Anxos Sumai gaña o Premio de Novela García Barros, con A lúa da colleita

Desde Galaxia e Sermos Galiza:
“Hoxe fallouse na Estrada a XXV edición do Premio de Novela García Barros (Ken Keirades) que publicará, como é tradicional, a Editorial Galaxia. Nesta edición, resultou gañadora a obra de Anxos Sumai, A lúa da colleita.
Presentáronse un total de 21 novelas que tivo que avaliar un xurado composto por Inmaculada Otero Varela, Armando Requeixo Cuba, Luís Alonso Girgado, Carlos González de Lema Malvar e Carlos Loureiro Rodríguez (secretario).
A novela conleva, ademais da publicación na Editorial Galaxia, un premio de 9000 euros.
O xurado destacou que “é unha novela na que destaca o elaborado traballo de caracterización dos personaxes, nunha historia onde o cuestionamento da identidade e a alteridade se vencella coa memoria e o pasar do tempo. A trama propón fortes doses de intriga, simbolismo e unha arquitectura perfecta, de linguaxe moi visual, que arrastra os personaxes a finais inesperados, pero de implacable lóxica. Todo este mundo, moi cambiante, e recreado a través dunha prosa límpida, da depuración extrema que flúe limpa e imparablemente.”
Segundo se recolle en Sermos Galiza: “(…) Trátase dunha novela especial, de grande tensión narrativa” coméntanos, despois de anotar o grande esforzo que lle supuxo a escrita desta nova obra. “Transcorre nunha praia e é unha novela chea de luz, co mes de agosto e a Ría de Arousa como marco, na desenvocadura dun río. Está chea de sombras personais” afirma a escritora, feliz por un novo recoñecemento que se incorpora a súa sólida carreira narrativa. (…)”

Santiago: presentación de Rosalía na cobiza do lonxe

Artigo de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“O xoves 18 de xullo, ás 12:00 horas, presentouse na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela o volume colectivo Rosalía na cobiza do lonxe, monográfico arredor da vida e obra da nosa poeta fundacional que veu luz nos Cadernos Ramón Piñeiro do centro homónimo. (…)
Os que se animen co libro, atoparán nel, precedidos dun fermosísimo texto cunqueiriano sobre Rosalía, traballos de Ana Acuña poñendo en relación os versos da cantora cos de Pintos a propósito do tema da orfandade; unha visión de confluencias e lecturas paralelas entre José Ángel Valente, Edmond Jabès e mais a escritora da man de Carmen Blanco; a procura das pegadas rosalianas en Novoneyra analizada por Luís Cochón; as influencias de Rosalía detectables en Emilio Pita presentadas por José Ángel García López; unha revisión da Negra sombra e as súas implicacións realizada por Pilar García Negro e outra visión complementaria do mesmo tema asinada por Anxo González Fernández; un estudo verbo da pragmática do poema e o seu simbolismo aplicado a En las orillas del Sar por Arcadio López Casanova; unha completa panorámica do tempo vigués dos Murguía Castro servida por Xurxo Martínez González; un repaso á cuestión da imaxe física do home nos textos de Rosalía que achega Marina Mayoral; unha detallada análise dos paratextos dos Cantares gallegos, contribución de Manuel Rodríguez Alonso; unha nota sobre a consideración de Rosalía en Borges de Claudio Rodríguez Fer e dous apuntamentos sobre a universalidade e a categoría de clásica no tratamento da saudade encarnada obra de Andrés Torres Queiruga.
Da miña parte, convidóuseme a sumarme a este magnífico elenco de profesores, investigadores, poetas, narradores, filósofos e teólogos e quixen facelo vencellando as figuras de Rosalía e Díaz Castro nun traballo titulado, xustamente, Presenza de Rosalía na obra de Xosé María Díaz Castro, encargado, por certo, antes de que ninguén soubese que a RAG ía distinguilo no 2014, por máis que o volume vexa luz agora, meses máis tarde da redacción e entrega desta colaboración. (…)”

Armando Requeixo: As palabras e as xentes de Victoriano Taibo

Artigo de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Na tarde do martes 25 de xuño, nos locais que o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) ten en Gondomar, tivo lugar a presentación do volume facsimilar Lembranza da tecedeira, un poema autógrafo e inédito de Victoriano Taibo escrito en 1947 e que foi recuperado para esta edición dende o orixinal que conservaba a familia de Juan Novás Guillán, no seu día inspector de Educación e grande amigo do poeta.
O volume acompáñase de moi valiosos prólogos e estudos introdutorios de Antonio Valverde, Marta Dacosta e Miguel Anxo Mouriño e complétase cun cd no que o longo poema é recitado pola poderosa voz de Anxo Angueira sobre unha fermosa base musical ideada por Antón Seoane.
A poética de Taibo fica así incrementada con este achado, que trae ao seu corpus coñecido ata o de agora unha nova alfaia, confirmándoo como unha das voces senlleiras do Tempo das Irmandades e, por extensión, de toda a nosa lírica do pasado século. (…)”.

Parlamento das Letras: Marcos Calveiro

Entrevista de Armando Requeixo a Marcos Calveiro no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Marcos Calveiro (MC): Fáltalle o máis evidente: lectores. A causa de tal feito penso que é múltiple: por un lado vai unido ao problema que temos coa nosa propia lingua, tanto social como institucionalmente. Estamos a escribir en territorio inimigo, por desgraza. A min, nos centros, a mocidade aínda me preguntan porque escribo en galego, seguen a velo como unha anomalía, e que aínda fagan esa pregunta é sintomático da situación en que estamos. E por outra banda o actual goberno Feijoo aborrece a nosa lingua e non deixa de atacala e aldraxala decote… e así nos vai o conto.
Ninguén se queixa cando Feijoo subvenciona unha multinacional coma Citroën, mais os escritores galegos cargamos co sambenito de subvencionados cando non é certo. E aínda que o fose, non debería pasar ren. Semella que todos os sectores produtivos do país teñen dereito a subvención agás o cultural, cando arredor da cultura hai moitos postos de traballo e algo máis importante: a identidade do noso país. Síntoo, pero un libro en galego é moito máis importante que un automóbil dos que sae da cadea de montaxe de Citroën para venderse en calquera lugar do mundo. E o que non o queira entender así…
Temos tamén un evidente problema de visibilidade nos medios do país: calquera pailán de Madrid vén presentar o seu mediocre libriño a Galiza e ocupa espazo en todos os xornais ou no telexornal, un espazo que un escritor galego nin soñaría xamais. Penso que moitas veces non chegamos á xente, e non é por calidade ou variedade, penso que vivimos unha das épocas mais vizosas das nosas letras. Semella que fósemos unha literatura só para iniciados, agás no caso da LIX que ten unha ampla repercusión entre o lectorado grazas á vital intermediación dos educadores e que se traduce acotío a outras linguas. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MC: Como xa dixen antes, malia os atrancos, os ataques e a crise, penso que vivimos un momento moi vizoso das nosas letras: en temáticas, xéneros e calidades… non temos nada que envexarlle a calquera outra literatura peninsular. Fáltanos só a proxección alén do Padornelo, para iso a oficina exterior do libro galego sería fundamental, pero claro, batemos co maior inimigo da nosa cultura, da nosa lingua, do noso país: o seu propio goberno. (…)”

Parlamento das Letras: Berta Dávila

Entrevista de Armando Requeixo a Berta Dávila no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Berta Dávila (BD): Hai unha cousa que evidentemente nos sobra: o desleixo e o incumprimento da obriga de protección e promoción por parte das administracións públicas, tanto coa lingua como coa cultura. E outra cousa que nos falta: superar a fenda que existe entre os lectores para os que escribimos e nós. Decote teño a sensación de que escribo para un lector que non existe ou que existe de xeito absolutamente minoritario. Outras veces penso que escribo para que ese lector exista, desexando que exista. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– BD: Positiva, creo que é plural e rico. Inevitablemente algúns libros interésanme máis ca outros. Fuxo bastante da novela ou do poemario escritos para non incomodar, sen fallos mais tamén sen acertos nin luzadas. Isto non quere dicir que incomodar signifique para min o que talvez pode entenderse, porque realmente non existe nada máis canónico que a provocación cando é baleira. Creo, de todas formas, que non é o que máis abunda e que se cadra, polo tipo de sistema que temos, son moitas as obras afoutas, honestas e valentes, e mesmo aquelas cuxa proposta non é a miña, tamén me interesan.”

Parlamento das Letras: Anxo Angueira

Entrevista de Armando Requeixo a Anxo Angueira no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Anxo Angueira (AA): Non lle falta nada. Que lle falta ó proxecto de liberación nado con Sarmiento ou Rosalía? Ós proxectos non lles falta nada e fáltalles todo. Estanse facendo xeración tras xeración e diariamente. Non creo que ninguén escriba pensando no que falta, avisando do que se carece. Esa visión caducou. A creación literaria en galego está máis viva e é máis brillante ca nunca. Só arredor do que non é estritamente creación literaria podemos atopar as lagoas e as lamas e as heteronomías que tamén hai noutras literaturas. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– AA: Xa dixen que vivimos un bo momento. Moitas, variadas e moi cualificadas voces traballan a madeira extraordinaria que a lingua galega contemporánea é. O problema é o da madeira, o da materia en canto lingua propia dunha nación. Aí é onde están concentrados os problemas que temos decididamente que afrontar. (…)”

Tabela dos Libros de xuño, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros do mes de xuño. Nela figuran seleccionados os volumes que, ao ver d@s crític@s participantes (Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo), son estimados como os máis recomendables de entre os publicados nas últimas semanas. Boas lecturas!
Aproveitamos para informar de que durante os meses de xullo e agosto non se publicará a Tabela dos Libros, que volverá aparecer en setembro.”

Parlamento das Letras: Xavier Lama

Entrevista de Armando Requeixo a Xavier Lama no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xavier Lama (XL): Creo que lle falta un mercado receptor máis amplo e unha base lectora máis normalizada que trascenda as obrigadas lecturas escolares. E tamén máis autoestima e menos autonoxo social, máis apoios reais, máis rebeldías fertilizadoras, máis bágoas de verdade e menos paripé institucional, menos embiguismo, e boto o freo porque me estou lanzando…
¿Que lle sobra? Quizais vicios endogámicos deses que non gusta recoñecer.
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XL: É un presente cunha valoración moi alta no campo da poesía e máis ca estimable en narrativa e teatro. Por exemplo, o ano pasado lin unha novela de Riveiro Coello, Laura no deserto, que para si quixeran ter como exemplo representativo da súa produción narrativa anual literaturas de moita maior proxección cá galega. Existe unha oferta moi plural e moi descoñecida para a maioría. A recepción é cativa con respecto ao potencial e é posible que as mil primaveras intuídas por un espírito luminoso non cheguen a ser tantas. Non sei… hai que seguir pensando que nos xardíns da mocidade aniñan reiseñores sediciosos. Non son optimista nin demasiado pesimista nestes tempos de crise esmagadora, de reality canalla que semella deseñado por un grande irmán perverso. Proclamados os infortunios, sigamos atrevéndonos coa esperanza. (…)”.

Marta Dacosta gaña o XVI Premio de poesía Johán Carballeira

“Marta Dacosta acadou o XVI Premio de poesía Johán Carballeira coa obra titulada Dun lago escuro. O xurado destacou o elaborado xogo simbólico do poemario, alicerzado nunha arquitectura esférica onde o lacunar de ameaza escura recolle un discurso fondamente parabólico, con evidentes tinturas de crítica social que van de mans dadas coas luzadas de afirmación xenérica e as reflexións a propósito de trabes temáticas como a incerteza, a caída, a soidade, o silencio, a anonimia ou a rutina esgazadora.
Formaron o xurado Armando Requeixo, Berta Dávila e Xosé Daniel Costas.” Desde o Concello de Bueu.