Renovación do Consello Directivo da AELG

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou unha Asemblea Xeral Extraordinaria o 6 de novembro de 2020, de xeito virtual, debido ás restricións derivadas da pandemia da Covid-19.
Na Asemblea aprobouse a reestruturación do Consello Directivo da AELG. Neste sentido, aprobouse a incorporación de Anna R. Figueiredo, Cilha Lourenço, Montse Fajardo, Antía Yáñez e Beatriz Maceda, xunto á mudanza na secretaría xeral, en que Cilha Lourenço asume as responsabilidades de Mercedes Queixas (deputada no Parlamento galego).
En concreto, produciuse a mudanza de funcións de Rosalía Fernández Rial, que estaba na vicepresidencia, exercendo de vogal de Novos proxectos, asumindo as responsabilidades da vicepresidencia Anna R. Figueiredo, ademais de coordenar a futura vogalía ou sección de literatura e ensino. Montse Fajardo estará na vogalía de Pontevedra, Antía Yáñez na Coruña ‒axudando tamén na tesouraría‒; e Beatriz Maceda incorpórase como vogal pola Coruña e participará na organización dos paseos literarios e nos traballos relativos á literatura infantil e xuvenil.
Fíxose incidencia tamén na necesidade de reivindicar no posíbel os honorarios para os traballos feitos polas/os escritoras/es, nomeadamente neste tempo de pandemia e gravacións gratuítas.
Alén disto, Cesáreo Sánchez informou de que se ten reunido en Santiago de Compostela con Mercedes Queixas nun grupo de traballo integrado por diversas asciacións e colectivos no Parlamento para tratar a problemática cultural actual, por exemplo sobre o Plan de Lectura que a Administración ten anunciado en varias ocasións, ou de que non existen axudas de apoio á creacion literaria como xa se ten reivindicado desde a AELG na Mesa do Libro e da Lectura, sobre todo para as novas promociones de escritoras e escritores.

Vídeo do acto de entrega do III Premio Agustín Fernández Paz a Antía Yáñez (febreiro de 2020)

Lara Dopazo Ruibal gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2020

Desde Galaxia:
“A gañadora da cuarta edición do Premio Illa Nova de Narrativa 2020 foi Lara Dopazo Ruibal coa novela O axolote e outros contos de bestas e auga. (…)
O xurado do Premio, composto por Ana Cabaleiro, Armando Requeixo, Antón Riveiro Coello, Antía Yáñez e Malores Villanueva, como secretaria do xurado en representación da Editorial Galaxia, destacou que a obra “é un conxunto de relatos orixinais, diversos e de grande altura estética”.
Ademais, subliñaron que “os textos son suxestivos e abarcan diferentes subxéneros: fantástico, terror psicolóxico, neofabulístico… En todo momento a autora logra dosificar a intriga sen deixar de progresar na narración ata chegar ao clímax final.”
A autora manifesta “un dominio do relato no manexo da tensión e intensión para crear atmosferas envolventes que nos levan a finais abertos, inquietantes e de lecturas múltiples”.
Esta é unha característica que destacan, “pois deixa que a lectora ou o lector constrúa a historia, e por iso se suxiren e deixan intuír camiños coa intención de non demostrar, e si de mostrar vidas das que extraer lecturas”. O xurado manifestou o valioso de introducir ambientacións doutras latitudes alleas á galega, dende a americana ata as paisaxes orientais, e do poder do lendario e simbólico nos textos.
Trátase dunha obra moi suxestiva no formal e na temática detrás da que se atopan tamén moitas lecturas.
O axolote e outros contos de bestas e auga é unha serie de contos que teñen como elemento común o sobrenatural; unha ducia de historias nas que os animais –e outro tipo de bestas– e a auga cobran protagonismo. Contos que combinan o desacougo co humor, o improbable co imposible, o humano e mais o natural superpostos e fundidos nunha colección de historias de prodixios e arrepíos. (…)”

Foz: actos destacados na Feira do Libro 2020 para os 22 e 23 de agosto

O 23 de agosto finaliza continúa a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes dous días:

Sábado 22
20:00 h. Nazaret López asina Formigas nos pés, publicado por Xerais.
21:00 h. Abraham Pérez asina Fragmento/Creba, publicado por Galaxia.

Domingo 23
19:00 h. Antía Yáñez asina Be Water, publicado por Cuarto de Inverno, e O misterio do torque de Burela, publicado por Galaxia.
20:00 h. María Xosé Porteiro asina Sándalo, publicado por Galaxia.

Feira do Libro da Coruña 2020: actividades destacadas do 1 e 2 de agosto

O 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 1
12:30 h. Acto de inauguración, con Érica Esmorís.
18:00 h. Elba Pedrosa asina O que non sabías, publicado por Xerais.
18:00 h. Amador Castro Moure asina Shanghai a Barcelona, publicado por Xerais.
19:00 h. Arancha Nogueira asina Dente de leite, publicado por Xerais.
19:00 h. Xosé Antón Perozo asina Amor amargo, publicado por Auga.
20:00 h. Manuel Rivas asina O Chispas, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
20:00 h. Irene Tomé e Xabier Ron asinan Os exilios que somos, publicado por Alvarellos.
21:00 h. Érica Esmorís asina Quen salva un can, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.

Domingo 2
12:00 h. Laura Titimoki asina Ata 10, publicado por Galaxia.
13:00 h. Rocío Leira asina Trescatorcedezaseis, publicado por Xerais, e Veleno en familia, publicado por Baía.
13:00 h. Aser Álvarez asina Galicia rural e Carvalho Calero sen fronteiras, publicados por Arraianos.
13:00 h. Mar Guerra asina Rimaletras, publicado por Galaxia.
18:00 h. María Canosa asina O lado do que dormes e Unha fábrica de bicos, publicados por Xerais, e o resto da súa obra.
18:00 h. José Alfeirán asina Pequena historia da Coruña, publicado por Embora.
18:00 h. Héitor Picallo asina As letras galegas en caricatura (1963-2020), editado polo autor.
19:00 h. Antonio Reigosa asina Guía de campo da Galicia Encantada, publicado por Xerais, e Contrahistorias de Galicia, publicado por Embora.
19:00 h. Almudena Otero Villena asina Diario dos mapas, publicado por Urutau.
19:30 h. Natalia Carou asina O mal querer, publicado por Baía.
20:00 h. Vicente Araguas asina Través do trebón, publicado por Belagua, e O amor non se fala soamente, publicado por Medulia.
20:00 h. Antía Yáñez asina O misterio do torque de Burela, publicado por Galaxia, e Be Water, publicado por Cuarto de Inverno.
21:00 h. Xavier Seoane asina A póla branca, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.

Anna R. Figueiredo le un fragmento de O misterio do torque de Burela, de Antía Yáñez

Desde a AELG recollemos a lectura dun texto de O misterio do torque de Burela, de Antía Yáñez, por parte de Anna R. Figueiredo, no marco da iniciativa Lecturas fuxidas da Libraría Pedreira, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Gala do Libro Galego 2020: finalistas nas categorías de Libro infantil e Libro xuvenil

A Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), coa coordinación xeral da primeira entidade nesta edición, convocan a quinta edición dos Premios Gala do Libro Galego, a celebrar no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se darán a coñecer as obras gañadoras.
Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2019 en Galicia. As modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, recoñecen a traxectoria de varios anos, valorándose, polo tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.
Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de revisión e posterior fallo por parte dun xurado externo.
A Gala do Libro Galego conta co apoio de CEDRO, da Xunta de Galicia, do Concello de Santiago de Compostela e da Deputación Provincial da Coruña.

Na categoría de Libro infantil as/os finalistas son:
A tartaruga Amodovou, de Paula Carballeira (Oqueleo)
Bicos e non balas, de Antonio García Teijeiro (Editorial Galaxia)
Conexión Macarrón, de Ledicia Costas (Edicións Xerais de Galicia)
Versos e viceversos, de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos (Kalandraka Editora)

Na categoría de Libro xuvenil as/os finalistas son:
Be Water, de Antía Yáñez (Cuarto de Inverno)
Irmá paxaro, de Tamara Andrés (Cuarto de Inverno)
Matilde e o comisario. O asasinato da profesora de xeografía, de Pere Tobaruela (Edicións Embora)
Os corpos invisibles, de Emma Pedreira (Edicións Xerais de Galicia)

Antía Yáñez le un texto de Os bicos feridos, de Anna R. Figueiredo

Desde a AELG recollemos a lectura dun texto de Os bicos feridos,  de Anna R. Figueiredo, por parte de Antía Yáñez, no marco da iniciativa Lecturas fuxidas da Libraría Pedreira, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.