Xurados da 34 edición dos Premios da Crítica Galicia

“A xunta directiva da Fundación Premios da Crítica Galicia 2011 acordou na súa reunión do 14 de setembro nomear os xurados que ditaminarán cada unha das modalidades:
Creación Literaria:  Suso de Toro, Manuel Forcadela, Isabel Soto López, María Xesús Nogueira, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Eulalia Agrelo Costas e María López Sández.
Investigación: María Xosé Agra Romero, Senén Barro Amenedo, Miguel Barros Puente, Domingo Docampo Amoedo, Uxío Labarta Fernández, Isabel Mociño González e Blanca-Ana Roig Rechou.
Música: Joám Trilho, Victor Carou, Ramón Castromil, Uxía Senlle, Xurxo Souto Eiroa, Berta Fresco e Antón Pulido.
Iniciativas Culturais: Natalia Balseiro, Chelo Loureiro Vilarello, Manuel Gago, Manuel P. Rúa, Alfonso Blanco Torrado, Daniel Salgado e Marcos Lorenzo.
Artes Plásticas e Visuais: Enrique Acuña, Antón Castro, Mercedes Rozas, Manuel Vilariño, Alfonso Penela, Jaime Asensi e Antón Sobral.
Artes Escénicas e Audiovisuais: Manolo González, Euloxio Ruibal, Nerea de Valenzuela, Cristina Domínguez Dapena, Camilo Franco, Miguel Castelo e Comba Campoy García.
Os ditames de cada un dos xurados daranse a coñecer o sábado 22 de outubro no decurso dunha cea que comezará ás 20:30 horas.”

Ramón Villares: “A cultura non é un trasto inútil”

Camilo Franco entrevista a Ramón Villares en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Pero podemos falar do fin dunha etapa de facer xestión cultural?
– Ramón Villares (RV): O Consello [da Cultura Galega] non marca etapas. Pero un cambio si que hai. Desde a perspectiva do propio Consello tamén hai un cambio porque a institución naceu cunha vontade preservacionista, quizais propia dunha cultura etnográfica e moi letrada. Foi evoluíndo. Introduciu as novas tecnoloxías, a cultura científica, e estamos nun punto distinto. Temos que ir adaptándonos, pero non só o Consello, todo o sector. Todo mudou moito, os medios de comunicación, o xeito no que se moven os contidos, o audiovisual. Incluso a maneira en que nos contan os relatos. E temos que operar sobre eses cambios. Agora estamos posiblemente na crise, entre algo que morre e algo que nace. Temos a conciencia dese tránsito. Canto menos pensen os demais por nós, moito mellor.
– LVG: Unha das conclusións da Reflexión é que hai demasiadas infraestruturas culturais e moitos menos contidos.
– RV: Nos últimos anos confiamos demasiado nos continentes. Porque é o máis fácil. Temos que pensar moito máis nos contidos. É fácil de dicir e difícil de facer. Ten unha tradución política directa. Tamén sucede, e sobre isto nunca se reflexiona desde a perspectiva cultura, que temos unha poboación máis dispersa que a media e iso tamén inflúe. Aínda non pensamos ben o custe que supón esta dispersión. Porque esta dispersión fai que sexa máis difícil cadrar a oferta e a demanda.”

Camilo Franco pecha a súa Balada triste de moqueta

Camilo Franco pecha mañá, día 16 ás 22:30 horas na Casa das Crechas a súa última proposta de literatura para a rede, Balada triste de moqueta, o primeiro folletín para facebook do mundo. Acompañarano no escenario o músico Magín Blanco e a actriz e cantante Pepa Yáñez, nunha noite na que prometen que haberá “cervexa, música en directo, lecturas dramatizadas, análise política, algo de mala baba e moito cachondeo”.’ Vía Galicia Hoxe.

Xosé Manuel Pacho Blanco gaña o Premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural da Radio Galega con Paraísos

Xosé Manuel Pacho Blanco gañou o Premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural da Radio Galega con Paraísos, unha obra da que o xurado (composto por Ana Romaní, Anxo Quintela, Camilo Franco, Ana Vallés, Vanesa Martínez e Ana Rosales) salientou “o carácter aberto do texto, así coma a mestura e dominio de rexistros e modalidades, tanto da lingua oral coma da escrita, e o intelixente uso da tradición radiofónica de programas dramáticos. Tamén o axeitado aproveitamento dos recursos do medio radiofónico e o uso do fragmento, da cita e a suxestión como elementos dramáticos”. O premio entregarase o 3 de maio, nun acto no que se presentará a edición da obra en libro-cd, co texto e a dramatización da peza, da man de Edicións Xerais. Nese volume tamén se publicarán as tres obras finalistas: Como eliminar as manchas de vómito, de Eva Freixeira; Carne de canón, de Rebeca Montero; e Señora Carme, de Manuel Román. Vía A Nosa Terra. Tamén en Cultura Galega.

A Coruña: presentación de O imposible de desatar, de Iván García Campos

O xoves 2 de decembro, a partir das 20:00 h., na sala de conferencias do Kiosko Alfonso da Coruña, preséntase O imposible de desatar, de Iván García Campos, publicado en Galaxia, novela gañadora do Premio Blanco Amor 2010. No acto, acompañando ao autor, participan Carlos Lema e Camilo Franco.

Ourense: Auria, actividades do día 15

Dentro das actividades de Auria, que se desenvolve no Xardín do Posío de Ourense, o venres 15 de outubro prosegue a Feira do Libro, en horarios de 17:00 a 22:00 h. No programa literario destacan os seguintes actos:
18:00 h. Sinatura de libros de Xosé de Cora e Marcos Calveiro.
19:00 h. Mesa redonda sobre Os mitos na novela histórica, coa participación de Xosé de Cora, Marcos Calveiro, Ramón Loureiro e Víctor F. Freixanes, moderada por Camilo Franco.
O programa completo pódese descargar aquí: Programa de Auria, Semana de Literatura Histórica.

A Coruña: programa do luns 2 de agosto na Feira do Libro

19.00 h. A escritora Rosa Aneiros asinará exemplares dos seus libros Sol de inverno (Premio Xerais de novela 2009), Ás de bolboreta (Premio Fundación Caixa Galicia 2009), e do resto da súa obra.
19.00 h. A Fundación Luís Seoane presenta o Dicionario Seoane, de Xosé Luis Axeitos, Antón Patiño, Xosé Díaz, Mª Antonia Pérez, Xavier Seoane e Ramón Villares. Participarán no acto Xosé Díaz e Alberto Ruiz de Samaniego.
19.30 h. Alfonso Costa, Francisco Fernández Naval e Camilo Franco, coautores de Níxer (libro solidario a favor da ONG Acción Contra a Fame), asinarán exemplares do libro, publicado por Xerais.
20.00 O escritor Francisco Castro presentará o seu libro O segredo de Marco Polo, publicado por Editorial Galaxia. Xunto co autor, participan no acto Víctor F. Freixanes e Dores Tembrás.

20.30 O escritor Jesús María Reiriz Rey asinará exemplares do seu libro Galicia oculta y negra, editado por Publicaciones Arenas.
21.00 Presentación do libro El árbol ausente, de Catherine François, publicado pola editorial Demipage. Presentará o acto Santiago Auserón, traductor do libro, Tati Mancebo e a propia autora.