A Coruña: presentación de Obra reunida (1994-2008), de Verónica Martínez Delgado

A quinta feira 19 de decembro, ás 20:00 horas, no local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase Obra reunida (1994-2008), de Verónica Martínez Delgado, publicado pola editorial Amargord. No acto participan, xunto á autora, o director da editora e Alberte Momán.

A Coruña: Memorial de Teatro Ibán Toxeiro

O xoves 7 de novembro, a partir das 20:30 horas, no Centro Ágora da Coruña, con entrada gratuíta, terá lugar a XVII edición do Memorial de Teatro Ibán Toxeiro, organizado pola A. C. Alexandre Bóveda.
Esta edición servirá ademais de como lembranza do tristemente finado Ibán Toxeiro, tamén de homenaze á figura da muller no teatro galego, e así diversas e consagradas actrices representarán obras de microteatro coa muller como figura central. Nesta ocasión contaremos coas seguintes actuacións:
Maggy, por Manuela Valera, de Espello Cóncavo.
Marta, por Uxía Vázquez, de Teatro Proscrito.
La mamma, por por Luma Gómez, de Teatro do Noroeste.
Ópera de a patacón, polo grupo de teatro da A. C. Alexandre Bóveda.
– Entrega do VI premio Alexandre Bóveda de teatro amador Ibán Toxeiro para Flor Maceiras pola súa contribución ao desenvolvemento do teatro amador en Galicia.
– Dirixe e presenta a obra o director Lino Braxe.

A Coruña: presentación de Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure

A quinta feira 3 de outubro, ás 20:00 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase Eu violei o lobo feroz, primeiro poemario de Teresa Moure, publicado en Através Editora. No acto, xunto á autora, participa Rafa Vilar.

Pilar García Negro: “O Estatuto do 36 prohibía que se levase fóra o patrimonio cultural de Galiza”

Desde Sermos Galiza:
“A Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña acolleu un acto de lembranza do primeiro Estatuto de Autonomía de Galiza, que cumpriu este mes o seu 77 aniversario. (…)
García Negro expuxo uns cantos exemplos da clarividencia daquela norma que sacou adiante “de forma heroica” o nacionalismo histórico. “Entre os puntos do Estatuto do 36 atopamos por exemplo a posibilidade de que se unan á administración galega as comarcas limítrofes que compartan características culturais ou xeográficas, algo agora totalmente prohibido. Ou en cuestións de lingua chega a superar á situación actual cando lexisla que se debe acreditar o coñecemento da lingua galega para acceder ao funcionariado”, indicou. (…) Outro exemplo da norma autonómica de hai 77 anos que a profesora trouxo á actualidade foi aquela que incluía o texto e segundo a cal “non se podía levar fóra de Galiza o noso patrimonio cultural”, circunstancia ben distinta ao que pode suceder co legado artístico que actualmente está en mans de Novagalicia Banco -e que antes pertencía ás caixas- e que previsibelmente fique en mans alleas logo da inminente venda da entidade. Así mesmo, no Estatuto do 36 tamén se contemplaban fórmulas de profundidade democrática, cuestión na actualidade moi vixente ante as demandas nese sentido de diversos movementos. “Calquera lei que saíse da Asemblea Galega, o Parlamento, tería que ser sometida a referendo se así o pedía o quince por cento do censo”, apuntou García Negro. (…)”

A Coruña: O Estatuto de Autonomía de Galiza do 36, charla a cargo de Pilar García Negro

O xoves 4 de xullo, ás 20:00 horas, no salón de Actos da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar unha charla a cargo de Pilar García Negro sobre O Estatuto de Autonomia de Galiza do 36. A charla realizase con motivo do 77 aniversario do plebiscito do Estatuto de 1936 eversará sobre os aspectos histórico- políticos dese Estatuto, para posteriormente ter un debate.

A Coruña: lanzamento de Outra Vida, de Mário Herrero

A sexta feira, 31 de maio, ás 20:00 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o poemario Outra Vida, de Mário Herrero, publicado por Através Editora. No acto, xunto ao autor, participa Pedro Casteleiro.

A Coruña: representación de Ópera de a patacón, polo grupo de teatro da A. C. Alexandre Bóveda

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que o martes 21 de maio, ás 21:00 horas, no salón de actos do Colexio Calvo Sotelo da Coruña, terá lugar a representación da obra teatral Ópera de a patacón a cargo do grupo de teatro Alexandre Bóveda, no transcurso do XVI certame de teatro amador Candilejas Don Bosco 2013.
Esta obra é unha adaptación teatral a cargo do director do noso grupo de teatro, Xoán Carlos Mejuto desta coñecida obra como homenaxe a Roberto Vidal Bolaño. A entrada é de balde.

A Coruña: presentación de Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato

O venres 10 de maio, ás 20:00 horas, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 18, 1º) da Coruña, preséntase o libro Estilística da lingua galega, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Manuel Sánchez Rei, Mercedes Queixas e Manuel Bragado.

Premios AELG 2013

Estes son os gañadores/as dos Premios AELG 2013, que premian as mellores obras editadas en 2012, e que se veñen de fallar na Gala das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:

Blog Literario: Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Ensaio: Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás (Xerais).
Literatura Infanto-xuvenil: O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas (Xerais).
Xornalismo Cultural: Ana Romaní.
Narrativa: Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño (Galaxia).
Poesía, ex-aequo: Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal (Biblos); e Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro (Faktoría K de libros).
Teatro: Banqueiros, de VV. AA. –Francisco Pillado, coordinador- (Laiovento).
Tradución: Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, de Francesco Petrarca, en tradución de Darío Xohán Cabana (Edicións da Curuxa).

Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:

  • O premio Mestres e Mestras da Memoria, de nova creación, que se concede nesta primeira edición a Manuela Cortizo Medal e Ángel Rivas Veiga, por toda unha  vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional;
  • O Premio Institucións que se concede a quen contribuíse á divulgación da lingua e cultura galega, e que este ano será para o asociacionismo cultural representado por aquelas asociacións que, nacidas nas décadas dos 60 e 70, aínda manteñen a súa vitalidade e activismo cultural (Agrupación Cultural O Galo, Agrupaçom Cultural O Facho, Clube Cultural Valle Inclán, Agrupación Cultural Auriense, Agrupación Cultural Francisco Lanza, Agrupación Cultural Avantar, Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Agrupación Cultural Lumieira, Sociedade Cultural Medulio, Associaçom Cultural Amig@s da Cultura de Pontevedra);
  • E mais o Premio AELG 2013 Escritora Galega Universal, outorgado pola Asemblea á escritora Lídia Jorge, galardón que a distingue como autora que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.

No transcurso da gala a AELG tamén entregou aos humoristas gráficos Siro López Lorenzo “Siro”, Xosé Lois González Vázquez “O Carrabouxo”, Xosé Ángel Rodríguez López “Gogue”, Xosé Carreiro Montero “Pepe Carreiro” e Xaquín Bieito Marín Formoso “Xaquín Marín” a distinción Bos e Xenerosos.

O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Gala das Letras, felicitación e aplauso que fai extensivo a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.