Entrevista a Ramón Nicolás no Diario Cultural

Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Emitiuse unha entrevista no Diario Cultural centrada tanto nos dez anos que cumprirá este blog o vindeiro mes de outubro como nos trinta de práctica ininterrompida de crítica literaria. A miña gratitude pola atención. A quen lle interese pode acceder premendo aquí.”

Cuestionario Proust: Rocío Leira

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Rocío Leira:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-A timidez.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A humildade.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Que non me decepcionen en exceso.
4.– A súa principal eiva?
-A timidez.
5.– A súa ocupación favorita?
-Estar cos meus.
6.– O seu ideal de felicidade?
-As tardes de verán na Praia de Nemiña, cun libro na man e cos risos dos meus fillos de banda sonora.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Que algo malo lles pasase ós meus.
8.– Que lle gustaría ser?
-A mellor versión de min mesma.
9.– En que país desexaría vivir?
-No que vivo. Non creo que exista outro mellor.
10.– A súa cor favorita?
-O verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
-O tulipán.
12.– O paxaro que prefire?
-O cuco.
13.– A súa devoción na prosa?
-Polos momentos de felicidade que me proporcionou: Agatha Christie.
14.– E na poesía?
-Benedetti.
15.- Un libro?
El libro de los abrazos, de Galeano.
16.– Un heroe de ficción?
-Hércules Poirot.
17.– Unha heroína?
-Mafalda.
18.– A súa música favorita?
-Son gaiteira e verbeneira a partes iguais.
19.– Na pintura?
-Luís Seoane.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Os meus avós e todos os da súa xeración.
21.– O seu nome favorito?
-Dous: Adriana e Eloy.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A falta de naturalidade e os convencionalismos.
23.– O que máis odia?
-A falta de valores sólidos da sociedade actual.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Calquera que infrinxise dano aos demais.
25.– Un feito militar que admire?
-Só creo na militancia da palabra e da razón.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Confianza en min mesma.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-A ser posible de vella.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Extrema sensibilidade.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os debidos á ignorancia.
30.– Un lema na súa vida?
-Non fagas o que non queres que che fagan.”

Cuestionario Proust: Pilar Pallarés

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Pilar Pallarés:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-A teimosía, a forza de vontade, bastante escepticismo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A bondade e a empatía. Tamén a intelixencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
-A xenerosidade para acompañaren as miñas decisións e accións aínda que no fondo non
as compartan.
4.– A súa principal eiva?
-A teimosía.
5.– A súa ocupación favorita?
-Ler, ter conta dos meus animais e doutros que non teñen don@, escoitar música, parolar c@s amig@s e coñecid@s (ou descoñecid@s).
6.– O seu ideal de felicidade?
-Xamais me parei a pensalo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Pasar pola experiencia dunha guerra.
8.– Que lle gustaría ser?
-Alguén que non tivese que estar a loitar sempre co seu corpo. Só por probar como é a vida así.
9.– En que cidade desexaría vivir?
-Lisboa. Mais sen ser tratada como estranxeira.
10.– A súa cor favorita?
-Ningunha en particular, aínda que non me agradan o rosa ou o gris e si moito as dos tintes indianos.
11.– A flor que máis lle gusta?
-Os narcisos.
12.– O paxaro que prefire?
-As rolas turcas. Na verdade coido que calquer animal é unha obra de arte.
13.– A súa devoción na prosa?
-Depende da época. Son de grandes devocións que se van substituíndo unhas ás outras. Agora mesmo leo moito a Coetzee, Le Clézio, Joyce Carol Oates. Noutras épocas, Thomas Bernhard, Djuna Barnes, Otero Pedrayo, Cunqueiro, Jane Austen, Conrad, Blanco Amor, Ingeborg Bachman, Flaubert, Maupassant, Onetti, Sábato, Jean Rhys, Mujica Laínez, Clarice Lispector, etc., etc., etc.
14.– E na poesía?
-Alfonso Costafreda, Cunqueiro, Emily Dickinson, Rosalía, Manuel Antonio, Gamoneda,
Sylvia Plath, Szymborska, Pimentel, Carvalho Calero, María Victoria Atencia, Leopoldo María Panero, Lois Pereiro, Avilés de Taramancos, San Juan de la Cruz, etc., etc., etc.
15.- Un libro?
Última fuxida a Harar.
16.– Un heroe de ficción?
-Non teño. Son pouco dada a mitificar.
17.– Unha heroína?
-Tampouco destacaría ningunha.
18.– A súa música favorita?
-Suponse que se refire aos de música clásica? Non é a miña preferida. En todo caso destacaría Satie e os impresionistas.
19.– Na pintura?
-Caspar David Friedrich, Turner, os expresionistas alemáns, Alfonso Costa, Seoane, Van Gogh, os prerrafaelistas e simbolistas, Frida Khalo…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Mandela, Che Guevara, Salvador Allende, os emigrantes e exiliados que arriscan a vida en procura de algo mellor (e moi especialmente os africanos).
21.– O seu nome favorito?
-Emma, Saleta, Ana, Alexandre, Duarte, Carlos, Olivia…
22.– Que hábito alleo non soporta?
-O egotismo, a prepotencia, o dogmatismo, a vaidade, a falta de empatía, a mentira, o clasismo.
23.– O que máis odia?
-Os anteriores.
24.– Figuras históricas repulsivas?
-Calquera fascista.
25.– Un feito que admire?
-A abolición da escravitude e a conquista do dereito de voto por parte das mulleres.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Máis paciencia, máis capacidade para o esquecimento e o perdón.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-De maneira rápida e indolora, claro. Mais con tempo para deixar arranxada a supervivencia dos meus gatos e sen provocar demasiado sofrimento nin inconvenientes ás persoas que quero.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Certa conformidade. Disposición para vivir o presente, sen máis.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Os que nacen da inxenuidade e a paixón, sempre que non causen mal a outr@s.
30.– Un lema na súa vida?
-Perseverar.”

Cuestionario Proust: Beto Luaces

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Beto Luaces:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Tranquilo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan honestos.
4.– A súa principal eiva?
– A incerteza.
5.– A súa ocupación favorita?
– Desconectar na serra do Suído.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Que cando as cousas van ben… que nada cambie.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder os seres queridos.
8.– Que lle gustaría ser?
– Arquitecto.
9.– En que país desexaría vivir?
– Algún país nórdico.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A camelia.
12.– O paxaro que prefire?
– O miñato.
13.– A súa devoción na prosa?
– Mario Benedetti.
14.– E na poesía?
– Mario Benedetti.
15–. Un libro?
O nome da rosa.
16.– Un heroe de ficción?
– Mikael Blomkvist.
17.– Unha heroína?
– Lisbeth Salander.
18.– A súa música favorita?
– Jazz.
19.– Na pintura?
– Rembrandt.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Nelson Mandela.
21.– O seu nome favorito?
– Terra.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Aquel que é totalmente alleo á miña maneira de ser.
23.– O que máis odia?
– A prepotencia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– A caída dos imperios sueco, alemán e francés en Rusia.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Don de xentes.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen sufrimento.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Tranquilo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Menos a prepotencia, todos os demais.
30.– Un lema na súa vida?
– Vive e deixa vivir.”

Román Raña no ciclo-homenaxe a Ramiro Fonte (IES Castelao)

Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Celebrouse o 29 de xaneiro a primeira sesión do ciclo-homenaxe a Ramiro Fonte que organiza o Departamento de Lingua Galega e Literatura do IES Castelao. Tras unhas introdutorias palabras de Agustín Nieto sobre a dinámica e concepción do ciclo, o profesor e escritor Román Raña realizou unha suxestiva intervención baixo o título de “Poesía da experiencia. Experiencia da poesía”.
Nela debullou elementos vinculados, inicialmente, coa denominada Xeración dos 80, á que pertence, a carón de Ramiro Fonte ou o tamén malogrado Eusebio L. Baleirón. Alén de sinalar as figuras de Ferrín e Cunqueiro como referentes nas máis das voces desta xeración, apuntou tamén outras lecturas que deixaron pegada nos seus constituíntes como foron obras de Eliot, Pound, Éluard, Pessoa ou Paul Celan. Situou, asemade, os alicerces xeracionais como respostas á poesía panfletaria que se atopaba nos ecos do social-realismo para analizar, posteriormente, os ecos que a produción poética dos 80 xerou en diversos ámbitos críticos, con lugares comúns que seguen a reiterarse como o do célebre “culturalismo”, alén de subliñar os elementos que deron cohesión ao grupo.
A figura de Ramiro Fonte foi aparecendo ao entender que a do autor de Capitán Inverno foi, xustamente, unha poesía da experiencia persoal que chega a “transmutarnos”, que repara nos grandes temas de sempre -o paso do tempo, o amor, a morte, a infancia…-, sostida na sinxeleza expersiva, no relato de fragmentos da vida cotiá e na configuración dun lector ou dunha lectora cómplice. Tamén subliñou que en Fonte se atopan os ecos da “experiencia da poesía” en tantas composicións nas que podemos atopar unha reflexión sobre o labor do poeta. Neste sentido, Pasa un segredo, para Raña o mellor libro de poemas de Fonte, é un volume no que fala dos “adentros” do autor, do seu lado máis íntimo.
A lectura dalgúns poemas de Pasa un segredo e un breve comentario posterior de cada unhas das composicións, alén dun breve diálogo sobre diversas cuestións vinculadas coa memoria de Ramiro Fonte e outros xuízos poéticos, concluíron o que valoro como unha excelente apertura deste ciclo. (…)”

Cuestionario Proust: Anna R. Figueiredo

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Anna R. Figueiredo:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Coido que se hai algo salientable é a lealdade e a facilidade para manter a calma nas treboadas.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A convicción e a capacidade de mudar de opinión cando é preciso facelo, no debate, ante a evidencia. A tenacidade a someter a vida á razón e a ausencia de medo cara o cambio.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que o sexan, que queden cando menos mereza que queden ao meu carón, que me conten historias, que non se sorprendan dos meus silencios.
4.– A súa principal eiva?
– O tempo. Gustaríame saber máis, aprender máis, profundar máis. A tendencia ao control do incontrolable, a intención de observar todo desde moitos ángulos que fai que perda tempo e decisión nalgúns eidos cruciais da vida e pensamento.
5.– A súa ocupación favorita?
– Serei totalmente sincera, actualmente a miña ocupación favorita sería ler, ininterrompidamente, durante máis de dúas horas. Pero a vida non deixa, e trae outras ocupacións favoritas: ler mentres baño ás cativas, ler mentres espero o autobús, ler mentres agardo no coche a que a maior saia de inglés, escribir contos con elas… e na soidade da noite, baleirar a cabeza do mundo e escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Son de natureza inconformista. Porén, o meu ideal de felicidade está confinado a moitos mini-ideais pequenos. A felicidade absoluta pode estar nun saúdo de mañá do whatsapp, ou na utopía de estar preto da familia elixida en ausencia de problemas de saúde ou monetarios. E tamén está en todos os pequenos recunchos de marabilla que atopamos polo medio.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Sei cal é, pero ate formulala na voz aterrorízame.
8.– Que lle gustaría ser?
– Gustaríame ser chelista.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste país, gustaríame que cada día este país fose mellor para estar a aínda máis orgullosa do noso legado e cultura. E adoro Edimburgo, pero quedo co mar de Vigo.
10.– A súa cor favorita?
– Verde (malia que non o aparente). Verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As calas.
12.– O paxaro que prefire?
– Gústanme moito os corvos e as pegas, son incriblemente intelixentes, tamén o pardal pola lembranza de meu avó, e as curuxas que teñen fama de desfalcar o aceite das Igrexas.
13.– A súa devoción na prosa?
– Que difícil! En cada momento do ano acabo devecendo por ler ou reler algunha obra ou algunha autora ou autor, pero coido que se pensase en libros que nunca deixo tería que recorrer a Francisco Castro (dunha vez deixei un libro seu e merquei outro por se acaso), Camilo Franco, Luisa Castro, Anna Gavalda, Martin Amos, Siri Hustvedt, Nick Hornby, Truman Capote, Begoña Caamaño ou Jack London.
14.– E na poesía?
– Na poesía son unha recén chegada, catívame María do Cebreiro, Ismael Ramos, Miriam Ferradáns, Emma Pedreira… No formato poético sempre fun máis de cancións desde os Clash ata a Creedence.
15.– Un libro?
A chamada da selva, de Jack London.
16.– Un heroe de ficción?
– Sherlock Holmes.
17.– Unha heroína?
– Doutor Who.
18.– A súa música favorita?
– Se hai algún grupo ao que sempre volvo, independemente do momento da miña vida, son os Clash, Sandinista paréceme unha verdadeira obra mestra. E se non son os Clash, quedo cos Beatles, David Bowie, Dylan, Anna Calvi, The Doors, Yann Tiersen, Tori Amos e a versión de Leonor Watling de Semilla Negra. Para empezar.
19.– Na pintura?
– Pollock, Kandinsky, Velázquez, O naufraxio da medusa (adoro esa obra), Castelao, Banksy, Dave Mckeen, Michael Zulli.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Non me gustan os heroes da vida real, os heroes adoitan a non ter defectos e a grandeza da realidade é que ten aristas. Si que admiro a xente como Athenea Donald ou calquera que se atreva a traballar no réxime de autónomos neste país.
21.– O seu nome favorito?
– Os nomes das miñas fillas son Moira e Alma, é doado averigualos, se fosen nenos serían Galván e Ymir.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A incoherencia entre os pensamentos e os actos.
23.– O que máis odia?
-A falta de liberdade, a falta de opcións, o gregarismo fanático. A obriga a ir por un único rego sen posibilidade de crítica.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Non sei tanto de historia como para emitir este xuízo, alén dos sempre nomeados, seguro que hai individuos anónimos que fixeron bastante mal e que non quedaron retratados na historia canónica. Probablemente quedase con moitos señores feudais, caciques, donos de plantacións, escravistas, etc…
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Por desexar, gustaríame ter unha comprensión intuitiva do sentido da música, o ritmo, a lectura, as combinacións de tonalidades…
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Non contestamos todos que non nos gustaría morrer? Pero se se pode pedir calquera cousa, coma o Doutor Manhattan.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Na procura dun novo reto en aparente calma externa.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A inxenuidade, a timidez, o despiste.
30.– Un lema na súa vida?
– #Nomedalavida.”

Cuestionario Proust: Ánxela Gracián

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Ánxela Gracián:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Respecto polas opinións distintas á miña, sempre que non soen a imposición e a dogma, creo que son mesmo demasiado tolerante, polo que me din, aínda que eu non son moi consciente diso, en realidade, só reproduzo o que vivín na casa dende sempre, os meus son así. Ademais, creo que nunca se é demasiado tolerante.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-Gústame a xente natural, a que está contenta consigo mesma e se amosa ao mundo tal como é, sen imposturas nin máscaras.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Compartir momentos inesquecibles, e se non é moito pedir, que estean aí cando se necesitan, tamén que non abusen do sentimento de cariño que sentes por eles no seu beneficio, aínda que iso as amizades miñas non o fan.
4.– A súa principal eiva?
-Miro demasiado o mundo a través dos meus ollos e non me poño na pel dos demais, moitas veces non son consciente do que poden estar sentindo nin querendo.
5.– A súa ocupación favorita?
-Ler, aínda que non teño unha soa, porque tamén me gusta moito viaxar, camiñar, andar en bicicleta, correr, nadar; creo que poderían resumirse nas palabras que puxo a escritora Marguerite Yourcenar en boca do emperador Hadrián: “exercitar o espírito e o corpo”.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Xa renunciei a ese estado ideal de felicidade; creo que iso é algo que nos veu imposto, creado pola publicidade e os medios de comunicación, quen sabe con que intención, eu, persoalmente, atopo felicidade desas rutinas que fago día a día porque quero e me gustan e tamén moita felicidade en estar coas persoas que quero sen facer nada especial. Tamén me gusta volver a esa felicidade da infancia de cando en cando, cando non había preocupacións e todo era descuberta e fascinación.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Estar soa encerrada nunha torre sen libros que ler, nin ter ninguén con quen falar. Non o soportaría, tolearía coa angustia e coa ansiedade de “non ter nada que facer”, por iso admiro tanto os budistas e os monxes entregados á meditación.
8.– Que lle gustaría ser?
-Escritora.
9.– En que país desexaría vivir?
-Neste noroeste noso de brétemas e chuvias miúdas chamadas orballo, iso si, que fósemos mellorando moitas cousas, económica e mentalmente. Tamén admiro moito a Francia, de ter que exiliarme, gustaríame facelo en París.
10.– A súa cor favorita?
-O azul, vin por primeira vez o mar en Vigo, na praia de Samil, debía ter uns cinco ou seis anos, era un día luminoso de verán e quedei hinoptizada, ese azul brillante e atlántico é a cor na que quero quedar instalada.
11.– A flor que máis lle gusta?
-Pois non lle sabería dicir, gústanme moito as flores, todas sen excepción, pero se teño que escoller, quedo con esas prímulas e narcisos que nacen silvestres e humildes nas beiras do noso río Chamoso, anunciando a primavera.
12.– O paxaro que prefire?
-Ui, ponmo difícil, porque eu son ornítologa vocacional, ou mellor, teño amigos/as biólogos cos que teño ido moitas veces ver paxaros e deternos nos detalles das súas características: plumaxe, voo, canto, hábitat… Foi unha das etapas máis fermosas da miña vida. Vénme á memoria un paxaro que me gusta moito, chámase “camachuelo común”, é un paxaro pouco gregario que abunda moito nas nosas carballeiras, aínda que pola plumaxe pareza exótico, pois o macho en pleno cortexo nupcial é moi vermello. Tamén lle teño querencia porque unha lámina de camachuelo común, debuxada con moita pericia polo meu amigo Xoán Carlos Laxe González, o responsable da miña paixón pola ornitoloxía, adornou os meus cuarto naqueles pisos de estudiante tan feos nos que viviamos.
13.– A súa devoción na prosa?
-Moitas, imposible precisar, a primeira que se me vén á mente é Marguerite Yourcenar, pero as devocións neste xénero son infinitas.
14.– E na poesía?
-Igual que o anterior, neste momento estou a reler á gran Wislawa Symborska, pero son devota lectora de poesía, clásicos, contemporáneos, e non son capaz de escoller.
15.- Un libro?
-Buff, que difícil, se só podo escoller un, quedo con Memoires d´Hadrien de Marguerite Yourcenar, porque entrou en min como un credo cando o esmiucei tanto, ao estalo a traducir ao galego, pero son moitos, moitísimos os libros que me deron tanto.
16.– Un heroe de ficción?
-Corto Maltés, polo seu sentido romántico da vida e a súa aposta pola xustiza e as causas perdidas. Encarnou tanto o heroe que precisaban no maio do 68 francés, que a partir dese momento, a pesar da súa nacionalidade italiana, Francia fíxoo seu.
17.– Unha heroína?
-Non me vén ningunha á memoria, na ficción; na vida real moitas, escollería calquera muller que reivindique e loite polo dereito a ser, pensar e vivir en por si no mesmo nivel de dereitos e obrigas que un home.
18.– A súa música favorita?
-Johann Sebastian Bach.
19.– Na pintura?
-Manet e o seu Déjéuner sur l´herbe.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Miña nai e miña avoa, símbolos da resistencia do pobo.
21.– O seu nome favorito?
-Sara, eses dous as tan xuntos parece que enchen a boca de luz cando se pronuncia, pero calquera nome con as me gusta.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Que a xente ande con trapalladas. Gústame a xente que cala o que non quere dicir ou que o di dun modo sutil, pero a que inventa andrómenas sobre si ou sobre os outros, e sobre todo, a que o fai para manipular, dáme denteira, que dicimos en Castroverde cando mordemos unha mazá que non madurou de todo e nos aceda a boca.
23.– O que máis odia?
-O mesmo que o que dixen na pregunta anterior, creo que os que traballamos coa ficción, vivimos instalados nela e temos tendencia a crelo todo, porque, en realidade, no código da ficción todo é posible, pero na vida real hai outras lóxicas, e cando as aplicas, dáste conta da falta de verosimilitude de determinados discursos e argumentos, por iso é o que máis me molesta é que me veñan con andrómenas ou me conten cousas que non son, sobre todo se me afectan, me doen ou me condicionan.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Hai unha soa? Desgrazadamente non: Adolf Hitler (21 millóns de vítimas); Joseph Stalin (4 millóns de vítimas), Francisco Paulino Hermenegildo, máis coñecido como Francisco Franco (200.000 vítimas); Mussolini; Augusto Pinochet; Videla; Milosevic; e uns cantos máis en Asia e África que someten o pobo igual ca estes, nomes que agora mesmo non lembro porque non están tanto en todas partes, porque a historia tamén a escriben os do centro e non os da periferia. Desprezo todos eses que levan a palabra “tirano”, fanático, imperialista e megalómano, a tríada perfecta para a loucura e o sometemento do pobo (xenocidios, campos de concentración, torturas, crimes contra a humanidade…).
25.– Un feito militar que admire?
-A que máis lembro é a batalla das Termópilas, porque me gustan as palabras esdrúxulas e tamén porque para min é só unha batalla literaria que me achegou á cultura grega. Non lle sei dicir outra. Hai que admirar os feitos militares? Persoalmente, prefiro as revoltas sociais, e entre elas, escollo a das mulleres sufraxistas a comezos do século XX que saíron á rúa exixindo o dereito ao voto; tamén me conmoven a Marcha do Sal de Mahatma Gandhi; ou os disturbios de Soweto, que loitan pola igualdade social, etc. etc.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Un só? Quixera ter tantos que non teño, pintar, cantar, bailar… En fin, gustaríame ter a voz e o talento desas grandes do jazz, Ella Fitgerald, Billy Holiday, Nina Simone..
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
-Sufrindo o menos, menos posible, morrer moito antes de sufrir con intensidade, asústame a palabra “dor”. Hai unha escena do cine que me conmove, n´A gata sobre o tellado de zinc, cando o magnate sabe que vai morrer de cancro de intestino e o médico lle dá morfina e a arrebola, porque quere ser o amo da súa propia dor, sentila nas tripas, esa frase faime tremer de angustia.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Alegre e, ás veces, algo acelerada.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Moitos, polo menos case todos os que a igrexa define como pecados capitais.
30.– Un lema na súa vida?
-Varios:
A favor da paz: A valentía fai vencedores, a concordia fai invencibles. Nunca houmo unha boa guerra nin unha mala paz. Non hai un camino para a paz, a paz é o camino.
-a favor da amizade: estelas de carballo ardendo, viño para beber e amigos con quen compartilo.
-a favor da lectura: A televisión é moi educativa, porque cada vez que se acende, hai que ir para outro cuarto e ler un libro.”

Cuestionario Proust: Lupe Gómez

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Lupe Gómez:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Son moi constante. Teño gran capacidade de concentración. Nunca abandono as palabras. As palabras nunca me abandonan a min. Busco sempre o Silencio, os lugares apracibles. Sempre estou inspirada. A inspiración dorme todas as noites no tellado da miña casa.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A lealdade. Aprecio moito que as persaos sexa de lei, verdadeiras como o pan feito no forno da casa. Sen máscaras nin trampas. Auga clara correndo polos regatos. Creo que así é máis fácil entendernos uns cos outros, e crear vínculos duradoiros.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan fieis e que me comprendan aínda que eu ás veces desapareza ou non teña gana de rir, bailar, facer vida social. Gústame enviar os meus escritos aos amigos-as, e que eles-as me lean con esa paixón compartida, ese impulso e esa euforia que sempre nos mantén unidos e nos fai voar, escapar…
4.– A súa principal eiva?
– Recoñezo que son bastante vulnerable, esixente comigo mesmo, coa escrita, e tamén coas persoas que me rodean e me queren. A miña familia, os meus amigos xa o saben, e non mo teñen en conta. Tento ser máis flexible, comprender todas as imperfeccións, aceptar a vida tal como é, quererme a min mesma e deixar que o vento se exprese á súa maneira, coa liberdade oculta da condición humana.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir cartas con todo o sentimento do mundo. Pousar os meus segredos poéticos nun papel branco ou de cores infinitas. Envolver esa carta en papel de agasallo. Escribir enderezos en sobres. Pegar os selos coma se fosen bicos de mel. Ir a Correos na miña bicicleta azul, viaxar así polo mundo, como unha ave chea de sorpresas.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Escribir, e recibir moitas cartas. Recuperar ese costume tan grandioso, tan excelso, tan bonito. O xénero epistolar é o meu preferido. Teño moitas ganas de publicar o meu novo epistolario na editorial Alvarellos. Normalmente saen publicados os epistolarios das persoas mortas, pero eu aínda estou viva e teño sangue, tinta, emocións abertas para compartir…
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
Non poder viaxar no coche de liña á miña aldea Fisteus. Ter que pechar para sempre a nosa casa familiar, o noso niño de música. Non poder visitar aos meus pais mortos nos seus panteóns. Non poder regalarlle palabras fermosas a ese mundo que tanta electricidade me transmite e que me fai ser tal como son.
8.– Que lle gustaría ser?
– Cando estudaba o Bacharelato na cidade da Coruña, no instituto Zalaeta lía, case ás escondidas, o libro Un millón de vacas de Manuel Rivas. Soñaba, e sigo soñando, con chegar a ser escritora e periodista. Quería chegar a formar parte dese “mundo” no que consideraba a Rivas como mestre. Agora el é mestre e tamén moi amigo meu. Sigo tendo quince anos e con ganas de aprender…
9.– En que país desexaría vivir?
– Levo case vinte anos vivindo na Rúa Basquiños de Santiago. Toda unha vida. Nese tempo escribín uns vinte libros. Eu quero seguir vivindo aquí outros vinte anos, pois formo parte deste mapa e teño unha casa con horta, na que me sinto profundamente arraigada.
10.– A súa cor favorita?
– A cor azul. Para min os días, todos os días, son de cor azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A camelia, porque é guerrilleira e ao mesmo tempo moi delicada. Teño un camelio na miña horta, e as camelias están comigo desde o mes de decembro ata o seguinte mes de marzo. Elas non o saben pero forman parte das miñas pinturas, das miñas caligrafías.
12.– O paxaro que prefire?
– Gústanme os merlos. Adoro os carrizos, os paxaros pequenos. Canto máis pequeniños son, máis me gustan. Sempre debuxo paxaros. Resúltame fácil falar con eles, entender o seu idioma. Desde pequena, escoitei o cuco ao lonxe, e iso fíxome soñar, imaxinar, pois é un paxaro furtivo, misterioso. Sempre escondido e camuflado. Nunca cheguei a velo. Gustaríame xogar con el…
13.– A súa devoción na prosa?
– Estou fascinada coa lectura da Biblia, coa súa literatura tan limpa, nítida, terrible, fantasiosa, brillante. O Antigo Testamento é apaixonante. Sinto especial devoción polas Cartas de San Pablo, polo libro da Xénese, pola Apocalipse… Son lectora litúrxica da Catedral de Santiago. Disfruto moitísimo dándolle, coa miña voz, un toque moi poético ás Escrituras Sagradas. É como entrar “noutra dimensión”. Para min é un grande privilexio, unha aventura.
14.– E na poesía?
– Hai dous libros que son como pedras contundentes nun río de alegría, paciencia e compromiso. Do Courel a Compostela de Uxío Novoneyra e Cantares gallegos de Rosalía. Por algunha razón misteriosa, viaxan xuntos comigo. Van entrelazados e inauguran sempre un combate, unha beleza estraña, un lazo moi íntimo.
15.– Un libro?
Dos soños teimosos de Novoneyra, no que el responde ás preguntas lúcidas de Emilio Araúxo. Esas conversas son como un manifesto poético que teño sempre moi presente na miña vida e no meu pensamento. Sei ese libro todo de memoria. Lino moitas veces e téñoo moi interiorizado.
16.– Un heroe de ficción?
– Na miña memoria creativa, o meu avó Antonio cando morreu, pasou a outra vida de ficción e converteuse no meu heroe. Un modelo que nunca olvidarei. El desapareceu cando eu tiña 11 anos. Eramos moi amigos e ás agachadas dabame cervexa pra beber. Chamáballe “padriño”. Xuntos, coidabamos vacas nas chousas.
17.– Unha heroína?
– Heidi. Era simplemente un debuxo animado co que eu me sentía fortemente identificada cando era nena da montaña, e sempre me facía rir e chorar. Vela na televisión era como comer terra mollada.
18.– A súa música favorita?
– Desde hai uns catro ou cinco anos, toda a miña obra literaria nace, resoa e pace na música do meu queridísimo amigo Amancio Prada. Para min é un grandísimo amor, un encantamento de auga verde, fresca, nova. Escoito os seus cantares todas as noites e déixome levar… Agora teño entre mans un novo poemario, titulado No encanto do aire. Foi escrito todo el na catedral, inspirándome no concerto que alí celebrou Amancio Prada o pasado mes de outubro.
19.– Na pintura?
– Gústame moito a pintura de Antón Lamazares. Puiden coñecelo e gozar da súa fala labrega, da súa elegancia, do seu estado salvaxe e da súa poesía. Gústanme Chagall, Luís Seoane, Velázquez, e moitos outros-as. Para min a caligrafía é unha forma de pintura, moi básica, moi rudimentaria, moi simple pero tamén un grandísimo luxo ao alcance das nosas mans, un acto físico de amor insubornable.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A miña tía Lucita. Está en cadeira de rodas desde os 18 anos. Ten agora 8o anos e segue saboreando a vida como se fose unha canción de rosas. Nunca dimite. Sempre ten sorrisos e leccións de vida. Escribiu agora as súas impresionantes Memorias. Un libro titulado Nubes Bordadas. É unha muller moi intelixente. Foi a mestra das miñas primeiras letras. Sabia costureira de afectos moi fondos.
21.– O seu nome favorito?
– Loaira. Era un nome que formaba parte da poesía de Novoneyra. Sempre me gustou a súa sonoridade. Paréceme un nome moi soñador, moi feminino, moi elegante.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Son unha persoa de poucas falas, poucas palabras. Exprésome máis con silencios, xestos. Por iso, non soporto a charlatanería, a palabrería, o falar por falar, a verborrea. Creo que a xente, os políticos, os curas, os periodistas, as mulleres, os youtubers, todo o mundo fala demasiado. É como se as palabras se precipitasen moitísimo e perdesen o seu significado orixinal, o seu peso, a súa importancia, o seu valor.
23.– O que máis odia?
– O grandísimo ruído da sociedade na que vivimos. Ás veces resulta totalmente imposible parar e reflexionar. Molesta nos oídos e fai dano no corazón.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Non desprezo a ninguén. Imaxino que todas as figuras históricas son necesarias, pois asi é como se vai formando, pouquiño a pouco, o puzzle incompleto da inxustiza, dos desencontros, das guerras. Desprezo aos que asoballan, aos que se corrompen, aos que rouban, aos que fan que este mundo non sexa unha limpa guitarra.
25.– Un feito militar que admire?
– Non teño eu moita cultura “militar”. Non sabería dicirche. Admiro a arte, os inventos, a cultura popular, pero os feitos militares non forman parte do meu imaxinario. Admiro as mulleres galegas que desde sempre, traballaron arreo para que a Historia non fose un barco morto na praia.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O don da risa. A retranca. A inocencia infantil. A capacidade para ver e sentir todos os fios absurdos que moven a vida. A subversión da linguaxe.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
–Tranquiliña. Caladiña. Escribindo poesía surrealista para comprender e abrazar, abarcar a miña propia morte.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Síntome sempre moi chea de vida, con moita enerxía, e en boa forma física. Cando camiño, síntome animada, contenta. Olvido todas as penas, as desgrazas, os sustos dramáticos dos telexornais.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Creo que son moi indulxente, moi comprensiva. A compaixón é unha tenrura que eu aprendín desde sempre mirándome nos ollos das vacas. Eses animais son como as miñas deusas, as miñas mestras budistas.
30.– Un lema na súa vida?
– Sempre hai versos para escribir. O novo día sempre nos vai traer palabras novas.”

Crónica videográfica da III Gala do Libro Galego (VI)

A III Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións nos premios ás seguintes traxectorias:

Premio á Iniciativa cultural ou de fomento da lectura: Viñetas desde o Atlántico.

Premio ao Proxecto literario na rede: Caderno da crítica, de Ramón Nicoláshttps://cadernodacritica.wordpress.com/

Xornalismo Cultural: Ana Romaní

Obras gañadoras dos Premios da III Gala do Libro Galego

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocaron a terceira edición dos Premios Gala do Libro Galego, celebrada este sábado 19 de maio de 2018 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se deron a coñecer as obras gañadoras.

Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2017 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de preselección e á valoración e fallo por parte dun xurado externo.
Este ano os Premios da Gala do Libro Galego incorporaron novidades en relación ás categorías a recoñecer: a anterior modalidade de literatura infantil e xuvenil dá lugar a dúas modalidades diferenciadas, e incorpóranse os premios á obra de divulgación, á banda deseñada e ao libro mellor editado.
En canto ás modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, que anteriormente premiaban o traballo realizado no ano previo, agora pasan a recoñecer a traxectoria de varios anos, valorándose, por tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.

Así pois, faise pública a relación de obras gañadoras por cada modalidade dos premios.

OBRAS EDITADAS EN 2017

Ensaio e investigación
– Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, de Antón Figueroa (Edicións Laiovento).
O xurado estima que nesta obra Antón Figueroa devolve á cultura galega e europea a figura de Margot Sponer, autora que nos situou no mapa dos estudos académicos. O libro é tamén un percorrido emocional que logra transmitir na súa lectura.

Divulgación
– Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado considera que este libro é único, froito dunha experiencia singular, demostrando que no século XXI aínda se pode manter a ollada curiosa da ciencia sobre o mundo.

Narrativa
– A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado estima a mestría do autor á hora de empregar o medo e a memoria para explicar a represión e o control social dos anos 40 en plena ditadura franquista.

Infantil
– A señorita Bubble, de Ledicia Costas, ilustrado por Andrés Meixide (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado valora o tratamento divertido, cun ritmo trepidante, da asociación entre a fantasía, a imaxinación e a creatividade, reivindicando o papel das nenas e das mulleres en relación á ciencia é á técnica.

Xuvenil
– Os nenos da varíola, de María Solar (Editorial Galaxia).
O xurado considera a orixinalidade desta obra ao tratar un episodio practicamente descoñecido da nosa historia científica, cun amplo labor de documentación e rigorosidade, poñendo rostro a heroes anónimos.

Libro ilustrado
– Tinta de luz, ilustrado por Berta Cáccamo, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora Editora).
O xurado estima a capacidade desta obra para introducir o público infantil na arte contemporánea abstracta, e o diálogo establecido coa poesía.

Libro de banda deseñada
– Alter-Nativo, de Jorge Campos (Aira Editorial).
O xurado valora o espírito lúdico e a complexa e xogantina estrutura narrativa da obra, ao tempo que permite unha lectura múltiple e dinámica.

Iniciativa bibliográfica
– Colección Xerais Básicos Ciencia (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado considera a relevancia dun enfoque plural nesta colección, que revitaliza a lingua no ámbito científico-tecnolóxico.

Tradución
– Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez (Kalandraka Editora).
O xurado dá a benvida á tradución ao galego deste clásico universal, verquido directamente desde a lingua orixinal, transmitindo a frescura e a fluidez do texto da autora sueca.

Poesía
– Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora Editora).
O xurado destaca a contención no tratamento da perda e a capacidade para vincular a súa vivencia persoal ao colectivo. Ao mesmo tempo valórase a calidade deste froito particularmente maduro na súa poética.

Teatro
– Río Bravo, de Chévere (Kalandraka Editora)
O xurado celebra a publicación desta obra pioneira dunha forma de facer teatro que revolucionou o panorama dramático galego, nunha coidada edición.

Libro mellor editado
– Lumes, de Ismael Ramos (Apiario).
O xurado valora a elegancia minimalista desta obra en particular, que brilla de forma especial nun traballo de edición impecable.

PREMIOS ÁS TRAXECTORIAS

Iniciativa cultural ou fomento da lectura
– Viñetas desde o Atlántico.
O xurado recoñece o tesón na traxectoria de máis de vinte anos desta iniciativa, contribuíndo a popularizar a banda deseñada, e conectala coa cultura do país.

Proxecto literario na rede
 Caderno da crítica, de Ramón Nicoláshttps://cadernodacritica.wordpress.com/
O xurado destaca a constancia no traballo deste espazo na rede, que permite seguir o panorama literario galego, achegando materiais orixinais.

Xornalismo cultural
– Ana Romaní.
O xurado destaca a súa incontestábel traxectoria de traballo de difusión da cultura desde o Diario Cultural da Radio Galega.

O xurado quere facer constar que, pese a un escenario de retroceso no número de títulos publicados, da visibilidade e dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes, brilla, mesmo así, a gran calidade e o esforzo do mundo do libro galego.

Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega nomeou Isabel-Clara Simó como Escritora Galega Universal 2018, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional dos Països Catalans.
A Asociación Galega de Editoras premiou a Xavier Senín, pola súa prolongada e constante aposta a favor do Libro Galego, que se visualizou, de forma nítida, no longo período en que desenvolveu o seu labor como subdirector do libro e de promoción cultural da Xunta de Galicia entre 1987 e 2005.
A Federación de Librarías de Galicia premiou a Xurxo Patiño, da Libraría Librouro (Vigo), polo seu compromiso co mundo do libro galego e a lectura, así como pola súa achega efectiva durante moitos anos ao sector do libro a través do traballo desenvolvido na Federación de Librarías de Galicia.

A Gala, presentada pola actriz Isabel Risco, contou coa actuación musical do grupo A Banda da Loba.

O xurado estivo formado por María Luz Corral, Mario Regueira, Marga do Val, Óscar Villán, Susana Sanchez Arins, Xavier Senín e Óscar Antón Pérez García.

A Gala do Libro Galego 2018 contou co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.