A Coruña: presentación de Coa luz negada, de Ricardo Seixo Fernández

O 21 de abril, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, preséntase o poemario Coa luz negada, de Ricardo Seixo Fernández, editado pola Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán “Agra”, coa subvención da Deputación da Coruña. A Asociación veciñal Agra habilitou un espazo na canle Youtube para publicar os recitados dalgúns poemas deste libro. Podes escoitar os primeiros recitados feitos por persoas participantes na actividade Gosto de vivir a poesía. As persoas que queiran asistir á presentación inscribiranse previamente aquí.

A Coruña: presentación do número 6 da revista Follas Novas

O luns 18 de abril, ás 19:30 h, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, preséntase o número 6 de Follas Novas. Revista de estudos rosalianos, editada pola Fundación Rosalía de Castro. No acto participan o director da revista, Xosé Luís Axeitos; e varias das persoas contribuidoras deste número: Pilar García Negro, Patricia Carballal, Xosé A. Fraga Vázquez, Martín Pawley e Xabier Pérez Couto.

A Coruña: curso “Mellorando o uso do galego”, con Xosé Manuel Sánchez Rei

No mes de abril comeza un novo curso “Mellorando o uso do galego”, impartido por Xosé Manuel Sánchez Rei, profesor titular na Área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña. Desenvolverase os días 19 e 26 de abril e 3 e 10 de maio, de 18 a 20h. Son 8h en total para aprofundar nunha mellor utilización do idioma e, por conseguinte, nunha práctica oral e escrita de calidade. As persoas interesadas deben reservar praza enviando un correo electrónico a acab@mundo-r.com