Entrega do Premio García Barros a Miguel Sande e cea literaria

Desde Galaxia:
“O venres, día 16 de decembro, entregouse na Estrada o Premio García Barros ao escritor Miguel Sande pola súa novela A candidata, publicada por Editorial Galaxia. Posteriormente, celebrouse unha Cea Literaria cun coloquio na sobremesa no que se debateu arredor do tema “Crise do modelo narrativo e heterodoxia na concepción dos xéneros literarios. ¿Aínda é posible a antinovela?”. Este é o décimo ano consecutivo que se celebra tanto a Cea Literaria coma o coloquio, que escolle como punto de partida un asunto relacionado coa obra gañadora.
Participaron, ademais de Miguel Sande, outros gañadores do premio en edicións anteriores (Xosé Monteagudo, Manuel Portas, Xesús Constela e Antón Riveiro Coello), críticos literarios (Xosé Manuel Eyré, Armando Requeixo e Inma Otero Varela) e escritores (Berta Dávila, Anxos Sumai, María López Sández e Adolfo Caamaño), xunto co director de edicións de Galaxia, Carlos Lema. Na cea tamén estiveron presentes, entre outros, Juan Constenla, concelleiro de cultura da Estrada e Valentín García Gómez, secretario xeral de política lingüística.
Unha crónica do acto tamén se pode ler aquí.”

Coñécense as obras gañadoras do Certame Xuventude Crea

poesia_2016teatro_2016relato_breve

A Coruña: conversa coas escritoras Anxos Sumai e Inma López Silva

DesdeAnxos Sumai Inma-López-Silva-685x1024Galaxia:
“O mércores 17 de febreiro, ás 18:30 horas, no Salón de actos da Uned de Coruña (Rúa Pepín Rivero), terá lugar unha sesión da actividade A creación literaria e os seus autores. Encontros con escritores. As autoras invitadas son as escritoras Anxos Sumai e Inma López Silva. A sesión poderá seguirse por videoconferencia aquí.”

Anxos Sumai: a escritora que agasalla relatos

ArtigoAnxos Sumai de Carme Vidal en Sermos Galiza:
“Unha vez ao mes un relato longo e cada semana un breve. Así son os agasallos que publica na rede a escritora Anxos Sumai, pioneira na escrita en internet con proxectos como Anxos da garda. A maior parte dos relatos son de nova creación aínda que a escritora aproveita tamén para disponibilizar textos dispersos en revistas e outras publicacións.
“O feito de publicar con periodicidade obrígame a manter unha disciplina na escrita que agradezo. Por riba, establécese unha relación directa cos lectores e lectoras que xa botaba de menos”, afirma esta escritora que conta cunha sólida páxina web que creou á maneira de centro de documentación persoal. O relato curto publícase directamente no facebook e os longos, que saen o primeiro día de cada mes, anúncianse nesa mesma rede social e dirixen directamente a súa páxina persoal.
A escritora mostra nestes novos traballos literarios unha faceta súa menos coñecida, a de amante da fotografía. “Sempre me gustou e a miña obra está chea de imaxes mais agora tomo a fotografía máis en serio, formando parte da miña creación. Imaxe e texto están moi vinculados no relato”, afirma Sumai que leva xa publicados 18 relatos extensos na rede, todo un conxunto literario para unha escritora que dilata o tempo de publicación dos seus libros e ten un público fiel que agarda cada un dos seus agasallos.
Unha imaxe da súa autoría que titula “Cestas de allos nun almacén de Puerto Montt (Chile)”, datada en 2009, ilustra o último dos relatos publicados, escrito en Catoira neste mesmo mes de abril e titulado “Enchentes de primavera”. “Allos e laranxas. Ás oito da mañá o sol empezaba a quentar e o ceo collía un ton alaranxado. A viaxeira espertou, aseouse no baño que compartía co resto dos hóspedes e vestiu roupa de abrigo”, comeza o agasallo de maio, recén saído da factoría literaria da autora. Con anterioridade, Sumai ofreceu o texto titulado “O vello e as baldosas”, emitido na sección semanal “Perigosamente normais”, do Diario Cultural da Radio Galega en marzo de 2006.”

Coñécense as obras finalistas do Premio San Clemente

Desde Galaxia e Cultura Galega:
“Este xoves 12 de febreiro, no Instituto de Educación Secundaria de Santiago, foron presentadas as novelas finalistas da XXI edición do premio literario Arcebispo Juan de San Clemente. En lingua galega, as obras finalistas son: A lúa da colleita, de Anxos Sumai; Somnámbulos, de Suso de Toro; e A memoria da choiva, de Pedro Feijoo.
Nesta nova edición houbo novidades importantes tanto na selección dos escritores finalistas como dos centros que formarán parte do Xurado. Concretamente, os escritores finalistas son autores xa premiados en anteriores edicións que teñen obra recente. Os institutos gallegos que formarán parte do xurado serán o Xelmirez I de Santiago, o Lucus Augusti de Lugo, o Pintor Colmeiro de Silleda e o Ferro Couselo de Ourense. Ademais, por primeira vez, tres institutos de países da Unión Europea, un inglés, Hockerill College de Londres, un francés, Saint Français Xavier de Vannes na Bretaña francesa, e un alemán, Grimmelshausen de Frankfurt, formarán parte do Xurado.”

Eli Ríos gaña con Remexido de patacas o premio Modesto Rodríguez Figueiredo

DesdeEli Ríos Faro de Vigo:
“A escritora galega nada en Londres, Eli Ríos, coa súa obra Remexido de patacas, foi a escollida como gañadora do certame galego de narracións breves Premio Modesto Rodríguez Figueiredo tras o fallo do xurado reunido o sábado 27 de decembro en Catoira. O premio, organizado pola Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro coa colaboración, nesta corenta edición, do Concello de Catoira.
O xurado estivo presidido por Xosé Ramón Fandiño Veiga, presidente do Pedrón de Ouro. Actuou como secretario o escritor David Otero. Tamén participaron no veredito os escritores Antonio Reigosa, Isidro Novo, Anxos Sumai e o crítico literario Armando Requeixo, en representación das diversas institucións que colaboran como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o PEN Clube de Escritores e Escritoras de Galicia, Concello de Catoira e o Pedrón de Ouro.
A obra gañadora levará 1000 euros, que nesta ocasión recaerán en Eli Ríos. O xurado, e dada a alta calidade estimada nos textos presentados, decidiu conceder tamén dous accésit, dotados de 400 euros cada un, ás narracións Boxcar blues, do ribeirense Antonio Piñeiro, e a Gran Sol, do compostelán César Carracedo.
O acto de entrega terá lugar o sábado 17 de xaneiro no concello catoirense.”

Anxos Sumai estrea espazo web con vida literaria propia

DesdeAnxos Sumai BiosBardia:
“A nova web da escritora Anxos Sumai (anxossumai.com) é de momento, un espazo no que localizar facilmente a súa obra e os seus datos biográficos, cun deseño áxil e limpo. Mais a intención da narradora é dotala de vida propia a través da creación literaria específica para a páxina electrónica.
De momento, na sección de Relatos, Sumai incluíu textos xa publicados noutros medios, caso da revista Grial, o xornal El País ou Xurdimento, boletín do Centro Galego de Lleida. Mais entre estes, destacan dous títulos que permanecían inéditos até agora: “Doce sensación de amor”, datado no 2011 e “Claustrofobia”, rematado no 2008.
“Claustrofobia” é un relato que se pode definir como de terror, co habitual estilo de intriga psicolóxica que tan ben domina a autora catoiresa. Consegue con mestría traspasar a lectura do plano cotián a un plano literario neste caso aterrador.
“Doce sensación de amor” tamén ten como centro a cotidianidade. Desde a ollada dun neno de cinco anos, con grande economía de medios, Sumai tece unha arañeira de emocións encontradas, cun final moi aberto.
Cada relato dos publicados até o momento vai acompañado dunha fotografía realizada pola autora.
Anxos Sumai pretende ofrecer novos relatos especificamente creados para a web ou rescatados do seu material inédito.

A web italiana Insula Europea publica unha entrevista á escritora Anxos Sumai

AAnxos Sumai web italiana Insula Europea acolle unha entrevista a Anxos Sumai e unha recensión de A lúa da colleita realizadas pola crítica literaria Inma Otero Varela e traducidas por Valeria Salinas Soria. Ambos os dous textos pódense consultar nesta ligazón. O texto orixinal en galego tamén se pode descargar ao final da entrevista. Esta web, dirixida polo profesor da Universiá de Perugia Carlo Pulsoni, publica información, entrevistas, investigación e recensións relacionadas coas diferentes literaturas e Europa, entre elas a galega.