Artigo de Iria-Friné Rivera Vázquez en Historia de Galicia:
“(…) A fundación do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside tivo lugar en 1970, sendo a sua dirección exercida polo Laboratorio de Formas. Os Fundadores, Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, tomaron para a sua concepción e actividade fitos artísticos xurdidos en circunstancias nas que a sociedade fora brutalmente sometida a situacións extremas de guerra, fame, analfabetismo e agresividade social, política e intelectual. Entre os fitos que colleron como modelo foron as liñas de pensamento de John Ruskin e a produción de William Morris, quenes comezaron toda unha actividade artística e de iniciativas culturais para un movemento reformista como o Movemento de Artes e Oficios. Movemento pacífico e consciente para contrarrestar os danos producidos pola explotación descontrolada dunha industrialización sen mais leis que a da explotación e a acumulación sen normas e sen dereitos nun marco social, económico, natural e político misóxino e paternalista.
Igualmente recolléronse os fitos que foron o Racionalismo, o Construtivismo, a arte rusa e as tres grandes escolas de deseño europeo: a Bauhaus, os Vkhutemas (que naceron a calor da Bauhaus) e Ulm. É dicir, escolas de arte que a vez funcionaban como arquivos, bibliotecas, fogares, lugares de encontro e espazos de divulgacións. O Museo Carlos Maside fundamentou a sua actividade precisamente nesta liña de acción: proxeccións fílmicas, exposicións, presentacións de libros, obras de teatro, visitas abertas a tódolos públicos e lugar de arquivística para investigación. Pero xunto con isto tamén estaba a connotación que tiñan as escolmas.
O Museo Carlos Maside non so era un epicentro de cultura, senón que esa cultura tiña un propósito. Por circunstancias vitais tanto Seoane (que naceu en 1910) como Díaz Pardo (que naceu en 1920), foron testemuños excepcionais de feitos decisivos. Eles coñeceron os membros da Cova Céltica, das Irmandades da Fala, da Xeración Nós, da Irmandade Nacionalista Galega, do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista, os Renovadores e foron testemuños e participantes da campaña do Plebiscito do Estatuto de Galicia en 1936. Pero tamén viron as implicacións no auxe do nazismo e do fascismo, vivindo os horrores da Guerra Civil en España. Con iso viron o exilio de figuras como Castelao e a morte dun pai, mentor, referente e amigo como Camilo Díaz Baliño, mutilado en vida e disparado ata o punto de quedar o seu cadáver desfigurado, enterrado nunha tumba sen nome e sen identificación.
A perda de todos eles non se viviu con vergonza ou sumisión. Fixeron valer as mellores virtudes herdadas de xeración en xeración e recolleron o mais construtivo e de valor para, con paciencia, tenacidade e presenza, continuar os principios e valores que eles defenderan facendo da cultura unha segunda pel coa que poder vivir con dignidade. Porque a Cultura dende a xeración da Cova Céltica ata eles, non se comprendía so como unha pasiva adquisición de coñecementos, cousa de uns poucos ou puro espectáculo. A Cultura para todos eles, e aquí radica a relevancia do Museo Carlos Maside con todo o que implicaba e levaba a cabo, estaba en que non se subestimaba as persoas: pola súa porta podían entrar dende obreiros ata mestres, estudantes e científicos, mulleres e homes, nenos e persoas de idade. Non se ignoraban os temas por complexos que foran, porque non é cuestión de evitar a complexidade. A cuestión é saber traballala como é debido. Non vale de nada facer actividade cultural se esta resulta baleira, implicando que as persoas son incapaces de regularse e funcionar como audiencias pensantes. Ao facer o Museo Carlos Maside e o amplo rango de actividade cultural, enxergaban en algo real e historicamente resoante. (…)”
Arquivos da etiqueta: Camilo Díaz Baliño
A Coruña: Iria-Friné Rivera Vázquez falará sobre A era de Camilo Díaz Baliño: o amencer dos Deuses, Weimar e o impacto da Terceira Internacional soviética
Iria-Friné Rivera Vázquez falará sobre A era de Camilo Díaz Baliño: o amencer dos Deuses, Weimar e o impacto da Terceira Internacional soviética, na Coruña
Compostela: faladoiro Un ollo de vidro. A maxia de Castelao na evocación do sobrenatural, por Iria-Friné Rivera Vázquez, o 25 de setembro
“O faladoiro Un ollo de vidro. A maxia de Castelao na evocación do sobrenatural, da man da historiadora da arte e escritora Iria-Friné Rivera Vázquez, terá lugar no auditorio do Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, o xoves, 25 de setembro, ás 19 horas. Presentado polo patrón do Museo Xosé Ramón Fandiño, o faladoiro pecharase cun coloquio aberto para debater conxuntamente. A entrada é libre até completar capacidade.
Será unha conversa centrada na exploración das temáticas e influencias presentes na novela de terror e fantasía Un ollo de vidro (1922) de Castelao. Concretamente, afondarase no xeito no que o autor resulta a man mestra que, xunto con Vicente Risco e Camilo Díaz Baliño, estableceu o xénero fantástico e terrorífico tanto na literatura como na arte galega.
Un ollo de vidro é unha sinerxía entre a cultura popular galega e as culturas de Centroeuropa e Europa Oriental materializando o sentido da universalidade, tanto como emancipación cultural como en contribución ao progreso da Humanidade. Como obra conta tanto con referencias a realidade coetánea como con citas históricas (a arte gótica, a arte flamenca), contemporáneas (o Romanticismo Negro), arte nova (cinema, deseño gráfico, ilustración e cartelismo) e vangardas (Expresionismo Alemán). Ao participar de todos este elementos, a obra de Castelao transcendeu o seu imaxinario ata albiscar moita da linguaxe cinematográfica que hoxe en día continúa vixente.”
Compostela: visita á exposición “Con Galiza sempre no horizonte”
A Agrupación Cultural O Galo convídate ati e a só unha das túas amizades, a asistir á visita guiada que esta asociación realizará á mostra Con Galiza sempre no Horizonte. Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela. As explicacións da exposición correrán a cargo do seu comisario, Xosé Ramón Fandiño. Esta visita guiada levarase a cabo:
Lugar: Pazo de Fonseca da USC (rúa do Franco)
Día e hora: Sábado, 10 de novembro de 2018, ás 12h
É imprescindibel anotarse en ogalo.ac@gmail.com antes do próximo xoves 08.11.2018 ás 22h., indicando o nome, apelidos e email de quen/s acodirán. Só porán asistir 20 persoas, tendo preferencia @s soci@s da AC. O Galo, e as prazas asignarase segundo a orde dos email recibidos. Rogamos encarecidamente que non se apunten as persoas que xa realizaron esta visita o pasado día 30.
Santiago: Xornadas As Irmandades da Fala en Compostela, 2016, do 21 ao 25 de novembro
Xornadas As Irmandades da Fala en Compostela, 2016
Aldea de Saa: homenaxe a Sixto Aguirre e Camilo Díaz Valiño
O 14 de agosto de 2008, ás 12:00 na Aldea de Saa (curva de Lodeiro – N 547, km 40, vindo de Lugo, perto de Palas de Rei e antes vindo de Compostela), terán lugar os seguintes actos en homenaxe aos mártires Sixto Aguirre e Camilo Díaz Valiño:
I. ACTO DE AMOR E LEALDADE AOS NOSOS MÁRTIRES E EN ESPECIAL NESTA DATA A DOUS VALENTES LOITADORES REPUBLICÁNS: SIXTO AGUIRRE e CAMILO DÍAZ VALIÑO: desccubrimento da pedra homenaxe aos dous exemplares defensores da liberdade e da República e intervencións (TI PREPARA A TÚA, obrigadamente e non máis de 2ou 3 minutos).
II. NA IGREXA DE SAN PEDRO DE MEIXIDE ACTO DE FIDELIDADE E DE IRMANDADE.
III. NO “ PAZO MARIÑAO” (San Pedro de Meixide): xantar solidario (25 €, avisar antes do día 10 de agosto no tfno. 636032750 ou no enderezo erdao@hotmail.com)




