deseñada en galego, que son moitas e dun gran nivel, o que resulta abraiante, pois na miña época había un gran baleiro e agora, grazas á formación en centros como O Garaxe Hermético ou a eventos como Viñetas desde o Atlántico, ese baleiro parece que nunca volverá producirse no noso país”.
Pola súa banda, Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, revela que este novo número da publicación xa está dispoñíbel a un prezo de só 5 euros na loxa electrónica da propia Mesa, tamén na da AS-PG e nas principais librarías e tendas de cómic do país.
Cuestionado sobre as motivacións da entidade que preside á hora de lanzarse á aventura de editar un volume con estas características, Maceira explica que “desde hai moitos anos non tiñamos na Galiza unha publicación específica en galego, nun formato como é a banda deseñada, que ten moito público, especialmente novo, e que ademais moitas veces non ten acceso ao galego xa non só na banda deseñada, senón tamén na televisión, a audiovisual ou internet”. “Xa que logo, queriamos contribuír dalgún modo a que a lingua galega estivese presente neste ámbito”, engade.
Finalmente, Marcos Maceira destaca a “calidade” das e dos autores que participan neste terceiro número, salientando nomes como o de Miguelanxo Prado, Miriam Iglesias, Belén Ortega ou Fran Bueno.”

Culturgal 2018, Pontevedra: actividades literarias destacadas do sábado 1 de decembro

Do 30 de novembro ao 2 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar o Culturgal 2018.

As actividades literarias destacadas do programa para o sábado 1 de decembro son:
11:00 h. Espazo Libro. Presentación do XXXVIII Caderno Ramón Piñeiro. María Victoria Moreno: homenaxe. Secretaría Xeral de Política Lingüística. Con Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Pedro Ferriol Suárez, viúvo de María Victoria Moreno, e Blanca-Ana Roig Rechou, cordinadora do volume.
11:30 h. Espazo Libro. As pedras que facían viño. Viaxe polos milenarios lagares rupestres de Galicia. Axencia Turismo de Galicia – Xunta de Galicia. Co coautor e editor Luís Padín.
12:00 h. Espazo Foro. Presentación dos novos libros de Bieito Iglesias e Ursula Heinze. Aira Editorial. Cos autores, César Lorenzo Gil (editor) e Xulio Gayoso, ilustrador.
12:00 h. Espazo Libro. Presentación dos Premios Torrente Ballester e Raíña Lupa. Deputación da Coruña. Con Goretti Sanmartín, Francisco Castro, Antonio Piñeiro e Marilar Aleixandre.
12:30 h. Espazo Foro. Entrega do Premio Xela Arias. AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación). Gañadora: María Alonso Seisdedos.
12:30 h. Espazo Libro. Presentación do novo volume da colección Mulleres Bravas da nosa historia. Pepa, a loba. Urco Editora. Con Ledicia Costas, autora, Eva Agra, ilustradora, e Andrea Jamardo Seijo, editora.
13:00 h. Espazo Libro. Presentación de Didáctica da lingua e da literatura galegas. Edicións Fervenza. Con Xulio Pardo de Neyra, Marica Campo e Xosé Manuel Baamonde.
13:00 h. Stand de Galaxia. Sinatura de The Making of, de Xavier Alcalá.
13:30 h. Espazo Libro. Presentación da Colección 10×15. Poesía. Tulipa Editorial. Con Isabel Patiño, directora da editorial e os poetas Juan Bello, Vicente Sebastián, Sara de Sousa e Man Li.
13:30 h. Espazo Arte Contemporánea. Lugares de Vari Caramés. Fabulatorio. Con Vari Caramés, fotógrafo e autor, e os editores e deseñadores Suso Vázquez e Cibrán Rico.
16:30 h. Espazo Foro. Recital de Celia Parra ao redor de Pantallas. Editorial Galaxia. Coa autora e Francisco Castro, editor.
16:30 h. Espazo Carpa. Pablo Díaz en concerto: Coas miñas mans. Editorial Galaxia.
17:00 h. Espazo Foro. Presentación do I Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil: O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio Manuel Fraga, Urco Editora. Con entrega do premio.
17:00 h.. Espazo Libro. Presentación da colección de pensamento Alicerces. Através Editora. Cos autores Natalia Poncela e Jorge G. Marín; presenta Teresa Crisanta V. Pilhado, codirectora.
17:00 h. Espazo Infantil Deleite. Presentación de 20.000 leguas baixo dos mares, de Jules Verne. Con Valentín García Gómez, María Carmen Puga, Diego Chapela e Francisco Castro.
17:30 h. Stand Kalandraka. Francisco X. Fernández Naval presenta Os contos da Avoa Pepa, publicado por Kalandraka.
17:30 h. Espazo Foro. Presentación da revista de BD A Viñeta
de Schrödinger
. A Mesa pola Normalización Lingüística.
17:30 h. Espazo Libro. Comerei as miñas propias palabras. Apiario. Acción poética de Lucía Aldao a partir do poemario Todo isto antes era noite.
17:30 h. Espazo Carpa. Charo Pita en concerto: No país do vento. Editorial Galaxia.
17:30 h. Espazo Infantil Deleite. A voar. Presentación do libro disco de Cé Orquestra Pantasma. Miudiño S. Coop. Galega.
18:00 h. Espazo Libro. Presentación do primeiro poemario en galego de Luis García Montero: Cincuenta poemas. Tulipa Editorial.
18:00 h. Espazo Arte Contemporánea. Presentación das exposicións do Museo Centro Gaiás. Cidade da Cultura de Galicia. Con Ana Isabel Vázquez Reboredo, Verónica Santos Farto e Miguel Anxo Seixas Seoane, comisario da exposición Castelao Maxistral. A boa obra ao mestre honra.
18:00 h. Stand Xerais. Sinatura de Ledicia Costas, Víctor Rivas e Andrés Meixide dos libros Escarlatina, a cociñeira defunta; Esmeraldina, a pequena defunta; Os arquivos secretos de Escarlatina e A señorita Bubble.
18:30 h. Espazo Libro. “O meu nome é Vigo, unha cidade sen piedade”. Conversa entre Pedro Feijoo, autor de Sen piedade e Manuel Esteban, autor de O meu nome é Ninguén. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
19:00 h. Espazo Libro. Conversa de Susana Pedreira con Yolanda Castaño e Kiko da Silva sobre O puño e a letra. Antoloxía en cómic poético. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
19:00 h. Espazo Infantil. Obradoiro literario de cociña de Diana Fernández e David Díaz, autores do libro Cociñando con bolboretas no bandullo. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
19:30 h. Espazo Foro. Lectura de Vivir sen permiso e outras historias de Oeste e Contra todo isto, de Manuel Rivas. Presenta Fran Alonso. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
19:30 h. Presentación de Man. Kalandraka Editora. Con Carmen Hermo, artista e autora do libro, e Manuela Rodríguez, directora editorial.
19:30 h. Stand de Galaxia. Sinatura de libros de Palabra de bruxa, de Andrea Barreira.
19:45 h. Presentación de Don Ferretín Ferretón e o seu cadelo lambón. Barafunda. Coa autora, Cristina Corral Soilán, e a ilustradora Aurora Cascudo Román.
19:45 h. Espazo Arte Contemporánea. Presentación do libro Anónimas, retratos de musas cotiás. Con Gemma Marqués, ilustradora, e Dolores Costas, escritora.
20:00 h. Espazo Libro. Conversa de Susana Pedreira con Ledicia Costas, autora de A balada dos unicornios, Premio Lazarillo 2017. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
20:00 h. Dúbidas reais de adolescentes sobre sexo. Catro Ventos Editora. Con Sabela Iglesias, autora, e Isidro Dozo, editor.
20:00 h. Stand de Kalandraka. Carmen Hermo asina exemplares de Man de Camelle.
20:30 h. Premio Literario Nortear. Conversa de escritores novos. Dirección Xeral de Políticas Culturais. Con Cecilia Fernández Santomé, gañadora do Premio en 2017 e Lara Dopazo Ruibal, gañadora da primeira edición do Premio.
20:30 h. Espazo Libro. Susana Pedreira conversa con Ana Cabaleiro sobre a novela As Ramonas (Premio Manuel García Barros 2018). Editorial Galaxia.
20:30 h. Espazo Infantil Deleite. Conta forte, conta piano. Contacontos con música en tempo real con Silvia Penas, voz, e Susana Otero, piano.