Ánxel Fole fai 111 anos, por Armando Requeixo

ArtigoÁnxel Fole de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“O 11 de agosto de hai, exactamente, 111 once anos —cifra capicúa onde as haxa— viña ao mundo en Lugo Ánxel Fole, quen había de ser, andando o tempo, un dos narradores galegos máis importantes do seu século. Aquel rapaz que vía a luz primeira nun antigo casarón da Praza do Campo Castelo (onde agora, e dende hai xa anos, o concello dispuxo unha estatua na súa memoria) foi unha das voces principais da recuperación literaria galega na Posguerra.
Cando aínda a Rede era apenas un asomo do que vivimos, alá polo xa afastado 1997, escribín para o tamén histórico Vieiros un artigo divulgativo (“Ánxel Fole: un narrador galego diferente”) que hoxe, con mínimas correccións, me presta recuperar a modo de puntual homenaxe a un escritor ao que sempre cómpre volver. Que sexan parabéns, don Ánxel, nese Ceo bravo onde ha de andar parolando e escribindo á lus do candil.
Ánxel Fole Sanchez (Lugo, 1903-1986) é un dos nosos escritores máis importantes do século XX. Autor bilingüe en galego e castelán, cultivou ao longo da súa vida todos os xéneros literarios: narrativa, poesía, teatro e mesmo ensaio xornalístico. Mais o eido creativo no que obtén un maior recoñecemento é sen dúbida o da súa obra contística, encerrada, fundamentalmente, en catro libros de relatos: Á lus do candil (1953), Terra brava (1955), Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981).
Entre toda esta produción narrativa sobrancean os catorce relatos reunidos en Á lus do candil, así como tamén o cativador prólogo ficcionalizado que, baixo o título de “Terra do Caurel”, dispuxo Fole como limiar do libro. Neste último texto danse as claves interpretativas para comprender o marco narrativo no que teñen lugar as historias do libro: un grupo de cazadores queda illado, por mor da neve, nunha vella torre do século XIV; fronte á imposibilidade de desenvolver as súas afeccións cinexéticas, deciden “matar o tempo” contando, alternativamente e por rolda, historias vividas por eles ou sucesos dos que foron sabedores. O conxunto deses relatorios é despois transcrito polo autor, que en forma de conto recolle para nós o alí narrado polos diferentes cazadores.
Ora ben, “Terra do Caurel” vai máis alá da simple xustificación narrativa, pois constitúe, en por si, todo un asistemático e espontáneo tratado etnográfico das terras do sur de Lugo e, metonimicamente, de toda Galicia. Nada escapa ao interese de Fole, que trata aquí sobre as peculiaridades paisaxísticas, botánicas, zoolóxicas, antropolóxicas, sociolóxicas, climatolóxicas, xeolóxicas e lingüísticas daqueles lugares, debuxando con fina prosa un acabado retablo costumista da intrahistoria cotiá das súas xentes.
Evidentemente, Ánxel Fole non foi única e exclusivamente un autor sensibilizado coa nosa realidade material, máis ou menos folclórica, senón que tamén mereceu a súa atención a realidade inmaterial do mundo do parapsicolóxico ou metapsíquico. Porén, foi indubidablemente un grande paisaxista, pintor con trazo firme do existir máis arredío e ríspeto duns homes e mulleres que, nos duros tempos da Posguerra, (sobre)viviron humilde pero dignamente mantendo viva toda unha cultura material e espiritual sen a cal non sería posible entender a nosa historia como comunidade diferenciada no conxunto das nacións peninsulares en particular e europeas en xeral.
Precisamente por estas razóns, “Terra do Caurel” é un inestimable etnotexto literario, pois a paisaxe e a paisanaxe que habitan nestas poucas páxinas ofrécennos a mellor radiografía dun singular xeito de ser no mundo: o galego, o do noso labrego e o seu contorno vital. “Terra do Caurel”: cartografía foleana do mapamundi cultural galaico.”

Cuestionario Proust: Héitor Picallo

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Héitor Picallo:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A tenacidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O xuízo crítico e os que loitan polos dereitos propios e colectivos.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Amizade (imparcialidade, honestidade…).
4.– A súa principal eiva?
– Non me preocupar o suficiente pola miña estabilidade económica.
5.– A súa ocupación favorita?
– Investigar en base a documentos históricos ou realizar cálculos físicos e matemáticos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Que o noso pobo sexa dono do seu futuro.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder o idioma que me regalaron os meus pais.
8.– Que lle gustaría ser?
– Gustaríame seguir sendo feliz (debuxando e escribindo). Gustaríame encontrar a luz perfecta nun cadro e a palabra xusta nun sentimento.
9.– En que país desexaría vivir?
– En Galiza, ao pé do Atlántico, e de non ser neste país, en Flandres, tamén ao pé do Atlántico.
10.– A súa cor favorita?
– A vermella, intensa.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O alecrín do toxo, pero tamén a da xesta (branca ou amarela).
12.– O paxaro que prefire?
– O melro rieiro, ou o martiño peixeiro.
13.– A súa devoción na prosa?
Ánxel Fole (Á lus do candil) e Luís Pimentel (Sombra do aire na herba); na prosa internacional Eduardo Galeano e Gabriel García Márquez.
14.– E na poesía?
– No verso galego, Méndez Ferrín e Marica Campo; no verso internacional Arthur Rimbaud (sobre todo pola composición de Le Bateau Ivre) e René Char (autor de Les Matinaux).
15.– Un libro?
Sempre en Galiza de Castelao, no que se refire á literatura galega; na literatura internacional, Les Mots de Jean-Paul Sartre.
16.– Un heroe de ficción?
– Thor (co seu equivalente galego: o nubeiro).
17.– Unha heroína?
– Storm (tormenta).
18.– A súa música favorita?
– A música de raíz, a música popular (Faustino Santalices, Milladoiro, Treixadura, Susana Seivane,…), as músicas de vangarda de distintos países (New Age), a minimalista (Michael Nyman, Win Mertens, Philip Glass) e a clásica (Offenbach, Verdi, Beethoven).
19.– Na pintura?
– Na pintura galega, as composicións de Luís Seoane, Castelao e Corredoyra; na pintura internacional, os estudos de Leonardo da Vinci e Rembrand, así como o hiperrealismo de Omar Ortiz.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Juana Calfunau, lonko-líder dos Mapuches; e Rigoberta Menchú.
21.– O seu nome favorito?
– Aldara.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O de roubar os bens comunitarios (augas, fragas, recursos naturais).
23.– O que máis odia?
– A corrupción e a opresión aos débiles.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Felipe II.
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolução dos cravos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Respectar a todo o mundo e querer a todas as culturas por igual.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Escoitando a miña familia falar en galego e, xa morto, co meu cadaleito cuberto de milleiros de anaquiños de papeis con palabras escritas no idioma de noso, que me abriguen do frío das ausencias.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Son moi positivo, sempre me gusta loitar polos meus ideais con optimismo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A inconsciencia.
30.– Un lema na súa vida?
– Creo no ser humano, pero non en todas as especies.”

Cuestionario Proust: Antonio García Teijeiro

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Antonio García Teijeiro:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O elemento afectivo co que actúo sempre e a capacidade de traballo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade e que sexan leais como eu son con elas.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan honestas e fagan sentir o seu cariño. Así tento facer eu.
4.– A súa principal eiva?
– Sufro moito internamente e, ás veces, síntome vulnerable.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir poesía con música clásica de fondo.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Non creo na felicidade como tal. Procuro gozar dos momentos felices. Mais non o consigo sempre.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder un fillo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Estou contento co que son. A miña vida é plena.
9.– En que país desexaría vivir?
– Aquí, en Galicia, con máis recursos estruturais e co galego normalizado de verdade.
10.– A súa cor favorita?
– A cor amarela. Será que procuro a alegría nas cores.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A camelia branca e a rosa amarela.
12.– O paxaro que prefire?
– A andoriña. É así como lle chamo á miña neta.
13.– A súa devoción na prosa?
– É moi difícil dicir un. Hai un grupo que me interesa moito: Cunqueiro, Fole, Ferrín, Casares, Blanco-Amor entre os galegos…E despois, en castelán, Landero, Marías, Chirbes, García Márquez, Aira, Trapiello… Non esquezo a Camus, Torga, Coetzee…
14.– E na poesía?
– Rosalía, por riba de todos. Tamén Xohana Torres, Eva Veiga, Luz Pozo… Noutros idiomas: Lorca, Alberti, Juan Ramón, Machado, Ángel González, Cernuda, Sánchez-Rosillo, Talens, Clara Janés, Gamoneda, Huidobro, Char, Szymborska, Eugénio de Andrade, Sophia de Mello Breyner, Pessoa, Rimbaud, Bob Dylan…
15.- Un libro?
– Imposible. Facendo un esforzo, O estranxeiro de Camus e Cien años de soledad de García Márquez.
16.– Un heroe de ficción?
– Don Quixote, ou sexa, Alonso Quijano.
17.– Unha heroína?
– Ningunha en especial.
18.– A súa música favorita?
– Toda a que sexa boa. Son un melómano. Gústanme o jazz, o blues, a música clásica, o rock. E, claro, Bob Dylan, The Beatles e Beethoven.
19.– Na pintura?
– Admiro a obra de Picasso, Van Gogh, Klimt, Hopper…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Para min, Paco Ibáñez. A súa loita de toda unha vida resulta heroica. Sobre todo porque segue na mesma liña. Nunca abandonou o seu camiño.
21.– O seu nome favorito?
– Noa e Antón, que son os dos meus fillos.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A indiscreción e a envexa.
23.– O que máis odia?
– A violencia en calquera das súas manifestacións.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Adolf Hitler e por proximidade o xeneral Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún. Son un declarado antibelicista.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Capacidade para tocar o piano.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Non sufrir. Sen dor. A estas alturas non ten sentido. E mellor, durmindo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O nerviosismo interno. Sufro por todo. Son un optimista escéptico.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles que non prexudican aos demais.
30.– Un lema na súa vida?
– Manter a independencia persoal e esforzarse cando se fan as cousas, serve para gozar do que se consegue.”

Cuestionario Proust: Claudio Rodríguez Fer

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Claudio Rodríguez Fer:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O amor.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Autenticidade con dignidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada.
4.– A súa principal eiva?
– Lembrar case todo.
5.– A súa ocupación favorita?
– Amar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A utopía libertaria integral e total.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Particularmente, o mal dos seres queridos ou o seu desamor. Socialmente, o fascismo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Benfeitor xeral.
9.– En que país desexaría vivir?
– No que estean as persoas que amo.
10.– A súa cor favorita?
– A da pel e a dos iris amados.
11. – A flor que máis lle gusta?
– A flor encarnada.
12.– O paxaro que prefire?
– O paxaro que canta.
13.– A súa devoción na prosa?
– Do mundo, Dostoievski, Tolstoi, Borges. De Galicia, Fole, Valente, Carmen Blanco…
14.– E na poesía?
– Do mundo, Whitman, Breton, Neruda. De Galicia, Luz Pozo Garza, Valente, Olga Novo…
15. Un libro?
– Depende: por exemplo, en poesía, Poemas de Emily Dickinson; en ficción, Historias de cronopios e de famas de Julio Cortázar; en ensaio, Un cuarto de seu de Virginia Woolf…
16.– Un heroe de ficción?
– Alexis Zorba, de Kazantzakis.
17.– Unha heroína?
– Antígona, de Sófocles.
18.– A súa música favorita?
– A barroca, a romántica, o blues, o jazz, a celta, a latinoamericana, o rock, a dos cantautores…
19.– Na pintura?
– A máis colorista e imaxinativa, como en xeral a surrealista, dende o Bosco a Granell.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera antifascista anónimo, como o meu pai.
21.– O seu nome favorito?
– O da miña nai, Alicia, ou o da miña filla, Mariña.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A envexa que leva á traizón.
23.– O que máis odia?
– O autoritarismo en calquera das súas formas.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera ditador que encarne a tiranía.
25.– Un feito militar que admire?
– Militar, ningún; miliciano, a resistencia antifascista e máis aínda a resistencia antimilitarista.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O de paliar o sufrimento alleo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen facer sufrir a ninguén mais tamén sendo útil a unha causa xusta.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O vitalista.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os derivados do amor incontrolado.
30.– Un lema na súa vida?
-O que citei xa sendo moi novo no meu primeiro libro, Poemas de amor sen morte: «Amo ergo sum».

Unha escolma da voz de Ánxel Fole

Desde Cultura Galega:
“En 1997, a Real Academia Galega celebrou a figura de Ánxel Fole no Día das Letras Galegas. O Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega homenaxeou nese ano a figura de Fole, escolmando anacos de entrevistas feitas por Margarita Ledo, Carlos Casares, ou conferencias do propio Fole, e que constitúen unha auténtica retrospectiva da súa vida, narrada por el mesmo.”