Outra vez o caos, non aprendemos, por Alberte Blanco Casal

Artigo enviado por Alberte Blanco Casal:
“As condicións climáticas adversas, como as deste mes de agosto, facilitan a proliferación dos lumes, pero non resulta comprensíbel nin razoábel que cada foco se converta nun gran incendio. Algo non funciona ben na xestión de Medio Rural para que isto suceda, con esta dimensión catastrófica. Sábese que circunstancias meteorolóxicas adversas son recorrentes cada verán e van en aumento, como sinalamos na Comisión de expertos do Parlamento Galego de 2019. Nos documentos finais que trasladamos ao Parlamento e ao Goberno Galego había unha análise pormenorizada dos elementos clave do sistema de defensa do monte, ademais dunha lista exhaustiva de recomendacións para afrontar con certas garantías unha crise incendiaria. Lamentablemente, non parece que se tivesen moito en conta.
O fundamental nunha política contra-incendios é o desenvolvemento rural. Ter un dispositivo altamente cualificado é importante, pero hai países con excelentes servizos contra incendios (o noso tamén o ten) que non resolven o problema. Hai outros factores estruturais que deben de ser tidos en conta, non centrar todo na extinción.
Debemos ter moi presente que Galiza conta cunha gran cantidade de núcleos rurais dispersos por toda a xeografía do país. Se queremos que o Servizo de Prevención de Incendios (SPIF) sexa eficaz durante unha crise incendiaria de nivel 1 ou 2 (afectación potencial importante a persoas e bens públicos e privados non forestais), cómpre que as faixas de protección contempladas pola Lei de incendios estean en perfectas condicións. É dicir, coas bandas de protección en torno ao perímetro dos núcleos sen biomasa.
Daquela, o SPIF podería actuar con máis eficacia e centrarse nos puntos críticos; do contrario, a emerxencia vólvese ingobernábel. Vista a deriva climática, cada vez máis adversa, haberá que ampliar o ancho das faixas e mesmo realizar devasas de protección nas zonas de pendente que rodean os núcleos para dar unha maior seguridade. Esta medida é esencial, porque temos un grande número de fincas agrícolas abandonadas con matogueira, sen descontinuidade de biomasa altamente combustíbel entre o monte e o medio urbano. Unha bomba. Tampouco se trata de limpar o monte (é imposíbel, ademais de innecesario), só os accesos, pistas e devasas de seguridade.
En definitiva, unha parte significativa da responsabilidade desta catástrofe hai que adxudicarlla á ausencia de prevención, ao abandono do medio rural e á desidia das autoridades. Hai unha aplicación deficiente da lexislación agro-forestal que temos neste momento, aínda que é manifestamente mellorábel. De aplicarse, de facer cumprir cuestións como os perímetros de protección, o control e posta a disposición de emprendedores das fincas agrícolas abandonadas polo Banco de Terras, promocionando o desenvolvemento rural, a ordenación do territorio e un monte onde prevalecese o cultivo en mosaico, con especies alternadas para frear os incendios, o resultado sería outro moi diferente. Non se poden evitar totalmente os incendios, pero poderíanse controlar mellor e evitar moitas catástrofes. Este modelo sería infinitamente máis barato. Lamentabelmente, non parece que este Goberno queira poñelo en práctica.
Ademais da estrutura forestal, o monte multi-funcional ou o desenvolvemento hai un factor indispensábel: implicar a veciñanza do rural na xestión do territorio. O dispositivo contra os incendios non pode ser unha estrutura, por dicilo así, de funcionarios públicos afastados do territorio. Hai que involucrar as comunidades de montes, os propietarios particulares, as cooperativas. Cando se fixo isto, logrouse unha cohesión entre a xente e a administración que resultou moi positivo para o medio rural; o número de incendios e de hectáreas ardidas minguou en máis do 70% a partir da aplicación desa política.
Mais, para iso hai que mudar de mentalidade ou de Goberno. O abandono do medio rural é a causa principal dos incendios. Un rural desenvolvido e ordenado territorialmente non sufriría desfeitas destas proporcións.”

Verín: presentación de Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV). Tomo II. Un reino con clase dirixente, de Francisco Rodríguez

O 29 de maio ás 19h30, na Casa da Cultura de Verín, Francisco Rodríguez presenta Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV). Tomo II. Un reino con clase dirixente, publicado pola AS-PG. No acto, organizado pola Biblioteca Pública de Verín, o autor estará acompañado por Alberte Blanco Casal.

Monterrei: II Xornadas de Prehistoria, Arqueoloxía e Historia nas Terras de Monterrei

Festigal 2024

Alberte Blanco, político e escritor: “Os galegos sabemos máis de supervivencia que noutros países”

Entrevista a Alberte Blanco Casal en La Región:
“(…) – La Región (LR): Leva toda a vida escribindo, pero chegou á novela tarde.
– Alberte Blanco Casal (AB): Cando te dedicas á política de forma intensa, non hai tempo para relaxarse e facer narrativa literaria. Ao remate da miña estadía no Goberno da Xunta no 2009, comecei a escribir de forma sistemática.
– LR: Como foi o proceso de investigación histórica?
– AB: Aínda que son das Rías Baixas, cheguei a Verín hai case 40 anos, e sempre me chamou a atención a riqueza cultural da comarca e o seu pasado glorioso. E penso que, de tódalas épocas, o último terzo do XVI é o máis interesante. Coincide co reinado de Filipe II, no que o Conde de Monterrei, Gaspar de Zúñiga, chegou a ser vicerrei de Nova España, e tamén coa anexión de Portugal. E non debemos esquecer a efervescencia cultural do colexio dos Xesuitas, situado daquela no actual Parador.
– LR: Novela negra coa relixión de fondo. Algún referente?
– AB: Son lector empedernido dende a infancia, e as influencias acumúlanse, sobre todo dos novelistas románticos ingleses e franceses, e de relatos como Poe ou Lovecraft. Eu quixen orquestrar unha ficción con base nunha serie de episodios históricos. Hai festas pagás, con personaxes do protoentroido, guerras fronteirizas, as actividades da inquisición e a inimizade entre os Dominicos e os Xesuítas. (…)”

Festigal 2023: programación da Galería das Letras e das Ideas