Roteiro pola cidade da Coruña para coñecer os espazos e @s protagonistas.
Guía o roteiro Mercedes Queixas Zas, escritora.
5 de marzo de 2016, ás 17:00 h., na Rúa de Álvaro Cebreiro (Fonte de Santo André)
7 espazos para resumir a pegada das Irmandades:
1. Comezamos na rúa Álvaro Cebreiro figura fundamental da vangarda artística galega dos anos vinte e trinta, é autor, co poeta Manuel Antonio, do manifesto ‘Máis alá!’.
2. Imos logo a rúa Real nº 36, onde estivo a Editorial Nós, para lembrar o traballo realizado por Ánxel Casal na editorial Nós (e antes en Lar xunto a Leandro Carré).
3. Paramos no Teatro Rosalía para falar do teatro das Irmandades.
4. Achegaremos logo á rúa San Agostiño, onde morre Murguía.
5. Casa do Concello para lembrar a Lois Peña Novo, con el o nacionalismo e a lingua galega chegaba, en 1920, a un salón de plenos.
6. Tamén na praza de María Pita, as Escolas do Insiño Galego. Era o 8 de xullo de 1923 cando a Irmandade da Fala da Coruña decide crear as Escolas de ensiño Galego.
7. Para rematar en Rego de Auga 38, sede da Academia onde o 18 de maio de 1916 nacen as Irmandades.
Acompañaranos a palabra cantada na voz de Marta Pumares e un artista plástico, Xurxo Gómez Chao; unha editora, Belén Vázquez; Moncho do Orzán, arquiveiro de Cántigas; e unha concelleira, a nosa socia Avia Veira, e Elvira Varela Bao, filla de Bernardino Varela e Elvira Bao; un académico, Xosé Luis Axeitos, e os presidentes da AS-PG e Alexandre Bóveda.
Arquivos da etiqueta: Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
A Coruña: A A. C. Alexandre Bóveda na recuperación das festas populares, con Felipe Senén e Francisco Peña
A Coruña: presentación de Entremeses, de Álvaro Antelo
Almanaque das Irmandades, iniciativa da AS-PG e a A. C. Alexandre Bóveda
Desde Sermos Galiza:
“Foron moitas as actividades levadas a cabo desde o 18 de maio do ano 1916 en que Antón Vilar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña. Nesa xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galiza.
Agora, no ano centenario daquela xuntanza, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega poñen en marcha unha iniciativa para dar a coñecer efemérides e actividades relacionadas directa ou indirectamente coas Irmandades da Fala.
Se queremos saber que aconteceu en calquera día do ano o Almanaque das Irmandades daranos, mínimo, unha opción. Segundo aclaran os promotores, “o Almanaque recolle anécdotas, feitos e persoas. Non pretendemos explicar as entradas pois ese papel corresponde á historia. Por iso aquí recollemos breves biografías e acontecementos tanto dos protagonistas das Irmandades como dos precursores ou de aqueles que seguiron o camiño por eles encetado”.
A obra, feita pública esta semana, vai na liña dos almanaques tradicionais cos que Galiza conta desde hai dous séculos, “mais nunca houbo un Almanaque das Irmandades, das Irmandades da Fala. Agora xa o hai” .
A obra ten polo de agora entradas para os meses de xaneiro e febreiro. Nos próximos días completarase con entradas até 18 de maio e máis tarde para todo o ano 2016. Tamén se incorporarán as actividades levadas a cabo durante o ano do centenario das Irmandades. A web tamén conta cun formulario desde o que se poden enviar datos, fotos, etc. referidos ás efemérides comentadas na certeza de que tanta actividade como desenvolveu a xente das Irmandades ten que ter aínda pegadas descoñecidas por toda Galiza.
Dar a coñecer esas pegadas é tamén un obxectivo deste Almanaque, unha ferramenta sinxela desde a que os promotores nos convidan a “almanaquear”, a pasear da man das persoas que precederon, constituíron e proseguiron un movemento do que agora celebramos cen anos. As dúas entidades están a traballar noutras iniciativas en torno a este centenario que farán públicas en próximos días.”
A Coruña: presentación de Uxía canta a Manuel María
A Coruña: XIX Memorial de teatro Ibán Toxeiro, o xoves 5 de novembro
A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que o vindeiro xoves 5 de novembro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, terá lugar o XIX Memorial de teatro Ibán Toxeiro, con entrada gratuíta.
Nesta ocasión tanto o director da gala Lino Braxe, como a propia Asociación Alexandre Bóveda queren render unha fonda homenaxe a tod@s os refuxiad@s que tratan de buscar unha vida mellor.
Na gala participarán:
– Grupo de Teatro da A. C. Alexandre Bóveda, coa obra Xan, o bo conspirador, de Álvaro Cunqueiro.
– Grupo de Teatro Valacar da ONCE, coas pezas O pai de Migueliño de Castelao e Encontro piadoso de A. Gelpí.
– Serearte con A filla de Corto Maltés de A. Gelpí.
– Teatro proscrito coas pezas Cartas a un amigo alemán de A. Camus; e Aixa e Leila de Lino Braxe.
– Música co laúde de Hames Bitar.
– Premio Ibán Toxeiro pola súa aportación ao teatro a Xosé Manuel Rabón.
– Presenta: Isabel Blanco.
– Dirixe: Lino Braxe.
Roteiro literario pola Coruña con Xurxo Souto «A toponimia das pedras percebeiras da Torre de Hércules. Ruta de Ulyses Fingal (ou encontro co Mar Maior a poucos metros do centro mesmo da cidade)»
O sábado 31 de outubro, con saída ás 11:00 horas, na praia de Santo Amaro, diante do antigo cargadoiro de pedra (a carón da farmacia do polígono de Durmideiras), na Coruña, terá lugar un Roteiro literario pola Coruña con Xurxo Souto, baixo o título A toponimia das pedras percebeiras da Torre de Hércules. Ruta de Ulyses Fingal (ou encontro co Mar Maior a poucos metros do centro mesmo da cidade).
A asistencia é libre e aberta á cidadanía.
Este paseo fai parte das actividades do obradoiro Historias da cidade-Barco. A Coruña e o mar. Segundo ciclo, financiado pola Deputación Provincial da Coruña, a Consellaría de Cultura e coa colaboración da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.
Para participar deste itinerario non é necesaria inscrición previa, unicamente cómpre achegarse ás 11:00 á praia de Santo Amaro, diante do antigo cargadoiro de pedra (a carón da farmacia do polígono de Durmideiras), e sumarse ao percorrido para coñecer un pouco máis da Coruña literaria e mariñeira.
Tanto para a tradición greco-latina como para as vellas lendas atlánticas, A Coruña é unha fin do mundo -Torre de Hércules, Torre de Breogán-, porta do Mar Maior ou, o que é o mesmo, porta de todos os misterios.
O pintor Urbano Lugrís condensou estas dúas tradicións no seu alcume literario: Ulyses Fingal (Ulises de Ítaca, e mais Fingal, o heroe dos versos escoceses do bardo Ossián).
O Grelle, Macallás, Area de Cuncha, o Cabalo, as Longuiñas, a Rabaleira, Sogadoiro, Gueivouteiro…Velaí as pedras que rodean a Torre, conforme nos ensinou Emilio Mariñas, o sabio percebeiro.
Nesta ruta -dende a praia de Santo Amaro até o vello faro- queremos coñecer cada unha destas rochas, e que a eufonía dos seus nomes sexa impulso evocador para nos reencontrar coas máis grandes lendas do mar.
Este percorrrido fai parte das actividades do obradoiro de creación literaria Historias da cidade-Barco. A Coruña e o mar, que está imparte o escritor Xurxo Souto no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, e que se inscribe dentro do programa Escola de Escritoras e Escritores da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), iniciativa coa que se pretende animar a escribir textos literarios mediante a manipulación de formas lingüísticas e a imitación de modelos expresivos da nosa tradición literaria, particularmente a relacionada co mar, aos que podemos chegar mediante o xogo e a descuberta da nosa propia creatividade. Outro dos obxectivos é o de dar a coñecer o sistema literario como elemento configurador en sentido amplo do concepto de cidadanía e de pertenza a un sistema cultural. Considerando, pois, que o benestar persoal e colectivo non descansa unicamente na suficiencia económica, e que se basea principalmente no goce dunha cultura normalizada, respectuosa coa tradición para, desde aí, abrirse ao futuro.
Toda a información, aquí.
A Coruña: Roteiro literario pola cidade con Xurxo Souto: “Tras das pegadas do Antigo Gremio de Mareantes”
Para participar deste itinerario non é necesaria inscrición previa, unicamente cómpre achegarse á coruñesa igrexa de Santo Andrés o sábado 24 de outubro ás 11:00 horas e sumarse ao percorrido para coñecer un pouco máis da Coruña literaria e mariñeira. Dende alí principiarase un percorrido pola Pescadería e a Cidade Vella na procura dos elementos -de tan cotiáns invisibles- que seguen a significar a importancia na Coruña do antigo gremio. Terá unha duración aproximada de dúas horas.
Este percorrrido fai parte das actividades do obradoiro de creación literaria Historias da cidade-Barco. A Coruña e o mar, que está a impartir o escritor Xurxo Souto no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, e que se inscribe dentro do programa Escola de Escritoras e Escritores da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), financiado pola Deputación Provincial da Coruña e a Consellaría de Cultura, iniciativa coa que se pretende animar a escribir textos literarios mediante a manipulación de formas lingüísticas e a imitación de modelos expresivos da nosa tradición literaria, particularmente a relacionada co mar, aos que podemos chegar mediante o xogo e a descuberta da nosa propia creatividade. Outro dos obxectivos é o de dar a coñecer o sistema literario como elemento configurador en sentido amplo do concepto de cidadanía e de pertenza a un sistema cultural. Considerando, pois, que o benestar persoal e colectivo non descansa unicamente na suficiencia económica, e que se basea principalmente no goce dunha cultura normalizada, respectuosa coa tradición para, desde aí, abrirse ao futuro.
DO ANTIGO GREMIO DE MAREANTES
Durante toda a Idade Media a agrupación gremial máis poderosa da Coruña foi a dos mariñeiros: o Antigo Gremio de Mareantes. A comezos do século XVI participaban nel máis de 600 confrades coas súas respectivas familias. A súa igrexa deu nome á rúa máis importante da Pescadería: Santo Andrés. E o día do patrón –conforme recollían as ordenanzas- corenta mariñeiros novos alí bailaban unha danza gremial na súa honra.
No ano 1589 o corsario Drake queimou o hospital e a igrexa dos mareantes. No incendio perdéronse arquivos, ordenanzas e privilexios, e con eles a propia memoria da importancia deste gremio. No século XIX un home de negocios comprometeuse a restaurar a igrexa para os mariñeiros, mais ao final quedou coa propiedade do templo. Chamábase Eusebio da Guarda.
Afortunadamente nos últimos anos do pasado século o historiador Santiago Daviña, tras múltiples pescudas polos arquivos, foi quen de recuperar documentos e ordenanzas. Claves preciosas para poder interpretar as pegadas que os mariñeiros deixaron polas rúas da Coruña. A cidade, ese libro que, como di Agustín Fernández Paz, se le camiñando.
A Coruña: Obradoiro a cargo de Xurxo Souto. Segundo ciclo Historias da Cidade-Barco. A Coruña e o mar, acto da Escola de Escritoraes da AELG
A Escola de Escritoræs da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza o obradoiro, a cargo de Xurxo Souto, do Segundo ciclo Historias da Cidade-Barco. A Coruña e o mar, do 19 de outubro ao 29 de outubro de 2015. A actividade conta coa colaboración da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e o patrocinio da Consellaría de Cultura e a Deputación Provincial da Coruña.
Inscrición: até o día 18 de outubro a través dos seguintes medios:
– Teléfono: 981 133 233 (agás festivos, de luns a venres, de 9:00 a 14:30).
– Correo electrónico: oficina@aelg.org
– Whatsapp: 696 581 971
20 prazas, gratuítas e para maiores de 16 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude. Sigue lendo