A mar de historias

Do blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Un ano máis Antonio Reigosa e mais Isidro Novo, dende as vogalías por Lugo e pola Literatura de Tradición Oral da AELG, coordinan a publicación das Actas das Xornadas de Literatura de Tradición Oral que cada outono teñen lugar nos locais do Museo Provincial de Lugo.
O volume deste ano é o sexto dunha serie monográfica que ten acubillo como publicación da revista oficial da asociación, Escrita Contemporánea, que a dá á luz baixo o título Actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral. Historias, mitos e monstros do mar de Galicia.
Como o propio rótulo anuncia, esta obra colectiva reúne as intervencións que a primeiros do pasado novembro impartiron na cidade amurallada o estudoso Xosé Lois Vilar Pedreira, o novelista Hixinio Puentes, o músico e narrador Xurxo Souto e mais a investigadora Rosa García-Orellán. Os catro compartiron tamén mesas redondas nas que as intervencións do público asistente, moi activo, se recolleron e transcribiron tamén nesta publicación, que ten por cabo un anexo no que se transcriben os poemas que, enlazando coa temática da xuntanza, recitou nas xornadas Xosé Iglesias.
Para máis saber sobre os naufraxios míticos e as crebas fantásticas, sobre o noso imaxinario marítimo e os seres imposibles que nos océanos habitan, para mellor comprender a nosa vizosa talasonomia e os relatos mareiros nos que os monstros e creaturas marabillosas todo o inzan, estas Actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral son un caladoiro farto no que pescar erudición a redes cheas, beizón que lles hai que apoñer aos infatigables coordinadores do evento, Antonio Reigosa e Isidro Novo, ao apoio cómplice que da AELG reciben para levalo adiante e, sobre todo, ao esforzo da Área de Cultura da Deputación de Lugo, que fai posible co seu patrocinio estas xornadas ás que lles hai que desexar moitos lustros de vida. E nos que os vexamos e os leamos.”

Ribadeo: conferencia de Antonio Reigosa

O sábado 21 de decembro, ás 20:00 horas, na Casa das Letras de Ribadeo (Rúa Rodríguez Murias, 8), Antonio Reigosa impartirá a conferencia Simboloxía e significado dos relatos míticos e lendarios asociados ao patrimonio cultural da Mariña lucense. Esa mesma tarde, ás 16h30 realizarase unha visita guiada ao petroglifo podomorfo das Pisadas do Encanto nas Anzas – Ribadeo. Os actos están organizados por Mariña Patrimonio.

Lugo: edición número 34 da revista oral O pazo das musas

O xoves 19 de decembro, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar a edición número 34 da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), e coordinada por Antonio Reigosa, con entrada libre.
Este número estará dedicado a lembrar a figura de Agustina Otero, coñecida tamén como Carolina Otero ou A Bela Otero, con motivo de cumprírense 150 anos do seu nacemento. Despois dunha nenez tráxica no seu Valga natal, Agustina conquistará o París galante de finais do s. XIX e principios do XX (o da Belle Époque) como estrela do Folies Bergère. Bailarina, cantante, actriz e cortesá; unha fermosísima muller, amante de homes influíntes (Guillermo II de Alemaña, Nicolás II de Rusia, Leopoldo II de Bélxica, Alfonso XIII de España, Eduardo VII do Reino Unido…). Foi inmensamente rica e morreu case centenaria e pobre (pois era moi afeccionada ao xogo) en Niza, onde está soterrada. Para achegarnos a unha muller tan controvertida e polémica contamos coa colaboración de Alicia Fernández, Marica Campo, Encarna Lago, Noemí López, Paula Cabaleiro e Noa Persán, que nos achegarán os seus particulares retratos da artista con poemas, semblanzas e homenaxes artísticas. Mais na revista, desta volta, recrearemos o ambiente parisino da Belle Époque e convertiremos o Refectorio nun cabaret cos decorados, músicas e personaxes de entón. Unha recreación na que renacerá a Bela Otero con todo o seu esplendor grazas ao traballo do Grupo de Teatro Palimoco e a Aula de Teatro da USC. Un espectáculo total que, en confianza, non debera deixar pasar.

SUMARIO DO NÚMERO 34

A Aula de Teatro USC-Lugo e Palimoco Teatro (coa colaboración de Yuri Sidar) presentan: A muller máis femosa do mundo.

1.- Bonsoir Mesdames et Monsieurs, bienvenues au le spectacle plus grand dun monde (5′).
2.- Benvida, por Antonio Reigosa (2’).
3.- Pola muller máis fermosa do mundo! (brinde) (1′).
4.- Unha mirada densa, por Alicia Fernández (10’).
5.- Pola vida (1’).
6.- Bela sen palabras, vídeomontaxe de Noemí López (4´).
7.- Por Agustina Carolina (13´).
8.- La Bella Otero: te espero … / al capitán Centella … , por Encarna Lago e Paula Cabaleiro (10’).
9.- Polas xoias (13’).
10.- Lectura de poemas de Alicia Fernández (A expulsada) e Marica Campo (As catro lúas de Agustina-Carolina) (6’).
11.- Non vai máis! (4’).
12.- O Poder do Abismo, vídeomontaxe de Noa Persán (3‘).

Lugo: remata o segundo Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritoras e Escritores da AELG

O segundo ciclo do Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritores/as da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), co patrocinio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo remata mañá martes, 17 de decembro, ás 18:00 horas, no salón de actos do Centro Social Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros, 1) de Lugo, coa presenza de Avelino González, quen nos vai desvelar os seus particulares “trebellos do contar”, as fontes de onde bebe os contos, ou como os garda para logo volver a eles cando quere lembralos.
Contaremos coa presenza da Concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e dos dous escritores que impartiron este obradoiro, Isidro Novo e Antonio Reigosa, quen o ano pasado xa se encargaran do primeiro ciclo deste Obradoiro de Narración Oral.
O curso, baixo o título Técnicas e exercicios prácticos de narración oral e cuxas prazas foron totalmente cubertas, abordou ao longo de trece xornadas de dúas horas de duración  todos os ámbitos da oralidade, dende a tradición ás tendencias máis innovadoras, co fin de inspirar a novos creadores e de estimular novas correntes baseadas nesa oralidade que tanto marcou a nosa literatura.
O obxectivo foi, pois, o de traballar coa oralidade e chamar a atencion sobre ese soporte comunicacional para volver a poñer en uso certas maneiras de transmitir que se foron perdendo por falta de uso e que hai uns anos eran do máis habitual.
Estudáronse contidos que abranguen unha variada escolma de materias co fin de acadar notables coñecementos das técnicas da narrativa oral.

Compostela: III Xornadas de Literatura e Ensino, Versos pintados no pupitre, os 13 e 14 de decembro

Horario: Venres 13 de decembro, de 16:30 a 20:00 horas; sábado 14 de decembro, de 10:00 a 20:00 horas.
Lugar de celebración: Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia (Monte Gaiás), Santiago de Compostela.
Destinatarios-as: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
Matrícula: Gratuíta, por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencia os/as socios/as da AS-PG e da AELG, a través da web da AS-PG: entre os días 11/11/2013 e 10/12/2013.
Número de prazas: 100.
Prazas para persoas que nunca traballaran como docentes en centros públicos ou concertados da Consellería de Educación:
Prazas reservadas: 25%
Número máximo de prazas: 25%.
Obxectivos previstos:
– Valorar a literatura galega, a través da súa historia, como unha ferramenta clave para a adquisición da necesaria competencia lingüística adaptada a cada nivel/etapa educativa.
– Adecuar a diversidade metodolóxica literaria aos novos tempos educativos.
– Achegarse aos contidos didácticos e interactivos que as TIC ofrecen para o profesorado.
– Coñecer o Espazo Didáctico que a AELG ofrece aos profesionais do ensino, en particular, e á sociedade, en xeral.
– Reflexionar sobre a necesaria revisión e actualización da transmisión didáctica da poesía no ensino obrigatorio e posobrigatorio.
– Reflexionar sobre os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da poesía.
– Coñecer e analizar as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á lectura poética por parte do público infanto-xuvenil.
– Partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento da linguaxe poética para a infancia e mocidade xunto con escritores e escritoras da literatura galega e mais coas figuras mediadoras.
– Coñecer o potencial creativo e expresivo da expresión lírica subxacente na literatura galega de tradición oral.
– Concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na expresión escrita, o alumnado.

PROGRAMA

VENRES 13 DE DECEMBRO
16:30 h. Entrega de material.
17:00 h. Conferencia: Poesía para xente miúda. Música e xogo de palabras, de Xosé Mª Álvarez Cáccamo.
18:00 h. Mesa redonda: O Club d@s poetas viv@s, con Fran Alonso, Antonio García Teijeiro, Elvira Riveiro.

SÁBADO 14 DE DECEMBRO
10:00 h. Mesa redonda: Enredando versos nas aulas, con Montse Penas, Anxos Rial, Romina Bal.
12:00 h. Obradoiros de expresión escrita (simultáneos):
* Quen teme a poesía feroz?, con Antía Otero.
* Fascinio poético no proceso de creación, con Dores Tembrás.
* Versos transformers, con Carlos Negro.
16:00 h. Conferencia: E-memoria. Contidos e aproveitamento do arquivo de tradición oral da AELG, con Antonio Reigosa.
17:30 h. Mesa redonda: Voces de Rosalía, con:
* Uxía: Rosalía pequeniña.
* Najla Shami: Na lingua que eu falo.
* Aid: Rapoemas.
19:15 h. Actuación de Uxía, Najla Shami e Aid.
20:00 h. Clausura.

Metodoloxía que se vai empregar:
– Conferencia inaugural que centre o estado da cuestión con carácter informativo e analítico.
– Mesas redondas que faciliten a intercomunicación con ópticas diversas segundo os diferentes relatores que participan nelas.
– Interacción e participación co público nos coloquios finais das mesas redondas.

Entrada libre até completar aforo.

VI Xornada de Literatura de Tradición Oral: Historias, mitos e monstros do mar de Galicia, a celebrar en Lugo o 9 de novembro

A VI Xornada de Literatura de Tradición Oral: Historias, mitos e monstros do mar de Galicia, que terá lugar o sábado 9 de novembro, é convocada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo.

Aberto o prazo de inscrición (até o 6 de novembro):
– O profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario que teñan interese no título da Consellaría de Educación, deben inscribirse na web da AS-PG.
– Aquelas persoas que non se atopen entre as destinatarias poderán asistir á xornada e, anotándose previamente en oficina@aelg.org, recibir un diploma de asistencia emitido pola AELG. Indicarase na mensaxe o nome completo e o número do documento de identidade.

Modalidade formativa: Curso.
Datas de realización: 9 de novembro de 2013.
Horario: Mañá de 09:45 a 14:00 h. e tarde de 16:30 a 20:30 h.
Lugar onde se levará a cabo a actividade: Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (rúa San Marcos, 8).
Valoración en horas de formación: 8 horas presenciais.
Número de prazas: 100.
Persoas destinatarias: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
Custo de matrícula: Gratuíta.

Desde o punto de vista xeográfico, Galicia é un Cabo do Mundo, un finisterrae, o derradeiro paso antes do Máis Alá, do Mundo dos Mortos pero tamén é, por razón desa mesma posición xeográfica, porto de partida para a procura dun Paraíso posible.
Desde a foz do Eo ata a desembocadura do Miño, Galicia é beiramar, lindeiro dun océano inmenso, poderoso, ateigado de peixes pero tamén, ao dicir dalgúns, de monstros e de perigos, de misteriosas criaturas que ao tempo que nos atemorizan tamén nos fascinan.
Neste noso océano quere a lenda pseudopopular que interviñese nos días da creación o deus cristián, e que ao pousar as súas mans xigantescas sobre o limo fundacional debuxase as rías. E logo, cando espeliu a lama apegada nos dedos, formou baluguiñas de lama que se transformaron nas illas todas do mar galego; as reais como Cíes, Sálvora, Ons, Coelleira …, e as outras illas, estas imaxinarias, entre as que está unha inmensa chamada Atlántida, invisible baixo as ondas.
O noso mar é a morada de sereas, de homes mariños, de cidades e barcos misteriosos, pero tamén é un camiño de ida de volta polo que transitaron e aínda transitan homes e mulleres de carne e óso. Emigrantes, mariñeiros, aventureiros, heroes engaiolados por ese horizonte que se esvaece canda o solpor.
Moitos e moitas dos que se foron volveron e trouxeron a cabeza ateigada de historias, moitas tan incribles que asolagan os nosos oídos de emoción. Os que, por desgraza, nunca regresaron por mor de naufraxios ou apreixados por quen sabe que incertos monstros, deixaron para sempre na memoria colectiva dos galegos e galegas unha ferida salferida, a partes iguais, de salitre e saudade.
Os galegos e galegas somos, a pesar de todo, mar. Amamos o mar e sabemos a mar.
Nesta VI Xornada de Literatura de Tradición Oral, imos navegar pola memoria e polas historias do mar, baixo o reclamo do título Historias, mitos e monstros do mar de Galicia, e co patrocinio da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, os investigadores e especialistas que convocamos van debullar diferentes aspectos históricos, literarios e culturais derivados da longa relación dos galegos e galegas co mar.

PROGRAMA

09:45 h. Entrega material e recepción.
De 10:00 a 11:30 h. Conferencia: Aceite, madeira e boinas. A talasonimia dos naufraxios de mar dos galegos, por Xosé Lois Vilar Pedreira.
De 11:30 a 13:00 h. Conferencia: Naufraxios literarios e reais, por Hixinio X. Puentes Novo.
De 13:00 a 14:00 h. Mesa redonda: A memoria naufragada. Con Xosé Lois Vilar Pedreira e Hixinio X. Puentes Novo. Modera: Antonio Reigosa.
De 16:30 a 17:30 h. Conferencia: O acordeón de Antuerpe. Xeografía xeral do mar de Galiza, por Xurxo Souto.
De 17:30 a 19:00 h. Conferencia: Imaxinarios da flota bacallaeira nos grandes Bancos de Terranova, por Rosa García-Orellán.
De 19:00 a 20:00 h. Mesa redonda: Andar o mar. As pegadas do salitre, con Xurxo Souto e Rosa García-Orellán. Modera: Isidro Novo.
De 20:00 a 20:30 h. Recital poético. Transfusión oceánica, con Xosé Iglesias.

Xosé Lois Vilar Pedreira, activista cultural, arqueólogo, historiador, e experto en talasónimos falaranos de Aceite, madeira e boinas. A talasonimia dos naufraxios de mar dos galegos, un percorrido pola etimoloxía dos diferentes, e moitas veces curiosos, nomes do mar galego.
Hixinio X. Puentes Novo, mestre, investigador e escritor falará de Naufraxios literarios e reais, un percorrido polo mundo do mar achegado aos desastres mariños preto do noso litoral.
Xurxo Souto, músico e, entre outras moitas cousas, escritor, levaranos baixo o título O acordeón de Antuerpe. Xeografía xeral do mar de Galicia pola querencia que tiñan algúns distinguidos membros da Xeración Nós (Castelao, Otero, Amado Carballo) polas cousas do mar, en concreto polo porto nortense de Antuerpen, un espazo máis da literatura galega da década de 1920.
A antropóloga, investigadora e profesora da Universidade de Navarra, Rosa García-Orellán, de ascendencia galega, guiaranos polos Imaxinarios da flota bacallaeira nos grandes Bancos de Terranova, un percorrido onde se sinalará a estadía da nosa flota bacallaeira nos grandes bancos de Terranova, desde os seus comezos até a moratoria en 1992.
Dúas mesas redondas baixo o título A memoria naufragada e Andar o mar. As pegadas do salitre, coordinadas respectivamente por Antonio Reigosa e Isidro Novo, e nas que intervirán os relatores mencionados, darán oportunidade aos asistentes de intervir e participar nesta xornada, de cuxos resultados se dará conta oportunamente cando se publiquen as actas correspondentes.
O colofón a esta xornada vaino poñer o recital poético multimedia Transfusión oceánica a cargo de Xosé Iglesias, un rapaz que é patrón de pesca de altura, natural de Cee, e que tamén exerce de poeta e escribe, como un novo Manuel Antonio, literatura contemporánea do mar, feita pola xente do mar.

Lugo: Letra das Festas: O San Froilán de hai 50 anos, o 10 de outubro

O xoves 10 de outubro, ás 19:30 horas, no Círculo de las Artes de Lugo, nun acto organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, terá lugar a Letra das Festas. Historias do San Froilán de hai 50 anos, onde se falarán de músicas, atraccións e espectáculos, persoeiros, anécdotas… A entrada será libre e gratuíta.
Participarán doce persoas nacidas ou residentes en Lugo desde hai moitos anos:
Adela Figueroa, profesora e escritora.
Alfonso Blanco Torrado, crego e activista social.
Xerardo Pardo de Vera, avogado, actor e antigo batería do histórico grupo de música pop “Los Pekenikes”.
Manuel Pajón, músico, baixo desde 1969 a 1980 da “Calú 96”, histórica orquestra de Lugo que amenizou o San Froilán moitos anos.
Mª Concepción López Fernández, que achegará lembranzas de cando era a nena.
Pilar Yáñez Lombardía, foi mestra ata que unha enfermidade a deixou sen vista con apenas 49 anos.
Felipe Arias, arqueólogo e historiador, director do Museo do Castro de Viladonga.
Xesús Regueiro, responsable da Galería Sargadelos de Lugo
Jorge Chao, foi concelleiro do PP e directivo do baloncesto en Lugo moitos anos.
Higinio Martínez Fernández de la Vega, funcionario xubilado, avogado, sobriño-neto de Celestino Fernández de La Vega.
Suso Arrizado, antigo traballador na térmica das Pontes e en Alúmina, dedicado ao sindicalismo nacionalista desde mozo.
Xosé López, mestre xubilado, natural de Guntín, que lembra as súas visitas ao san Froilán cando era neno.
– A fermosa fotografía que ilustra o cartel de convocatoria deste acto (Comendo o polbo no San Froilán de 1970) é da autoría do veterano fotógrafo Carlos Valcárcel.
– Na parte musical interveñen Sito Sedes, unha das voces con máis personalidade da música galega do último medio século, acompañado ao piano por Sergio del Castillo, músico cubano afincado en Galicia desde 1994, que interpretarán temas de moda das décadas dos 50 e 60 do pasado século.
Coordinan e presentan: Isidro Novo e Antonio Reigosa (sección de literatura de tradición oral da AELG).

Lugo: comeza o segundo Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritoras e Escritores da AELG

O segundo ciclo do Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritores/as da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), co patrocinio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo comezará mañá martes, 24 de setembro, ás 18:00 horas, na Aula D do Centro Social Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros, 1) de Lugo, coa presenza da Concelleira de Cultura, Carmen Basadre, e dos dous escritores que impartirán este obradoiro, Isidro Novo e Antonio Reigosa, quen o ano pasado xa se encargaran do primeiro ciclo deste Obradoiro de Narración Oral.
O curso, que se estenderá até o 17 de decembro tras 13 sesións semanais, baixo o título Técnicas e exercicios prácticos de narración oral e cuxas 25 prazas foron totalmente cubertas, abordará ao longo de trece xornadas de dúas horas de duración todos os ámbitos da oralidade, dende a tradición ás tendencias máis innovadoras, co fin de inspirar a novos creadores e de estimular novas correntes baseadas nesa oralidade que tanto marcou a nosa literatura.
O obxectivo é pois o de traballar coa oralidade e chamar a atención sobre ese soporte comunicacional para volver a poñer en uso certas maneiras de transmitir que se foron perdendo por falta de uso e que hai uns anos eran do máis habitual.
Estudaranse contidos que abranguen unha variada escolma de materias co fin de acadar notables coñecementos das técnicas da narrativa oral como son:
– Oralidade con música: regueifa, repentismo, rap…
– Técnicas de improvisación oral.
– Linguaxes non verbais da oralidade.
– Técnicas de lectura en voz alta.
– Fórmulas de inicio e remate dunha narración oral.
– Para contar un conto ben contado.
– Repertorio do narrador/a oral.

Durante a primeira semana de novembro levarase a cabo a Semana da Oralidade con sesións prácticas aberta ao público, e a última das sesións será unha clase maxistral de Avelino González.