Tabela dos Libros de outubro, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a primeira Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os títulos que, ao ver d@s crític@s participantes, son estimados como os máis recomendables de entre os publicados nas últimas semanas.
Nota bene: Os máis recomendados obtivéronse a partir da suma dos votos de cada crític@ aplicando o seguinte baremo: 1º posto = 5 puntos, 2º posto = 4 puntos, 3º posto = 3 puntos e así sucesivamente.”

Parlamento das letras: Estíbaliz Espinosa

Entrevista de Armando Requeixo a Estíbaliz Espinosa no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Estíbaliz Espinosa (EE): Ás nosas letras fáltanlle —será por pouco tempo— traducións dos clásicos da ciencia —as Lecturas en Física de Feynman, obras de Sagan ou Koestler ou Pinker ou Dawkins…—, de ensaio, de cómic —Little Nemo, por exemplo—, de ciencia-ficción; esluír a identificación literatura = poesía/novela/conto; fáltalle confianza en si mesma por parte de todos os axentes sociais, dende lectores a autores. Fáltanlle mulleres metidas na fariña. E fáltalle o salto á literatura dixital que complemente —non tanto substitúa— a literatura en papel. O que lle sobra é capacidade de re-creación. Seica neste norte do sur do hemisferio norte lévase, en xeral, ese talento despreocupado e distraído que tanto alporiza a outros: sabemos que talento aquí hai, mais non lle concedemos moita importancia nin atragoamos de solemnidade. É a nosa forma de ser. Non somos ianquis. Uns gramiños de endogamia tamén lle sobran, pero iso está a cambiar ou tal espero. Caciques literarios e amiguismos, claro, pero iso sóbralle a todas as literaturas. Tamén en todas acho de máis a figura do ‘escritor burócrata’: alguén con ganas de fosilizarse nun lugar cómodo diso que se dá en chamar —non sen certa afectación— cultura, e non pretender outra cousa que o clasismo reseso e o exercicio da influencia e do poder. Un escritor naceu para se dar de fociños coa vida e non quedar só na súa cara subvencionada, de aí a necesidade de cambios periódicos naquilo que leve a etiqueta de ‘sistema’, de aceptarmos que toda estrutura social esclerosada no tempo tende á mafia. Sen menoscabo disto, percibo aínda tendencia xeral a desvalorizar o acto de escribir, como se non fose máis aló dunha ‘emanación astral’ que non entraña esforzo nin repercusión ningunha, e ás veces semella que habemos reverenciar a oportunidade de botar a nosa leria por aí, a 80 quilómetros da casa e de balde. De se converter nunha actividade frecuente, cómpre regulalo como o traballo que é: non todos somos a condesa de Pardo Bazán nin vivimos de pagar con hexámetros á peixeira. Debo engadir, no entanto, que se mudou bastante nese sentido e é moi de agradecer por exemplo o empeño da AELG nos últimos anos. Así a todo, segue a resultar complicado manter o equilibrio ético entre o/a escritor/a morto/a de fame e o/a subvencionado/a a inzar calquera libro de autocompracencias coa conivencia dun mercado editorial superpoboado. Acadar unha infraestrutura de lectores non só composta dos propios escritores destaca como materia pendente na que internet, a antártida na que polo de agora ‘somos o que escribimos e o que lemos’, está a fornecer novos depredadores e reconstrutores do literario.
Se cadra estou a falar dun xeito moi provinciano con todo isto, mais unha parte da literatura que me interesa nace do provincianismo e da sensación de periferia… A literatura galega, a priori, é como calquera outra (chinesa, rusa, venezolana, nixeriana ou suíza). Coido que asumir esa normalidade —mesmo que naturalmente se trate de algo aínda por acadar— constitúe un punto de partida para evitar redundar no mesmo ante os de sempre, os xa persuadidos e diría que aburridos da transcendencia e singular-idade da lingua, os que medramos cunha conciencia deste anaco de planeta desenraizado da oficialidade da historia… O contrario é procurar o aplauso fácil… unha droga de certo abuso nas letras. A nosa época vai moi escéptica coa literatura, a arte… haberán desculpar se me len dende o futuro. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– EE: Non me vexo na postura óptima para valoralo. Todo presente é unha sensación estática de algo mutante. Agora esa mutación semella obvia: asistimos a un transformismo total nas nosas armas de lectura e escritura, avalado pola dixitalización imparable, pero moitos dos rostros dese cambio resultan aínda impredicibles. Literariamente, achámonos á altura de calquera cultura veciña, con autores brillantes e non tanto, lectores formados, variedade e versatilidade… quizais sexa o mercado editorial ‘decimonónico’ baseado no pater familias o axente máis obsoleto. O noso sistema literario aínda é novo. Óese crecer. Así que se me deteño na expresión ‘presente literario’ imaxino un deses obxectos atravesados por unha bala e gravados con cámara de alta velocidade: a detonación é lenta, é fluída, case non é pero é. Intentamos penetrar no pasado ou no futuro literarios, enguedellámolos por completo e supoño que a filloa resultante é o que coñecemos como presente. Pasado e Futuro. Paturo e Fusado. Pasaturo e Futurado. Como dous amigos xaponeses. Indistinguibles. (…)”

Parlamento das letras: Xosé Vázquez Pintor

Entrevista de Armando Requeixo a Xosé Vázquez Pintor no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xosé Vázquez Pintor (XVP): Fáltalle aínda un censo grande e ceibe: lectoras e lectores, esa marabilla de respecto e de agarimo. Sóbralle a indiferenza dun poboado na nugalla, que sempre se marxina e encubila: “eu non entendo, non sei ler nin quero; amais non teño tempo…”. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XVP: En grande parte xa fica dito. Engadir de urxencia a nosa preocupación comunitaria, case heroica, pola Lingua: a mellor ferramenta patrimonial; a marabilla. (…)”.

Parlamento das letras: Eva Moreda

Entrevista de Armando Requeixo a Eva Moreda no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Eva Moreda (EM): Creo que lle sobra lercheo, seguidismo e, sobre todo, complexos. Ás veces dá a impresión de que queremos modelar a nosa literatura seguindo os modelos predominantes de fóra: seica temos que publicar un número determinado de obras de tal ou cal xénero ao ano, temos que ter non sei cantos best-sellers e temos que escribir de non sei que outros temas para sermos unha literatura de verdade, para sermos “normais”. Non vou negar que, sendo a literatura galega unha literatura minorizada, a tentación de sermos normais, de deixar de ser os raros, sexa moi forte. Pero, por outra parte, creo que a vantaxe de ter unha literatura a medio facer, un país a medio facer, é que non temos por que caer nas inercias que lastran os sistemas literarios supostamente “normais”. Por isto mesmo, tampouco creo que á literatura galega lle falte nada en concreto: fáltalle en comparación con que? En todo caso fáltalle máis valentía para atreverse a crear os seus modelos sen copiar outros. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– EM: Eu vexo que hai cada vez máis unha separación entre o mainstream e o “alternativo”. Se cadra isto é o desexable e o normal, aínda que, como dixen antes, a normalidade non me convence moito.”

Parlamento das letras: Miguel Anxo Murado

Entrevista de Armando Requeixo a Miguel Anxo Murado no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Miguel Anxo Murado (MAM): Empecei a escribir en galego cando non existía aínda unha norma lingüística nin ensino en galego. Había un par de editoriais, unha ducia de escritores e uns poucos centos de lectores. O que hai agora non me pode parecer máis que unha mellora en todos os sentidos. Faltan lectores, pero isto pásalles a todas as literaturas. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MAM: Hai moi bos escritores e escritoras, hai unha poesía excelente, seguramente da mellor que se fai en Europa, e un sistema sólido. A dependencia excesiva do lector-estudante é un problema xeneralizado, que quizais se agrava nunha lingua como o galego. E a crise económica, máis o que eu creo que é unha interpretación equivocada dos cambios tecnolóxicos, está creando un certo desánimo. Pero no lado creativo, é o mellor momento da nosa literatura, probablemente.”

Parlamento das Letras: Inma López Silva

Entrevista de Armando Requeixo a Inma López Silva, no seu blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Inma López Silva (ILS): Fáltalle unha verdadeira proxección exterior. Sóbranlle inercias tradicionalistas e concepcións esclerotizadas sobre o que é a literatura e o rol da escritora na súa sociedade. E sóbralle, tamén, un certo fedor a rancio, estruturalmente masculino de máis. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– ILS: Tendo en conta que estamos nun presente en crise (tanto económica coma institucional), valoro especialmente o esforzo que están facendo as nosas editoriais e libreiros por manter isto que custou tanto construír e que a miña xeración de artistas e intelectuais ten a responsabilidade de manter. Por iso tamén valoro especialmente a variedade e a frescura que está a proceder dos sectores máis alternativos dunha literatura que está tentando non definirse de xeito estritamente filolóxico. Unha vez máis, ollemos o teatro, que nos dá leccións. (…)”

Parlamento das Letras: Miro Villar

Entrevista de Armando Requeixo a Miro Villar, no seu blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Miro Villar (MV): Na miña opinión visibilidade. O coñecemento (escaso) que hai da nosa literatura no exterior, ben sexa na Península (porque inclúo a Portugal) ben sexa en Europa ou en América, é debido case sempre a azares, provocados polo interese persoal de alguén que chegou a nós e que decide promocionar ese discurso literario porque lle di algo. Non é estraño que isto suceda así, porque o mesmo ocorre entre nós a respecto doutras linguas que están, pola razón que sexa, nas marxes, na periferia do sistema literario. A literatura galega (como as outras literaturas periféricas do estado español: a catalá ou a vasca) apenas se traduce e son moi poucos os autores, case sempre narradores, que son coñecidos fóra das nosas fronteiras. Aos poetas tradúcesenos pouco e case sempre en antoloxías colectivas, como A tribo das baleas (2001), que reúne trece poetas galegos dos anos 90 nunha edición trilingüe galego/castelán/inglés. Pero esta é unha iniciativa dunha editorial galega. As foráneas non se arriscan a publicarnos. Polo tanto, as dificultades á hora de promocionar a nosa literatura son inmensas. Cómpre xa crearmos un organismo semellante ao Ireland Literature Exchange ou o catalán Institut Ramon Llull que subsidian que a súa literatura propia sexa trasladada a outras linguas do mundo. Só lle teño lido unha opinión algo semellante ao editor Manuel Bragado nas súas Brétemas. E doutra banda, visibilidade aquí tamén, nas librarías e na prensa galega (feita en Galicia, pero con case todas as súas páxinas en castelán), porque calquera novidade editorial en español adoita ocupar máis espazo que a aparición dun libro en galego. Así sucede que a literatura galega é invisible no seu propio país. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MV: Feraz, moi feraz, mais falto de lectoras e lectores. Os inquéritos son teimudos, metade da nosa poboación nunca le e das persoas que o fan tan só unha pequena porcentaxe é lectora na nosa lingua. Sempre boto de man dunhas palabras do poeta alemán Arnfried Astel: O home, para quen escribo/ non le. Velaí pois un dos maiores problemas. E como tamén dixo Jean Paul Sartre: “Por tanto, o autor escribe para dirixirse á liberdade dos lectores”, esa mesma liberdade que teñen para nos ignorar. Dicíalle isto a Ramón Vilar Lavandeira en Letraenobras hai uns meses á pregunta de como avaliaba o momento polo que pasa hoxe a literatura galega: “Coma unha moeda de moito valor e de escasa circulación. Explícome. Pola banda de arca a nosa literatura está nunha época feraz e de moito dinamismo, conviven nela varias promocións ou xeracións en plena produtividade, cultívanse todos os xéneros posibles (mesmo algúns que até hai moi pouco non tiñan tradición no noso idioma) e hai obras de moitísima calidade. En poesía, por exemplo, é algo recoñecido por autores doutros ámbitos como o poeta Antonio Gamoneda. Agora ben, pola banda de couso, temos dous graves problemas, que mesmo están incardinados. Velaí a situación regresiva da lingua que nos presenta un futuro pouco esperanzador, e non só polas continuas agresións que recibe o noso idioma senón porque a sociedade está a mudar e nesa muda semella desexar perder o seu maior signo de identidade. E, en paralelo, está a mingua do público lector atraído por novos soportes que está a levar a unha crise da literatura da que aínda non somos quen de agoirar a onde nos vai levar. Os meus amigos libreiros xa levan tempo advertíndome da crise de vendas, as feiras son agora case “descampados”, e non estou certo de que iso só teña a ver coa crise económica, senón coa tamén coa crise das humanidades, algo que apalpo todos os días nas aulas, como docente que son, onde o “lóxico” semella encarreirar o alumnado cara ás ciencias”. (…)”

Parlamento das Letras: Fina Casalderrey

Entrevista de Armando Requeixo a Fina Casalderrey, no seu blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Fina Casalderrey (FC): Se soubese o que lles falta xa estaría a facer coma o home de negocios que atopou o Principiño no cuarto planeta que visitou. Sería eu quen me fixese dona das estrelas porque a ninguén se lle ocorrese antes. Non sei se sobran páxinas, autores…, pero estou certa de que aínda nos falta crer en nós mesmos sen agardar a que primeiro nos descubran fóra. Hai unha diglosia que vai máis alá do uso da lingua e que nos fai crer que todo o que nos vén de fóra é mellor por forza. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– FC: Un fervedoiro difícil de avaliar, pero un fervedoiro á fin. E iso antóllaseme estupendo!! Teñen que pasar anos para que todo o que agora se move, fai ruído ou abalea, apousente e ver que queda. E aínda así, pode haber valiosas ausencias. Cantas veces pasan décadas ata que se rescata unha obra mestra que no seu día foi ignorada? E outras intúo que aínda seguen a agardar. Hai xente nova que escribe sen complexos, sen vivencias persoais de ventás cegas ao coñecemento do noso, sen que os séculos de silencio e escuridade os habiten, porque non formaron parte do seu presente, que leron en galego e que saben de nós mesmos dende o comezo dos seus días… e a min paréceme xenial. (…)”

Parlamento das Letras: Xosé María Álvarez Cáccamo

Entrevista de Armando Requeixo a Xosé María Álvarez Cáccamo no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lles sobra definitivamente?
– Xosé María Álvarez Cáccamo (XMAC): Falta normalidade: presenza suficiente dos nosos libros nos escaparates e nos andeis das librerías, circulación fluída e natural dos mesmos entre as mans dunha sociedade lectora galega non constituída preferentemente por escolares e profesorado, escritores e críticos, políticas de apoio e difusión por parte da administración, canles axeitadas para a visualización pública da literatura galega. Fáltanos, pois, a paisaxe da normalidade lingüística e cultural, máis ameazada hoxe por causa do rearme centralista dos gobernos de Galiza e de España. Como lector, a min sóbranme a hipervaloración de certos discursos poéticos atonais que se expresan en verborrea hermética de mal disimulada base libresca ou daqueles outros que asentan a súa proposta nunha ollada inxenuísta e elemental adobiada con chiscadelas de pretendida sorpresa provocativa. A carón destas dúas liñas de escola, que non me interesan, conviven hoxe en Galiza voces e rexistros variados, moi atractivos, densos e necesarios. Sobra tamén o exceso promocional de produtos narrativos febles e de consumo que con frecuencia desvían a atención que se debería prestar ao texto literario concibido como proposta para unha recepción activa e enriquecedora. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XMAC: Na resposta á pregunta sobre as eivas e o prescindíbel nas nosas letras ficou apuntada algunha valoración do presente literario. Unha consideración restrinxida ao panorama textual colectivo de hoxe permite apreciar un bo nivel xeral de calidade, con algúns autores e obras que sobrancean por riba do horizonte medio. Como en todas as literaturas do mundo. A normalidade do discurso literario galego contrasta coa situación anormal do contexto sociocultural e político. (…)”

Parlamento das Letras: Marica Campo

Entrevista de Armando Requeixo a Marica Campo no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lles sobra definitivamente?
– Marica Campo (MC): Fáltalle promoción de autores e autoras que están á altura dos poucos que teñen unha proxección alén das nosas fronteiras. Sóbranlle capelas canonizadoras dalgúns e que sentencian a outros ao esquecemento. Prexuízos, en resumo. Non falo desde ningún resentimento, porque non é o meu caso. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MC: Sempre hai que aspirar a máis, pero se temos en conta o estado da nosa lingua, non hai moito máis que lle pedir. Teño a sensación de que as nosas escritoras e escritores son como os artistas que fan, por exemplo, esculturas en xeo, na chamada arte efémera. Derrétense antes de chegar aos seus lexítimos receptores, os galegos e galegas que non len ou, se o fan, fano maioritariamente en castelán. Quero dicir que nun pobo cunha lingua non normalizada, escribir é heroico e puro amor ao oficio.”